Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 25 de outubro de 2022 Páx. 56448

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de San Cibrao das Viñas

ANUNCIO da aprobación definitiva da segunda addenda ao convenio urbanístico asinado entre este concello e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

O Pleno da Corporación, en sesión do 29.9.2022, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar e ratificar o texto definitivo da addenda segunda ao convenio urbanístico descrito nos antecedentes.

Segundo. Notificar e emprazar a persoa ou persoas interesadas, para os efectos de que se asine convenio urbanístico arriba referenciado, nun prazo de quince días desde a notificación da aprobación do texto definitivo.

Transcorrido este prazo sen que o convenio se asinase, quedará sen efecto.

Tercero. Publicar o texto íntegro do convenio, xunto co acordo de aprobación, no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Anotar o nome do convenio no Rexistro de Convenios Urbanísticos do Concello e custodiar un exemplar completo do texto definitivo deste e de toda a súa documentación anexa no arquivo administrativo municipal.

Quinto. Inscribir o contido do convenio subscrito no Rexistro da Propiedade de Ourense nos termos previstos na lexislación hipotecaria.

Sexto. Remitir electronicamente copia do convenio, acompañada da correspondente memoria xustificativa, ao Rexistro Telemático do Tribunal de Contas».

Texto do convenio.

Segunda addenda ao convenio urbanístico entre o Concello de San Cibrao das Viñas e a sociedade Parque Tecnológico de Galicia, S.A., asinado o 14 de marzo de 2012.

En San Cibrao das Viñas (Ourense), na data da sinatura electrónica.

REUNIDOS:

Dunha parte, Manuel Pedro Fernández Moreiras, alcalde do Concello de San Cibrao das Viñas, cuxas circunstancias persoais non se reflicten por actuar en exercicio do seu cargo, asistido por Isabel Colmenero Veloso, secretaria do Concello de San Cibrao das Viñas, cuxas circunstancias persoais non se reflicten por idéntico motivo.

E da outra, Patricia Argerey Vilar, maior de idade, con domicilio para os efectos deste convenio en Parque Tecnolóxico de Galicia –Edificio CEI– San Cibrao das Viñas (Ourense), que actúa en nome e representación da sociedade Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A., con NIF A32150088.

INTERVEÑEN:

a. O primeiro, en nome e representación do Concello de San Cibrao das Viñas, na súa calidade de alcalde presidente.

b. Isabel Colmenero Veloso, na súa calidade de secretaria xeral da Corporación municipal, para dar fe pública do presente acto, de conformidade co disposto no artigo 162.1.b) do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido de disposicións vixentes en materia de réxime local.

c. Patricia Argerey Vilar, en nome e representación da sociedade Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A., con NIF A32150088 e domicilio social en Parque Tecnolóxico de Galicia-San Cibrao das Viñas, provincia de Ourense, actúa en calidade de vicepresidenta e conselleira delegada, en virtude dos poderes outorgados polo Consello de Administración do 22 de xaneiro de 2013, elevado a público ante o notario de Ourense Daniel Balboa Fernández, segundo a escritura notarial do 5 de marzo de 2013 e número 368 do seu protocolo, polo que se delegan no conselleiro delegado, para o seu exercicio, todas as facultades propias do Consello de Administración, agás as indelegables. No Consello de Administración da sociedade Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. do 23 de xuño de 2022 autorizouse expresamente a Patricia Argerey Vilar a asinar co Concello de San Cibrao das Viñas esta addenda, que concreta unha parte da estipulación cuarta do convenio asinado o 14 de marzo de 2012, que tivo por obxecto materializar a cesión obrigatoria, gratuíta e libre de cargas, do 10 % do aproveitamento tipo da área de repartición do ámbito SUR-I2, SUR-I3 e SUR-I4 e que, pola súa vez, foi modificado o 13 de xuño de 2016 mediante a sinatura da correspondente addenda.

EXPOÑEN:

I. As obras de urbanización da ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia a que se refire o citado convenio urbanístico (en diante, o Convenio) no momento actual soamente foron executadas nunha primeira fase, da cal resulta unha superficie de aproveitamento lucrativo de 37.318,31 m2.

II. No momento actual descoñécese a data de inicio das obras de urbanización da segunda fase, que suporá a execución do 100 % da ampliación proxectada.

III. En relación co previsto na estipulación cuarta do Convenio, modificada pola addenda asinada o 13 de xuño de 2016, como parte das obras e actuacións que executará Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. en substitución da cesión do 10 % do aproveitamento lucrativo que debe recibir o Concello de San Cibrao das Viñas, actualmente están pendentes de executar as seguintes obras e actuacións previstas nesa estipulación cuarta:

– Executar as obras de mellora do firme e pavimentación das vías que comunican a rúa número 1 do polígono industrial coa aldea da Carballeira, nunha lonxitude aproximada da aldea de 500 metros lineais e un largo medio de 6 metros, e que é o acceso á parcela de equipamento da actuación obxecto deste convenio. As obras consistirán en executar a pavimentación con aglomerado asfáltico das características necesarias para soportar tráfico de peso axeitado ás necesidades da vía (acceso desde o polígono industrial á parcela de equipamentos da ampliación do parque tecnolóxico), con mellora de cunetas e sinalizacións de vías existentes. As obras valoráronas os servizos técnicos do Concello en 100.000,00 €.

– Asumir os gastos e executar as obras precisas para a conservación, mantemento e reposición de vías, aparcadoiros e áreas libres, coa excepción dos espazos para equipamento, da actuación obxecto deste convenio, durante un período de 23 anos contados desde a data de finalización das obras de urbanización. A valoración estimada polo Parque Tecnolóxico de Galicia e polos servizos técnicos do Concello compensa os 690.370,52 € de resto de valor da cesión do 10 % de aproveitamento lucrativo.

IV. Non está previsto executar as obras de mellora do firme e pavimentación das vías que se detallan no expoñendo anterior ata estar completa a obra de urbanización da ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia, porque os traballos da urbanización afectarán estas vías e isto obrigaría a arranxalo por segunda vez. O Concello de San Cibrao das Viñas e Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. entenden que isto debe ser así pero non se especificou no texto do convenio de 2012 nin na súa addenda de 2016.

V. Ante a falta de previsión nas datas de execución das obrigas de Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. respecto ás obras do viario, semella haber un incumprimento no convenio que impide o rexistro da escritura de protocolización do proxecto de equidistribución no ámbito SUR-I2, SUR-I3 e SUR-I4.

VI. Con base en todo o anterior, as partes acordan asinar a presente addenda coa seguinte estipulación.

ESTIPULACIÓN:

Única. A estipulación cuarta do convenio urbanístico entre o Concello de San Cibrao das Viñas e a sociedade Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A., asinado o 14 de marzo de 2012, e modificada pola addenda asinada o 13 de xuño de 2016, co obxecto de materializar a cesión obrigatoria, gratuíta e libre de cargas á Administración municipal correspondente ao 10 % do aproveitamento tipo da área de repartición do ámbito SUR-I2, SUR-I3 e SUR-I4, segundo se especifica no artigo 22 da Louga, modifícase no presente acto e queda redactada da seguinte maneira:

«Cuarta. A substitución da cesión ao Concello de San Cibrao das Viñas do 10 % do aproveitamento lucrativo materializarase pola execución por parte de Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. das seguintes obras destinadas a actuacións públicas dotacionais, sistemas xerais e conservación e mellora do ambiente e do medio rural:

– Efectuar as obras de ampliación da gardería infantil municipal do polígono industrial e segundo o proxecto presentado. Estas obras deberán ser iniciadas no prazo máximo dun ano contado desde a sinatura do presente convenio. As obras valoráronas os servizos técnicos do Concello en 160.000,00 €.

– Executar as obras de mellora do firme e pavimentación da vía que comunica a rúa número 1 do polígono industrial coa aldea da Carballeira, nunha lonxitude aproximada da aldea de 500 metros lineais e un largo medio de 6 metros, e que é o acceso á parcela de equipamento da actuación obxecto deste convenio. As obras consistirán en executar a pavimentación con aglomerado asfáltico das características necesarias para soportar tráfico de peso axeitado ás necesidades da vía (acceso desde o polígono industrial á parcela de equipamentos da ampliación do parque tecnolóxico), con mellora de cunetas e sinalizacións de vías existentes. As obras valoráronas os servizos técnicos do Concello en 100.000,00 €. Estas obras realizaranse unha vez rematada a urbanización da segunda fase da ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia e no prazo máximo de 6 meses desde a data de finalización das obras de urbanización.

– Asumir os gastos e executar as obras precisas para a conservación, mantemento e reposición de vías, aparcadoiros e áreas libres, coa excepción dos espazos para equipamento, da actuación obxecto deste convenio, durante un período de 23 anos contado desde a data de finalización das obras de urbanización. A valoración estimada polo Parque Tecnolóxico de Galicia e polos servizos técnicos do Concello compensa os 690.370,52 € de resto de valor da cesión do 10 % de aproveitamento lucrativo.

E, en proba de conformidade, ambas as partes, na representación con que interveñen, asinan o presente documento, en duplicado exemplar e para un só efecto, no lugar e data do seu encabezamento.».

Publícase para o seu xeral coñecemento, de conformidade co artigo 403.1 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer alternativamente recurso de reposición potestativo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación do presente anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Se se opta por interpoñer o recurso de reposición potestativo, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación por silencio. Todo iso sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso máis conveniente en dereito.

San Cibrao das Viñas, 19 de outubro de 2022

Manuel Pedro Fernández Moreiras
Alcalde