Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 11 de outubro de 2022 Páx. 54141

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 29 de setembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975K).

Con data do 14 de decembro de 2021 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou, no Diario Oficial de Galicia, a Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975K).

Mediante a Resolución da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, do 13 de xuño de 2022 (DOG núm. 119, do 22 de xuño), resolveuse o procedemento de concesión destas subvencións.

Segundo o artigo 18.4 da Orde do 30 de novembro de 2021, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de novembro de 2022 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022. Incluiranse neste orzamento as actuacións executadas entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2022, se é o caso.

b) O 30 de novembro de 2023 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

Asimesmo, o artigo 19 da dita orde establece o mesmo prazo para realizar o proxecto subvencionado e xustificar a totalidade do orzamento.

Cómpre significar, non obstante, que o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Pola súa banda, o procedemento para a concesión da ampliación réxese polo establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellen.

En consecuencia, tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, así como as solicitudes de ampliación do prazo de xustificación formuladas por parte dalgunhas das entidades beneficiarias, por mor das dificultades que están atopando para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, debido tanto a cuestións orzamentarias como de procedemento de contratación das obras e/ou demora nas entregas de materiais polos provedores, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada, acórdase a ampliación que a seguir se sinala.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase, en relación cos proxectos que se imputasen en parte ou na súa totalidade á anualidade 2022, a data límite do artigo 18, punto 4, letra a), da Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975K), ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 30 de decembro de 2022.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda