Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2023 Páx. 20308

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, pola que se ordena a publicación da Resolución do 24 de marzo de 2023 de modificación da Resolución pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos (código de procedemento FA500A).

No Diario Oficial de Galicia número 117, do 22 de xuño de 2021, publicouse a Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se establecían as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio), e se convocaban para as anualidades 2021 a 2025.

A orde recolle que a subvención se destinará á consecución das seguintes finalidades:

– Instalación de caixeiros automáticos nos locais que os concellos interesados determinen, sempre que estes locais poidan cumprir os requisitos técnicos exixidos pola normativa vixente.

– Mantemento do caixeiro nas condicións que aseguren o seu normal funcionamento.

– Servizo mínimo de asistencia e formación financeira personalizado.

Estes servizos prestaranse nos concellos que teñan asinado con carácter previo un convenio para a universalización dos servizos financeiros coa Administración autonómica.

No DOG núm. 233, do 3 de decembro do 2021, publicouse a Resolución pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos. Como anexo desta resolución enumeráronse os 38 concellos que tiñan asinado o convenio de universalización dos servizos financeiros coa Administración autonómica.

No artigo 20 da orde reguladora da subvención establécese que, con carácter anual, e en calquera caso antes do 30 de xuño de cada exercicio, a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro comunicará á entidade beneficiaria a relación de concellos que desde a data da última comunicación formalizaran o correspondente convenio de colaboración para a universalización de servizos financeiros.

Deste modo, mediante o Acordo do consello da Xunta do 19 de xaneiro de 2023 estableceuse a apertura dun novo prazo de adhesión ao protocolo para a universalización dos servizos financeiros nos concellos galegos.

Neste novo prazo adheríronse ao protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp cinco concellos: Beade, Punxín, Ribas de Sil, Toén e Castrelo do Val.

Os convenios con Punxín e Toén foron asinados o 13 de marzo de 2023. Os convenios con Beade, Ribas de Sil e Castrelo do Val asináronse o 14 de marzo de 2023.

A sinatura destes novos convenios motiva a necesidade da modificación da resolución de concesión.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e consonte o indicado no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tal como sinala o artigo 20 da dita Orde do 18 de xuño de 2021, publicarase no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas.

Polo exposto,

RESOLVO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 24 de marzo de 2023 de modificación da resolución pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos, ditada no procedemento FA500A, e que se xunta coa presente resolución como anexo.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

David Cabañó Fernández
Director xeral de Política Financeira e Tesouro

ANEXO

Resolución de modificación da resolución pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos

Motivo de modificación da resolución: sinatura de novos convenios para a universalización dos servizos financeiros.

Antecedentes:

1. A Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos consistentes na instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos e a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira en entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia (prioritariamente nos concellos sen entidade financeira no seu territorio), e se convocan para as anualidades 2021 a 2025, foi publicada no DOG núm. 117, do 22 de xuño de 2021.

2. Con data do 18 de xuño de 2021 foi aprobada a autorización do gasto por un importe de dous millóns oitocentos oitenta e tres mil seiscentos euros (2.883.600,00 €), que corresponde a esta subvención destinada a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos no período 2021-2025, con cargo á aplicación orzamentaria 23.03.721A.470.0 (código de proxecto 202100092-Universalización Financeira) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3. No DOG núm. 233, do 3 de decembro do 2021, publicouse a Resolución do 26 de novembro de 2021 pola que finaliza o procedemento de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos.

No punto primeiro desta resolución resólvese conceder a mencionada subvención con cargo á aplicación orzamentaria 23.03.712A.470.0 (código de proxecto 2021-00092), a Abanca Corporación Bancaria, S.A., segundo a tipoloxía do convenio asinado e en vigor entre a entidade local e a Xunta de Galicia para a prestación de servizos bancarios básicos.

O punto segundo establece: «O importe máximo da subvención é de 1.217.520,00 euros, nos termos e condicións recollidos na Orde do 18 de xuño do 2021 e na solicitude do interesado, que prevé un grao de cofinanciamento do 50 %, de tal forma que o módulo para a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos terá unha asignación máxima de 7.100 € anuais por caixeiro».

O punto sétimo establece a incorporación como anexo desta resolución da enumeración dos concellos que, con carácter previo, tiñan asinado coa Administración autonómica convenio de colaboración para a universalización dos servizos financeiros, un total de 38 concellos.

O importe máximo establecido no mencionado punto segundo da resolución é o importe comprometido con relación aos 38 convenios asinados e incluídos no seu anexo.

4. O artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia establece como contido mínimo das bases reguladoras as circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderían dar lugar á modificación da resolución regulada no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Consonte co mencionado artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, a circunstancia que podería dar lugar á modificación da resolución está regulada no artigo 20 da Orde do 18 de xuño, que establece que, con carácter anual, e en calquera caso antes do 30 de xuño de cada exercicio, a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro lle comunicará á entidade beneficiaria a relación de concellos que desde a data da última comunicación formalizasen o correspondente convenio de colaboración para a universalización de servizos financeiros.

Deste modo, mediante o Acordo do Consello da Xunta do 19 de xaneiro de 2023 estableceuse a apertura dun novo prazo de adhesión para a universalización dos servizos financeiros nos concellos galegos afectados.

Neste novo prazo adheríronse ao protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fegamp cinco concellos: Beade, Punxín, Ribas de Sil, Toén e Castrelo do Val.

Os convenios con Punxín e Toén foron asinados o 13 de marzo de 2023. Os convenios con Beade, Ribas de Sil e Castrelo do Val asináronse o 14 de marzo de 2023.

A sinatura destes convenios é unha circunstancia prevista no artigo 20 da orde de concesión da subvención e que fai necesaria a modificación dos puntos segundo e sétimo da Resolución do 26 de novembro do 2021 para reflectir os compromisos derivados dos novos convenios, e mantense o resto do establecido nela.

En consecuencia, segundo o reflectido no artigo 20 da orde reguladora, en virtude da competencia delegada no artigo 3 para resolver o procedemento de concesión,

RESOLVO:

Modificar a resolución pola que finaliza o procedemento de concesións de subvención en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios básicos, asinada o 26 de novembro de 2021, nos seguintes puntos:

Segundo. O importe máximo da subvención é de 1.325.250,41 € (dos cales 1.217.520,00 € corresponden co importe máximo establecido por mor dos compromisos derivados dos convenios de universalización dos servizos financeiros do anexo I desta resolución, e 107.730,41 € corresponden co importe máximo por mor dos compromisos derivados dos convenios de universalización de servizos financeiros do anexo II desta resolución), nos termos e condicións recollidos na Orde do 18 de xuño de 2021 e na solicitude do interesado, que prevé un grao de cofinanciamento do 50 %, de tal forma que o módulo para a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos terá unha asignación máxima de 7.100 € anuais por caixeiro.

Sétimo. No anexo I desta resolución enuméranse os concellos que, con carácter previo á sinatura da Resolución de concesión do 26 de novembro de 2021, tiñan asinado con esta Administración autonómica o correspondente convenio de colaboración para a universalización dos servizos financeiros. No anexo II desta resolución enuméranse os concellos que asinaron no exercicio 2023 con esta Administración autonómica o correspondente convenio de colaboración para a universalización dos servizos financeiros.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023. O conselleiro de Facenda e Administración Pública. P.D. (artigo 3 da Orde do 18.6.2021), David Cabañó Fernández, director xeral de Política Financeira e Tesouro

Anexo I

Relación de concellos que tiñan asinado o convenio de colaboración para a universalización de servizos financeiros antes do 26 de novembro do 2021

A Coruña:

1. Aranga.

2. Cabanas.

3. Coirós.

4. Dodro.

5. Lousame.

6. Paderne.

7. Santiso.

8. Toques.

9. Vilasantar.

10. Vilarmaior.

11. Dumbría.

12. Monfero.

Lugo:

1. O Páramo.

2. Ribeira de Piquín.

3. Samos.

4. O Vicedo.

Ourense:

1. A Arnoia.

2. Baltar.

3. Os Blancos.

4. Carballeda de Avia.

5. Cenlle.

6. Chandrexa de Queixa.

7. Xunqueira de Ambía.

8. Xunqueira de Espadañedo.

9. Larouco.

10. Lobeira.

11. Melón.

12. Oímbra.

13. Petín.

14. Piñor.

15. Pontedeva.

16. Porqueira.

17. Rairíz de Veiga.

18. Taboadela.

19. A Teixeira.

20. A Peroxa.

21. Vilar de Santos.

22. San Xoán de Río.

Anexo II.

Relación de concellos que asinaron o convenio de colaboración para a universalización de servizos financeiros no exercicio 2023

Lugo:

1. Ribas do Sil.

Ourense:

1. Beade.

2. Castrelo do Val.

3. Punxín.

4. Toén