Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2023 Páx. 29372

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de maio de 2023 pola que se modifica o prazo establecido no artigo 16.2 da Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, polo procedemento de anticipado de gasto, o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

O 13 de febreiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, polo procedemento de anticipado de gasto, o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A).

Rematado o prazo de presentación de solicitudes establecido na dita convocatoria, recibíronse un total de 100 solicitudes. O seu número incrementouse en máis dun 40 % con respecto ao ano anterior, polo que é preciso ampliar en dous meses o prazo máximo de resolución e notificación dos expedientes de axudas, previsto no artigo 16.2 da dita orde.

O artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que «O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá superar os nove meses, salvo que unha norma con rango de lei estableza un prazo máximo ou veña así previsto na normativa da Unión Europea. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria, salvo que esta pospoña os seus efectos a unha data posterior.».

Así mesmo, no artigo 21.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese que «Cando o número das solicitudes formuladas ou as persoas afectadas puidesen supoñer un incumprimento do prazo máximo de resolución, o órgano competente para resolver, por proposta razoada do órgano instrutor, ou o superior xerárquico do órgano competente para resolver, por proposta deste, poderán habilitar os medios persoais e materiais para cumprir co despacho adecuado e en prazo.».

Na documentación xustificativa do expediente de modificación do prazo de resolución da devandita orde queda acreditado e xustificado tanto o incremento do número de solicitudes presentadas como a insuficiencia dos medios persoais para a resolución dos expedientes de axudas en prazo, malia térense reforzado estes medios.

Pola súa parte, o artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece que o órgano competente para resolver, por proposta, de ser o caso, do órgano instrutor, ou o superior xerárquico do órgano competente para resolver, poderá acordar de maneira motivada a ampliación de prazo máximo de resolución e notificación, que non poderá ser superior ao establecido para a tramitación do procedemento.

Así mesmo, no devandito artigo determínase que contra o acordo que resolva sobre a ampliación de prazos, que deberá ser notificado aos interesados, non caberá recurso, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.

De conformidade co previsto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a decisión de ampliación deberá producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de que se trate, de modo que en ningún caso poderá ser obxecto de ampliación un prazo xa vencido.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo único. Modifícase o artigo 16.2 da Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca, polo procedemento de anticipado de gasto, o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais (código de procedemento SA500A), que queda redactado nos seguintes termos:

«2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Se transcorre o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.».

Contra este acordo non cabe recurso, de conformidade co previsto no artigo 23.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo do cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade