Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2023 Páx. 19829

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Incio (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Incio (Lugo), mediante a Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 6 de marzo de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1349&_aaeTipology_WAR_aae_id=1349

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva do
Plan xeral de ordenación municipal do Incio (Lugo)

O Concello do Incio, con data do 23 de decembro de 2022, remite para a súa aprobación definitiva o expediente completo do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o disposto na disposición transitoria 2.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), en relación co artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga). Consonte esta disposición, o plan, que na data de entrada en vigor da LSG contaba con aprobación inicial, poderá continuar a súa tramitación a teor do disposto na Louga, ben que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á LSG.

Unha vez analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes e tramitación.

1. O municipio do Incio réxese actualmente polo PXOM aprobado definitivamente (AD) con data do 7.12.2005, adaptado á Louga, con dúas modificacións puntuais (AD do 3.6.2008), e o Plan parcial do sector URB-DE-I1 (AD do 2.4.2007).

2. Como instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no concello constan:

– Directrices de ordenación do territorio, do 10.2.2011.

– Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal, do 2.5.2013.

– Programa coordinado de actuación Primeira revisión do Plan forestal de Galicia cara á neutralidade carbónica 2021-2040, do 30.9.2021.

– Plan sectorial eólico de Galicia, primeira modificación, Serra da Trapa.

3. O Concello do Incio remitiulle ao órgano ambiental o 8.2.2012 o documento de inicio do PXOM para tramitarse de acordo co establecido na Louga, para comezar o trámite da avaliación ambiental estratéxica. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o documento de referencia o 4.4.2012.

4. En virtude do artigo 85.1 da Louga, o Concello achegou á Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o PXOM, que emite o informe previo á aprobación inicial o 26.12.2012.

5. Con data do 11.9.2015 o Concello en Pleno aprobou inicialmente o PXOM (DOG do 21 de outubro de 2015).

6. Foi sometido a información pública durante dous meses, mediante anuncios no DOG e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso o día 19 de outubro de 2015. Simultaneamente, déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Sarria, Samos, O Courel, A Pobra de Brollón, Bóveda e Paradela, e leváronse a cabo as consultas ás administracións e organismos afectados.

7. Tendo en conta a data de aprobación inicial do PXOM, e de acordo coa disposición transitoria primeira do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, o disposto nese regulamento non será de aplicación obrigatoria.

8. Con data do 24.1.2019 o Concello presentoulle ao órgano ambiental a documentación do PXOM adaptada á LSG. Mediante a Resolución do 22 de abril de 2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM do Incio (DOG do 14 de maio de 2019).

9. Con data do 11.5.2019 o Concello en Pleno aprobou provisionalmente o PXOM, logo de informe dos servizos xurídicos e técnicos municipais. Con data do 5.11.2021 o Pleno do Concello acorda unha segunda aprobación provisional do PXOM, logo dos informes xurídicos e técnicos municipais.

10. Durante o procedemento solicitáronse informes sectoriais aos seguintes organismos:

• Ministerio de Facenda e Administracións Públicas-Dirección Xeral de Patrimonio do Estado-Dirección Xeral do Catastro. Xerencia Rexional do Catastro en Galicia: informes do 15.12.2011 e do 22.10.2015.

• Ministerio de Industria, Enerxía e Telecomunicacións-Secretaría de Estado de Telecomunicacións: informe do 12.11.2015, desfavorable, e de 15.1.2018, favorable.

• Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo - Dirección Xeral de Política Enerxética e de Minas: informe do 1.4.2015.

• Ministerio de Medio Ambiente-Confederación Hidrográfica Miño-Sil: informes do 18.2.2016, 7.3.2017, 21.8.2018 e 13.12.2017, desfavorables, e do 11.10.2018, favorable con condicións.

• Subdelegación do Gobierno: informes da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servicios de Comunicación Audiovisual do 18.5.2022 e 15.7.2022, desfavorables, e do 12.8.2022, favorable; da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, do 25.4.2022, favorable; da Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria do 28.4.2022, 3.8.2022 e 5.10.2022, desfavorables, e do 8.11.2022, favorable; Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do 12.5.2022, que ratifica o informe do 11.10.2018; ADIF, do 4.5.2022, con alegacións.

• Dirección Xeral de Patrimonio do Estado: informe do 22.3.2016, non afección.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informes do 19.11.2015, desfavorable, e de 30.5.2016, favorable condicionado.

• Dirección Xeral de Enxeñería e Minas: informe do 6.11.2015, con información.

• Axencia Galega de Infraestruturas (AXI): informes do 10.2.2016 e 9.5.2017, desfavorables, e do 14.8.2017, favorable.

• Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS): informe do 10.11.2015, non procede.

• Dirección Xeral de Conservación da Natureza: informe do 7.4.2016, con información.

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental: informe sobre o ISA do 12.1.2016, con consideracións. Informe sobre solos contaminados do 12.1.2016, favorable.

• Instituto de Estudios do Territorio (IET): informe do 4.2.2016, favorable condicionado.

• Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural: informe do 24.2.2016, con información.

• Dirección Xeral de Emerxencias e Interior: informe do 8.4.2022, favorable.

• Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal-Dirección Xeral de Defensa do Monte: informes do 20.9.2016, favorables.

• Augas de Galicia: informe no trámite de AAE en que remite a competencia á CH Miño- Sil.

• Consellerías de Economía, Emprego e Industria e de Sanidade: sen resposta.

• Consellería de Facenda: informe do 8.4.2016, sen afeccións.

• Dirección Xeral de Mobilidade: sen resposta.

• Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos: sen resposta.

• Deputación Provincial de Lugo: informes do 23.1.2016, 4.4.2017 e 7.12.2017, desfavorables, e do 21.3.2018, favorable.

• Concello de Sarria: informe do 15.2.2016.

• Concello de Samos: informe do 2.12.2015.

• Concellos de Folgoso do Courel, A Pobra de Brollón, Bóveda e Paradela: sen resposta.

II. Análise e consideracións.

Analizado o PXOM do Incio que se somete á aprobación definitiva pola Xunta de Galicia, púidose comprobar que se axusta ao establecido na normativa urbanística de aplicación.

Porén, cómpre facer as seguintes consideracións:

II.1. Adaptación á lexislación urbanística, estrutura xeral e orgánica, e modelo de ordenación.

1. Na normativa urbanística (NU) e na memoria xustificativa (MX) eliminaranse as referencias e determinacións da Louga, adaptando os textos á LSG.

2. Respecto ás dotacións (públicas ou privadas) na memoria xustificativa, detectouse:

– Os cemiterios parroquiais constarán como equipamentos privados, mentres que as paraxes de autobús e as fontes deberán cualificarse como sistema de infraestruturas e servizos urbanos.

– Xustificarase o cumprimento dos límites de sostenibilidade para o P02.

3. O plano de estrutura xeral e orgánica sinala as dotacións do sistema xeral SX-Dpv-EQ-AS-158-Ex e SX-Dpv-IS-ABS-167-Ex como privadas (código Dpv), cando deben ser públicas (Dpb).

II.2. Determinacións en solo urbano.

1. Solo urbano consolidado:

a) Adecuarase a ordenanza de espazos libres e zonas verdes das NU (artigo 246) ao uso característico correspondente a esa clase de solos.

b) Na folla 03 do plano de ordenación, na zona sur con ordenanza 02, gráfase unha aliñación que tamén é límite final do solo urbano, lindeiro co solo rústico, que cómpre eliminar.

2. Solo urbano non consolidado (P-1 con ordenación detallada e de iniciativa pública, e P-2 remitido á redacción de planeamento e de iniciativa privada):

– No P-1 corrixiranse na ficha o índice de edificabilidade e as superficies de cada dotación.

– No P-2 completarase a ficha coas reservas mínimas para sistemas locais e a superficie máxima edificable (artigo 54.2.b) e c).

II.3. Determinación do solo de núcleo rural.

1. Algunha das aliñacións sinaladas non permiten o acceso rodado público do artigo 24.2 e 5 da LSG. As aliñacións deberán axustarse ao establecido no artigo 92 da LSG, en especial nas frontes a parcelas baleiras nas zonas de núcleo común, agás que existan edificacións e peches tradicionais (que deberán estar sinalados).

2. Detéctase falta de aliñacións na zona sur de Valbón, no leste de Calvos, no norte de Pedrouzos e na zona común de Pacios.

3. En Laiosa-Codesido, gráfanse aliñacións no que semellan servidumes ou camiños rurais.

4. Eliminaranse as zonas comúns de Trascastro.

II.4. Determinacións en solo urbanizable.

1. Nas fichas, engadirase a iniciativa de actuación pública ou privada.

2. Na ficha do sector SUB-01, cuxo planeamento se incorpora como subsistente, deberá figurar a determinación solicitada polo punto 1 da memoria ambiental (que figura no artigo 260.4 NU).

3. Na ficha do sector SUB-02 recollerase o aproveitamento tipo e a edificabilidade máxima permitida, o sistema de actuación, tipoloxías edificatorias e as reservas mínimas para dotacións públicas segundo a LSG. O sistema xeral viario SX.Dpb.IC.VIA.SUB2.Ob está grafado na ficha e nos planos de ordenación fóra do ámbito (aínda que na ortofoto da MX (pax. 52) está incluído), pero despréndese da EE e EA que é un sistema adscrito, polo que deberá corrixirse. Completaranse as determinacións indicando condicións respecto do reforzo e conexión coas redes de servizos da MX, e recollendo a determinación solicitada no punto 2 da memoria ambiental.

II.5. Determinacións en solo rústico.

1. Recollerase na NU o establecido nas determinacións 5 e 7 da memoria ambiental.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Incio, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

Esas condicións deberán ser integradas nun documento refundido, debidamente dilixenciado, que o Concello lle enviará á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.