Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 26 de xaneiro de 2023 Páx. 9154

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 17 de xaneiro de 2023 pola que se realiza unha nova convocatoria do procedemento para que o profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional se integre no corpo de profesores de ensino secundario (código de procedemento ED021A).

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modifica a disposición adicional sétima da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e declara a extinguir o corpo de profesores técnicos de formación profesional.

A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, no artigo 85 crea o corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional; na disposición adicional quinta establécense as especialidades do corpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional que se integran no corpo de profesores de ensino secundario, así como as especialidades do dito corpo a extinguir que pasan a formar parte da atribución docente do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional.

Na mesma Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, dáse unha nova redacción á disposición adicional décimo primeira da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, integrando no corpo de profesores de ensino secundario o profesorado do corpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional que, no momento da entrada en vigor da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, ou no prazo que se establece no punto segundo da mesma disposición, posúa a titulación de grao universitario, licenciado ou licenciada, enxeñeiro ou enxeñeira e arquitecto ou arquitecta, ou equivalente para os efectos de acceso á función pública docente, ou outra equivalente para os efectos de docencia das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario.

Na mesma disposición habilítase o Goberno para que, logo de consulta coas administracións educativas, estableza o procedemento e as condicións desta integración, que producirá efectos para o persoal que reúna os requisitos e o solicite dentro do prazo inicial que se estableza, desde a entrada en vigor da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro. Para o persoal que o solicite con posterioridade a ese prazo inicial, os efectos serán a partir da data da súa solicitude, sempre que se encontre en condicións de ser integrado nesa data. Este dereito só poderá ser exercido ata o quinto ano posterior á vixencia da lei.

O Real decreto 800/2022, do 4 de outubro, regula a integración do profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional no corpo de profesores de ensino secundario, modifica diversos reais decretos relativos ao profesorado de ensinanzas non universitarias e constitúe o marco común básico normativo da regulación do procedemento para a integración do profesorado do corpo de profesores técnicos de formación profesional, a extinguir, no corpo de profesores de ensino secundario que desenvolvan as diferentes administracións educativas competentes.

No artigo 3 deste real decreto establécense os requisitos e condicións para integrarse, no artigo 4 o contido mínimo da convocatoria e no artigo 7 os efectos da resolución da integración. Así mesmo, este real decreto modifica, entre outros, os números 1 e 2 da disposición adicional única, e o anexo V do Regulamento de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, aprobado polo Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, declarando equivalentes para os efectos de docencia para o ingreso no corpo de profesores de ensino secundario, nas especialidades que se detallan no anexo V do regulamento, as titulacións de diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

Mediante a Orde do 28 de outubro de 2022 convocouse o procedemento para que o profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional se integre no corpo de profesores de ensino secundario (código de procedemento ED021A).

O artigo 8 do Real decreto 800/2022, do 4 de outubro, establece que o profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional que reunise os requisitos establecidos na disposición adicional décimo primeira da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con posterioridade á finalización do prazo establecido na convocatoria a que fai referencia o artigo 4, ou ben non solicitase a integración dentro do dito prazo, poderá solicitalo con posterioridade na Administración educativa que lle corresponda, ata o 19 de xaneiro de 2026.

Para os efectos de dar cumprimento ao mandato de desenvolvemento do procedemento de integración que establece o artigo 8 do citado real decreto, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades acorda realizar a convocatoria pública para que o profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional que non formulou a solicitude de integración na convocatoria realizada pola Orde do 28 de outubro de 2022 poida integrarse no corpo de profesores de ensino secundario, de acordo coas seguintes

Bases

Base primeira. Obxecto

A presente orde ten por obxecto convocar un procedemento, aberto ata o 19 de xaneiro de 2026, para que o profesorado funcionario de carreira do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, que reúna os requisitos e cumpra as condicións establecidas, poida integrarse no corpo de profesores de ensino secundario, de conformidade coa normativa básica establecida polo Real decreto 800/2022, do 4 de outubro. Este procedemento habilitarase na sede electrónica co código ED021A.

Base segunda. Especialidades do corpo de profesores de ensino secundario en que se pode solicitar a integración

O profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional que reúna os requisitos e as condicións establecidas na base cuarta poderá integrarse, logo de solicitude formulada nos termos recollidos na base quinta, nunha das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario que se relacionan no anexo II da presente convocatoria.

Base terceira. Consideración como especialidades do corpo de profesores de ensino secundario

1. De conformidade coa disposición transitoria quinta do Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato, na formación profesional e nas ensinanzas de réxime especial, e se establecen as especialidades dos corpos docentes de ensino secundario, engadida polo Real decreto 800/2022, do 4 de outubro, polo que se regula a integración do profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional no corpo de profesores de ensino secundario, e se modifican diversos reais decretos relativos ao profesorado de ensinanzas non universitarias, para os únicos efectos tanto do desenvolvemento do proceso de integración a que se refire a disposición adicional décimo primeira da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, como desta convocatoria pública de integración, considéranse como especialidades do corpo de profesores de ensino secundario as especialidades do corpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional que se relacionan no anexo III da presente convocatoria.

2. O profesorado titular dunha das especialidades citadas no punto anterior poderá participar nesta convocatoria pública de integración no corpo de profesores de ensino secundario, para os únicos efectos mencionados, se reúne os requisitos e as condicións que se establecen na base seguinte.

Base cuarta. Requisitos e condicións

Para poder participar na presente convocatoria pública de integración no corpo de profesores de ensino secundario deberán reunirse e acreditarse, na data en que se formule a solicitude, os seguintes requisitos e condicións:

1. Ser persoal funcionario de carreira do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional.

2. Ser titular da especialidade en que se solicita a integración.

3. Ter destino definitivo ou encontrarse en expectativa de destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Estar en situación de servizo activo ou na situación de servizos especiais, excedencia por coidado de familiares, excedencia por razón de violencia de xénero e excedencia por razón de violencia terrorista, sempre que tivese o seu último destino en servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Posuír unha das seguintes titulacións: grao, doutoramento, licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou equivalente para os efectos de acceso á función pública docente, diplomatura universitaria, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.

Base quinta. Solicitudes, prazo de presentación e documentación

1. As persoas interesadas deberán formular unha solicitude (anexo I), obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED021A).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día seguinte ao da publicación da presente orde na Diario Oficial de Galicia ata o 19 de xaneiro de 2026. Unha vez realizada a solicitude de integración, será vinculante nos seus termos para a persoa aspirante e non poderá ser obxecto de modificación. Así mesmo, tampouco se admitirá ningunha documentación complementaria alegada mediante o procedemento ED011A, de conformidade co establecido na epígrafe 3 desta base, unha vez presentada electronicamente a solicitude de integración mediante o procedemento normalizado ED021A.

3. Documentación complementaria.

Non será necesaria a presentación de documentación complementaria xunto coa solicitude deste procedemento normalizado.

Con todo, o persoal solicitante deberá proceder do xeito que se indica a seguir:

3.1. Persoal solicitante con expediente actualizado.

De conformidade co establecido no artigo 4.3 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A), todos os datos, tanto de identificación como académicos e profesionais que consten no expediente, serán empregados na tramitación e valoración de requisitos e méritos nos correspondentes procesos de selección de persoal, provisión de postos de traballo, procesos de desenvolvemento profesional, así como aqueloutros necesarios para a xestión do persoal docente.

O persoal solicitante poderá verificar o seu expediente persoal na páxina web www.edu.xunta.gal/datospersoais. No caso de seren correctos todos os datos profesionais e académicos, nomeadamente a titulación que lle permite a integración no corpo de profesores de ensino secundario, o persoal solicitante soamente deberá presentar a solicitude de integración por medios electrónicos de conformidade co establecido nesta convocatoria pública.

3.2. Persoal solicitante con expediente sen actualizar.

O persoal docente que solicite a integración e non teña o seu expediente actualizado, concretamente os datos académicos referidos ás titulacións que posúe, ademais de presentar a solicitude de integración por medios electrónicos (código de procedemento ED021A), deberá presentar a solicitude de actualización e/ou modificación do expediente xunto coa documentación xustificativa, de acordo co establecido no artigo 7 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A). A actualización do expediente persoal mediante o procedemento normalizado ED011A deberá presentarse electronicamente no mesmo día en que se formula a solicitude de integración mediante o procedemento normalizado ED021A, de tal modo que se poidan tramitar conxuntamente ambas as solicitudes.

Para estes efectos, aquelas persoas que non dispoñan do título deberán presentar, xunto coa solicitude do procedemento normalizado ED011A, a certificación académica oficial que acredite que se realizaron todos os estudos para a obtención do título xunto co recibo acreditativo conforme se efectuou o pagamento correspondente das taxas de expedición deste. No caso de titulacións expedidas no estranxeiro, deberá achegarse a credencial que acredite a súa homologación ou a declaración de equivalencia ao nivel académico de grao, segundo o Real decreto 889/2022, do 18 de outubro, polo que se establecen as condicións e os procedementos de homologación, de declaración de equivalencia e de validación de ensinanzas universitarias de sistemas educativos estranxeiros e polo que se regula o procedemento para establecer a correspondencia ao nivel do Marco español de cualificacións para a educación superior dos títulos universitarios oficiais pertencentes a ordenacións académicas anteriores, e o Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais, así como a determinados aspectos da profesión de avogado (BOE do 20 de novembro).

3.3. Comprobación de datos.

3.3.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.

3.3.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3.3.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

3.3.4. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades verificará na súa base de datos de persoal os seguintes requisitos e condicións de participación da persoa interesada, de conformidade co establecido no artigo 4.3 da Orde do 2 de xuño de 2021 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006 (código de procedemento ED011A):

a) Condición de persoal funcionario de carreira do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional.

b) Especialidade de que é titular.

c) Situación administrativa e, de ser o caso, onde teña o seu último destino en servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Base sexta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos que non vaian ser obxecto de publicación de conformidade co previsto nesta orde practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal

Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Base sétima. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Base oitava. Órgano de instrución

O órgano de instrución da presente convocatoria pública de integración será unha comisión constituída por persoal funcionario con destino na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos e os seus membros serán nomeados pola persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

De entre os seus membros nomearase unha persoa que exercerá de secretario ou secretaria da comisión.

Está comisión estará cualificada na categoría primeira, para os efectos previstos no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo), e polo Decreto 96/2011, do 5 de maio (DOG do 30 de maio, corr. de erros do 1 de xuño).

Base novena. Funcións do órgano de instrución

A comisión a que se fai referencia na base anterior terá as seguintes funcións:

a) Comprobar que as persoas solicitantes reúnen os requisitos e as condicións establecidas na base cuarta para a integración no corpo de profesores de ensino secundario.

b) Ditar a resolución provisional pola que se aproba a relación de persoas que se propoñen para ser integradas no corpo de profesores de ensino secundario, así como daquelas que se exclúen provisionalmente coa causa de exclusión e a publicación no portal da internet da consellería www.edu.xunta.gal

c) Resolver as reclamacións que se presenten contra a resolución provisional de persoas que se propoñen para ser integradas no corpo de profesores de ensino secundario, así como daquelas que se exclúen provisionalmente.

d) Ditar a resolución pola que se aproba a relación definitiva de persoas que se propoñen para ser integradas no corpo de profesores de ensino secundario, así como daquelas que se exclúen definitivamente, coa causa de exclusión e a publicación no portal da internet da consellería www.edu.xunta.gal

e) Propor, cada tres meses, ao órgano de resolución, isto é, á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a relación definitiva de persoas que serán integradas no corpo de profesores de ensino secundario.

Base décima. Relación provisional de persoas propostas para a integración, persoas excluídas e reclamacións

Logo de realizada, cada tres meses, a comprobación dos requisitos e condicións, a comisión que actúa como órgano de instrución ditará unha resolución pola que se aprobará a relación provisional de persoas que se propoñen para ser integradas no corpo de profesores de ensino secundario, así como daquelas que se exclúen por non reuniren algún dos requisitos e condicións exixidas, especificando a causa ou causas de exclusión. Esta resolución publicarase no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades www.edu.xunta.gal

As persoas interesadas poderán formular reclamacións contra a resolución pola que se aproba a relación provisional de persoas que se propoñen para ser integradas e as que se exclúen, mediante o trámite de “Alegacións” que se activará para estes efectos no procedemento normalizado ED021A, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no citado portal da internet da consellería.

Transcorrido este prazo sen que se emende a causa de exclusión e/ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderanse implícitas na resolución pola que se aproba a listaxe definitiva de persoas aspirantes que a comisión propón ao órgano de resolución para seren integradas no corpo de profesores de ensino secundario e das que se exclúen da integración.

Base décimo primeira. Relación definitiva de persoas que se propoñen para a súa integración no corpo de profesores de ensino secundario e persoas excluídas

Logo de revisadas as reclamacións contra a resolución que declara con carácter provisional as persoas aspirantes admitidas e excluídas, de conformidade co establecido na base anterior, a comisión ditará unha resolución pola que se aprobará a relación definitiva de persoas que se propoñen para seren integradas no corpo de profesores de ensino secundario e das persoas excluídas, que se publicará no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades www.edu.xunta.gal

Base décimo segunda. Resolución do procedemento de integración, publicación da relación de persoas que se integran no corpo de profesores de ensino secundario e recursos

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, coa condición de órgano de resolución desta convocatoria pública de integración, mediante orde resolverá e publicará cada tres meses, no Diario Oficial de Galicia, as listas de persoas que se integran no corpo de profesores de ensino secundario, por especialidades.

Contra a citada orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo que resulte competente, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Base décimo terceira. Cambio de destino durante a instrución do procedemento

De conformidade co artigo 9 do Real decreto 800/2022, do 4 de outubro, cando a persoa que solicite a integración, cambie de destino a outra Administración educativa durante a súa instrución, resolverá a Administración que recibiu a solicitude, dará cumprimento dos efectos que correspondan ata a data de cambio de destino, e dará traslado do expediente á Administración educativa do novo destino.

Base décimo cuarta. Profesorado destinado na Administración educativa no exterior

De conformidade co artigo 11 do Real decreto 800/2022, do 4 de outubro, o profesorado que se atope destinado na Administración educativa no exterior durante a convocatoria, se desexa participar nela deberá facelo na súa Administración educativa de orixe.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional responsabilizarase dos efectos económicos e administrativos que lle puidesen corresponder a este profesorado só durante o período temporal de permanencia no exterior.

Base décimo quinta. Prazo de resolución

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución definitiva deste procedemento de integración non poderá exceder os tres meses, contados a partir da data en que a solicitude de integración tivese entrada no rexistro electrónico da Administración competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen publicar a resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse rexeitadas por silencio administrativo.

Base décimo sexta. Efectos da resolución de integración

1. Os efectos das resolucións estimatorias da integración serán da data da solicitude que efectúe a persoa interesada.

Base décimo sétima. Profesorado con máis dunha especialidade

O profesorado do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional que posúa máis dunha especialidade nese corpo, e pase a estar integrado no corpo de profesores de ensino secundario, manterá a atribución docente como profesor de ensino secundario naquelas especialidades do corpo, a extinguir, de profesores técnicos de formación profesional das que sexa titular na data da súa integración.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/s modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/s procedemento/s regulado/s nesta disposición poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recursos

De conformidade co establecido nos artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou poderá formularse directamente recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo que resulte competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Execución

Facúltase ao persoal titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar e executar todas as medidas precisas para o correcto desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO II

Código

Especialidade

590231

Equipamentos Electrónicos

590205

Instalación de Mantemento de Instalacións Térmicas e de Fluídos

590206

Instalacións Electrotécnicas

590207

Instalacións e Equipamentos de Cría e Cultivo

590208

Laboratorio

590210

Máquinas, Servizos e Produción

590212

Oficina de Proxectos de Construción

590213

Oficina de Proxectos de Fabricación Mecánica

590214

Operacións e Equipamentos de Elaboración de Produtos Alimentarios

590215

Operacións de Procesos

590216

Operacións e Equipamentos de Produción Agraria

590219

Procedementos de Diagnóstico Clínico e Ortoprotésico

590220

Procedementos Sanitarios e Asistenciais

590221

Procesos Comerciais

590222

Procesos de Xestión Administrativa

590224

Produción Téxtil e Tratamentos Fisicoquímicos

590225

Servizos á Comunidade

590227

Sistemas e Aplicacións Informáticas

590229

Técnicas e Procedementos de Imaxe e Son

ANEXO III

Código

Especialidade

590230

Cociña e Pastelaría

590232

Estética

590204

Fabricación e Instalación de Carpintaría e Moble

590209

Mantemento de Vehículos

590211

Mecanizado e Mantemento de Máquinas

590217

Patronaxe e Confección

590218

Peiteado

590223

Produción de Artes Gráficas

590226

Servizos de Restauración

590228

Soldadura

missing image file
missing image file
missing image file