Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2023 Páx. 25302

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de abril de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes denominados Chan das Cervas e Costa, a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Vicente de Oitavén, na parroquia de San Vicente de Oitavén, do concello de Fornelos de Montes (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 1 de marzo de 2023, baixo a presidencia de Antonio Crespo Iglesias (xefe territorial) coa asistencia dos vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos (xefa do Servizo de Montes), Xosé Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia), Xesús Santaló Ríos (representante do Colexio de avogados da provincia), Paula Nieto Grande (letrada da Xunta de Galicia), Mª Jesús Lago Feijoo (representante da CMVMC de Oitavén), e do secretario do Xurado José Alberto Cousido Fernández (funcionario adscrito ao Servizo Xurídico-Administrativo), adoptou a seguinte resolución:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 16.4.2020, a CMVMC de San Vicente de Oitavén, concello de Fornelos de Montes, solicita a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) das parcelas Chan das Cervas e Costa, a favor dos veciños da parroquia de San Vicente de Oitavén, concello de Fornelos de Montes, provincia de Pontevedra:

Parcela: Chan das Cervas.

Referencia catastral: CSV:3XBSS1QQ0C0CAZMJ.

Superficie: 4.790 m2.

Linde norte: camiño e parcela Costa (CMVMC de San Vicente de Oitavén).

Linde sur: Manuel Lorenzo Pérez, Aquilino Lorenzo Rocha, propietarios particulares descoñecidos.

Linde leste: Amador Pérez Pérez.

Linde oeste: María Lorenzo Casqueiro, Manuel Lorenzo Martínez, propietarios particulares descoñecidos.

Parcela: Costa.

Referencia catastral: CSV:EZP6VWJB8T8Q9QR6.

Superficie: 56.064 m2.

Linde norte: Manuel Lorenzo Pérez, Aquilino Lorenzo Rocha, Marino Rodríguez Marino, Manuel Iglesias Durán, Aquilino Lorenzo Rocha, María Balbina Fernández Fernández.

Linde sur: camiño público, Alfredo García Bouzón.

Linde leste: María Balbina Fernández Fernández, Adelina Fernández Casqueiro, Manuel Lorenzo Martínez, María del Carmen Lorenzo Rocha, camiño público, Manuel Iglesias Durán, Hilda Paz Lorenzo, María Balbina Fernández Lorenzo, María Dolores Paz Lorenzo, María Lorenzo Casqueiro e Lindaura Limes Fernández.

Linde oeste: camiño público, Manuel Lorenzo Martínez, Manuel Iglesias Durán, Leonor Pérez Garrido, Delfín Pérez Pérez, Lucila Limes Martínez, María Lorenzo Casqueiro, en investigación.

Coa solicitude xúntase a seguinte documentación:

• Escrito do 15.4.2020 do presidente da CMVMC de San Vicente de Oitavén que expón que na Asemblea xeral do 6.12.2019 acordan solicitar a clasificación das parcelas Chan das Cervas e Costa. Que os veciños veñen gozando e aproveitando esta parcela desde tempo inmemorial, que se encargaron durante anos da limpeza e mantemento para evitar o seu abandono e a propagación de lumes.

• Certificado da secretaria da CMVMC de San Vicente de Oitavén coa conformidade do presidente de que na Asemblea Xeral do 6.12.2019 acordan solicitar a clasificación das parcelas Chan das Cervas e Costa.

• Informe técnico da solicitude de clasificación das parcelas Chan das Cervas e Costa, parroquia de San Vicente de Oitavén, concello de Fornelos de Montes, Pontevedra. Asinado en abril de 2020 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 908.

• Informe de validación gráfica catastral segundo medición topográfica. Documentación de liñas eléctricas. Subvencións concedidas de limpeza da Consellería do Medio Rural. Fotografías das parcelas.

Durante a tramitación do expediente non achegan documentación para acreditar o aproveitamento veciñal en man común por parte dos veciños da parroquia de San Vicente de Oitavén.

Segundo. O 25.6.2020, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación das parcelas Chan das Cervas e Costa e que se atopa fóra do esbozo do estudo previo da clasificación como MVMC.

Terceiro. O 23.11.2020 o Xurado de MVMC de Pontevedra acorda incoar expediente de clasificación das parcelas Chan das Cervas e Costa e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 24.11.2020 á CMVMC de San Vicente de Oitavén e ao Concello de Fornelos de Montes.

Cuarto. O 18.8.2021, a xefa da Área de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra emite informe preceptivo do Servizo de Montes:

«(...) Ambas parcelas están delimitadas na maior parte do seu percorrido por camiños e muros e presentan unha pendente natural dirección leste-oeste, desde os 400 metros de altitude na parcela Costa ata os 315 metros sobre o nivel do mar da parcela Chan das Cervas.

Teñen unha servidume e ocupación aprobada en Asemblea Xeral o 17.4.2017 para o paso e a construción dunha liña de media tensión, por un período indefinido a nome da empresa eléctrica de Moscoso. O proxecto supuxo a instalación de 3 apoios para unha liña aérea de 272 m de lonxitude e 24 m de ancho (12 m a cada lado do eixe), cunha ocupación total de 6.740 m2 de servidume.

1. Chan das Cervas: localízase no lugar de San Vicente de Oitavén, e accédese a ela por unha pista forestal de aproximadamente 350 m de lonxitude que atravesa a parcela Costa, e entre 3 e 4 m de ancho nalgún dos seus treitos. Non se corresponde cunha referencia catastral concreta e ocupa varias parcelas, sendo parcelada o 16.4.2020 pola técnica forestal da Compañía Galega de Silvicultores, S.L. (Selga), parcelas: 231 e 383.

Linda ao norte, ao leste e ao oeste con propiedades particulares, e ao sur con parte dunha pista de aproximadamente 130 m de lonxitude que a separa da outra parcela Costa.

Está percorrida en dirección noroeste por unha liña de tendido eléctrico e a súa correspondente servidume, ocupada principalmente por toxos (xénero Ulex) e fentos (xénero Pteridium). Ao norte, na superficie que queda fóra desta afectación, hai unha poboación do xénero Quercus e algúns pés de xestas (xénero Cytisus). Pola fronte sur está ocupado por algún carballo (xénero Quercus), e na súa meirande parte por unha matogueira de xestas que alcanzan a altura das árbores. Cara ao oeste presenta unha fronte que linda a través dun muro de pedra consolidado de aproximadamente 1 m de altura, cunha corredoira de acceso a outras parcelas particulares.

Presenta un solo con afloramentos rochosos e grandes desniveis, que complican moito a súa accesibilidade.

2. Costa: non se corresponde cunha referencia catastral concreta e ocupa varias parcelas, e sendo parcelada o 16.4.2020 pola técnica forestal do Selga (parcelas: 221, 231, 239, 240 e 307).

A estrada derivación da de Fornelos, que vén da Parroquia de San Vicente de Oitavén chega ata a súa entrada. Linda ao norte e ao sur con camiños e propiedades particulares, ao oeste e ao leste con propiedades particulares. É unha parcela cunha distribución irregular da vexetación sen grandes masas arbóreas, senón pequenas agrupacións do xénero Eucaliptus, Quercus e Pinus que combina con grandes claros de monte raso ocupados por fentos (Pteridium) e toxos (Ulex).

Na súa cara leste presenta un acceso a un parque infantil e a un merendeiro, ocupando ambos aproximadamente unha superficie duns 2.000 m2. O parque ten un tobogán, un columpio e un banco de pedra, ademais dunha fonte. O merendeiro ten dez mesas de pedra dispostas en paralelo cos seus respectivos bancos a ambos os lados, un asadeiro e dúas fontes. A esta parte da parcela éntrase por unha cancela de dobre folla ao estar pechada en tres das súas caras por un peche metálico suxeitado por postes de madeira, lindando a outra fronte cun muro de pedra de aproximadamente 1,80 m de altura que a separa dunha propiedade particular. Esta parcela privada ten unha cancela de entrada por esta zona recreativa. Uns pés dos xéneros Castanea, Picea e Quercus dan sombra a esta zona recreativa.

O resto desta fronte en dirección sueste segue pechada por este muro de pedra que a percorre por toda esta marxe separándoa de predios particulares. É unha zona de monte raso sen pés de arboredo ata chegar a unha área rochosa de moita pendente que limita a parcela pola súa cara sur. Nesta fronte, pero continuando noutra dirección nordeste, segue sendo monte raso ata concentrarse unha pequena masa de pés do xénero Eucaliptus que son a primeira zona arborada que se visualiza. Está pechada por un muro de pedra de medio metro de altura que a delimita ata chegar a unha corredoira de entrada á parcela, xa pola súa cara leste.

Ao norte está cerrada por un muro consolidado de pedra de 1,5 m de altura, que a separa doutras parcelas particulares e que vai perdendo altura e consolidación segundo se avanza por esta fronte ata desaparecer completamente. É unha área maioritariamente poboada por pés de carballos (xénero Quercus) cun solo totalmente cuberto por follaxe, para terminar nunha zona de matogueira alta (xestas e toxos) con algúns que outros pés espallados de carballos, algúns deles xa secos.

Logo atopamos un muro, que se mete na parcela de aproximadamente medio metro de altura, e que separa a costa doutras parcelas particulares. É unha área de monte raso ocupado por fentos (xénero Pteridium) e algúns pés do xénero Pinus. Está cruzada pola pista que percorre toda a parcela, cunha pendente cada vez máis pronunciada segundo descendemos dirección norte e máis complicada de transitar. Esta pista está pechada por un pequeno muro que sirve de linde da cara oeste nesta zona ata chegar a un quebro onde a parcela se abre para deixar paso a unha servidume de tendido eléctrico que enlaza coa da parcela Chan das Cervas.

Esta zona está ocupada por pés espallados do xénero Eucaliptus, tanto adultos como en brotes. Tamén aí se localiza un peche rectangular de arame de aproximadamente 1,5 m de altura, que está ocultado pola maleza.

O linde sur está peor definido e correspóndese cunha área de solo rochoso visible e unha considerable pendente, presenta moitos pés de árbores derrubados. Hai unha zona con penedos de considerable tamaño, que nalgúns puntos serven de linde da parcela. Segundo descendemos, acaba nunha pista forestal limpa e accesible que serve de límite suroeste e nos leva ata a anterior parcela de Chan das Cervas. O uso das parcelas é forestal, cunha servidume de paso para unha liña eléctrica. Unha parte pequena de Costa está ocupada para uso recreativo, facéndose cargo do seu mantemento a CMVMC de San Vicente de Oitavén».

Quinto. O 30.9.2021, o Rexistro da Propiedade de Redondela-Ponte Caldelas certifica que os predios dos que se insta a clasificación non se atopa inscrita no Rexistro. Ordénase as anotacións preventiva no Rexistro da Propiedade de Redondela-Ponte Caldelas, notifícase o trámite de audiencia, publícase edicto no Concello de Fornelos de Montes e no DOG o Anuncio do 17 de decembro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de inicio do expediente de clasificación dos montes Chan das Cervas e Costa, a favor da CMVMC de San Vicente de Oitavén, do concello de Fornelos de Montes (DOG núm. 10, do 17 de xaneiro de 2022).

Sexto. Dentro do período do trámite de audiencia non se reciben alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989, e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común, é que resulte acreditada a constante posesión do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. Revisada a documentación existente no expediente, acredítase de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común das parcelas pola agrupación veciñal.

O expediente de axudas de rozas preventivas de lumes da Consellería do Medio Rural execútase case na totalidade da superficie da parcela Costa. O contrato achegado para a constitución do dereito de superficie entre a empresa eléctrica e a CMVMC de San Vicente de Oitavén afecta parcialmente as parcelas Costa e Chan das Cervas. O informe do Servizo de Montes indica que a parcela Costa está perimetrada por muros excepto na zona sur e que contén unha zona recreativa que mantén a CMVMC promotora da clasificación.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o xurado por unanimidade acorda: clasificar como veciñais en man común os montes denominados Chan das Cervas e Costa a favor dos veciños da Comunidade de Montes de San Vicente de Oitavén, do Concello de Fornelos de Montes, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito primeiro e conforme a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de abril de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

missing image file