Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Luns, 24 de outubro de 2022 Páx. 56127

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2022 pola que se convoca o II Curso de cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística.

De acordo co Convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (en diante, APLU), para a organización desta actividade,

RESOLVO:

Convocar o II Curso de cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

A segunda edición do Curso de cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística persegue, entre outros, os seguintes obxectivos:

– Avaliar as principais novidades normativas na materia de ordenación do territorio e urbanismo desde o enfoque da práctica diaria dos diferentes axentes implicados.

– Clarificar as relacións entre suxeitos que operan na defensa da ordenación do territorio, do urbanismo e do litoral: fiscalía, xulgados e tribunais, administracións territoriais con distintas competencias sectoriais, universidades ou colexios profesionais que velan polo adecuado exercicio das profesións cualificadas para o proceso de urbanización e edificación.

– Obter a visión dos diferentes axentes que colaboran para o exercicio das súas respectivas potestades e competencias en defensa da legalidade territorial, urbanística e da ordenación do litoral en Galicia.

Segunda. Contidos.

1. O réxime de «fóra de ordenación».

2. Actuacións suxeitas a autorización autonómica e a declaración responsable en materia de costas: procedemento e criterios de outorgamento das autorizacións.

3. Réxime transitorio das construcións existentes antes da entrada en vigor da Lei de costas sobre terreos actualmente afectados pola servidume de protección marítimo-terrestre.

4. Incidencia da normativa sectorial de turismo sobre o territorio. Coordinación coa normativa urbanística.

5. Incidencia da normativa sectorial de estradas sobre o urbanismo.

6. A eficacia xurídica dos títulos administrativos habilitantes en materia urbanística e incidencia sobre o control disciplinario. Caducidade das licenzas urbanísticas.

7. Reforma, reconstrución, rehabilitación e ampliación de edificacións tradicionais en solo rústico ou de núcleos rurais.

8. Incidencias na execución das resolucións administrativas de ordes de demolición. Causas de imposibilidade legal ou material de execución.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida preferentemente ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e demais persoal das entidades adscritas á dita consellería, así como ao persoal técnico e xurídico de concellos adheridos á APLU que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística, que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

– Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

– Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das ditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, con interese na materia.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Modalidade: presencial.

Datas: 14, 15 e 16 de novembro de 2022.

Horario: de mañá e tarde.

Horas lectivas: 16.

Quinta. Número de prazas

Cento cincuenta (150).

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nas bases terceira e oitava desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar, primeiro, a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois, seleccionar en nome do curso: II Curso de cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 4 de novembro de 2022.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou desde as 8.30 ata as 14.30 nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Séptima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. En caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico: <novas.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión e selección

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados na base terceira desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

Para a selección seguirase a seguinte orde de prelación:

1º. Preferencia do persoal técnico e xurídico da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU): persoal de inspección urbanística, de subinspección urbanística e persoal das xefaturas de servizo da APLU.

2º. Persoal técnico e xurídico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística.

3º. Persoal técnico e xurídico de concellos adheridos á APLU que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística.

4º. Persoal técnico e xurídico das demais entidades adscritas á devandita consellería que desenvolvan funcións relacionadas coa materia urbanística.

5º. No caso de resultaren vacantes unha vez aplicadas as preferencias anteriores, calquera persoal empregado público con interese na materia.

A orde entre as persoas solicitantes de cada un dos cinco grupos anteriores será determinada pola data e hora da súa inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas e de reservas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal unha relación de persoas seleccionadas para participar neste curso, así como un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixida a novas.egap@xunta.gal, como máximo o día 10 de novembro, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nos parágrafos a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia na actividade:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

O alumnado deberá superar un cuestionario final, tipo test, para obter o certificado de aproveitamento. Superado o cuestionario final, emitirase o certificado, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas e seleccionadas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, a data e lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e da APLU

1. A EGAP e a APLU reservan para si a facultade de interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que serán empregados os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP a a APLU garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública