Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 2023 Páx. 25450

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 12 de abril de 2023 pola que se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2023 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, por paralización temporal da actividade marisqueira, ás persoas armadoras e tripulantes das embarcacións afectadas pola veda temporal nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa (Lombos do Ulla, O Boído e Cabío, cofinanciada ao 50 % polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (códigos de procedemento PE406A e PE406B).

O Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011, do Parlamento Europeo e do Consello, establece no seu artigo 33 a posibilidade de prestar axudas á paralización temporal baixo uns casos determinados e un destes é o mencionado no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común, isto é, para aplicar medidas de conservación, incluídos os períodos de descanso biolóxicos. Unha condición do Regulamento (UE) nº 508/2014 para conceder axudas por parada temporal é que toda as actividades de pesca realizadas polo buque pesqueiro ou polos pescadores afectados deberán suspenderse de feito.

A paralización temporal da actividade afecta a viabilidade dunha parte do sector que ten unha dependencia da explotación de determinados recursos, polo que é preciso habilitar medidas que compensen a este sector afectado como consecuencia da aplicación da medida técnica de conservación. Por outra banda, as embarcacións obxecto da axuda deberán ter levado a cabo unha actividade pesqueira mínima, xa que, precisamente, esta dependencia da explotación dos recursos é o que compromete a súa viabilidade.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, da adopción de medidas de conservación e protección dos recursos mariños vivos e os seus ecosistemas, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Os bancos marisqueiros dos Lombos do Ulla, O Boído e Cabío son os bancos sublitorais de libre marisqueo da ría de Arousa nos que desenvolven a súa actividade todas as embarcacións con base nalgún porto da ría de Arousa que teñen a modalidade de marisqueo (Z3) ou libre marisqueo (Z3) no seu permiso de explotación.

A Consellería do Mar notificou, mediante a Resolución da Xefatura Territorial da Consellería do Mar en Vigo, unha adaptación ás medidas de xestión solicitadas no Plan de xestión de moluscos bivalvos desde embarcación en zonas de libre marisqueo aprobado á Asociación de Rañeiros da Ría de Arousa para o período 2021-2023 que implica unha veda temporal nas zonas incluídas no plan de xestión, isto é, os Lombos de Ulla, O Boído e Cabío na ría de Arousa, como medida de conservación ao abeiro do artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 e 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas armadoras e tripulantes de embarcacións afectadas pola paralización temporal da actividade marisqueira pola veda temporal nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa (Lombos do Ulla, O Boído e Cabío).

Artigo 2. Finalidade

Esta orde ten por finalidade compensar os efectos da medida de conservación da veda temporal nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa (Lombos do Ulla, O Boído e Cabío) coas axudas de paralización temporal.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723A.770.0, código de proxecto 2023.00185, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

2. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 4.013.800,00 €.

3. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 50 % con fondos FEMP e un 50 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias e requisitos xerais

1. Poderán ser beneficiarias das axudas por paralización temporal da actividade de marisqueo a flote con vara nos bancos marisqueiros sublitorais da ría de Arousa (Lombos do Ulla, O Boído e Cabío), as persoas que teñan a condición de:

a) Armadoras das embarcacións que estean rexistradas como activas no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e que levaran a cabo actividade, cando menos, 120 días durante os anos 2021 e 2022.

b) Tripulantes que traballasen, cando menos, 120 días durante os anos 2021 e 2022, a bordo dunha embarcación afectada pola paralización temporal.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Non ter pendente de pagamento ningunha sanción firme por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

g) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común (PPC) definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

h) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316 do 27.11.1995).

i) Non estea nin estivese nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

2. Os 120 días mínimos exixidos no punto 1-b deste artigo deberán terse realizado na modalidade de marisqueo (Z3) ou libre marisqueo (Z3), durante os anos 2021 e 2022. Os días de actividade extractiva verificaranse mediante as notas de vendas realizadas nas lonxas ou centros de venda autorizados e serán os que consten nos rexistros da Consellería do Mar.

3. A axuda por paralización temporal poderá concederse por unha duración máxima de seis meses por embarcación e tripulante, durante o marco de programación do FEMP 2014-2020. Neste caso a axuda darase por un período de parada desde o 1 de febreiro ata o 30 de abril de 2023, ambos incluídos.

4. Se durante o período de veda temporal unha embarcación é substituída por outra de nova construción, a embarcación substituta participará de todos os dereitos da anterior, para os efectos da concesión da axuda por paralización temporal.

5. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que as persoas solicitantes sexan unha pluralidade de persoas sen personalidade xurídica, cada un/unha dos/das solicitantes deberán cumprir este requisito.

6. Coa solicitude acompañarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos no punto 1, letras c) ata i), deste artigo.

Artigo 5. Requisitos específicos das persoas armadoras

As persoas armadoras, que sexan beneficiarias de acordo co disposto no artigo anterior, terán que cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a embarcación pertenza á 3ª lista do Rexistro de Buques e Empresas Navieiras.

b) Que a embarcación teña porto base na Comunidade Autónoma galega e estea en situación de alta no Rexistro Xeral da Frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que o permiso de explotación da embarcación, que deberá estar vixente, inclúa a modalidade de «marisqueo (Z3)» ou «libre marisqueo (Z3)». O cumprimento deste requisito verificarase mediante a información que consta na Consellería do Mar.

d) Para os efectos de que as persoas tripulantes obxecto da paralización temporal poidan acollerse ás axudas correspondentes, xustificación de que a persoa armadora ou empresaria presentou ante as autoridades laborais a correspondente comunicación de inicio do procedemento de suspensión dos contratos regulados no artigo 47 do Estatuto dos traballadores, polo total da tripulación enrolada na embarcación, como data límite a do último día previo ao inicio do tempo de parada obxecto da axuda, para os efectos de poder adoptar a decisión de suspender os contratos de traballo. Eximirase deste requisito cando a persoa armadora xustifique documentalmente a non existencia de persoas traballadoras no momento de producirse a paralización temporal.

e) A paralización, de feito, de todas as actividades de pesca e marisqueo realizadas pola embarcación durante todo o período que dure a parada temporal segundo o establecido no artigo 11.1. Esta circunstancia deberá quedar recollida no rol de despacho, no que se indicará expresamente que a embarcación entra en porto para iniciar unha parada temporal da actividade pesqueira e, igualmente, o día de saída indicarase que a embarcación finaliza a súa parada temporal. A suspensión da actividade pesqueira acreditarase a través da entrega do rol na Capitanía Marítima do porto no momento da súa chegada. A inactividade pesqueira deberá ser total e a embarcación permanecerá no porto durante todo o período computable da parada, e non poderá ser despachada para ningunha actividade.

Na aplicación informática de alternancia de artes da Consellería do Mar deberá indicarse durante o tempo de parada como «Comunicación de inactividade».

f) Estar en situación de alta no Réxime Especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do mar na embarcación afectada, no momento de sobrevir a paralización temporal.

Artigo 6. Requisitos específicos das persoas tripulantes

1. As persoas tripulantes que sexan beneficiarias, de acordo co establecido no artigo 4, deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Estar enrolada a bordo dunha embarcación afectada pola paralización temporal.

b) Estar incluída nun procedemento de suspensión de contrato de traballo ou de redución de xornada, excepto no caso das persoas traballadoras por conta propia que teñan a consideración de familiares colaboradores da persoa armadora.

c) Estar en situación de alta no Réxime Especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do mar na embarcación na que se atopaban enrolados no momento de sobrevir a inmobilización da frota durante a parada e, ademais, os traballadores por conta allea manter a relación laboral de forma ininterrompida coa empresa armadora da embarcación na que se atopaban enroladas no momento de sobrevir a inmobilización da frota durante a parada. Tamén poderán percibir axudas as persoas tripulantes que, mantendo ininterrompida a súa relación laboral coa empresa, non figuren enroladas no momento da paralización temporal como consecuencia dunha incapacidade laboral, permisos retribuídos, vacacións, excedencia e/ou expectativa de embarque, maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactancia natural; sempre e cando cumpran os demais requisitos establecidos no punto 1 e quede acreditado o cesamento nesa situación ao longo do período de tempo de duración da paralización temporal.

d) Acreditar un período de cotización no Réxime Especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do mar de, cando menos, doce meses ao longo da súa vida laboral.

Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos establecidos na normativa de aplicación a estas.

2. As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias. Con todo, tamén deberá conservar os devanditos documentos durante dous anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas por parte da Administración nas que se incluíse a súa operación, para o cal informaráselle da devandita data.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

g) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarada culpable de cometer fraude, nin estar incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 8. Obrigas específicas das persoas empresarias ou armadoras

As persoas empresarias ou armadoras deberán manter ás súas persoas traballadoras en situación de alta no Réxime Especial da Seguridade Social dos/das traballadores/as do Mar durante o período de inactividade. No caso de que a persoa beneficiaria fose armadora autónoma enrolada como tripulante deberá permanecer de alta como tal traballadora autónoma no devandito Réxime durante o dito período de inactividade.

Artigo 9. Incompatibilidades

1. A percepción das axudas compensatorias previstas nesta orde é incompatible co traballo por conta propia ou por conta allea da persoa beneficiaria durante o período da parada subvencionable, así como o percibo doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, autonómicos, nacionais, da Unión Europea ou dos organismo internacionais.

2. Igualmente, a condición de persoa beneficiaria será incompatible co recoñecemento do dereito á protección por desemprego, cesamento de actividade de traballadores/as autónomos/as e co resto das prestacións económicas do Sistema da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo da persoa beneficiaria, coa excepción das prestacións por incapacidade temporal, de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, e risco durante a lactación, en cuxo caso se descontará este período do dereito a percibir a axuda.

3. No caso de que o recoñecemento da axuda puidese dar lugar a unha incompatibilidade sobrevida co recoñecemento dun dereito anterior por protección por desemprego ou por cesamento de actividade, no caso de traballadores/as autónomos/as, tal circunstancia será notificada pola persoa interesada, e deberá esta optar, no prazo de dez días desde a recepción da notificación de concesión da axuda, entre a percepción desta e a protección por desemprego ou cesamento de actividade.

Se no referido prazo de dez días non manifesta por escrito a súa elección entre ambas, entenderase que opta pola prestación por desemprego ou cesamento de actividade, denegándoselle o cobramento da axuda regulada nesta orde por incompatibilidade e, de ser o caso, procederase ao reintegro desta.

Se opta pola axuda regulada nesta orde, realizaranse as regularizacións que procedan respecto da protección por desemprego ou cesamento da actividade concorrentes coa compensación económica.

4. A solicitude da axuda por paralización temporal será incompatible coa solicitude de axudas por paralización definitiva.

5. A condición de persoa beneficiaria como armadora é incompatible coa de beneficiaria como tripulante. No caso de que o interesado presente a solicitude como persoa armadora e tripulante, daráselle un prazo de dez días para que opte por unha delas.

Artigo 10. Contía da axuda

1. O importe máximo da axuda concedida ás persoas armadoras será unha cantidade pola embarcación obxecto da paralización temporal, que se calculará multiplicando 5,16 × GT+ 36 e por cada día hábil de parada, garantíndose un mínimo de 100 € diarios.

Para estes efectos, o número de arqueo bruto (GT) será o que figura na folla de asento da embarcación recoñecido con efectos pesqueiros ou, no seu defecto, no certificado de arqueo definido en tonelaxe de arqueo bruto.

Por días hábiles de paralización entenderanse os efectivamente hábiles para o exercicio da actividade pesqueira segundo a normativa vixente.

2. A contía da axuda ás persoas tripulantes calcularase multiplicando un importe máximo de 50 € por cada día hábil de parada.

No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias axustaranse as contías e repartiranse pro rata entre todas as persoas tripulantes beneficiarias.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 11. Duración

1. As axudas outorgaranse por un período de 61 días hábiles de parada entre o 1 de febreiro de 2023 e o 30 de abril de 2023, ambos incluídos, sempre que se realizase de forma continuada e ininterrompida.

2. Deberase depositar o rol na Capitanía Marítima, como moi tarde, o día anterior ao inicio da parada obxecto da axuda, e a recollida, como moi pronto, ao día seguinte ao da finalización da parada obxecto da axuda. Verificarase a ausencia de vendas nese período.

Artigo 12. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria de 2023 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día hábil seguinte ao de finalización do período de paralización temporal, é dicir, do 2 de maio ao 2 de xuño.

Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes

1. As persoas solicitantes profesionais do sector pesqueiro terán a capacidade administrativa para o acceso e a dispoñibilidade para a tramitación electrónica. Deste xeito establécese a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos de acordo co disposto no artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, de Administración dixital de Galicia, e no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas. Polo tanto, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos da presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse, mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo III da presente orde.

Artigo 14. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de axuda (anexo I, se é persoa armadora ou anexo II, se é tripulante) a seguinte documentación:

– Anexo III de nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.

2. A documentación complementaria está formada por:

A) No caso dunha persoa armadora:

I) Se o solicitante é unha persoa física:

Non ten que presentar documentación complementaria, salvo que se opoña ou non autorice a consulta dos documentos indicados no anexo I.

II) Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

b) Poder suficiente do representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

c) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

III) Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado, e, na súa falta, co que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes:

a) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo IV).

b) Anexo IV de pluralidade de persoas solicitantes.

c) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais desta entidade, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

Outra documentación complementaria:

IV) Certificado do Instituto Social da Mariña acreditativo de estar en situación de alta asociada á embarcación afectada, así como os códigos de conta asociados á embarcación e ás persoas traballadoras por conta allea incluídas nelas, e os/as autónomos/as, se é o caso.

V) Rol de despachos actualizado da embarcación coa dotación de tripulación enrolada nela nos anos 2021 e 2022.

VI) Certificación da capitanía marítima correspondente do depósito do rol de despachos da embarcación e no que se faga constar o lugar e o período de inmobilización total da embarcación con motivo do cesamento temporal da actividade pesqueira, con expresión das datas de comezo e fin da parada realizada.

VII) Documentación que acredite a presentación do expediente de regulación de emprego pola persoa armadora ou empresaria, de acordo co establecido no artigo 5.d) desta orde.

VIII) Certificado de arqueo definido en tonelaxe de arqueo bruto (GT), expedido pola Dirección Xeral da Mariña Mercante. Só será preciso a presentación desta documentación se a dita información non consta na folla de asento de inscrición marítima.

IX) Informe de vida laboral no que se acredite que a persoa solicitante estivo de alta como autónoma no Réxime Especial da Seguridade Social dos traballadores do mar durante todo o período de parada, no caso de que a persoa beneficiaria fose armadora autónoma enrolada como tripulante.

B. No caso das persoas tripulantes, ademais da documentación indicada no punto 1 deste artigo, deberá achegar:

I) Documentación acreditativa da persoa armadora de que a persoa tripulante está incluída no rol da embarcación, co visto e prace da Capitanía Marítima, de acordo co modelo que figura como anexo V, no que deberá quedar acreditado, no espazo reservado para tal efecto, o período de paralización da embarcación, de acordo co previsto no artigo 11.2.

II) Certificado do Instituto Social da Mariña acreditativo de estar en situación de alta asociada á empresa armadora na que se atopaban enroladas no momento de sobrevir a paralización temporal.

III) Copia da resolución da autoridade laboral competente que aprobe a suspensión da relación laboral.

IV) Informe de vida laboral.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica ou NIF da entidade representante legal da persoa xurídica.

d) NIF da persoa xurídica solicitante, da entidade ou agrupación sen personalidade xurídica ou da comunidade de bens, segundo corresponda.

e) Certificación de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificación de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Certificación de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, estea ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Consulta de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, estea ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Informe acreditativo de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non ten sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade correspondente da Consellería do Mar.

j) Consulta de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non está en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtida a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

k) Informe acreditativo de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non ten cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

l) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, no caso de persoas físicas ou de pluralidade de persoas físicas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, certificado de carecer de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, e deberán conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

m) Consulta no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública, de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP, para cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso.

n) Consulta de que cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso, non está nin ten estado nos últimos vinte e catro meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtida a través da base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Presentarase informe no caso de opoñerse expresamente á súa consulta.

ñ) Consulta de concesión de subvencións e axudas, para cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso.

o) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas, para cada persoa solicitante e integrante da agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, se é o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A Administración solicitará de oficio á Capitanía Marítima a folla de asento de inscrición marítima actualizada, completa e literal, e certificada en todas as súas follas.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Tramitación de solicitudes

1. A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar, analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, e se así non o fixer, terase por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 4, número 5, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

5. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polas persoas interesadas, daráselles a estas un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Valoración.

6. Para os expedientes que non cumpran os requisitos, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución denegatoria que proceda, na cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Aquelas solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria, continuarán tramitándose de acordo co establecido no presente artigo.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

Unha Comisión de Selección valorará os criterios de valoración que servirán de base para determinar a prelación das solicitudes, cando as solicitudes subvencionables superen as dispoñibilidades orzamentarias.

I) Criterios xerais de avaliación.

1. Avaliaranse os proxectos segundo criterios xerais nos que se terán en conta a súa idoneidade ao programa operativo do FEMP.

2. Esta avaliación será realizada, preferentemente, por persoas cunha axeitada cualificación e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan achegar valor engadido a esta avaliación.

3. Para a valoración de idoneidade ao programa operativo do FEMP terase en conta:

– Adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do programa operativo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

4. O órgano instrutor emitirá un «Informe de Idoneidade» para cada solicitude que alcanzase esta fase, no que se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: <= 7, > 5), deficiente (baixo: <= 5, > 2) e inadecuado (nulo <=2) en función dos puntos totais que obteña.

Tendo en conta que se trata dunha compensación para paliar os efectos dunha parada temporal como medida de conservación do recurso na zona dos Lombos do Ulla, Cabío e O Boído, os expedientes que cumpran o requisito e acheguen toda a documentación pasarán á seguinte fase, independentemente do resultado obtido no informe de idoneidade mencionado anteriormente.

II) Criterios específicos de avaliación.

1. Estes criterios de avaliación serán de aplicación ás embarcacións que opten ás axudas, e excluiranse da súa aplicación as tripulacións, que terán dereito a optar á axuda por estaren incluídas no rol da embarcación afectada pola paralización temporal e cumprir cos demais requisitos establecidos.

2. Os criterios para a valoración das solicitudes presentadas son os seguintes:

a) Actividade pesqueira (que se verificará de oficio a través das notas de venda) da embarcación nos bancos definidos no artigo 1 desta orde, nos anos 2021 e 2022:

1º. Ata 50 días: 0 puntos.

2º. De 51 a 100 días: 1 punto.

3º. De 101 a 120 días: 2 puntos.

4º. De 121 a 150 días: 3 puntos.

5º. Máis de 150 días: 4 puntos.

b) Dependencia da embarcación das capturas procedentes dos bancos definidos no artigo 1 desta orde:

1º. Que o valor das capturas procedentes dos bancos marisqueiros definidos no artigo 1 sexa igual ou inferior ao 20 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2017-2022: 1 punto.

2º. Que o valor das capturas procedentes dos bancos marisqueiros definidos no artigo 1, sexa superior ao 20 % e igual ou inferior ao 30 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2017-2022: 2 puntos.

3º. Que o valor das capturas procedentes dos bancos marisqueiros definidos no artigo 1, sexa superior ao 30 % e igual ou inferior ao 40 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2017-2022: 3 puntos.

4º. Que o valor das capturas procedentes dos bancos marisqueiros definidos no artigo 1, sexa superior ao 40 % do valor total das capturas realizadas pola embarcación, tomando como base os totais agregados no período 2017-2022: 4 puntos.

c) O número de modalidades das que dispón a embarcación no seu permiso de explotación:

1º. Que conte unicamente coa modalidade de marisqueo (Z3) ou libre marisqueo (Z3) no seu permiso de explotación: 2 puntos.

2º. 2 modalidades: 1 puntos.

3º. 3 modalidades: 0,5 puntos.

4º. Máis de 3 modalidades: 0 puntos. Nesta epígrafe 4ª, no suposto de que algunha das modalidades das que dispón no seu permiso de explotación non puidesen ser empregadas por atoparse a especie obxectivo en período de veda ou que o emprego da arte non estivese autorizado nese período, descontarase do número total das que dispón a embarcación, para os efectos de aplicar o disposto nesta letra c).

3. A valoración dos criterios establecidos no punto anterior realizarase de acordo coa información relativa aos rexistros de actividade pesqueira, vendas en lonxa ou punto de venda autorizados realizadas e no sistema de xestión dos permisos de explotación para as embarcacións, que consten en poder da Consellería do Mar.

4. En caso de empate, priorizarase a quen teña tripulantes mulleres enroladas na embarcación. De persistir o empate na puntuación obtida pola embarcación, este resolverase tendo en conta a cualificación na letra b). De persistir o empate, atenderase á cualificación na letra a) e, de continuar, á letra c). Se aínda así continúa a igualdade, acudirase ao número de persoas tripulantes enroladas na embarcación, e darase preferencia á de maior número de persoas tripulantes.

C) Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección procederá a formular a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde. Ordenaranse os expedientes seleccionados de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A Comisión de Selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada dos criterios específicos de cada expediente.

5. O presidente da Comisión de Avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 18. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán avaliados por unha Comisión de Selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A composición da Comisión Avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: subdirector/a xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo presidente, e a xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que exercerá a secretaría.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección. No caso de excepcional ausencia do presidente, actuará como tal o secretario.

4. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

5. A Comisión Avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

6. A reunión da Comisión de Selección poderá celebrarse presencial ou telematicamente.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso no que poderá celebrar cantas sesións considere necesarias, e emitir propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 19. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de catro meses contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; os prazos e modo de pagamento da subvención; e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade do artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento, polas persoas interesadas, da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 19, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 22. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente doutras subvencións ou axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outro extremo que se considere que afecta a un aspecto substancial da resolución de concesión, poderán dar lugar á súa modificación ou revogación.

Artigo 23. Pagamento

1. Tendo en conta que se trata dunha compensación e que as persoas beneficiarias non teñen que realizar xustificación do investimento, unha vez concedida a axuda, o pagamento poderase realizar no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda.

2. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica relativa ao correcto cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

3. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigacións tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

4. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.

Artigo 24. Extinción das axudas

O dereito ás axudas obxecto desta orde extinguirase:

a) Pola interrupción do período da parada. A interrupción do período da parada suporá a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda pola totalidade da parada.

b) Por iniciar actividades laborais por conta propia ou allea durante o período da parada subvencionable.

c) Por iniciarse os efectos económicos das prestacións da Seguridade Social que resulten incompatibles co traballo, coa excepción das prestacións de incapacidade temporal, de maternidade e paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación, caso en que o tempo que perciban estas prestacións será descontado do dereito a percibir a axuda.

Artigo 25. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 28. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto por dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 29. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións comúns de fondos estruturais e de investimentos europeos; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file