Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Martes, 15 de novembro de 2022 Páx. 59253

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da modificación da central de coxeración que Ence Energía y Celulosa, S.A. promove no concello de Pontevedra.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Ence Energía y Celulosa, S.A. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da modificación dunha planta de coxeración, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 31 de marzo de 1989, a Dirección Xeral de Industria outorgou a condición de autoxerador eléctrico, regulamentado polo Real decreto 907/1982, do 2 de abril, e pola Orde do 7 de xullo de 1982, á central de coxeración situada en Lourizán, concello de Pontevedra, constituída por dous equipos dotados con turboalternadores de 7.950 kW (G2) e 5.936 kW (G1) de potencia respectivamente, titularidade da Empresa Nacional de Celulosas, S.A., conforme a acta de posta en marcha emitida pola Delegación Provincial de Pontevedra do Ministerio de Industria do 7 de xullo de 1969.

Segundo. Mediante a Resolución do 21 de xullo de 1992, a Dirección Xeral de Industria autorizou a ampliación de produción de enerxía eléctrica e aprobou o proxecto de execución da obra de substitución do turboalternador instalado de 5.936 kW (G1), por outro de 29.500 kW (G3), na devandita central de coxeración.

Do mesmo xeito, nesta resolución concédeselle a condición de autoxeración eléctrico á referida ampliación, que posúe acta de posta en marcha emitida pola Delegación Provincial de Pontevedra da Consellaría de Industria e Comercio do 21 de xullo de 1992, e o grupo G3 queda cunha potencia instalada de 27.620 kW.

Terceiro. A Dirección Xeral de Industria resolveu o 22 de novembro de 1995 efectuar a inscrición da central de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial de acordo co recollido no Real decreto 2633/1994, do 9 de novembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables.

Cuarto. Con data do 2 de xaneiro de 2003, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade da devandita central de coxeración a favor do Grupo Empresarial Ence, S.A., no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Esta instalación acolleuse ao Real decreto 436/2004, do 12 de marzo, polo que se establece a metodoloxía para a actualización e sistematización do réxime xurídico e económico da actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, pola Resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, do 20 de xaneiro de 2005, co número de rexistro RE-05-04.

Sexto. Con data do 30 de abril de 2008, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou administrativamente, aprobou o proxecto de execución e recoñeceu a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulamentado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, a modificación das instalacións electromecánicas da central de coxeración que a sociedade Grupo Empresarial Ence, S.A. posúe en Lourizán, concello de Pontevedra.

A modificación consistía na mellora da turbina G3, con substitución do conxunto da tobeira, con redución de potencia de 27.620 kW a 26.620 kW e a substitución do bobinado do estator no alternador e o cambio de bobinado no rotor, o que implicaba unha redución de potencia aparente do alternador de 36.812 kVA a 35.509 kVA cun cosφ de 0,75.

Sétimo. Con data do 16 de outubro de 2018, preséntase con número de entrada 2018/2573404 no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia solicitude asinada polo representante de Ence Energía y Celulosa, S.A., na cal se comunica o cambio de denominación do titular da instalación de referencia, sen existir cambio de titularidade.

Oitavo. Con data do 30 de outubro de 2018, comunícase ao solicitante que procede tomar razón de cambio de denominación social Grupo Empresarial Ence, S.A. a Ence Energía y Celulosa, S.A.

Noveno. Con data do 30 de setembro de 2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu outorgar autorización administrativa de construción da modificación da instalación de xeración de 34,57 MW que Ence Energía y Celulosa, S.A. promove en Lourizán (Pontevedra).

A modificación consistiu na instalación dun novo grupo de xeración G4 con alternador de 19,875 MVA e turbina de condensación con limitación mecánica a 12,88 MW e limitada en placa de características polo fabricante a 7,95 MW.

Así mesmo, deuse de baixa do grupo G2 como grupo de xeración e reconversión deste en xerador de emerxencia de potencia 7.950 kW, e o conxunto da instalación queda cunha potencia de 34,57 MW.

Décimo. Con data do 26 de maio de 2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu outorgar autorización administrativa de construción da modificación da instalación de xeración de 34,57 MW que Ence Energía y Celulosa, S.A. promove en Lourizán (Pontevedra), consistente nos seguintes cambios:

1. Instalación dun equipo de medida nas instalacións da subestación de Pontesampaio.

2. Substitución das cabinas existentes de protección dos transformadores 1 e 2 de 66/6 kV en edificio prefabricado da subestación e tendido de condutores de iguais características aos existentes desde os transformadores ata as novas posicións.

3. Creación dunha nova barra de 6 kV denominada «embarrado de xeración».

4. Reagrupación dos SSAA de xeración do G3.

Décimo primeiro. Con data do 13 de novembro de 2020, Ence Energía y Celulosa, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e de construción de modificación da central de coxeración da súa titularidade, situada no concello de Pontevedra, co fin de variar a potencia da instalación de xeración turbina G4, recollida no antecedente de feito noveno, ao eliminar a limitación mediante software polo que a potencia do grupo G4 pasa de 7,95 MW a 12,88 MW.

Décimo segundo. Mediante a Resolución do 16 de decembro de 2020, a Xefatura Territorial de Pontevedra someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción do proxecto da modificación da instalación de xeración turbina G4, de 7,95 MW a 12,88 MW (expediente IN408A 2019/015), e publícase no Diario Oficial de Galicia nº 80, do 29 de abril de 2021. Dentro do prazo establecido non se presentou ningunha alegación contraria ao proxecto.

Décimo terceiro. Con data do 9 de decembro de 2021, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra emitiu un informe no cal se manifesta que non se atopan impedimentos para dar continuidade á tramitación da solicitude de autorización previa e de construción.

Décimo cuarto. Con data do 21 de setembro de 2022 remítese á Xefatura do Servizo de Prevención e Control Integrados de Contaminación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda unha copia do expediente correspondente á solicitude de autorización administrativa previa e de construción da central de coxeración co fin de que se determine se a modificación da instalación implica unha modificación da autorización ambiental integrada e, de ser o caso, se proceda á súa tramitación, de acordo co recollido no artigo 10 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación.

Décimo quinto. Con data do 1 de outubro de 2022, a Xefatura do Servizo de Prevención e Control Integrados de Contaminación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda emitiu un informe en resposta á solicitude citada no parágrafo anterior no cal se establece que ao non afectar a modificación solicitada a capacidade térmica da instalación, non é preciso tramitar unha modificación da autorización ambiental integrada coa que conta a planta de fabricación de pasta de papel de Lourizán (Pontevedra).

Décimo sexto. A modificación da instalación de xeración conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia nominal de 4.930 kW, de acordo co informe do xestor da dita rede do 18 de marzo de 2020.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas previstas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado. Neste caso, o seu outorgamento correspóndelle á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Dirección Xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Ence Energía y Celulosa, S.A., para a modificación da central de coxeración da súa titularidade, situada no concello de Pontevedra, co fin de variar a potencia da instalación de xeración turbina G4, de 7,95 MW a 12,88 MW, promovida no concello de Pontevedra segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para a modificación da planta de coxeración segundo o proxecto de execución denominado «proxecto para a autorización administrativa da modificación da instalación de xeración turbina G4, de 7,95 MW a 12,88 MW» asinado polo enxeñeiro industrial Alberto Izquierdo Belmonte, colexiado nº 1.151 do ICOIIG.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Denominación do proxecto: proxecto para a autorización administrativa da modificación da instalación de xeración turbina G4, de 7,95 MW a 12,88 MW.

Concello afectado: Pontevedra.

Potencia instalada da modificación: 4,93 MW.

Potencia total da instalación: 39,5 MW.

Potencia evacuable: 39,5 MW.

Localización: Marisma de Lourizán, s/n, Pontevedra.

Características técnicas recollidas no proxecto:

– Grupo de xeración G4 con alternador de potencia aparente 9,875 MVA, tensión 11.000 +/- 10 % V e turbina de condensación con limitación mecánica a 12,88 MW, a que se lle suprime a limitación mediante software actual a 7,95 MW.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Ence Energía y Celulosa, S.A. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O prazo para a posta en servizo das instalacións será dun mes contado a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

6. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de previa audiencia do interesado.

7. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais