Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 33888

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 24 de maio de 2023 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Semente Compostela, de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 19 de setembro de 2018, autorizouse a apertura e funcionamento do centro privado estranxeiro Semente Compostela, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América, prorrogada mediante distintas ordes desta consellería.

A titularidade do centro solicita unha prórroga da autorización temporal e achega un certificado con validez ata o 31 de agosto de 2023, de elixibilidade no proceso de acreditación da New England Association of Schools & Colleges (NEASC) para impartir as ensinanzas de Pre-School Section que se corresponden coa etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) para un máximo de 48 postos escolares, e para as ensinanzas de Elementary Section que se corresponden coa etapa de educación primaria (de 6 a 12 anos) para un máximo de 64 postos escolares, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización temporal

Prorrogar a autorización temporal ata o 31 de agosto de 2023, do centro privado estranxeiro que se detalla a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Semente Compostela.

Código do centro: 15033150.

Domicilio: lugar das Moas de Abaixo, 20.

Localidade: Santiago de Compostela.

Código postal: 15898.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Titular: Associaçom Semente Compostela.

Ensinanzas autorizadas do sistema educativo dos Estados Unidos de América a alumnado español e estranxeiro:

Pre-School Section (Infantil, de 3 a 6 anos) para un máximo de 48 estudantes.

Elementary Section (Primaria, de 6 a 12 anos) para un máximo de 64 estudantes.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio.

Así mesmo, a titularidade achegará á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos os documentos que permitan verificar os avances no proceso de acreditación plena por parte da NEASC, e solicitará unha modificación ou nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades