Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2023 Páx. 7972

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2023 pola que se modifican as resolucións de 22 de decembro de 2022, polas que se convocan os procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso nos distintos corpos, escalas e categorías da administración xeral e da administración especial da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

No DOG núm. 245 de 27 de decembro de 2022 publicáronse as seguintes resolucións:

Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, de 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1; no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1; na escala de profesores numerarios do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, e para o ingreso na categoría 40 do grupo I de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, de 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2.

Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, de 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1; para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1; para o ingreso no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo B, e para o ingreso nas categorías 100 e 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2; para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2; e para o ingreso na categoría 21 e 33 do grupo IV de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Resolución do 22 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, de 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, na escala de persoal subalterno e na escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais e para o ingreso nas categorías 10B, 10C, 14 e 14A do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Ante as dúbidas xurdidas na interpretación das bases da convocatorias dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, de 28 de decembro, convocados mediante o sistema de concurso-oposición, procédese a modificar as bases publicadas e a correxir os erros detectados.

Dado que o prazo de presentación de solicitudes de participación nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización iniciouse o 16 de xaneiro e que as modificacións que se engaden ás bases son de carácter esencial, en aras a garantir a igualdade no acceso e para evitar situacións de indefensión, considérase necesario ampliar o prazo de presentación de instancias ata o día 17 de febreiro (incluído), ao abeiro do disposto no artigo 32 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 79/2022, de 25 de maio (DOG núm. 102, do 30 de maio), polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 5/2022, de 21 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 243, de 23 de decembro), e coa Lei 2/2015, de 29 de abril, de emprego público de Galicia, a Consellería de Facenda e Administración Pública, no uso das competencias que lle atribúe a dita Lei 2/2015, de 29 de abril (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Para todas as convocatorias dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, de 28 de decembro, convocados mediante o sistema de concurso-oposición e publicados no DOG núm. 245, de 27 de decembro de 2022,

1. Engádese un novo anexo ás bases das convocatorias co seguinte contido:

1.1. A experiencia profesional anterior á data de toma de posesión na Xunta de Galicia do persoal procedente doutras administracións públicas en virtude dos procesos de transferencias computarase como servizos prestados na administración de procedencia. Ditos servizos acreditaranse, de ser o caso, mediante certificación da dita administración.

1.2. O persoal funcionario interino ou o persoal laboral temporal con estabilidade afectado polas disposicións transitorias 8 e 9 do Decreto lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, pola que se aproba o texto refundido da Lei da Función Pública de Galicia, que non accedese a condición de persoal funcionario de carreira por non ter superado algunha das tres convocatorias, ostentan a condición de persoal laboral fixo a extinguir e, polo tanto, non se lles computaran os servizos prestados para os procesos derivados da Lei 20/2021 dada a súa condición de persoal laboral fixo.

1.3. Nas convocatorias de persoal laboral de categorías vinculadas á extinción de incendios forestais para postos de traballo de 6 meses de traballo anual, os servizos prestados en entes públicos nas ditas categorías computaranse no apartado b) experiencia profesional acreditada en calquera outra Administración distinta da Administración convocante.

1.4. As prazas que se atopen afectadas por unha sentenza xudicial que dispoña a súa reclasificación pero non teñan adaptadas as relacións de postos de traballo neste senso, entenderanse convocadas no subgrupo, escala, especialidade ou categoría na que teñan sido reclasificadas. Os servizos prestados nelas, deberán ser valorados no subgrupo, escala, especialidade ou categoría que resulte da reclasificación. Non se terán en conta a estes efectos, as prazas das categorías a extinguir.

1.5. Aquelas titulacións especificas que a Administración competente en materia de Educación admita como idóneas para realizar funcións inherentes á escala, especialidade ou categoría convocada, serán tidas en conta aos efectos de poder participar nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización, sempre que dispoñan dunha titulación académica igual o superior ao grupo convocado.

1.6. A compensación económica pola finalización da relación interina ou temporal coa Administración autonómica e o seu sector público pola non superación do proceso selectivo de estabilización, á cal se refire o número 6 do artigo 2 da Lei 20/2021, de 28 de decembro, será incompatible coa superación doutro proceso selectivo de estabilización derivado desta lei e o consecuente mantemento da prestación de servizos na Administración autonómica e o seu sector público, considerados no seu conxunto.

1.7. Unha mesma persoa aspirante non poderá ser proposta para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo en máis dunha escala, corpo ou categoría profesional tanto na Administración xeral como nas entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico. Neste caso, a persoa aspirante deberá comunicar ao órgano convocante a súa opción e será excluída do outro proceso, e o seu lugar será ocupado pola seguinte persoa aspirante, consonte a orde de prelación derivada das puntuacións do proceso selectivo. A devandita exclusión non suporá dereito a compensación.

1.8. Os servizos prestados durante o período no que se goze dunha redución de xornada por algunhas das causas previstas no artigo 106.2 e 3 da LEPG serán valorados como servizos prestados en réxime de xornada completa.

2. Modifícanse ás resolucións das convocatorias de todos os corpos e escalas dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e agrupación profesional de persoal funcionario e categorías dos grupos I, II, III, IV e V de persoal laboral, convocados polo sistema de concurso.

2.1. Modifícase o primeiro parágrafo da base I.2.3. Titulación (excepto en agrupación profesional e grupo V de persoal laboral):

Onde di:

«Para tal efecto, e para o suposto de que non se acreditase xunto coa solicitude de inscrición, o órgano convocante sinalará un prazo de presentación nun momento anterior á confección por parte do tribunal da listaxe de persoas aprobadas do dito proceso. As titulacións obtidas despois dese prazo non se terán en conta para a confección da dita proposta de persoas aprobadas».

Debe dicir:

«Para tal efecto, deberá autorizar a consulta da titulación xunto coa solicitude de participación. No suposto de que non se autorice, o órgano convocante sinalará un prazo de presentación nun momento anterior á confección por parte do tribunal da listaxe de persoas que superan o dito proceso. As titulacións obtidas despois dese prazo non se terán en conta para a confección da dita proposta de persoas aprobadas».

2.2. Ampríase o prazo indicado na base I.3.2 de todas as convocatorias ata o día 17 de febreiro de 2023 (incluído).

2.3. Modificase a base I.3.5 de todas as convocatorias quedando redactado do seguinte xeito:

Non poderá presentarse mais dunha solicitude de participación por cada proceso selectivo. No caso de presentar varias solicitudes para una mesma escala, especialidade ou categoría, soamente se terá en conta a última presentada.

2.4. Modifícase o penúltimo parágrafo da base II.3, quedando redactado do seguinte xeito:

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que teñan acreditado que posuían, antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo, o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde de 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, de 30 de xullo), modificada pola Orde de 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, de 19 de febreiro).

2.5. Modificase o punto IV.1, apartados a) e b) de todas as convocatorias establecendo a experiencia profesional a nivel especialidade, quedando redactado do seguinte xeito:

a) Experiencia profesional acreditada, entendida como os servizos prestados na Administración convocante, como empregado público na propia escala/especialidade ou categoría profesional a que se opta ou na escala/especialidade ou categoría profesional equivalente, a razón de 0,25 puntos por mes traballado con vinculación temporal ata un máximo de 30 puntos.

b) Experiencia profesional acreditada, entendida como os servizos prestados en calquera outra Administración pública diferente das anteriores, como funcionario interino ou persoal laboral temporal na propia escala/especialidade ou categoría profesional a que se opta ou na escala/especialidade ou categoría profesional equivalente, sempre que se inclúa dentro de mesmo grupo de titulación, a razón de 0,125 puntos por mes traballado con vinculación temporal ata un máximo de 30 puntos.

2.6. Modifícase a base IV.2, quedando redactada do seguinte xeito:

Cursos de formación. Valoraranse os cursos de formación recibidos convocados ou organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP); polo Instituto Nacional de Administración Pública (INAP); polas escolas oficiais de formación similares das restantes comunidades autónomas; pola Academia Galega de Seguridade Pública; pola Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS); pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS); cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais que estean homologados pola EGAP; cursos acreditados polo INEM; cursos acreditados polas consellerías da Xunta de Galicia ou das entidades que figuran no anexo V da presente convocatoria; cursos impartidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; cursos impartidos por ministerios da Administración xeral do Estado e cursos impartidos por universidades.

3. Modificase a resolución da convocatoria dos corpos e escalas do subgrupo A1.

3.1. No anexo I « Prazas convocadas persoal funcionario» retíranse da convocatoria as seguintes prazas:

– Prazas da Escala superior de seguridade e saúde no traballo, especialidade seguridade no traballo e especialidade hixiene industrial.

– Prazas da Escala enxeñeiros, especialidade enxeñaría telecomunicación.

As persoas aspirantes afectadas a data de publicación da presente resolución, poderán solicitar a devolución das taxa, a partir do dia seguinte á publicación desta resolución, no termos establecidos na convocatoria.

No anexo I «Prazas convocadas persoal funcionario» na Escala de ciencias, créase a especialidade química, na que se convoca unha praza.

3.2. No anexo III «Titulacións» engádense ou modifícanse as seguintes:

Proceso selectivo

Titulación

Especialidade química

Licenciado ou graduado nunha titulación da rama de ciencias

Escala de profesores numerarios dos institutos maritimos- pesqueiros

Licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama e master que habilite para o exercicio da profesión de profesor, ou certificado de aptitude pedagoxica ou equivalente

Neste mesmo anexo, retíranse as titulacións de Especialidade seguridade no traballo, Especialidade hixiene industrial e Especialidade enxeñaría telecomunicacións.

3.3. No anexo IV «Táboa de equivalencias de escalas/categorías», engádese a seguinte:

Proceso selectivo

Escala ou categorías equivalentes

Especialidade química

A categoría profesional 3 do grupo I do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia

4. Modifícase a resolución da convocatoria dos corpos e escalas do subgrupo A2.

4.1. Modifícase a base III.1.1.1. Primeiro exercicio no primeiro parágrafo:

Onde di (agás a escala de xestión de sistemas de informática) debe dicir: (agás a escala de xestión de sistemas de informática e a escala técnica de finanzas).

Así mesmo, nesta base engádense os seguintes parágrafos:

c) Para a escala técnica de finanzas, subgrupo A2, o exercicio dividirase en dúas partes:

A primeira parte consistirá na resolución por escrito dun cuestionario de cen (100) preguntas tipo test do bloque I, correspondentes á parte específica do programa que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, de 22 de decembro) máis cinco (5) de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será correcta.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

A segunda parte consistirá no desenvolvemento por escrito dun (1) tema de dous (2) extraídos ao chou do bloque III da parte específica do programa que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, de 22 de decembro).

O exercicio terá unha duración máxima de cento oitenta (180) minutos.

O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar a puntuación mínima. Esta cualificación total obterase pola suma da correspondente á primeira proba, que se cualificará de 0 a 15 puntos, e da segunda proba, que se cualificará de 0 a 15 puntos suma que non poderá ter lugar se a cualificación obtida en calquera das partes do exercicio for inferior a 7,50 puntos, caso en que non se superará o exercicio.

Na base III.1.1.2. Segundo exercicio engádense os seguintes parágrafos:

c) Para a escala técnica de finanzas, as persoas aspirantes deberán resolver por escrito un suposto práctico proposto polo tribunal que será o resultante do sorteo levado para o efecto entre dous elixidos previamente por este, sobre as materias incluídas no bloque II da parte específica do programa que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, de 22 de decembro).

O exercicio terá unha duración máxima de douscentos corenta (240) minutos.

Para o desenvolvemento deste exercicio, as persoas aspirantes poderanse valer de textos legais sen comentarios. En relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo. Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante. Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar a puntuación mínima.

4.2. Retíranse do anexo I «Prazas convocadas persoal funcionario» as prazas da Escala de xestion de sistemas de informática e da Escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal.

As persoas aspirantes afectadas pola retirada do proceso selectivo da convocatoria, poderán solicitar a devolución das taxas, a partir do dia seguinte á publicación desta resolución, no termos establecidos na convocatoria.

4.3. No anexo II «Titulacións» retíranse as titulacións da Escala de xestion de sistemas de informática e Escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal.

4.4. No anexo III «Tabla de equivalencias » retíranse as equivalencias da Escala de xestion de sistemas de informática Escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica forestal.

5. Modificase a resolución da convocatoria dos corpos e escalas do subgrupo C1.

5.1. Na base III.1.1. Exercicios, modifícanse os dous primeiros parágrafos, que quedan da seguinte forma:

A proba da oposición residirá na superación dun único exercicio, que será eliminatorio e obrigatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento trinta (130) preguntas tipo test e dividirase en dúas partes:

a) A primeira parte do exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de oitenta (80) preguntas tipo test, relacionado co anexo que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, de 22 de decembro).

5.2. Engádese a realización dun segundo exercicio para a categoría 100 Bombeiro forestal – xefe/a de brigada do grupo III de persoal laboral, no que as persoas aspirantes terán que superar ademais a proba física «Field Test», en que as persoas aspirantes terán que camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos.

As persoas aspirantes deberán acudir á realización da proba provistos dun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no que se faga constar que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de realización da proba. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto.

Para a realización das probas físicas, convocárase un numero de persoas aspirantes igual ao número de prazas convocadas máis o 20% delas, seguindo a orde de puntuación obtida na fase de concurso.

O tribunal, en consideración ao número de persoas aspirantes convocadas, poderá decidir a realización das probas en diferentes chamamentos.

A execución da proba física será pública, pero non se permitirá a súa gravación por medio audiovisual algún porque puidera afectar a súa seguridade, ao dereito á intimidade persoal e á propia imaxe das persoas intervenientes nesta.

5.3. No anexo I «Prazas convocadas persoal funcionario» retirase da convocatoria a praza da Escala técnica auxiliar de informática.

As persoas aspirantes afectadas pola retirada do proceso selectivo da convocatoria, poderán solicitar  a devolución das taxas, a partir do dia seguinte á publicación desta resolución,  no termos establecidos na convocatoria.

5.4. No anexo III «Titulacións» modifícanse ou engádense as seguintes:

Proceso selectivo

Titulacións

Escala técnica de recursos naturais e forestais. Especialidade capataz

Técnico na rama agraria ou na rama de recursos naturais e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos e da maquinaria.

Escala técnica de cocina

Técnico na rama de hostalería, restauración ou equivalente

Escala técnica de condución

Bacharel ou técnico e carné de conducir tipo C + tipo E

Escala técnica de análises de laboratorio

Técnico na rama de sanidade, de bioloxía, de química ou marítimo pesqueira

Neste mesmo anexo retírase a titulación da Escala técnica auxiliar de informática.

5.5. No anexo IV «Táboa de equivalencias de escalas/categorías» na Escala técnica de mantemento de servizos elimínase como escala ou categoría equivalente a categoría profesional 86 do Grupo III do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Así mesmo, retíranse as equivalencias da Escala técnica auxiliar de informática.

6. Modificase a resolución da convocatoria dos corpos e escalas do grupo C2.

6.1. Na base III.1.1. Exercicios, modifícanse diversos parágrafos dos apartados a) e b), e engádese o apartado c) quedando como segue:

a) Para o corpo auxiliar de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2:

A proba da oposición residirá na superación dun único exercicio, que será eliminatorio e obrigatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test e dividirase en dúas partes:

A primeira parte do exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de cincuenta (50) preguntas tipo test, relacionado ca parte xeral do anexo que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, de 22 de decembro).

A segunda parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test, de contido teórico-práctico da parte específica do programa contido no anexo que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, de 22 de decembro), no que as persoas aspirantes poñan de manifesto o coñecemento e manexo dos paquetes ofimáticos na contorna de LibreOffice (folla de cálculo, procesador de textos e presentacións).

O exercicio disporá de cinco (5) preguntas de reserva, das cales dúas (2) corresponderán á primeira parte do programa e tres (3) á segunda parte.

b) Para o corpo de auxiliares de carácer técnico da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2 e para o ingreso na categoría 21 do grupo IV de persoal laboral da Xunta de Galicia:

A proba da oposición residirá na superación dun único exercicio, que será eliminatorio e obrigatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test e dividirase en dúas partes:

A primeira parte do exercicio consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de trinta (30) preguntas tipo test, relacionado ca parte xeral do anexo que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, de 22 de decembro).

A segunda parte, consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cincuenta (50) preguntas tipo test, relacionado ca parte específica do anexo que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, do 22 de decembro).

O exercicio disporá de cinco (5) preguntas de reserva, das cales dúas (2) corresponderán á primeira parte do programa e tres (3) á segunda parte.

c) Para a escala auxiliar do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais na especialidade bombeiro/a forestal-condutor/a (subgrupo C2), na categoría 33 Condutor/a autobomba defensa contra incendios forestais do grupo IV de persoal laboral, as persoas aspirantes terán que superar as seguintes probas:

O primeiro exercicio consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test, propostas polo tribunal, das que vinte (20) corresponderán á parte común do programa e sesenta (60) á parte específica do anexo que figura na Resolución do 20 de decembro de 2022 (DOG núm. 242, de 22 de decembro).

O exercicio disporá de cinco (5) preguntas de reserva, das cales dúas (2) corresponderán á primeira parte do programa e tres (3) á segunda parte.

O segundo exericicio consistirá na realización dunha proba física de carácter eliminatorio. A dita proba consistirá en superar a proba física «Field Test», que consiste en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos. As persoas aspirantes deberán acudir á realización da proba provistos dun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, no que se faga constar que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de realización da proba. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto.

Para a realización das probas físicas, convocárase a un numero de persoas aspirantes igual ao número de prazas convocadas máis o 20% delas, seguindo a orde de puntuación obtida na fase de concurso.

O tribunal, en consideración ao número de persoas aspirantes convocadas, poderá decidir a realización das probas en diferentes chamamentos.

A execución da proba física será pública, pero non se permitirá a súa gravación por medio audiovisual algún porque puidera afectar a súa seguridade, ao dereito á intimidade persoal e á propia imaxe das persoas intervenientes nesta.

6.2. No anexo I «Prazas convocadas persoal funcionario», na Escala auxiliar de recursos naturais e forestais, engádese especialidade oficial.

6.3. No anexo III «Titulacións», modifícanse ou engádense as seguintes:

Proceso selectivo

Titulación

Escala de xerocultor

Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala.

Bombeiro/a forestal condutor/a-motobomba

Graduado en ESO e carné de conducir tipo C e B

Escala auxiliar de recursos naturais e forestais. Especialidade oficial

Titulación que habilite para a realización das funcións inherentes a esta escala e carné, autorización ou licenza que sexan necesarios para o manexo dos vehículos e da maquinaria.

6.4. No anexo IV «Táboa de equivalencias de escalas/categorías», elimínanse as filas relativas ás especialidades de emisorista-vixilante fixo e bombeiro forestal e modifícanse as seguintes:

Proceso selectivo

Escalas ou categorías equivalentes

Escala auxiliar de recursos naturais e forestais. Especialidade oficial

- As categorías profesionais 9, 40 e 42 do grupo IV do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

- As categorías do grupo IV, pendentes de definir, do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Ilas Atlánticas

7. Modificase a resolución da convocatoria das categorías do grupo V do persoal laboral

7.1. Na base III.1.1. Exercicios, engádese a realización dun segundo exercicio para as categorías do Servizo de defensa contra incendios forestais, no que as persoas aspirantes terán que superar as seguintes probas:

Para as categorías 10B Vixilante fixo/a de defensa contra incendios forestais e 10C Emisorista de defensa contra incendios forestais, escoita incendios consistirá na superación dunha proba na que se examinará a agudeza visual lonxana en ambos os dous ollos, así como a visión cromática; realizado cun aparato para o control da visión tipo Visiotest ou equivalente.

Para as categorías 14 Bombeiro/a forestal e 14A Bombeiro/a forestal condutor/a consistirá na realización da proba física «Field Test», en que as persoas aspirantes terán que camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos.

As persoas aspirantes deberán acudir á realización da proba provistos dun certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, en que se faga constar que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico. O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de realización da proba. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo.

En ambos casos, este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto.

Para a realización das probas físicas, convocárase a un numero de persoas aspirantes igual ao número de prazas convocadas máis o 20% delas, seguindo a orde de puntuación obtida na fase de concurso.

O tribunal, en consideración ao número de persoas aspirantes convocadas, poderá decidir a realización das probas en diferentes chamamentos.

A execución da proba física será pública, pero non se permitirá a súa gravación por medio audiovisual algún porque puidera afectar a súa seguridade, ao dereito á intimidade persoal e á propia imaxe das persoas intervenientes nesta.

7.2. No anexo III «Táboa de equivalencias de escalas/categorías» modifícase a seguinte fila:

Proceso selectivo

Escala ou categorías equivalentes

Escala de persoal subalterno AP

– As escalas establecidas no apartado E do anexo do Decreto 91/1991, do 20 de marzo, sobre integración dos funcionarios na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

– As categorías profesionais 3 e 10E do grupo V do V Convenio colectivo de persoal laboral da Xunta de Galicia.

7.3. Engádese o anexo V «Requisitos»:

Proceso selectivo

Requisito

Categoría 14A Bombeiro/a forestal condutor/a

Carné de conducir B (estar en posesión ou en condicións de obtelo antes da publicación no DOG da resolución das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo)

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública