Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32698

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 29 de maio de 2023 pola que se modifica a Orde do 15 de marzo de 2023 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos a agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedimiento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D).

O día 20 de marzo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 15 de marzo de 2023 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Esta norma ten por obxecto regular, na Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas directas e as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (SIXC) do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 e do Plan estratéxico da PAC de España 2023-2027 (PEPAC), e convocar as axudas nela previstas.

Resulta preciso acometer unhas modificacións desta norma, tanto a consecuencia de esixencias técnicas, como de adecuación á nova normativa de aplicación.

En particular, a través desta orden modifícase o artigo 7, relativo ás flexibilidades na xestión das intervencións do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, para clarificar aspectos técnicos indicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) nas reunións de coordinación, en calidade de organismo de coordinación dos fondos agrícolas europeos.

Por outra banda, o artigo 15 do Real decreto lei 4/2023, do 11 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes en materia agraria e de augas en resposta á seca e ao agravamento das condicións do sector primario derivado do conflito bélico en Ucraína e das condicións climatolóxicas, así como de promoción do uso do transporte público colectivo terrestre por parte dos mozos e prevención de riscos laborais en episodios de elevadas temperaturas, introduce unha modificación no Real decreto 1048/2022, do 27 de decembro, sobre a aplicación, a partir de 2023, das intervencións en forma de pagos directos e o establecemento de requisitos comúns no marco do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común, e a regulación da solicitude única do sistema integrado de xestión e control, incluíndo unha disposición transitoria única. Esta disposición transitoria regula unha adaptación de diversos prazos e condicións para a campaña 2023, que, en particular afecta aos prazos de presentación e modificación da solicitude única da PAC na campaña 2023.

Por último, a consecuencia do proceso de xestión da primeira modificación do Plan Estratéxico da PAC modifícanse os artigos 44 e 47 da orde coa finalidade de que a degresividade poida aplicarse sen deixar ningunha superficie comprometida sen axuda. Igualmente, tamén se modifica o artigo 46 para aliñar os compromisos da axuda cos obxectivos da agricultura ecolóxica, polo que se elimina o compromiso de comercialización. En todo caso a disposición adicional quinta da orde condiciona o disposto nela a que a Comisión Europea dite a decisión de aprobación da dita modificación.

En canto á modificación do artigo 52, ten por finalidade corrixir un erro detectado no texto de xeito que se inclúan a totalidade dos requisitos da subintervención 650512.04 (economía circular) establecidos no Plan Estrátéxico da PAC.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 15 de marzo de 2023 pola que se regula a aplicación dos pagos directos á agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control

A Orde do 15 de marzo de 2023 pola que se regula a aplicación dos pagos directos á agricultura e á gandería e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control queda modificada como segue:

Un. O artigo 7 queda redactado como segue:

«Artigo 7. Flexibilidades na xestión das intervencións do Plan estratéxico da PAC 2023-2027

1. Con respecto ás prácticas dos ecorreximenes nas axudas directas:

– Pastoreo extensivo: redúcese a 90 días o período mínimo non continuo de pastoreo. O pastoreo de todas as parcelas rexistrarase no caderno de explotación indicado na web do Fogga: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/pac_2023_2027/pac_2023

– Sega sostible: o período de non aproveitamento das superficies de pastos permanentes ou temporais obxecto de sega, establécese nos meses de xullo e agosto.

– Cubertas vexetais espontáneas ou sementadas: establécese un período obrigatorio de 4 meses que vai do 1 de decembro ao 31 de marzo nos que a cuberta vexetal debe permanecer viva.

2. Con respecto ás axudas asociadas establécese que poderán ser persoas beneficiarias das axudas asociadas para as explotacións de ovino e/ou para as explotacións de cabrún, as persoas titulares de explotacións que conten cun censo de femias elixibles igual ou superior a 10.

3. Con respecto á condicionalidade reforzada:

– Na BCAM 4 establécese que o ancho das franxas de protección dos leitos sexa de 5 metros, e no caso das canles de rega, sexa de 1 metro.

– En relación coa utilización de barbeitos para xustificar a rotación de cultivos recollida na BCAM 7 e como superficie non produtiva na BCAM 8, considéranse barbeitos aquelas superficies que non se dediquen á produción agrícola durante polo menos seis meses consecutivos, para contabilizar dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro do ano de solicitude.

– Na BCAM 8.3 establécese a prohibición de cortar sebes e árbores entre os meses de marzo a agosto.

– Teranse en consideración as excepcións ao cumprimento das BCAM 7 e BCAM 8.1 contempladas na disposición transitoria primeira “Excepcións para a campaña 2023” do Real decreto 1049/2022 de 27 de decembro.

– O período no cal se levará a cabo a verificación do número de cultivos e o cálculo das súas correspondentes porcentaxes, en función das características agroclimáticas e das prácticas tradicionais na rexión irá do 15 de xaneiro ao 30 de abril, de xeito que os cultivos declarados se atopen no terreo durante a maior parte dese período».

Dous. O punto 5 do artigo 16 queda redactado como segue:

«5. O prazo de presentación da solicitude única iniciarase ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de xuño, ambos incluídos. Non obstante, admitiranse solicitudes ata a data de finalización do prazo de modificación da solicitude única de acordo coas condicións establecidas no artigo 108.3 do Real decreto 1048/2022 e a disposición transitoria única do Real decreto lei 4/2023».

Tres. O punto 1 do artigo 17 queda redactado como segue:

«1. Unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única, as persoas solicitantes poderán modificar a solicitude ata o 30 de xuño incluído».

Catro. O artigo 44 queda redactado como segue:

«Artigo 44. Importe da axuda

Na axuda por extensificación das explotacións gandeiras establécese os seguintes importes:

• Prados temporais e permanentes: 110 €/ha.

• Pastos arbustivos e pastos arborados: 80 €/ha.

Estas axudas serán decrecentes en función da superficie admisible:

a) As primeiras 40 ha, correspóndelles o 100 % do importe.

b) Entre mais de 40 ha e 80 ha incluída, o 60 %.

c) Entre mais de 80 ha e 200 ha incluída, o 30 %.

d) A partir de mais de 200 ha, o 5 %.

Na axuda complementaria en zonas con presenza de grandes carnívoros establécense os seguintes importes:

• Prados temporais e permanentes e pastos arbustivos e pastos arborados: 75 €/ha.

Esta axudas está limitada a 50 ha».

Quinto. O punto 2 do artigo 46 queda redactado como segue:

«2. Os compromisos desta axuda son os seguintes:

• Empregar técnicas de produción ecolóxica de acordo coa normativa vixente. A estes efectos deberá cumprir con todos os requisitos establecidos para que sexa certificado como produción ecolóxica.

• Manter unha carga gandeira de explotación maior ou igual a 0,4 UGM/ha.

• Manter, como mínimo, a superficie inicialmente comprometida durante os anos que dura o compromiso.

• No caso das axudas na apicultura ecolóxica, considéranse indemnizables un máximo de 80 colmeas por alvariza, e soamente serán indemnizables as alvarizas do mesmo apicultor separadas polo menos 1 km. Deberanse manter durante os 5 anos que dure o compromiso un mínimo de 80 colmeas que estean distribuídas, polo menos, en 2 alvarizas cun mínimo de 20 colmeas por alvariza. Ademais, para ser primables, as coordenadas de localización de cada alvariza figurarán obrigatoriamente na solicitude de pago e deberán constar na base de datos oficial do REGA.

• No caso das axudas á gandaría ecolóxica, soamente se terá en conta a superficie neta de pastos que non sexa de uso en común e situada no concello da explotación e colindantes.

• Manter o caderno de explotación exixido en agricultura ecolóxica actualizado.

• Presentar anualmente unha solicitude de pago.

Os compromisos contraeranse por un período de 5 anos en parcelas fixas. A posible redución das unidades comprometidas non poderá ser superior ao 10 % das unidades inicialmente comprometidas, debendo manter sempre as unidades mínimas correspondente. Non é posible incrementar as unidades comprometida.

O período de conversión terá unha duración máxima de dous anos en cultivos anuais e pastos e de tres anos en cultivos permanentes.

Só poderán recibir as axudas de conversión as persoas beneficiarias con unidades de produción, superficie ou colmeas, cando o período de conversión remate despois do 1 de xullo de 2023».

Sexto. O artigo 47 queda redactado como segue:

«Artigo 47. Importe da axuda

Para agricultura, gandaría e apicultura ecolóxica, establécese unha axuda en €/ha excepto para a apicultura ecolóxica, que se establece en €/colmea (estímase unha superficie pecoreada por colmea de 1 ha).

Producións ecolóxicas

Conversión

Mantemento

Cultivos herbáceos (agricultura)

326

275

Cultivos hortícolas (agricultura)

662

560

Froitos pebida e óso (agricultura)

505

426

Froitos secos e oliveiral (agricultura)

265

224

Viñedo para vinificación (agricultura)

996

916

Pastos e cultivos forraxeiros (gandaría)

433

361

Pastos arbustivos e pastos arborados (gandaría)

122

107

Apicultura ecolóxica (apicultura)

40

35

Estas axudas serán decrecentes en función da superficie ou colmenas admisibles:

Agricultura ecolóxica:

a) As primeiras 20 ha, correspóndelles o 100 % do importe.

b) Entre mais de 20 ha e 40 ha incluída, o 60 %.

c) Entre mais de 40 ha e 80 ha incluída, o 30 %.

A partir de mais de 80 ha, o 5 %.

Gandaría ecolóxica:

a) As primeiras 40 ha, correspóndelles o 100 % do importe.

b) Entre mais de 40 ha e 80 ha incluída, o 60 %.

c) Entre mais de 80 ha e 200 ha incluída, o 30 %.

d) A partir de mais de 200 ha, o 5 %.

Apicultura ecolóxica:

a) As primeiras 450 colmeas, correspóndelles o 100 % do importe.

b) Entre mais de 450 ha e 900 colmeas incluída, o 60 %.

c) Entre mais de 900 ha e 1500 colmeas incluída, o 30 %.

A partir de máis de 1500 colmeas, o 5 %».

Sétimo. O punto 1 do artigo 52 queda redactado como segue:

«1. Os requisitos desta liña son os seguintes:

• As explotacións beneficiarias deberán recibir o servizo de asesoramento específico dunha entidade de asesoramento, inscrita antes do 1 de xaneiro de 2023 no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia (RESAXEGA). No caso contrario deberán realizar a formación establecida no “Portal Nova PAC” da web do Fogga: https://fogga.xunta.gal/gl/pac/pac_2023_2027

• Non aplicar lodos de depuradora na integridade da superficie da explotación.

• Poderán acollerse a estas axudas as explotacións para a produción de cultivos de horta e froita inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) á data de fin do prazo da modificación da solicitude única, na sección acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI) que realicen venda directa nas cantidades máximas indicadas no anexo II do Decreto 125/2014.

• A persoa titular da explotación debe estar dada de alta na Seguridade Social nas condicións establecidas no artigo 37 do Real decreto 1047/2022, a data fin do prazo de modificación da solicitude única ou a explotación debe xerar 1 Unidade de Traballo Agrario (UTA).

• A explotación terá unha dimensión mínima de 0,5 ha e máxima de 3 ha dos cultivos de horta e froita».

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural