Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 33884

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia, para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O).

BDNS (Identif.): 694771.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia que cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:

a) Que se trate de entidades locais cun tamaño inferior a 100.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais de poboación dos municipios galegos publicadas no Instituto Galego de Estatística en 31 de decembro do ano anterior á convocatoria.

b) Que estean adheridas formalmente ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, aprobado pola Comisión Europea o 15 de outubro de 2015, antes da solicitude da axuda. Considerarase formal a adhesión cando se rexistren na web da Oficina do Pacto da Unión Europea (www.pactodelosalcaldes.eu).

c) Que realizasen e presentasen na web da Oficina do Pacto da Unión Europea o Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES).

No caso das entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, deberán cumprir a totalidade dos requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión da entidade incumpridora, podendo continuar o resto das entidades coa súa solicitude.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático (código de procedemento MT975O), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para o ano 2023.

O Plan PIMA cambio climático diríxese a actuacións das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, en zonas urbanas e periurbanas, e enfócase á realización de actuacións piloto de carácter innovador e redacción de proxectos e informes técnicos, nas seguintes materias:

a) Integración do cambio climático e infraestrutura verde na planificación e xestión urbanística e intervencións no espazo urbano (análise de escenarios de cambio climático utilizando as proxeccións rexionalizadas para España, mapas de clima urbano, que analicen a capacidade de absorción e de cesión de calor por parte dos materiais urbanos, e mapas de ventilación urbana).

b) Aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos: riscos por altas temperaturas, risco de incendios no espazo urbano-forestal, inundacións, fenómenos costeiros, secas, etc.

c) Intervencións en espazos públicos orientadas a atenuar o efecto illa de calor urbana (sombreado natural ou artificial de rúas e prazas, redución da impermeabilidade do solo, captación de augas pluviais, creación de microclimas con láminas de auga, aplicación de solucións bioclimáticas, etc.).

d) Incremento da biodiversidade urbana e mellora dos hábitats para a vida silvestre: aumento de zonas verdes urbanas e mellora de hábitats, xardíns verticais, tellados verdes, restauración ou rehabilitación de zonas húmidas, hábitats para polinizadores incluíndo refuxios para as especies nidificantes e presenza de vexetación adecuada en parques, xardíns e escavas, priorización da conservación de hábitats existentes fronte á creación de novas zonas, instalación de comedeiros e caixas niño.

e) Mellora da infraestrutura urbana verde e azul, caracterizada pola súa multifuncionalidade: restauración de treitos urbanos de ríos, zonas inundables para facer fronte ás enchentes extremas, mellora da conectividade natural entre o medio urbano e periurbano, sistemas de drenaxe urbana sustentable, etc.

O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 30 de xuño de 2024, ambos incluídos.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O).

Cuarto. Contía

As axudas reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541E.760.1, proxecto 2021 00185, ata un importe máximo de setecentos sesenta e nove mil trescentos setenta e nove euros con corenta e tres céntimos (769.379,43 €), procedentes da distribución territorial definitiva dos créditos orzamentarios correspondentes aos criterios obxectivos e acordos fixados na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o 21 de setembro de 2020, aprobados na reunión do Consello de Ministros do día 27 de outubro de 2020.

Este orzamento distribúese da seguinte maneira:

a) Para a anualidade 2023 destínanse: 384.689,72 euros.

b) Para a anualidade 2024 destínanse: 384.689,71 euros.

A axuda económica que se conceda poderá acadar:

a) Para as entidades locais municipais: ata un máximo por concello de 20.000 euros.

b) Para as entidades locais supramunicipais e as agrupacións de entidades locais: a suma do financiamento máximo correspondente a cada concello da entidade local supramunicipal ou da agrupación de entidades locais solicitante, ata un máximo de 50.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975O).

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda