Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2023 Páx. 20316

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 15 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2022 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A promoción, desenvolvemento e mellora da calidade do Sistema universitario de Galicia implica tamén apreciar e incentivar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro do noso país. Esa implicación é a que leva á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a seguir recoñecendo o esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata os estudos universitarios cunha excelente traxectoria académica, convocando cada ano os premios fin de carreira.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma para o alumnado que rematou brillantemente os seus estudos universitarios conducentes a unha titulación oficial de grao no curso académico 2021/22, nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).

2. Estes premios, ademais de ter asinada unha dotación económica, supoñen un recoñecemento de carácter oficial para o alumnado que conta co mellor expediente académico de entre as persoas solicitantes.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.422C.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023, cunha contía global de 381.500 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá solicitar estes premios o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter cursado integramente os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

b) Ter rematada a titulación oficial de grao no curso académico 2021/22.

c) No programa de simultaneidade de graos, ter rematado os dous graos no curso académico 2021/22.

d) Ter unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

e) Non poderán obter un premio fin de carreira aquelas persoas que xa obtiveron un en anteriores convocatorias.

f) Así mesmo, non poderán optar a un premio aquelas persoas que teñan superado máis dun terzo das materias da titulación por cursos ponte ou recoñecementos.

Artigo 4. Dotación do premio

1. As persoas premiadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción. O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

2. Só se poderá recibir un premio por persoa. Na simultaneidade de graos, no caso de que unha persoa resulte seleccionada en máis dun grao, deberá escoller en que grao desexa recibir o premio.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada a todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Título universitario oficial español.

d) Documento da universidade correspondente en que deberá constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data do 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro). Así mesmo, deberá constar o curso en que se superou o traballo fin de grao (TFG) e se ten superado máis dun terzo das materias da titulación por cursos ponte ou recoñecementos.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Obrigas das universidades

Os servizos administrativos correspondentes das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirán, á Secretaría Xeral de Universidades, unha certificación en que se fará constar o número de persoas egresadas no período comprendido entre o 1 de setembro de 2021 e o 30 de setembro de 2022 en cada unha das titulacións incluídas no anexo I desta orde.

Artigo 10. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes e a listaxe das persoas que non obtiveron o premio.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades www.edu.xunta.gal tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 11. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para a emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas e os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días. Durante ese prazo, poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que, para o efecto, se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 13. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria realizarase pola Comisión Avaliadora atendendo ao expediente académico coa cualificación da nota media máis alta obtida en cada unha das titulacións de grao implantadas no Sistema universitario de Galicia, segundo a táboa incluída no anexo I desta orde.

2. Nas titulacións que compitan entre si, conforme as agrupacións establecidas na táboa do anexo I, obterá o premio a titulación coa nota media máis alta.

3. A nota media calcularase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

4. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1ª. Maior número de matrículas de honra.

2ª. Maior número de sobresalientes.

3ª. Maior número de notables.

4ª. Maior número de aprobados.

5. O número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación do xeito seguinte:

a) Ata 99 persoas egresadas: un premio.

b) Entre 100 e 199 persoas egresadas: dous premios.

c) Entre 200 e 299 persoas egresadas: tres premios.

d) Entre 300 e 399 persoas egresadas: catro premios.

e) Entre 400 e 499 persoas egresadas: cinco premios.

f) Con 500 ou máis persoas egresadas: seis premios.

O número de persoas egresadas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 9 desta orde.

6. O premio quedará deserto nos seguintes casos:

1. Cando o grao polo que se opta ao premio non acade un mínimo de 30 persoas egresadas, segundo a certificación emitida polos servizos administrativos das universidades.

2. Ou cando a suma das persoas egresadas dos graos que compiten entre si, conforme a táboa do anexo I, non acaden ese mínimo de 30.

No caso de que houbese varios graos da mesma rama de coñecemento nesa situación, poderán agregarse entre eles para acadar o mínimo de persoas egresadas exixido e optar a un dos premios desta convocatoria.

Artigo 14. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 15. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a súa contía.

b) Listaxe das persoas que non obtiveron premio.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, www.edu.xunta.gal pola que se entenderán notificados, para todos os efectos, os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria da cal deberá ser titular.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Informar o órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

b) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Acreditar mediante certificación que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de que a persoa interesada se opoña á consulta ou non preste ou seu consentimento expreso, de ser o caso. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo II desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

d) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades o modelo 145 do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada nas dúas semanas seguintes á publicación da orde de resolución da concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Compatibilidade, modificación e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade calquera que sexa a súa natureza ou entidade que as conceda.

2. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do reintegro, total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que lle poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña o premio sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motiven a súa concesión.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Información sobre a xestión de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Táboa de titulacións

Artes e Humanidades

Grao en Filoloxía Clásica

Grao en Filosofía

Grao en Historia

Grao en Xeografía e Historia

Grao en Historia da Arte

Grao en Lingua e Literatura Españolas

Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios

Grao en Español, Estudos Lingüísticos e Literarios

Grao en Lingua e Literatura Galegas

Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios

Grao en Lingua e Literatura Inglesas

Grao en Inglés, Estudos Lingüísticos e Literarios

Grao en Linguas Estranxeiras

Grao en Linguas e Literaturas Modernas

Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural

Grao en Humanidades

Grao en Información e Documentación

Grao en Tradución e Interpretación

Grao en Belas Artes

Ciencias

Grao en Bioloxía

Grao en Biotecnoloxía

Grao en Física

Grao en Matemáticas

Grao en Química

Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Grao en Ciencias Ambientais

Grao en Ciencias do Mar

Ciencias da Saúde

Grao en Enfermaría

Grao en Psicoloxía

Grao en Odontoloxía

Grao en Nutrición Humana e Dietética

Grao en Farmacia

Grao en Fisioterapia

Grao en Logopedia

Grao en Medicina

Grao en Óptica e Optometría

Grao en Podoloxía

Grao en Terapia Ocupacional

Grao en Veterinaria

Ciencias Sociais e Xurídicas

Grao en Administración e Dirección de Empresas

Grao en Ciencia Política e da Administración

Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Grao en Ciencias Empresariais

Grao en Comercio

Grao en Comunicación Audiovisual

Grao en Criminoloxía

Grao en Dereito

Grao en Dirección e Xestión Pública

Grao en Economía

Grao en Educación Infantil

Grao en Mestre de Educación Infantil

Grao en Educación Social

Grao en Educación Primaria

Grao en Mestre de Educación Primaria

Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio

Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas

Grao en Xestión Industrial da Moda

Grao en Pedagoxía

Grao en Xornalismo

Grao en Publicidade e Relacións Públicas

Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos

Grao en Socioloxía

Grao en Traballo Social

Grao en Turismo

Enxeñaría e Arquitectura

Grao en Arquitectura Técnica

Grao en Enxeñaría Agraria

Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria

Grao en Enxeñaría Aeroespacial

Grao en Enxeñaría Biomédica

Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto

Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais

Grao en Enxeñaría en Química Industrial

Grao en Enxeñaría Química

Grao en Enxeñaría Eléctrica

Grao en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática

Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática

Grao en Enxeñaría Mecánica

Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación

Grao en Náutica e Transporte Marítimo

Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía

Grao en Tecnoloxías Mariñas

Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais

Grao en Enxeñaría Forestal

Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural

Grao en Enxeñaría Informática

Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica

Grao en Enxeñaría da Enerxía

Grao en Enxeñaría de Obras Públicas

Grao en Enxeñaría Civil

Grao en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil

Grao en Enxeñaría en Organización Industrial

Grao en Arquitectura

Grao en Estudos de Arquitectura

Grao en Paisaxe

missing image file
missing image file
missing image file