Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 14 de abril de 2023 Páx. 23429

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se dá publicidade da Instrución interpretativa conxunta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais sobre o título habilitante exixible para a instalación de paneis solares térmicos ou fotovoltaicos para o autoconsumo, e sobre os requisitos para a implantación de instalacións para o aproveitamento de enerxía solar en solo rústico.

O 3 de abril de 2023 a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais adoptaron unha instrución sobre o título habilitante exixible para a instalación de paneis solares térmicos ou fotovoltaicos para o autoconsumo e sobre os requisitos para a implantación de instalacións para o aproveitamento de enerxía solar en solo rústico, que figura como anexo desta resolución.

Coa finalidade de que as administracións locais e a cidadanía poidan coñecer os criterios que seguirá a Administración autonómica nesta materia, considérase necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o exposto e ao abeiro do sinalado no artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público,

RESOLVO:

Ordenar a publicación da Instrución conxunta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais sobre o título habilitante exixible para a instalación de paneis solares térmicos ou fotovoltaicos para o autoconsumo e sobre os requisitos para a implantación de instalacións para o aproveitamento de enerxía solar en solo rústico, como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Instrución interpretativa conxunta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais sobre o título habilitante exixible para a instalación de paneis solares térmicos ou fotovoltaicos para o autoconsumo e sobre os requisitos para a implantación de instalacións para o aproveitamento de enerxía solar en solo rústico

De conformidade co previsto nos artigos 2.1.e) e 10 do Decreto 36/2022, do 10 de marzo, polo que se crea e regula a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, corresponde á Comisión Permanente da dita Xunta Consultiva elaborar e propoñer, de oficio ou por instancia das persoas sinaladas no artigo 15, instrucións e medidas que considere precisas para mellorar a eficacia da ordenación do territorio e o urbanismo no ámbito da Comunidade Autónoma.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ante as numerosas dúbidas que están a darse nos diferentes concellos e os diferentes criterios que se están aplicando, traslada á Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo a necesidade e conveniencia de clarificar cal debe ser o título habilitante de natureza urbanística municipal exixible para a instalación de paneis solares térmicos ou fotovoltaicos para o aproveitamento de enerxía solar para o autoconsumo, así como sobre os requisitos necesarios para a implantación de instalacións para o aproveitamento da enerxía solar en solo rústico.

A medida responde a cuestións de axilidade, simplificación e racionalización dos procedementos administrativos, co fin de elaborar unha instrución interpretativa e poder trasladar o criterio acordado aos concellos e demais axentes e operadores técnicos e xurídicos que desenvolven as súas funcións no eido do urbanismo, de xeito que repercuta positivamente tanto nas empresas como na cidadanía en xeral.

A Instrución 2/2021, do 4 de marzo, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo (Diario Oficial de Galicia núm. 49, do 12.3.2021) ten por obxecto clarificar a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo reguladas no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica. Esta instrución foi modificada pola Instrución 1/2022, do 21 de xaneiro, do mesmo órgano (Diario Oficial de Galicia núm. 19, do 28.1.2022).

Cómpre agora clarificar o título habilitante municipal de natureza urbanística exixible ás ditas instalacións, así como os requisitos e condicións necesarias para a implantación deste tipo de actividades en solo rústico.

En atención ao exposto e, co fin de garantir a seguridade xurídica no eido do urbanismo, facilitar a tarefa da aplicación da normativa urbanística aos operadores técnicos e xurídicos, especialmente, do ámbito municipal e, con base nos principios de colaboración e cooperación entre administracións públicas regulados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no respecto ao principio de autonomía municipal, adóptase esta instrución logo do informe favorable da Comisión Permanente da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Consideracións xurídicas:

Primeira. Título habilitante exixible para a instalación de paneis solares térmicos ou fotovoltaicos para o aproveitamento de enerxía solar para autoconsumo

Os artigos 142.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG) e 351.1 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro (no sucesivo, RLSG), relacionan os actos suxeitos á obtención de licenza urbanística municipal, sen prexuízo das autorizacións que sexan procedentes de acordo coa lexislación sectorial aplicable.

Concretamente, a letra a) dos citados preceptos, suxeita a licenza urbanística municipal «os actos de edificación e uso do solo e subsolo que, consonte a normativa xeral de ordenación da edificación, precisen proxecto de obras de edificación».

Para tal efecto, o artigo 2.2 Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, establece que terán a consideración de edificación e requirirán un proxecto as seguintes obras:

«a) Obras de edificación de nova construción, excepto aquelas construcións de escasa entidade construtiva e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nunha soa planta.

b) Todas as intervencións sobre os edificios existentes, sempre e cando alteren a súa configuración arquitectónica, entendendo por tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial da composición xeral exterior, a volumetría, ou o conxunto do sistema estrutural, ou teñan por obxecto cambiar os usos característicos do edificio.

c) Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico, regulada a través de norma legal ou documento urbanístico e aqueloutras de carácter parcial que afecten os elementos ou partes obxecto de protección».

Pola súa banda, os artigos 142.3. da LSG e 360.2. do RLSG, establecen que todos os actos de ocupación, construción, edificación e uso do solo e do subsolo que non estean suxeitos a licenza quedan sometidos ao réxime de comunicación previa.

Á vista dos artigos transcritos, poden extraerse as seguintes conclusións:

1. Con carácter xeral, as instalacións para o aproveitamento de enerxía solar mediante paneis solares térmicos ou fotovoltaicos destinadas a autoconsumo non requirirán dun proxecto de obras de edificación.

En consecuencia, estarán suxeitas ao réxime de comunicación previa nos seguintes supostos:

• Cando se coloquen sobre a cuberta ou sobre a fachada das edificacións e doutras construcións auxiliares destas.

• Nos espazos das parcelas non ocupados polas edificacións e outras construcións auxiliares destas, sempre e cando se cumpran, de ser o caso, o resto de parámetros urbanísticos de aplicación sinalados para o efecto no instrumento de planeamento urbanístico.

2. Estarán suxeitas a licenza urbanística municipal, por requirir dun proxecto técnico de obras de edificación, a instalación de paneis solares térmicos ou fotovoltaicos para o aproveitamento de enerxía solar para autoconsumo en edificacións e construcións que alteren a súa configuración arquitectónica, entendendo por isto unicamente aquelas que produzan unha variación esencial da composición xeral exterior, a volumetría, ou o conxunto do sistema estrutural do edificio ou construción.

3. No solo rústico, a instalación de paneis solares térmicos ou fotovoltaicos para o autoconsumo en edificacións, construcións ou instalacións existentes así como nos espazos das parcelas non ocupados polas ditas edificacións ou construcións e ao servizo destas, requirirá do título habilitante que resulte exixible en función do sinalado nos puntos anteriores e sempre que se cumpran os parámetros urbanísticos que resulten exixibles pola normativa urbanística vixente neste tipo de solo.

Segunda. Requisitos para a implantación do resto de instalacións para o aproveitamento de enerxía solar mediante paneis solares fotovoltaicos no solo rústico (Instalacións de produción con vertedura á rede sen autoconsumo)

Título habilitante exixible:

O artigo 35.1.m) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, recolle entre os usos e actividades admisibles no solo rústico, entre outros, as instalacións e infraestruturas de produción de enerxía, tanto públicas como privadas, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren.

Pola súa banda, o artigo 36 da LSG, establece que os usos e actividades relacionados no artigo 35 antes sinalado son admisibles en calquera categoría de solo rústico, logo da obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística. En todo caso, no suposto de que se pretendan implantar no solo rústico de especial protección, será necesario obter a autorización ou informe favorable do órgano que teña a competencia sectorial correspondente en función dos valores obxecto de protección con carácter previo á obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística.

En atención ao sinalado, as instalacións para o aproveitamento de enerxía solar mediante paneis solares fotovoltaicos constitúen un uso admisible en calquera categoría de solo rústico, logo da obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística que proceda segundo o indicado na consideración xurídica primeira desta instrución, por tratarse de instalacións de produción de enerxía, sen prexuízo de calquera outro informe ou autorización que resulte exixible en aplicación da normativa sectorial.

Condicións de edificación no solo rústico:

De conformidade co previsto nos artigos 39 da LSG e 59 e seguintes do RLSG, para poder obter o título habilitante municipal de natureza urbanística para calquera clase de edificacións ou instalacións no solo rústico deberá xustificarse o cumprimento das condicións xerais de edificación exixidas no solo rústico nos citados preceptos.

Nomeadamente e polas numerosas dúbidas suscitadas, cómpre facer especial mención ao cumprimento das seguintes condicións de posición e implantación previstas no artigo 39 antes citado, en relación co disposto no artigo 61 do RLSG:

1. A superficie máxima ocupada pola edificación en planta non excederá o 20 % da superficie do predio.

En coherencia coa definición de ocupación de parcela recollida no anexo I do RLSG, (porcentaxe máxima da parcela que pode ser ocupada pola edificación, en calquera das súas plantas sobre ou baixo rasante, incluídos os seus corpos voados, pechados ou abertos, referida á superficie neta desta), enténdese que ao non estar ante un suposto de implantación dunha edificación, este tipo de instalacións non computará para os efectos do parámetro da ocupación, agás que impliquen a execución de edificacións.

2. Os recuamentos das construcións aos lindes da parcela deberán garantir a condición de illamento e, en ningún caso poderán ser inferiores a 5 metros.

Enténdese necesario o cumprimento do recuamento de 5 metros establecido con carácter xeral para as construcións no solo rústico, na medida en que a exixencia de recuamento a lindeiros constitúe unha garantía da ordenación urbanística para a protección dos lindes en beneficio de terceiros, que tamén ten que cumprirse no suposto da implantación deste tipo de instalacións para o aproveitamento de enerxía solar, aínda que non teñan propiamente a consideración de construcións.

3. Manterase o estado natural ou, alternativamente, introducirase a plantación de arboredo ou especies vexetais, en todo caso mediante solucións que impidan o selado do solo en, cando menos, a metade da superficie non ocupada da parcela.

As instalacións para o aproveitamento de enerxía solar mediante paneis solares fotovoltaicos, tal e como se indicou anteriormente, non computa para os efectos do parámetro da ocupación máxima exixida no solo rústico; porén, a exixencia prevista anteriormente do mantemento do estado natural ou a plantación de arboredo ou especies vexetais na metade da superficie non ocupada da parcela debe entenderse referida á metade da superficie da parcela non ocupada polas instalacións.

Xustificadamente e por razón da natureza e características da actividade, poderá reducirse a referida proporción no caso das infraestruturas e instalacións previstas na letra m) do artigo 35.1 da LSG, como é o caso das instalacións e infraestruturas de produción de enerxía.

Esta proporción podería reducirse, xustificadamente, naqueles casos en que sexa necesario adaptar as instalacións ás medidas estandarizadas dos paneis cun redondeo á alza da superficie empregada, correspondendo, en todo caso, aos concellos valorar todas as circunstancias concorrentes con motivo do outorgamento do correspondente título habilitante municipal de natureza urbanística.

Incidencia das normativas sectoriais e outras autorizacións exixibles:

Sen prexuízo do cumprimento das condicións de edificación sinaladas anteriormente, deberán terse en conta no outorgamento do título habilitante municipal de natureza urbanística as exixencias derivadas das diferentes normativas sectoriais que puidesen resultar de aplicación no ámbito obxecto da actuación, nomeadamente en materia de integración paisaxística e ambiental.

Os proxectos de instalacións para a produción de enerxía eléctrica a partir da enerxía solar destinada á súa venda á rede deberán someterse ao procedemento de avaliación de impacto ambiental nos supostos previstos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Por outra banda, os requisitos técnicos exixidos pola consellería competente en materia de enerxía para as instalacións de autoconsumo son os establecidos nas seguintes instrucións:

• Instrución 2/2021, do 4 de marzo, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo (Diario Oficial de Galicia do 12.3.2021).

• Instrución 1/2022, do 21 de xaneiro, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais sobre a tramitación administrativa das instalacións de xeración na modalidade de autoconsumo con excedentes conectadas en baixa tensión de potencia inferior ou igual a 10 kW que non necesiten proxecto (Diario Oficial de Galicia do 28.1.2022).

Para as instalacións de produción de enerxía eléctrica fotovoltaicas con vertedura á rede é de aplicación o procedemento de autorización establecido no capítulo III do título III da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e demais requisitos establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co previsto no artigo 16 do Decreto 36/2022, do 10 de marzo, polo que se crea e regula a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o contido da presente instrución non ten carácter vinculante, pero si interpretativo da norma obxecto de exame e aplicación, sen prexuízo de calquera outro mellor criterio fundado en dereito, facendo constar que, en todo caso, a competencia en materia de execución e intervención urbanística na edificación e uso do solo corresponde aos concellos.