Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 14 de outubro de 2022 Páx. 54838

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2022 de concesión directa da ampliación da axuda para adquirir material escolar, regulada na Orde do 29 de abril de 2022.

Antecedentes:

Primeiro. A Orde do 29 de abril de 2022 regula a participación no fondo solidario de libros de texto e convoca axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2022/23 (DOG núm. 95, do 18 de maio).

Segundo. A indicada orde recoñece unha axuda para adquirir material escolar por importe de 50 € ao alumnado matriculado en educación primaria e educación secundaria obrigatoria pertencente a unidades familiares cunha renda per capita igual ou inferior a 6.000 € e, así mesmo, ao alumnado de educación especial, suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia ou con discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.

Terceiro. As consecuencias económicas adversas derivadas da rápida recuperación económica tras a pandemia agraváronse polos importantes efectos económicos indirectos derivados da invasión de Ucraína por parte de Rusia, que provocou un aumento abrupto e xeneralizado dos custos das materias primas e dos bens intermedios, do cal deriva un incremento da taxa de inflación e unha ralentización do ritmo de crecemento, que afectan a renda dispoñible dos fogares, en particular dos máis vulnerables, polo que facer fronte aos gastos vinculados ao inicio do curso escolar 2022/23 suporá un maior esforzo económicos para as familias.

Cuarto. Para paliar na medida do posible estas consecuencias, cómpre efectuar unha ampliación da axuda para adquirir material escolar regulada na Orde do 29 de abril de 2022 a favor das persoas que xa foron beneficiarias desta axuda por importe de 50 €, e concederlles 25 € adicionais ata acadar un importe total de 75 €.

Así mesmo, o alumnado que se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos ao longo do curso e ata o 31 de marzo de 2023, que perciba a axuda para adquirir material escolar da Orde do 29 de abril de 2022, tamén percibirá esta ampliación.

Consideracións técnicas e legais:

Primeira. O artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, en relación co artigo 29.1.d) Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se regula a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, atribúelle á persoa titular da Consellería, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, a competencia para propor a concesión directa da ampliación da axuda para adquirir material escolar.

Segunda. Os artigos 19.4.c) e 26.3 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e o artigo 36.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xullo, con carácter excepcional, prevén a posibilidade de conceder de forma directa as subvencións en que se acredite a concorrencia de razóns de interese público, social e económico que dificultan a súa convocatoria pública.

Estas circunstancias, polos motivos xa indicados no antecedente cuarto, concorren neste caso e, ademais, debido a que xa está iniciado o curso académico 2022/23, para optimizar a eficacia desta ampliación cómpre axilizar o acceso das persoas destinatarias na medida do posible.

Así mesmo, de acordo co artigo 50 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, e o artigo 40.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ao superar a contía global establecida para o exercicio, a resolución de concesión someterase a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

Terceira. En canto á suficiencia do financiamento, cómpre dicir que o número de solicitudes de axuda para adquirir material escolar comprobadas e que reúnen os requisitos ao abeiro da Orde do 29 de abril de 2022, o día 22 de setembro de 2022 é de 92.233 solicitudes. Este número pódese ver incrementado co alumnado que se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos ao longo do curso e ata o 31 de marzo de 2023, que imos estimar en 7.367 solicitudes novas, tendo en conta a experiencia acumulada doutros cursos.

A contía individual da ampliación da axuda para adquirir material escolar é de 25 € adicionais.

A ampliación da axuda para adquirir material escolar financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.31.423A.480.0, por importe total de 2.390.000 € para o ano 2022 e na contía de 100.000 € para o ano 2023.

No exercicio 2022, a estimación do número máximo de axudas para adquirir material escolar (en aplicación da Orde do 29 de abril de 2022) ascende a 95.600 axudas (92.233 solicitudes comprobadas e 3.367 novas estimadas), polo que a contía máxima que pode acadar a ampliación da axuda (95.600 × 25) ascende a 2.390.000 €.

No exercicio 2023, a estimación do número máximo de axudas para adquirir material escolar (en aplicación da Orde do 29 de abril de 2022) ascende a 4.000 axudas, polo que a contía máxima que pode acadar a ampliación da axuda (4.000 × 25) ascende a 100.000 €.

Polos motivos expostos,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

A concesión directa da ampliación da axuda para adquirir material escolar, regulada na Orde do 29 de abril de 2022 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en centros docentes sostidos con fondos públicos en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial para o curso escolar 2022/23.

Segundo. Persoas destinatarias

As persoas que xa foron beneficiarias desta axuda para adquiriren material escolar por importe de 50 €, ao abeiro da Orde do 29 de abril de 2022, e o alumnado que se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos ao longo do curso e ata o do 31 de marzo de 2023, que perciba a axuda para adquirir material escolar da Orde do 29 de abril de 2022.

Terceiro. Contía

A contía individual da ampliación da axuda para adquirir material escolar é de 25 € adicionais.

Cuarto. Financiamento

A ampliación da axuda para adquirir material escolar financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.31.423A.480.0, por importe total de 2.390.000 € para o ano 2022 e na contía de 100.000 € para o ano 2023.

Quinto. Entrega do vale para adquirir material escolar-ampliación

1. As persoas que xa foron beneficiarias de axuda para adquiriren material escolar ao abeiro da Orde do 29 de abril de 2022, poderán recoller o vale para adquirir material escolar-ampliación por importe de 25 € adicionais no respectivo centro docente, a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. O alumnado que se incorpore a un centro docente sostido con fondos públicos ao longo do curso e ata o 31 de marzo de 2023, logo da tramitación e concesión do vale para adquirir material escolar nos termos establecidos na Orde do 29 de abril de 2022, poderá recoller no centro docente:

a) O vale para adquirir material escolar por importe de 50 €.

b) E o vale para adquirir material escolar-ampliación por importe de 25 € adicionais.

Sexto. Uso do vales para adquirir material escolar

O vale para adquirir material escolar-ampliación (25 € adicionais), obxecto desta resolución de concesión directa, e o vale para adquirir material escolar (50 €) regulado na Orde do 29 de abril de 2022 son vales independentes e non fraccionables, polo que se poderán empregarse os dous nun único establecemento ou cada un deles, polo importe íntegro, en dous establecementos distintos.

Sétimo. Presentación dos talóns de cargo

1. As librarías e demais establecementos, unha vez entregado o material escolar, elaborarán de forma separada:

a) Un talón de cargo no cal incluirán, única e exclusivamente, vales para adquirir material escolar-ampliación por importe de 25 € adicionais (derivados desta resolución de concesión directa).

b) Un talón de cargo no cal incluirán, única e exclusivamente, os vales para adquirir material escolar por importe de 50 € (derivados da Orde do 29 de abril de 2022).

2. En ningún caso se mesturarán no mesmo talón de cargo importes procedentes de vales para adquirir material escolar-ampliación (25 € adicionais) e dos vales para adquirir material escolar (50 €).

Oitavo. Prazos para usar e tramitar os vales e para presentar ao pagamento os talóns de cargo

1. As persoas beneficiarias deberán usar os vales nas librarías e demais establecementos o antes posible e, en todo caso, antes do 10 de abril de 2023.

2. Os titulares das librarías e demais establecementos deberán presentar os talóns de cargo correspondentes aos vales entregados nas librarías en 2022 o antes posible e, en todo caso, ata o 12 de decembro de 2022. O prazo para presentar os talóns de cargo correspondentes aos vales entregados entre o 12 de decembro de 2022 e o 10 de abril de 2023 comeza o 2 de xaneiro de 2023 e remata o 19 de abril de 2023.

En todo caso, se os erros dun talón de cargo de 2022 impiden validalo e non se emendan antes do 12 de decembro, a libraría deberá emitir un novo talón de cargo con data de 2023 para tramitar o pagamento.

Noveno. Compatibilidades

Ser beneficiario/a de axudas para adquirir material escolar será compatible con calquera outra axuda para a mesma finalidade doutras entidades públicas ou privadas.

Décimo. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda recibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especialmente no caso de que se detecte que o importe recibido non foi empregado na adquisición de material escolar.

Para estes efectos, os centros docentes informarán a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no caso de que detecten que algunha persoa beneficiaria non dispoña do material escolar correspondente.

Décimo primeiro. Control

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas poderán realizar, mediante os procedementos legais pertinentes, as comprobacións oportunas con respecto ao destino e á aplicación das subvencións, para o cal tanto as persoas beneficiarias como os centros docentes quedan obrigados a facilitarlles canta información lles sexa requirida.

Décimo segundo. Normativa supletoria

No non previsto nesta resolución, respecto da xestión das axudas, será de aplicación o disposto no capítulo V (artigos 25 a 31) da Orde desta consellería do 29 de abril de 2022 (DOG núm. 95, do 18 de maio).

Décimo terceiro. Autorizacións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación e o desenvolvemento desta resolución e para dirixir e coordinar o procedemento.

Contra esta resolución, que por fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas), ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses (artigos 8, 10 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Cultura, Formación Profesional
e Universidades