Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2023 Páx. 24159

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 32/2023, do 13 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde para o ano 2023.

O artigo 35 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, incorporou medidas extraordinarias en materia de planificación e ordenación de recursos humanos para o fortalecemento da atención primaria; entre elas, a creación da nova categoría estatutaria de facultativo/a especialista de atención primaria, caracterizada fundamentalmente por unha maior xornada e unha prestación de servizos mixta nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada.

En atención ao carácter extraordinario da situación, o número 3 dese artigo 35 permitiu no ano 2022 a tramitación dun proceso selectivo, polo sistema de concurso, para acceder á condición de persoal fixo da nova categoría, e adxudicáronse as 106 prazas da nova categoría ofertadas polo Decreto 38/2022, do 24 de marzo, polo que se aprobou a oferta de emprego público correspondente á categoría de persoal estatutario facultativo/a especialista de atención primaria para o ano 2022.

A Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega dando continuidade ás medidas extraordinarias de fortalecemento da atención primaria recollidas no citado artigo 35 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que establece un réxime extraordinario e transitorio de acceso a postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde.

Así, co obxecto de dar unha resposta adecuada ás necesidades organizativas actuais, coa finalidade de garantir a continuidade asistencial e a calidade, a eficacia e a eficiencia dos servizos, e para promover a estabilidade dos recursos humanos, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais, e atendendo á avaliación continua e á garantía de capacidade e coñecementos que outorga o sistema de formación especializada en ciencias da saúde, así como ás peculiaridades das tarefas que se van desenvolver, o Servizo Galego de Saúde, durante un prazo de tres anos desde a entrada en vigor da Lei 2/2022, do 6 de outubro, poderá convocar procesos selectivos específicos, polo sistema de concurso, co fin de impulsar a incorporación urxente, estable e permanente de persoal aos postos de difícil cobertura dos seguintes colectivos:

a) Persoal facultativo especialista dos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.

b) Persoal da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria, creada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e pediatra de atención primaria.

c) O persoal facultativo especialista de área en Psiquiatría e Psicoloxía Clínica e enfermeiro/a especialista de Saúde Mental necesario para o desenvolvemento do Plan de saúde mental de Galicia posCOVID-19 (período 2020-2024), co obxecto de incrementar o número de programas no Servizo Galego de Saúde para a atención sanitaria aos trastornos mentais, con especial énfase nos destinados á atención á infancia e ás persoas maiores, ao incremento na cobertura dos programas de intervención comunitaria dirixidos ás persoas con trastorno mental grave a través de programas de intervención comunitaria, así como á atención á saúde mental dos profesionais sanitarios.

Por tal motivo, considérase preciso aprobar a oferta de emprego público, cun total de 423 prazas, e impulsar unha tramitación áxil da correspondente convocatoria dos procesos selectivos, máxime nas circunstancias sanitarias actuais, que fan necesario realizar con urxencia calquera medida que permita incrementar os recursos de persoal nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés, en atención primaria, tanto con persoal da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria como de Pediatría e as súas áreas específicas, así como persoal facultativo especialista de área en Psiquiatría e Psicoloxía Clínica e enfermeira/o especialista de Saúde Mental, necesario para o desenvolvemento do Plan de saúde mental de Galicia posCOVID-19 (período 2020-2024). Esta oferta pretende a cobertura de postos vacantes como consecuencia da inexistencia de aspirantes nas listas de selección temporal nalgunhas especialidades e áreas, da non solicitude dos postos no concurso aberto e permanente, á vista da adopción de medidas extraordinarias en especialidades como Medicina Interna e Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, nas cales, para poder garantir a asistencia se desprazou persoal doutras áreas sanitarias en comisión de servizos, da realización de convocatorias de selección temporal sen éxito e da persistencia da imposibilidade de cobertura das vacantes na actualidade.

En consecuencia, na procura desa imprescindible axilidade, pero considerando ao mesmo tempo que o concurso tamén está dirixido ao persoal médico e enfermeiro especialista en Saúde Mental que obterá no mes de maio o seu título de especialista, este decreto prevé que, máis aló do prazo que se estableza para solicitar a participación no concurso, o requisito de titulación deberá posuírse antes do último día do prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos/excluídos do proceso. E, polo mesmo motivo de dotar da máxima axilidade ao proceso, establécese un prazo de dez días hábiles para que, na fase final do concurso, os/as aspirantes seleccionados/as presenten a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

O I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024), pactado na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario e publicado pola Orde da Consellería de Sanidade do 6 de outubro de 2021, inclúe entre as súas medidas a necesidade de integrar a perspectiva de xénero na actividade estatística dos expedientes de execución das ofertas de emprego, elemento este que se incorpora neste decreto.

Por outra parte, o carácter extraordinario desta oferta e o seu obxectivo de incorporar 423 efectivos debe manifestarse non só na elección do concurso como sistema de selección, senón tamén no momento en que deban producirse as incorporacións aos postos elixidos e adxudicados. Así, con base no que establecen o artigo 20.3 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, así como o artigo 2 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, imponse o máximo rigor na exixencia da incorporación efectiva ao servizo como requisito para adquirir a condición de persoal estatutario fixo e prevese expresamente que o persoal seleccionado nos concursos que se executen en aplicación da Lei 2/2022 deberá incorporarse de modo efectivo e permanente ao servizo activo, no destino adxudicado, para adquirir a condición de persoal estatutario fixo.

Así, se as persoas inicialmente nomeadas pero non incorporadas ao servizo activo pola súa vontade non perfeccionan o seu nomeamento, serán chamadas no seu lugar outras que estean realmente interesadas na ocupación activa e efectiva dos postos ofertados. Unicamente desta forma poderá garantirse que esta oferta extraordinaria de emprego produza o resultado que a xustifica.

Para estes efectos, procede recordar que, tal e como dispoñen o artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, toda oferta de emprego é un instrumento para a provisión de necesidades de persoal -neste caso necesidades urxentes nos ámbitos descritos- e, ademais, pode conter medidas derivadas da planificación de recursos humanos.

Esta oferta de 423 prazas ten un carácter parcial e anticipado respecto á oferta xeral, para 2023, que será aprobada para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e ten amparo no que establecen, respecto á oferta de emprego público e á taxa de reposición de efectivos, o artigo 12 da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, e o artigo 20 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023.

Este último artigo autorizou unha taxa de reposición do 120 por cento nos sectores prioritarios, considerando para tales efectos como sector prioritario as administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde. En consecuencia, en execución das normas establecidas no artigo 20.tres.1 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, para a aplicación da taxa de reposición de efectivos, o número total de prazas autorizadas que resulta é de 1.630, e nese total ten o seu encaixe a oferta anticipada de 423 prazas obxecto deste decreto.

Con base no que antecede, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo de negociación na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde do día 8 de febreiro de 2023, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de abril de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación dunha oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde

Apróbase, como oferta parcial e anticipada á correspondente á taxa ordinaria do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2023, unha oferta de emprego público para a incorporación urxente, estable e permanente de persoal aos postos de difícil cobertura dos seguintes colectivos:

a) Persoal facultativo especialista dos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.

b) Persoal da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria e pediatra de atención primaria.

c) Persoal facultativo especialista de área en Psiquiatría e Psicoloxía Clínica e enfermeiro/a especialista de Saúde Mental.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

O número de prazas que integran esta oferta de emprego público é de 423.

Artigo 3. Sistema de selección e convocatoria

1. De conformidade co que establece o artigo 1.1 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, o sistema de selección será o concurso.

2. Tras a entrada en vigor deste decreto aprobarase e publicarase a convocatoria do concurso para acceder ás 423 prazas correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Con independencia do prazo que se estableza para solicitar a participación no concurso, a titulación de acceso deberá posuírse, ou estar en condicións de obterse por ter superada a formación conducente á obtención daquela, o último día do prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos/excluídos do proceso.

3. As convocatorias que executen a oferta de emprego concretarán o número de postos ofertados por centro, a categoría e a especialidade, recollerán o sistema de selección por concurso, consonte o baremo de méritos, e xustificarán a súa procedencia.

Para a categoría de facultativo/a especialista de atención primaria, como dispón o artigo 35 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, engadirase o tramo de xornada nos puntos de atención continuada.

En atención aos obxectivos fixados no número 1 do artigo 1 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, e ao propio fundamento do sistema de acceso, a prestación de servizos do persoal seleccionado nos concursos que se executen en aplicación deste decreto para a provisión de prazas dos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés realizarase en réxime de xornada ordinaria e complementaria (gardas), dentro do respecto ao réxime de xornada que establece a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, sen que resulte de aplicación calquera réxime de exención de gardas por razóns de idade ata que transcorran dous anos de permanencia na situación de servizo activo no centro elixido e adxudicado como destino no concurso.

As convocatorias e os procesos selectivos realizaranse de conformidade coa Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e coa normativa autonómica aplicable.

4. Coa mesma finalidade de dotar da máxima axilidade o proceso, a resolución pola que se faga pública a relación dos/das aspirantes seleccionados/as habilitará un prazo de dez días hábiles para presentar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

5. Establécense garantías de incorporación e permanencia no desempeño efectivo dos postos adxudicados. Así, finalizados os concursos que se executen en aplicación deste decreto, o persoal nomeado deberá incorporarse de modo efectivo e permanente ao servizo activo, no destino adxudicado, para adquirir a condición de persoal estatutario fixo.

A non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido, sen causa xustificada, sobrevida á solicitude de participación no concurso, ou de forza maior, impedirá a perfección do nomeamento e a adquisición da condición de persoal estatutario fixo do/da aspirante, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións no proceso.

Neste suposto, o órgano convocante procederá a chamar novos/as aspirantes que presentasen a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria, no número que corresponda e pola orde de prelación da lista definitiva, e que optasen polos destinos non ocupados, para os efectos de que poidan ser seleccionados/as e nomeados/as persoal estatutario fixo da categoría.

Artigo 4. Órgano de selección

1. O tribunal designado para a selección poderá ser único, por subgrupos de clasificación, para as distintas categorías estatutarias mencionadas neste decreto, sen prexuízo de que poida estar asesorado, de así se precisar, por especialistas nas correspondentes categorías.

2. A composición do órgano de selección será paritaria, de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

3. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, a pertenza ao órgano de selección será sempre a título individual e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

4. O persoal de elección ou designación política, as/os funcionarias/os interinas/os e o persoal eventual non poderán formar parte do órgano de selección.

5. O órgano de selección aplicará os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento do proceso selectivo, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións xerais ditadas polo órgano competente sobre funcionamento e actuación dos tribunais dos procesos de selección.

Artigo 5. Promoción interna

1. De conformidade co establecido no artigo 25.1 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, en atención ás especiais circunstancias que concorren nas diversas categorías/especialidades obxecto desta oferta, todas requiren de formación especializada en ciencias da saúde para o acceso, e logo da súa aprobación no ámbito da Mesa sectorial de negociación, establécese unha porcentaxe de prazas reservadas para o sistema de promoción interna do 25 % do total das prazas ofertadas en cada categoría/especialidade.

2. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza, que se incluirá nesta reserva.

3. As prazas que non se provexan por ese sistema acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.

Artigo 6. Persoas con discapacidade

1. No proceso selectivo serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

A convocatoria non establecerá exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e dado que esta oferta de emprego é parcial e anticipada á correspondente ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2023, resérvanse 22 prazas para seren cubertas entre persoas con discapacidade xeral, sempre que acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva, en cumprimento do disposto no artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.

Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais redondearase por exceso para o seu cómputo.

4. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no concurso, con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, a cal se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e prazos que se determinen na convocatoria.

5. Unha vez superado o proceso selectivo, o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da/do candidata/o para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.

6. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

7. As persoas aspirantes que superen o concurso pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 7. Coñecemento da lingua galega

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, no concurso valorarase o coñecemento da lingua galega, nos termos que se establezan nas bases da convocatoria.

Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade do concurso

1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento do concurso realizarase conforme o que determinen as bases da convocatoria.

2. A tramitación do concurso efectuarase a través da oficina virtual do profesional (FIDES), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.

De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas aspirantes efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde, www.sergas.es

3. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da oficina virtual do profesional (FIDES/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento do concurso e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen na convocatoria.

Artigo 9. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

1. A convocatoria adaptarase ás previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, en relación coas condicións de emprego da Administración pública e demais normativa de aplicación en materia de igualdade.

2. Coa finalidade de integrar a perspectiva de xénero na actividade estatística, os expedientes internos de execución desta oferta de emprego conterán unha referencia á distribución por sexo do cadro de persoal das correspondentes categorías e especialidades, así como das persoas aspirantes admitidas e das definitivamente seleccionadas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de abril de dous mil vinte e tres

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Relación de prazas ofertadas

Categoría/especialidade

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Facultativo/a especialista en Alergoloxía

1

Facultativo/a especialista en Análises Clínicas

3

Facultativo/a especialista en Anatomía Patolóxica

1

Facultativo/a especialista en Anestesioloxía e Reanimación

5

Facultativo/a especialista en Aparello Dixestivo

1

Facultativo/a especialista en Cardioloxía

1

Facultativo/a especialista en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía

11

1

Facultativo/a especialista en Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo

9

Facultativo/a especialista en Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía

2

Facultativo/a especialista en Endocrinoloxía e Nutrición

2

Facultativo/a especialista en Farmacia Hospitalaria

4

Facultativo/a especialista en Hematoloxía e Hemoterapia

3

Facultativo/a especialista en Medicina Física e Rehabilitación

1

Facultativo/a especialista en Medicina Interna

22

2

Médico/a de Hospitalización a Domicilio

2

Médico/a de Urxencias Hospitalarias

9

Facultativo/a especialista en Microbioloxía e Parasitoloxía

1

Facultativo/a especialista en Nefroloxía

1

Facultativo/a especialista en Neuroloxía

1

Facultativo/a especialista en Obstetricia e Xinecoloxía

9

Facultativo/a especialista en Oftalmoloxía

4

Facultativo/a especialista en Otorrinolaringoloxía

2

Facultativo/a especialista en Pediatría e as súas áreas específicas

12

1

Facultativo/a especialista en Radiodiagnóstico

7

Facultativo/a especialista en Reumatoloxía

1

Facultativo/a especialista en Uroloxía

1

Total prazas hospitais distritos sanitarios Lei 2/2022

116

4

Facultativo/a especialista en Psiquiatría

44

3

Facultativo/a especialista en Psicoloxía Clínica

37

2

Enfermeiro/a especialista en Saúde Mental

94

5

Total prazas Saúde Mental

175

10

Facultativo/a especialista de atención primaria

72

4

Pediatra de atención primaria

60

4

Total prazas atención primaria

132

8

Total prazas

423

22