Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2023 Páx. 30131

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2023 pola que se convoca unha bolsa de formación, dirixida a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se o autorice a correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao que a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a citada disposición, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante FGE, ou a Fundación) é unha entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico. De acordo co establecido na citada norma, a Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e de acción exterior da Administración autonómica.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, ten, entre outras funcións, a proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Con base no establecido no artigo 15.c) dos estatutos da Fundación Galicia Europa, elevados a público o 21 de decembro de 2018, en ausencia do presidente da fundación, correspóndelle ao vicepresidente asinar as convocatorias públicas de axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación. Ao abeiro do artigo 11 dos anteriormente citados estatutos da Fundación Galicia Europa, a Vicepresidencia do Padroado da Fundación Galicia Europa correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico. Os estatutos de Gain atribúenlle, entre outras funcións, as de ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A importancia da innovación e da investigación para o tecido empresarial de Galicia, a formación da mocidade neste ámbito, así como o coñecemento dos programas europeos de apoio a estas políticas, son elementos primordiais para un crecemento competitivo e sustentable da economía galega, o que require un esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións das persoas tituladas superiores universitarias que inician a súa actividade neste sector.

Por outra banda, o 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda, a través da I+D+i, tres grandes retos da economía e da sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara á 3 prioridades temáticas transversais, e pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de 5 obxectivos estratéxicos, arredor dos que articulan os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 5 busca reforzar o posicionamento de Galicia. Un dos desafíos concretos relacionados con este obxectivo é o de incrementar a participación en redes, consorcios e programas nivel nacional, europeo e internacional.

En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3, respondendo polo seu carácter transversal aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico aproveitar a Marca Galicia para posicionarse en I+D+i (obxectivo estratéxico 5) e intégrase, polo tanto, no programa Posiciona, contribuíndo a sentar as bases que impulsen unha maior colaboración e presenza na contorna europea e internacional de empresas, centros de coñecemento e administración.

Por este motivo, a Gain, a través de transferencias de financiamento do seu orzamento de gastos, financia un programa de bolsas que se desenvolven fundamentalmente na oficina da FGE en Bruxelas, de formación en proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación, e no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación.

O 14 de febreiro publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG número 30) a Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M). No anexo I da citada orde recóllense as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación (en diante, bases reguladoras).

Á vista do anteriormente exposto,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar unha (1) bolsa dirixida a persoas cun título universitario para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación na oficina da FGE en Bruxelas.

2. Á bolsa regulada por esta resolución seranlle de aplicación as bases reguladoras, recollidas como anexo I da Orde do 31 de xaneiro de 2022 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

Artigo 2. Condicións xerais da bolsa

1. A bolsa regulada nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. O obxectivo da bolsa é permitir á persoa beneficiaria familiarizarse cos asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

3. A concesión e desfrute da bolsa non suporá vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Fundación Galicia Europa.

A esta bolsa non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

4. A bolsa será indivisible e incompatible con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada. A persoa adxudicataria no momento de aceptación da bolsa, non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Artigo 3. Duración e lugar de realización

1. O programa formativo da bolsa terá unha duración de doce (12) meses.

2. O lugar de desenvolvemento da bolsa será a oficina da FGE en Bruxelas, podendo realizar tamén breves períodos formativos nas dependencias da Gain en Santiago de Compostela ou onde se indique.

Artigo 4. Contía e financiamento da bolsa

1. O custo total da bolsa é de 18.037,18 euros coa seguinte distribución:

1.1. Importe bruto da bolsa: 16.200 €.

1.2. Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento persoal a cada bolseiro): 1.100 euros. As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e non exixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 da citada norma. Estes pagamentos débense xustificar no prazo dun mes desde a realización dos desprazamentos e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

1.3. Seguridade social: 645,48 euros, en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

1.4. Seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica: 91,70 euros. O sistema sanitario belga é un sistema sanitario con copagamentos. Coa finalidade de anular o impacto que este feito puidese ter na asistencia sanitaria das persoas bolseiras no país de destino, prevese a subscrición dun seguro adicional de viaxe e enfermidade por parte da FGE para as persoas bolseiras na oficina de Bruxelas.

2. O financiamento desta bolsa enmárcanse na epígrafe de gastos por axudas e outros, axudas monetarias, con cargo á conta 65001 Axudas monetarias individuais, na cal existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Fundación Galicia Europa.

Conta

2023

2024

Total

65001

6.806,86 €

11.230,32 €

18.037,18 €

3. A concesión da bolsa quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 5. Requisitos da persoa beneficiaria

Poderán optar á obtención da bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar o nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e a residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria, mediante empadroamento.

3. Posuír o título universitario oficial de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente ou o xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

4. Posuír un nivel B2 ou superior en lingua inglesa.

5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.

6. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

7. Non ter desfrutado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e desfrutase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presenciamente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Na solicitude, anexo I, inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude a persoa interesada debe achegar a documentación complementaria que se indica a seguir:

a) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar a filiación de proxenitores galegos.

c) Copia do documento que acredita o nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, só para aquelas persoas candidatas que deben acreditar a súa residencia en Galicia, polo menos, desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.

d) Xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título oficial universitario).

e) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.

f) Copia do documento que acredita o nivel B2 en lingua inglesa.

g) Currículo: preferentemente en formato Europass, no que se relacionen os estudos cursados e, de ser o caso, experiencia en proxectos de innovación e investigación.

h) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante, que se recollerán no anexo II desta resolución de convocatoria, xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo.

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados, na que consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para estudos universitarios ou normativa que o modifique.

– Os cursos en materia de investigación ou innovación acreditaranse mediante o correspondente título ou certificado de participación nas entidades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– A participación en proxectos de investigación e innovación acreditarase mediante certificación expedida pola entidade onde se realizou o proxecto. A duración pódese acreditar mediante copia do contrato de traballo ou certificado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

O órgano instrutor poderá consultar os certificados Celga 4 e Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou órgano equivalente que corresponda.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante a presentación da copia do título oficial que acredite o nivel de linguas. Para participar no proceso selectivo debe acreditarse polo menos o nivel B2 en lingua inglesa. Non se valorarán os cursos e idiomas que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán acompañarse dunha tradución xurada.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, anexos I e II, será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Datos de residencia con data de última variación no padrón.

e) Certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento e tramitación. Recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea.

3. A instrución e tramitación do procedemento establécese no artigo 10 das bases reguladoras.

4. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de cinco (5) meses, desde a data de publicación da correspondente resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución de convocatoria das bolsas, o director da FGE designará unha Comisión de Valoración. Esta comisión será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, de acordo cos criterios de avaliación e selección de solicitudes sinalados no artigo 12 da orde de bases, así como de elevar ao órgano instrutor o informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relación coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

c) Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Gain e da FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE (http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/).

3. A Comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que se considere necesario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 14. Criterios de adxudicación

A Comisión de Valoración avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases, de acordo cos seguintes criterios:

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 38 puntos.

Concepto

Puntuación

Puntuación máxima na epígrafe

Titulación universitaria preferente (inferior a mestrado)

Estudos universitarios relacionados coas ramas de coñecemento de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura segundo se especifica no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais: 5 puntos.

5

Expediente académico (da titulación anterior)

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Mestrado

Mestrado universitario nas ramas de coñecemento de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura: 5 puntos.

5

Cursos relacionados en materia de investigación ou innovación

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,25 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 0,50 puntos por curso.

5

Por participación en proxectos de investigación ou innovación

Prácticas ou traballo acreditados: 0,50 puntos por cada tres meses de prácticas ou traballo.

5

Lingua galega

– Celga 3 ou titulación equivalente: 1 punto.

– Celga 4 ou titulación equivalente ou superior: 2 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

2

Lingua inglesa

– Nivel C1: 3 puntos.

– Nivel C2: 4 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

Aplicaranse 4 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas de Filoloxía ou Tradución e interpretación das linguas referidas.

4

Outras linguas estranxeiras

– Nivel B2: 1 punto.

– Nivel C1: 2 puntos.

Valoraranse ata un máximo de dúas linguas.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 2 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e interpretación das linguas referidas.

2

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 12 puntos.

A entrevista valorará o grao de coñecemento das persoas candidatas nos seguintes aspectos:

1. O coñecemento das institucións comunitarias e das políticas europeas que máis afectan a Galicia.

2. O coñecemento sobre a política científica e tecnolóxica da Unión Europea, do Estado e de Galicia.

3. O coñecemento sobre os programas europeos 21-27, especialmente o Horizon Europe.

4. A claridade na exposición dos contidos.

5. O grao de fluidez na lingua inglesa.

Os membros da Comisión poderán realizar preguntas en inglés.

Artigo 15. Xustificación e pagamento das bolsas

1. As axudas de desprazamento serán aboadas con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e non exixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 da devandita norma.

Estes desprazamentos xustificaranse no prazo dun mes desde a súa realización e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

2. As retribucións brutas aboaranse en 12 mensualidades ao final de cada mes pola parte proporcional que corresponda, tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da seguridade social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

3. A xustificación debe presentarse con carácter previo aos pagamentos mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

b) Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Os informes que xustifiquen a actividade realizada durante o mes.

Artigo 16. Incorporación da persoa bolseira

A data de incorporación da persoa bolseira á oficina da FGE en Bruxelas será determinada na resolución de outorgamento da bolsa ditada polo director da FGE. Debido á situación provocada pola COVID-19 poderíanse producir cambios na data de incorporación á bolsa, feito que sería comunicado en tempo e forma á persoa interesada.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo (PR770M) poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

b) Na páxina web da Fundación Galicia Europa:

http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

c) No enderezo electrónico:

santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu

d) No teléfono: 981 54 10 12 ou +32 (0) 27 35 54 40.

e) Persoalmente no enderezo da Fundación Galicia Europa:

En Santiago de Compostela: rúa do Hórreo, 61.

En Bruxelas: Rue de la Loi/Wetstraat, 38-2°, bte. 2.

f) Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou de carácter xeral, poderán facer as súas consultas no teléfono de información da Xunta de Galicia 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es

Artigo 19. Publicación

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Réxime de recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file