Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2023 Páx. 24146

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no Rexistro e a publicación do Acordo do 8 de marzo de 2023, da Mesa Xeral de Negociación, polo que se modifica o acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Visto o texto da acta do Acordo do 8 de marzo de 2023, da Mesa Xeral de Negociación polo que se modifica o acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, que se subscribiu con data do 8 de marzo de 2023 entre a representación da Universidade de Santiago de Compostela e a representación legal dos traballadores e traballadoras das centrais sindicais CC.OO., CIG, CSIF e UGT, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Acordo do 8 de marzo de 2023 da Mesa Xeral de Negociación, polo que se modifica o acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela

Preámbulo

I

A entrada en vigor da Lei 17/2022, do 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, introduce modificacións nas modalidades contractuais de carreira investigadora previstas no Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Concretamente, trátase das figuras de persoal investigador predoutoral, que pode continuar unha vez superada a tese durante un ano como máximo, e o persoal investigador posdoutoral e o persoal investigador distinguido, que varían, no primeiro caso, na duración mínima e máxima que poden ter os contratos subscritos baixo esa modalidade e, no segundo, en relación co obxecto do contrato. Así mesmo, a reforma establece unha indemnización por finalización do contrato nas categorías de persoal investigador predoutoral e posdoutoral.

Ademais do anterior, a reforma laboral operada polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, e a introdución da modalidade contractual de actividades científico-técnicas, de duración indefinida, primeiro polo Real decreto lei 8/2022, do 5 de abril, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da contratación laboral do Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación, agora incorporada ao texto da Lei da ciencia, supuxo unha nova configuración da contratación para actividades de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, que se articulou mediante a creación de programas propios de investigación que garantan a dispoñibilidade de recursos para a contratación indefinida en liñas de investigación vinculadas a estruturas de I+D+i. Esta nova realidade exixe cambios no esquema de retribucións para poder imputar o custo dos contratos laborais á actividade que os financia de xeito preciso e rigoroso que non é posible se as pagas extraordinarias previstas non se ratean.

Esta mesma situación prodúcese no relativo ao persoal do ámbito da I+D+i afectado pola Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que está en proceso de estabilización e cuxo financiamento depende e dependerá de diferentes fontes.

Cómpre, polo tanto, realizar a adecuación do texto do acordo no que se opoña á modificación da Lei 14/2011, e introducir os cambios derivados da creación de programas propios de investigación para dar resposta aos retos derivados da estabilización do persoal e da contratación indefinida.

Por último, na última modificación do acordo, publicada no DOG núm. 107, do 6 de xuño de 2022, o artigo 17, Retribucións do persoal investigador, por omisión involuntaria non recolle o Acordo da Comisión Paritaria, do 1 de xuño de 2021, onde se estableceron os criterios para a aplicación de retribucións e que figuraba na modificación do acordo publicada no DOG núm. 180, do 17 de setembro de 2021.

Á vista do anterior, e tendo en conta que o artigo 7 do acordo lle atribúe á Comisión Paritaria as funcións de interpretar a totalidade do articulado do acordo e actualizar o contido do acordo para adaptalo ás modificacións que poidan derivar de cambios normativos, considerouse que era necesaria a negociación nun foro máis amplo por introducir cambios non derivados exclusivamente da normativa, polo que o 8 de marzo de 2023, a Mesa Xeral de Negociación da Universidade de Santiago de Compostela acordou a modificación do acordo nos seguintes termos:

Artigo único. Modificación do Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela

O Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela queda redactado como segue:

Un. Engádese no artigo 1 in fine o seguinte texto:

«O 8 de marzo de 2023 acordouse unha modificación do acordo que foi subscrita polas organizacións sindicais CC.OO., CIG, CSIF e UGT, e, en representación da Universidade, polo xerente».

Dous. O número 3 do artigo 8 queda redactado do seguinte modo:

«3. Tendo en conta o punto anterior, o persoal investigador clasificarase nos seguintes subgrupos:

− Subgrupo profesional 1: funcións consistentes na realización de tarefas de investigación de nivel inicial. A formación requirida será dos niveis 2 e 3 do Marco español de cualificacións para a educación superior (MECES).

− Subgrupo profesional 2: funcións consistentes na realización primordialmente de tarefas de investigación, desenvolvemento, transferencia de coñecemento e innovación, orientadas á obtención dun elevado nivel de perfeccionamento e especialización profesional, que conduzan á consolidación da súa experiencia profesional. A formación requirida será do nivel 4 do Marco español de cualificacións para a educación superior (MECES).

− Subgrupo profesional 3: funcións consistentes na dirección de equipos humanos como investigador/a principal, dirección de centros de investigación ou transferencia de coñecemento e innovación, ou de instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Universidade. A formación requirida será a correspondente ao nivel 4 do Marco español de cualificacións para a educación superior (MECES) e deberán posuír experiencia acreditada de conformidade coas categorías que se establezan. Para este subgrupo terase en conta o criterio de responsabilidade en función das tarefas de dirección, planificación e organización que desenvolvan.”

Tres. O artigo 9 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 9. Categorías profesionais

A clasificación de categorías acordes con cada subgrupo é a seguinte:

a) Subgrupo profesional 1:

− Persoal investigador en iniciación.

− Persoal investigador predoutoral.

− Persoal investigador colaborador.

b) Subgrupo profesional 2:

– Persoal investigador doutor-modalidade de acceso.

– Persoal investigador doutor-modalidade de consolidación.

– Persoal investigador asociado.

c) Subgrupo profesional 3:

– Persoal investigador distinguido Manuela Barreiro.

– Persoal investigador distinguido Sergio Vidal.

– Persoal investigador distinguido Jimena Fernández de la Vega».

Catro. O artigo 10 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 10. Persoal investigador predoutoral

1. As súas funcións consistirán na realización de tarefas de investigación no ámbito dun proxecto específico e novidoso. O contrato subscribirase de conformidade co regulado no artigo 21 e na disposición adicional décimo oitava da Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación, e de conformidade co Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación.

2. O persoal contratado nesta modalidade deberá estar en posesión do título de licenciatura, enxeñaría, arquitectura, grao universitario de polo menos 300 créditos ECTS (European Credit Transfer System) ou máster universitario ou equivalente, e ter sido admitido nun programa de doutoramento. Este persoal terá a consideración de persoal investigador predoutoral en formación.

Así mesmo, o contrato terá por obxecto a orientación posdoutoral por un período máximo de doce meses. En calquera caso, a duración do contrato non poderá exceder o tempo máximo establecido na Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación.

3. A actividade desenvolvida polo persoal investigador predoutoral en formación será avaliada anualmente pola Comisión Académica do programa de doutoramento ou, de ser o caso, da escola de doutoramento, durante o tempo que dure a súa permanencia no programa, e o contrato poderá ser resolto no suposto de non superarse favorablemente.

4. Ningunha persoa poderá ser contratada mediante esta modalidade, na mesma ou distinta entidade, por un tempo superior ao establecido na Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación, incluídas as posibles prórrogas, agás no caso de persoas con discapacidade, en que se observará o disposto na lexislación vixente.

5. As retribucións serán as establecidas no Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación ou, de ser o caso, as que os programas de recursos humanos establezan como cantidade para percibir por ese concepto ou cantidade máxima para financiar.

6. No momento da finalización do contrato por expiración do tempo establecido, a persoa traballadora terá dereito a recibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

7. Os/as investigadores/as principais integrados/as en estruturas e grupos de investigación que dispoñan de financiamento poderán propor unha retribución adicional de carácter variable, ligada a obxectivos e revisable trimestralmente, semestralmente ou anualmente, segundo proceda. Esta retribución non poderá superar o 40 % da retribución anual establecida no programa que financie o contrato.

8. Este persoal poderá colaborar en tarefas docentes sen que supoña unha mingua da carga docente do departamento que asigne a colaboración ata un máximo de 180 horas durante a extensión total do contrato predoutoral, e sen que en ningún caso se poidan superar as 60 horas anuais».

Cinco. O artigo 11 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 11. Persoal investigador doutor

1. As funcións deste persoal consistirán primordialmente na realización de tarefas de investigación, desenvolvemento, transferencia de coñecemento e innovación, orientadas á obtención dun elevado nivel de perfeccionamento e especialización profesional, que conduzan á consolidación da súa experiencia profesional.

2. O persoal contratado nesta modalidade deberá estar en posesión do título de doutor ou doutora.

3. A dedicación será a tempo completo e o contrato formalizarase na modalidade de contrato de acceso de persoal investigador doutor no marco dun itinerario de acceso ao Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación, de conformidade coas disposicións da Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación.

4. A duración mínima e máxima será a establecida na Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación, así como as posibles prórrogas e interrupcións por situacións de incapacidade temporal e períodos de desfrute dos permisos establecidos na lei mencionada.

5. As retribucións, no caso de persoal investigador doutor propio da Universidade, serán as que figuran no anexo I. No suposto de programas de recursos humanos alleos, as retribucións serán as que a convocatoria estableza como cantidade para percibir por ese concepto ou, de ser o caso, a cantidade máxima para financiar.

6. En función dos criterios de formación, experiencia e responsabilidade, a Universidade poderá contratar persoal investigador doutor nas seguintes modalidades:

– Persoal investigador doutor-modalidade de acceso.

– Persoal investigador doutor-modalidade de consolidación.

7. O persoal investigador principal integrado en estruturas e grupos de investigación que dispoñan de financiamento poderá propor unha retribución adicional de carácter variable, ligada a obxectivos e revisable trimestralmente, semestralmente ou anualmente, segundo proceda. Esta retribución non poderá superar o 40 % da retribución anual establecida no programa que financie o contrato.

8. Este persoal poderá realizar actividade docente ata un máximo de 100 horas anuais, logo de acordo, nese caso, do departamento implicado, coa aprobación da vicerreitoría con competencias sobre a planificación da ordenación docente, e co sometemento á normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

9. No momento da finalización do contrato por expiración do tempo establecido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

10. Este persoal poderá optar, a partir da finalización do segundo ano de contrato, a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida que, de ser positiva de acordo cos requisitos previamente establecidos, poderá ser recoñecida cos efectos previstos no itinerario de acceso estable ao Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación.

11. Este persoal terá a consideración de persoal docente e investigador para os efectos do desenvolvemento da función investigadora.

12. Para a súa contratación, a Vicerreitoría de Profesorado, en coordinación coa Xerencia e a Vicerreitoría de Política Científica, impulsarán a planificación anual das prazas que se van ofertar».

Seis. O artigo 11 bis queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 11 bis. Persoal investigador doutor-modalidade de acceso

1. O persoal investigador doutor da modalidade de acceso deberá estar en posesión do título de doutoramento obtido nos tres anos anteriores á formalización do contrato.

2. O contrato será de duración determinada e a tempo completo. A duración será de tres (3) anos e non se poderá prorrogar».

Sete. O artigo 11 ter queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 11 ter. Persoal investigador doutor-modalidade de consolidación

1. O persoal investigador doutor da modalidade de consolidación deberá contar cunha experiencia posdoutoral non inferior a un (1) ano en universidades ou centros de I+D, españois ou estranxeiros, distintos daquel ou daqueles en que obtivo o título de doutoramento, que deberá ter sido obtido nos catro anos anteriores á formalización do contrato.

2. O contrato será de duración determinada e a tempo completo. A duración mínima será dun (1) ano e a máxima, así como a duración das eventuais prórrogas, será a que estableza a Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación, para esta modalidade, e non se poderá prorrogar máis tempo do período indicado».

Oito. O artigo 12.1 queda redactado do seguinte modo:

«1. As funcións deste persoal consistirán na dirección de equipos humanos como investigador/a principal, dirección de centros de investigación ou transferencia de coñecemento e innovación, ou de instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito de coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Universidade de Santiago de Compostela».

Nove. O artigo 17.3 queda redactado do seguinte modo:

«3. A retribución básica será o soldo base e o complemento de antigüidade, e as retribucións complementarias estarán formadas polos seguintes complementos:

a) Complemento de categoría: retribúe a categoría necesaria para a ocupación do posto de traballo.

b) Complemento de dedicación: compensará as eventuais circunstancias que se produzan no desenvolvemento das funcións propias da categoría que impliquen a realización dunha xornada de 40 horas, aplicable no caso de ter dedicación a tempo completo, xunto coa especial dispoñibilidade ou unha das dúas circunstancias.

c) Complemento de responsabilidade: retribúe a especial carga, responsabilidade ou funcións de mando para o desempeño do posto de traballo e aboarase mentres se acredite que se dan as circunstancias referidas.

d) Complemento de proxecto: este complemento será de carácter persoal e estará ligado ás características da convocatoria do proxecto, convenio ou contrato que financie o complemento e ás súas condicións de percepción. A súa contía estará suxeita aos límites que están establecidos para o PDI na normativa para a percepción de cantidades derivadas dos traballos do artigo 83.

e) Retribución variable ligada a obxectivos: retribúe o cumprimento de obxectivos establecidos no contrato e avaliables trimestral, semestral ou anualmente, segundo corresponda.

f) Complemento de produtividade: retribúe o especial rendemento, a actividade extraordinaria, o interese ou a iniciativa con que o persoal funcionario desempeñe o seu traballo.

4. As retribucións complementarias, agás o complemento de categoría, non terán carácter consolidable e retribuiranse mentres se manteñan as circunstancias que deron lugar á súa percepción.

5. A Comisión Paritaria establecerá os criterios xerais para a asignación das retribucións complementarias e será, así mesmo, a encargada de realizar o seguimento da súa aplicación.

6. A contía das doce (12) mensualidades estará formada polo salario base, o complemento de antigüidade, o complemento de categoría e, de ser o caso, os complementos de dedicación, responsabilidade, complemento de proxecto, complemento de produtividade e retribución variable ligada a obxectivos.

7. A contía das dúas (2) pagas extraordinarias será a correspondente ao salario base, o complemento de antigüidade e o complemento de categoría para o persoal con vinculación laboral, e a correspondente ao soldo fixado para as pagas extraordinarias polas leis de orzamentos vixentes en cada momento e unha mensualidade do complemento de destino.

8. As retribucións establecidas no anexo I estarán suxeitas á actualización retributiva aplicable para o persoal do sector público, coa excepción dos contratos realizados ao abeiro de programas de recursos humanos, nos cales se aplicará o disposto na convocatoria. No caso de que perciban retribucións que complementen a contía financiada polo programa, estas actualizaranse de conformidade co establecido neste punto.

9. O persoal laboral con contrato indefinido por actividades científico-técnicas, no caso de finalización do plan ou programa que financie o contrato e, polo tanto, extinción da relación laboral, percibirá a indemnización que corresponda de conformidade co Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

10. As retribucións do persoal investigador con vinculación de persoal funcionario interino por programa serán equivalentes, incluída a indemnización, ás retribucións do persoal laboral con contrato indefinido por plan ou programa».

Dez. O artigo 20.4 queda redactado do seguinte modo:

«4. A duración poderá ser indefinida no suposto da contratación de actividades científico-técnicas, regulado no artigo 23 bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación».

Once. O artigo 21.1 queda redactado do seguinte modo:

«1. As retribucións anuais serán as que figuran no anexo II para cada unha das categorías e vinculacións, e faranse efectivas en catorce (14) pagas que serán calculadas proporcionalmente ao tempo de servizos efectivamente prestados nos seis meses inmediatamente anteriores aos sinalados para o seu aboamento».

Doce. O artigo 21.2 suprímese.

Trece. O artigo 21.4 queda redactado do seguinte modo:

«4. No suposto do persoal laboral, o complemento de equiparación corresponde á distribución en catorce (14) pagas da contía das tres pagas adicionais establecidas no Convenio colectivo do persoal de administración e servizos».

Catorce. O artigo 21.6 queda redactado do seguinte modo:

«6. O persoal laboral con contrato indefinido de actividades científico-técnicas, no caso de finalización do plan ou programa que o financie e, polo tanto, de extinción da relación laboral, percibirá a indemnización que corresponda de conformidade co Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores».

Quince. Engádese unha disposición adicional cuarta nos seguintes termos:

«Disposición adicional cuarta. Complemento de antigüidade

O complemento de antigüidade terá a consideración de retribución básica. O seu recoñecemento e percepción rexerase polo disposto no Acordo sobre o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, publicado mediante a Resolución do 8 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Laborais (DOG do 26 de novembro)».

Dezaseis. Engádese unha disposición transitoria novena nos seguintes termos:

«Disposición transitoria novena. Rateo das pagas extraordinarias

Co fin de garantir a correcta xustificación de gasto nas actividades de investigación que financien contratos dos descritos neste acordo, aplicarase transitoriamente o rateo das pagas extraordinarias en doce (12) mensualidades mentres os mecanismos de xustificación non permitan a aplicación das retribucións previstas nos artigos 17 e 21.

A Mesa Xeral de Negociación realizará anualmente o seguimento desta disposición».

Dezasete. Modifícase o anexo I, que queda redactado como segue:

Persoal investigador doutor de programas de recursos humanos con financiamento alleo

Contrato de acceso de persoal investigador doutor con financiamento alleo

– Establecidas en cada convocatoria

– Establecidas en cada convocatoria

– Retribución variable ligada a obxectivos cun importe máximo anual do 40 % da retribución establecida

2. Persoal investigador doutor propio da USC.

Persoal investigador doutor

Soldo base

Categoría

Dedicación

Responsabilidade

Soldo base e categoría anual

Máximo total anual

Modalidade acceso

1.238,68 €

493,34 €

158,72 €

-

24.248,26 €

26.152,90 €

Modalidade consolidación

1.238,68 €

657,78 €

158,72 €

264,55 €

26.550,51 €

31.629,75 €

4. Persoal investigador para o desenvolvemento de actividades de investigación de carácter temporal.

a) Retribucións contrato laboral.

Categoría

Soldo base

Categoría

Dedicación

Responsabilidade

Proxecto*

Retribucións mínimas anuais

Investigador/a colaborador/a

1.238,68 €

367,83 €

116,71 €

-

-

22.491,14 €

Investigador/a asociado

1.238,68 €

874,91 €

155,61 €

264,55 €

-

29.590,26 €

*Poderase establecer un complemento de produtividade ligado ás características da convocatoria do proxecto, convenio ou contrato que financie o complemento e ás súas condicións de percepción. A súa contía estará suxeita aos límites que están establecidos para o PDI na normativa para a percepción de cantidades derivadas dos traballos do artigo 83.

b) Retribucións do persoal funcionario.

Categoría

Soldo

Soldo pagas extraordinarias

Complemento de destino

Complemento específico

Complemento de produtividade*

Retribucións mínimas anuais

Investigador/a colaborador/a

1.071,06 €

781,15 €

390,85 €

274,05 €

--

23.723,65 €

Investigador/a asociado/a

1.238,68 €

764,37 €

491,11 €

567,38 €

--

31.211,81 €

*Poderase establecer un complemento de produtividade ligado ás características da convocatoria do proxecto, convenio ou contrato que financie o complemento e ás súas condicións de percepción. A súa contía estará suxeita aos límites que están establecidos para o PDI na normativa para a percepción de cantidades derivadas dos traballos do artigo 83.

5. Complemento de antigüidade.

Este complemento percibirase por cada tres anos de servizos prestados segundo o previsto no Acordo sobre o recoñecemento da antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación da Universidade de Santiago de Compostela, publicado mediante Resolución do 8 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Laborais (DOG do 26 de novembro).

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

Pola representación da Universidade

Antonio Javier Ferreira Fernández

Xerente da USC

Esther Martínez Piñeiro

Confederación Intersindical Galega (CIG)

Benjamín Jesús Rey Sanjurjo

Unión Xeral de Traballadores (FeSP-UGT)

Pola representación dos/das traballadores/as

José Antonio Rodríguez Añón

Comisións Obreiras (CC.OO.)

Pilar Expósito Díaz

Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF)