Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 33839

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia, para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O).

Un dos problemas ambientais primordiais a que se enfronta a nosa sociedade na actualidade é a loita contra o cambio climático. Aínda que este se presenta como un fenómeno de dimensións globais que debe ser abordado no ámbito internacional, o feito é que a súa solución pasa, necesariamente, polo traballo conxunto de todos os sectores da sociedade, incluídos os diferentes niveis administrativos e, dentro destes, mención especial merece o labor dos concellos pola súa proximidade e relación directa cos cidadáns.

Segundo as estimacións do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento, os entes locais e rexionais adoptan máis do 70 % das medidas de mitigación do cambio climático e ata o 90 % das medidas de adaptación a el, e aplican o 70 % de toda a lexislación da UE, o que representa un terzo do gasto público e dous terzos do investimento público, o que indica que están en primeira liña para facer fronte aos impactos do cambio climático a escala local e aumentar a resiliencia dos seus territorios ante os retos climáticos. Por conseguinte, é necesario facer fronte ao problema do cambio climático tanto desde unha aproximación global como local, tendo en conta as características e circunstancias de cada realidade territorial, municipio ou barrio.

Atendendo á competencia do Estado na lexislación básica sobre protección do ambiente conforme o artigo 149.1 da Constitución, o Goberno de España deseñou un modelo para a concesión das axudas do PIMA cambio climático baseado na colaboración coas comunidades autónomas, no cal estas desenvolven a súa tramitación e asumen a xestión dos fondos e a súa distribución entre os concellos do seu territorio, conforme criterios axustados aos principios constitucionais e á orde de distribución de competencias.

Na reunión do Consello de Ministros do día 27 de outubro de 2020 aprobouse o Acordo polo que se aproba a distribución territorial definitiva dos créditos orzamentarios correspondentes aos criterios obxectivos e acordos fixados na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o 21 de setembro de 2020, en que lle correspondeu á Comunidade Autónoma de Galicia, para o PIMA cambio climático, a cantidade de 769.379,43 euros. A distribución realizouse en función das proxeccións climáticas de graos día de refrixeración en cada territorio autonómico, o número de municipios menores de 100.000 habitantes e a poboación en tales municipios.

En Galicia, é a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, segundo o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a súa estrutura orgánica, o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden, entre outras, as competencias e funcións en materia de ambiente, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

Segundo se sinala no citado decreto, a antiga Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, hoxe Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

A loita contra o cambio climático articúlase a través da redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, así como do incremento das absorcións (mitigación) e da adaptación aos impactos que este está a provocar e se prevé que sucedan. Ambos os tipos de resposta están estreitamente vinculados, sendo necesaria a posta en marcha de medidas en ambos os ámbitos.

O obxectivo do PIMA cambio climático é fomentar e apoiar a adaptación ao cambio climático no espazo urbano e periurbano, potenciando as sinerxías entre as estratexias de adaptación e mitigación na loita fronte ao cambio climático. Oriéntase a facilitar o desenvolvemento dos obxectivos establecidos en diversos instrumentos normativos e de planificación como o proxecto de Lei de cambio climático e transición enerxética, e o Plan nacional de adaptación ao cambio climático (PNACC), o Plan nacional integrado de enerxía e clima (PNIEC), o Programa nacional de control da contaminación atmosférica (PNCCA), o Plan nacional de actuacións preventivas dos efectos dos excesos de temperaturas sobre a saúde e a Estratexia estatal de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas.

O Plan PIMA cambio climático diríxese a actuacións nos concellos e entidades locais, en zonas urbanas e periurbanas, e enfócase á realización de actuacións piloto de carácter innovador e redacción de proxectos e informes técnicos en materias como: a Integración do cambio climático e infraestrutura verde na planificación e xestión urbanística e intervencións no espazo urbano; a adaptación de edificios públicos para previr o exceso de calor e mellorar a eficiencia enerxética, a apertura de refuxios climáticos; a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos; as Intervencións en espazos públicos orientadas a atenuar o efecto illa de calor urbana; o Incremento da biodiversidade urbana e mellora dos hábitats para a vida silvestre; a mellora da infraestrutura urbana verde e azul; o deseño e implantación de zonas de baixas emisións e os proxectos a escala de barrio que incidan sobre o metabolismo urbano.

En relación coa Axenda 2030, o seu obxectivo de desenvolvemento sustentable 11, cidades e comunidades sustentables, inclúe entre as súas metas a adopción e posta en marcha de políticas e plans integrados para promover a inclusión, o uso eficiente dos recursos, a mitigación e a adaptación ao cambio climático e a resiliencia ante os desastres, realizando unha xestión integral dos riscos de desastres.

Os municipios contan cunha importante capacidade adaptativa a través de políticas locais especialmente relevantes, como son a planificación urbanística, o abastecemento de auga potable, as redes de saneamento e o tratamento de augas residuais, a xestión de vías e espazos públicos, a protección ambiental ou a saúde pública.

Neste sentido, a presente convocatoria de axudas pretende apoiar as entidades locais na súa actuación na loita contra o cambio climático, tanto en accións de mitigación como de adaptación a este fenómeno.

En consecuencia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fai públicas, por medio desta orde, as bases reguladoras e a convocatoria destas axudas para o ano 2023, destinadas a subvencionar as actuacións que se sinalan no ámbito das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, coa finalidade de mellorar as condicións ambientais e acadar un desenvolvemento sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.

O indicador de produtividade considerado ao abeiro da presente convocatoria é o identificado baixo o código denominación E023-Poboación beneficiada por medidas de planificación para prevención de catástrofes e restauración de zoas danadas (persoas).

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático (código de procedemento MT975O) ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para o ano 2023.

A finalidade que se persegue é a de fomentar e apoiar a adaptación ao cambio climático das entidades locais cun tamaño inferior a 100.000 habitantes, potenciando as sinerxías entre as estratexias de adaptación e mitigación na loita fronte a este fenómeno a través de actuacións piloto de carácter innovador e o desenvolvemento de proxectos e informes técnicos.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia que cumpran simultaneamente os seguintes requisitos:

a) Que se trate de entidades locais cun tamaño inferior a 100.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais de poboación dos municipios galegos publicadas no Instituto Galego de Estatística en 31 de decembro do ano anterior á convocatoria.

b) Que estean adheridas formalmente ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, aprobado pola Comisión Europea o 15 de outubro de 2015, antes da solicitude da axuda. Considerarase a adhesión formal cando se rexistren na web da Oficina do Pacto da Unión Europea (www.pactodelosalcaldes.eu).

c) Que realizasen e presentasen na web da Oficina do Pacto da Unión Europea o Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES).

Todas as actuacións presentadas a esta convocatoria polas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia deberán estar relacionadas coas materias indicadas no artigo 3 e, ao mesmo tempo, estar incluídas nos seus PACES.

No caso das entidades locais supramunicipais e agrupacións de entidades locais, deberán cumprir a totalidade dos requisitos todos os concellos agrupados ou asociados, polo que o incumprimento por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión da entidade incumpridora, podendo continuar o resto das entidades coa súa solicitude.

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarias, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea individualmente e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poderen ser beneficiarias destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

O Plan PIMA cambio climático diríxese a actuacións das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, en zonas urbanas e periurbanas, e enfócase á realización de actuacións piloto de carácter innovador e redacción de proxectos e informes técnicos, nas seguintes materias:

a) Integración do cambio climático e infraestrutura verde na planificación e xestión urbanística e intervencións no espazo urbano (análise de escenarios de cambio climático utilizando as proxeccións rexionalizadas para España, mapas de clima urbano, que analicen a capacidade de absorción e de cesión de calor por parte dos materiais urbanos e mapas de ventilación urbana).

b) Aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos: riscos por altas temperaturas, risco de incendios no espazo urbano-forestal, inundacións, fenómenos costeiros, secas, etc.

c) Intervencións en espazos públicos orientadas a atenuar o efecto illa de calor urbana (sombreado natural ou artificial de rúas e prazas, redución da impermeabilidade do solo, captación de augas pluviais, creación de microclimas con láminas de auga, aplicación de solucións bioclimáticas, etc.).

d) Incremento da biodiversidade urbana e mellora dos hábitats para a vida silvestre: aumento de zonas verdes urbanas e mellora de hábitats, xardíns verticais, tellados verdes, restauración ou rehabilitación de zonas húmidas, hábitats para polinizadores incluíndo refuxios para as especies nidificantes e presenza de vexetación adecuada en parques, xardíns e escavas, priorización da conservación de hábitats existentes fronte á creación de novas zonas, instalación de comedeiros e caixas niño.

e) Mellora da infraestrutura urbana verde e azul, caracterizada pola súa multifuncionalidade: restauración de treitos urbanos de ríos, zonas inundables para facer fronte ás enchentes extremas, mellora da conectividade natural entre o medio urbano e periurbano, sistemas de drenaxe urbana sustentable, etc.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de forma indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada e se realicen dentro do prazo de execución establecido na presenta convocatoria tales como:

a) Gastos para a redacción de informes e proxectos das actuacións obxecto de subvención, incluídos gastos de persoal contratado para o desenvolvemento do proxecto subvencionado, axudas de custo e desprazamentos. Como se sinala no punto 2.e), ese persoal non pode pertencer á entidade local beneficiaria nin ser contratado directamente por ela.

b) Gastos de execución das actuacións obxecto de subvención incluíndo obras, adquisición e colocación de equipamento, balizamento, sinalización e xardinaría.

c) Gastos derivados de publicidade, información, participación social e divulgación, incluíndo materiais gráficos tanto en formato físico como dixital, ata un máximo do 10% da subvención.

2. En todo caso, non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Os gastos realizados fóra do prazo de execución establecido para o desenvolvemento da actuación obxecto de subvención.

b) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

c) No tocante ao imposto sobre o valor engadido, non é subvencionable cando é recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

d) As taxas de calquera tipo, así como os gastos financeiros derivados do investimento.

e) Ningún gasto propio da entidade solicitante, tales como os gastos de persoal desta (tanto propio como contratado directamente pola propia entidade solicitante), gastos de mantemento e explotación (alugamento, comunidade, seguros, reparación e conservación do local e mobiliario de oficina...), gastos de subministración como servizo de telecomunicación (teléfono, fax e internet), servizo de correos, material de oficina, electricidade, auga e limpeza...

f) Todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionable.

3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541E.760.1, proxecto 2021 00185, ata un importe máximo de setecentos sesenta e nove mil trescentos setenta e nove euros con corenta e tres céntimos (769.379,43 €), procedentes da distribución territorial definitiva dos créditos orzamentarios correspondentes aos criterios obxectivos e acordos fixados na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada o 21 de setembro de 2020, aprobados na reunión do Consello de Ministros do día 27 de outubro de 2020.

Este orzamento distribúese da seguinte maneira:

a) Para a anualidade 2023 destínanse: 384.689,72 euros.

b) Para a anualidade 2024 destínanse: 384.689,71 euros.

2. A axuda económica que se conceda poderá acadar:

a) Para as entidades locais municipais: ata un máximo por concello de 20.000 euros.

b) Para as entidades locais supramunicipais e as agrupacións de entidades locais: a suma do financiamento máximo correspondente a cada concello da entidade local supramunicipal ou da agrupación de entidades locais solicitante, ata un máximo de 50.000 euros.

3. Segundo o previsto no artigo 21.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a achega pública fíxase como un importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total, polo que non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida. Enténdese que queda por conta da entidade beneficiaria a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, de ser o caso.

4. De acordo co previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto.

5. Ademais, e segundo o sinalado no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Solicitude e prazos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes poderaas presentar individualmente un concello ou conxuntamente máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal, que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

3. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que exerzan a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá xuntar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

5. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do enderezo de correo electrónico axudas.cmaot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Para solicitar as axudas que se regulan mediante esta orde, as entidades locais municipais e supramunicipais, así como as agrupacións de entidades locais, presentarán a documentación xeral e técnica que se indica a continuación:

a) Acreditación do nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que figure a decisión da entidade ou entidades locais polo cal se aproba a súa participación nesta convocatoria (anexo II).

c) Certificación de que a entidade solicitante remitiu, ao Consello de Contas de Galicia, as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

d) Unha memoria descritiva da actuación que deberá incluír, como mínimo, a localización, a identificación e adscrición das actuacións (incluíndo fotografías), a porcentaxe de persoas do concello que beneficia, así como o prazo de execución. Na memoria tamén se incluirá unha explicación de como as actuacións realizadas contribúen aos obxectivos da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e aos obxectivos de desenvolvementos sustentable da Axenda 2030, indicando obxectivos e liñas concretas no caso da Estratexia, e as metas no caso da Axenda 2030.

e) Cronograma e duración da execución de cada unha das actuacións que integran a actuación ou proxecto en materia de adaptación.

f) Orzamento detallado do custo de execución de cada unha das actuacións. Estimación do financiamento con desagregación dos seguintes conceptos: base impoñible, IVE e importe total da actuación solicitada.

g) A porcentaxe de subvención que se solicita sobre o custo total, se é o caso.

h) O importe da corresponsabilidade económica do concello; é dicir, a parte do orzamento total do investimento que, se for o caso, achegará o concello.

i) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán achegar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. O importe da subvención que se vai solicitar para cada entidade membro da agrupación, tendo en conta os importes máximos que constan no artigo 5.

5º. Anexo VI de pluralidade de entidades solicitantes.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirllo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da súa solicitude deberán ser efectuadas electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Consulta doutras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva, recollido no artigo 19, punto 1, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Tramitación

1. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, como órgano instrutor do procedemento, revisará as solicitudes recibidas e a documentación presentada. No caso de estar incompleta, ter erros ou non se presentar toda a necesaria, o defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desisten da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda; nestes casos, o solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

Nestes casos, o crédito inicialmente asignado ás ditas solicitudes destinarase ás seguintes, respectando a orde de prelación.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

3. Os requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorran 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, se entenderá que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

5. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A valoración máxima será de 40 puntos, aplicando os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

a) Poboación beneficiada pola actuación realizada. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

– 2 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa igual ou maior do 10 % e menor ou igual ao 20 % da poboación do concello.

– 3 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa maior do 20 % e menor ou igual ao 30 % da poboación do concello.

– 4 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa maior do 30 % e menor ou igual ao 40 % da poboación do concello.

– 5 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa maior do 40 % e menor ou igual ao 50 % da poboación do concello.

– 6 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa maior do 50 % e menor ou igual ao 60 % da poboación do concello.

– 7 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa maior do 60 % e menor ou igual ao 70 % da poboación do concello.

– 8 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa maior do 70 % e menor ou igual ao 80 % da poboación do concello.

– 9 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa maior do 80 % e menor ou igual ao 90 % da poboación do concello.

– 10 puntos no caso de que a poboación beneficiada sexa maior do 90 % da poboación do concello.

A porcentaxe de poboación beneficiada xustificarase mediante certificación asinada polo alcalde ou alcaldesa do concello correspondente, indicando cal é o método utilizado para o seu cálculo. No caso de que un concello non presente a dita certificación, a puntuación do concello nesta parte será de 0 puntos.

b) A poboación do concello. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

– 2 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 20.000 e inferior a 100.000 habitantes.

– 4 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 10.000 e inferior ou igual a 20.000 habitantes.

– 6 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 5.000 e inferior ou igual a 10.000 habitantes.

– 8 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 2.000 e inferior ou igual a 5.000 habitantes.

– 10 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación inferior ou igual a 2.000 habitantes.

Para estes efectos, considerarase o número de habitantes conforme o establecido nas cifras oficiais de poboación dos municipios galegos publicadas no Instituto Galego de Estatística en data 31 de decembro do ano anterior á convocatoria.

As solicitudes referidas a concellos de cuxa poboación sexa igual ou superior a 100.000 habitantes serán excluídas por non resultaren beneficiarias, conforme o disposto no artigo 2.

c) A corresponsabilidade financeira do concello, entendida como as achegas económicas do concello á execución da actuación, nos termos indicados no documento referido na letra e) do punto 2 do artigo 7 e acreditada conforme o sinalado no orzamento presentado, exixido na letra f) do punto 2 do artigo 7. Ata un máximo de 10 puntos:

– 1 punto se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é igual ou maior do 10 % e inferior ao 20 %.

– 2 puntos se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é igual ou maior do 20 % e inferior ao 30 %.

– 3 puntos se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é igual ou maior do 30 % e inferior ao 40 %.

– 4 puntos se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é igual ou maior do 40 % e inferior ao 50 %.

– 6 puntos se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é igual ou maior do 50 % e inferior ao 60 %.

– 8 puntos se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é igual ou maior do 60 % e inferior ao 70 %.

– 10 puntos se a porcentaxe de corresponsabilidade financeira do concello é igual ou superior do 70 %

A puntuación deste criterio será de 0 puntos cando o concello correspondente non prevexa a realización de ningunha achega económica á execución da actuación.

d) O proxecto está incluído no Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) do concello: 5 puntos.

Para estes efectos, incluirase unha certificación asinada polo alcalde ou alcaldesa do concello en que se indique que o proxecto está incluído no PACES. No caso de que un concello non presente a dita certificación, a puntuación do concello nesta parte será de 0 puntos.

e) Solicitude presentada conxuntamente por máis dunha entidade local a razón de 1 punto por cada un dos concellos que formen parte da agrupación. Ata un máximo de 5 puntos.

3. Se o outorgamento de todas as solicitudes valoradas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Maior puntuación na letra a) dos criterios de valoración.

2º. De prevalecer o empate no criterio anterior, outorgaríase á entidade co menor número de habitantes do concello.

3º. De continuar o empate tras os dous criterios anteriores, concederíase á que presentara correctamente a solicitude de subvención sen que houbese que realizar ningún requirimento de corrección.

De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

4. Á vista das solicitudes recibidas, a Comisión de Avaliación fixará unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiarias e de conformidade coa puntuación outorgada a cada unha delas, permita determinar tanto as que resulten beneficiarias como aqueloutras que non resultasen estimadas por non acadaren a puntuación mínima requirida ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

Artigo 13. Comisión de Avaliación

1. As solicitudes completas, xunto coa documentación requirida, serán postas á disposición dunha Comisión de Avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 12 desta orde.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático ou a persoa en que delegue e integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental ou persoa en que delegue, dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, con nivel mínimo de xefe/a de servizo, e actuará como secretario unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución (tendo en conta os criterios sinalados no artigo 12) en que identificarán, de xeito individualizado, os solicitantes que superaron a fase de avaliación mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. Na proposta constarán tanto as entidades que acadaron a condición de beneficiarias ao obteren a puntuación requirida como aqueloutras que non resultasen estimadas por quedaren por debaixo da devandita puntuación ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

4. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a súa resolución.

Artigo 14. Resolución, notificación e modificación

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático elevará a correspondente proposta de concesión á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen resolverá.

2. Nas resolucións figurarán os seguintes aspectos:

a) A relación de entidades locais beneficiarias.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os cales se fai o cálculo da contía.

c) A contía da axuda.

d) Que esta axuda está financiada con cargo aos fondos do Plan PIMA cambio climático.

e) O prazo para a execución do servizo.

f) As obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa aplicable.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será de cinco meses, contado a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

9. Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente, conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Será causa de denegación de concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 5 da presente orde.

11. De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións.

Artigo 15. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e, en todo caso, deberán cumprirse os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. A persoa representante das entidades locais, concellos, entidades que agrupen concellos e as deputacións beneficiarias disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

2. As entidades locais beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

4. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

3. Xustificar ante o órgano concedinte o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

4. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedinte, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración Xeral do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que deba realizar o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

10. Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

11. Segundo o establecido no artigo 15, punto 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases.

12. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

13. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida cumprir as obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 19. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 30 de xuño de 2024, ambos incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e a súa xustificación, conforme o establecido no parágrafo seguinte.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de novembro de 2023 para gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

b) O 30 de xuño de 2024 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2024.

Artigo 20. Xustificación

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, nos prazos máximos a que se refire o artigo anterior, a realización do proxecto subvencionado e a xustificar a totalidade do orzamento; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido para o período subvencionable correspondente; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa a beneficiaria a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite para cada anualidade a que se refire o artigo 19, punto 4, mediante a presentación do anexo IV, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Esta solicitude achegarase coa documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo en este caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a la beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 21. Documentación xustificativa de investimentos

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo IV.

2. Documento que acredite a presentación do PACES na páxina web do Pacto.

3. Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos asinada electronicamente polo/a alcalde/sa do concello beneficiario ou por quen actúe en representación deste. Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, achegarase con calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, recensións en web, etc) que se considere de interese.

4. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar, como mínimo:

• O cumprimento da finalidade da subvención.

• Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

b) As facturas ou/os documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos.

De se tratar de administracións públicas, presentaranse facturas orixinais ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando a beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

c) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se efectuaron, a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Tampouco serán válidos aqueles xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

d) No caso de adquisicións de bens de equipamento de segunda man, certificado dun taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

e) No caso que á hora de puntuar o proxecto obxecto de subvención se considerase a achega económica por parte da entidade local, incluiranse os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios atendendo aos gastos que, ao abeiro destas bases reguladoras, teñen a consideración de subvencionables.

f) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

h) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

i) No caso de agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda, no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

5. Documentación de ter realizada a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique que se cumpriron as obrigas establecidas no anexo III.

Artigo 22. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. O aboamento da subvención practicaráselle directamente ao concello beneficiario na conta bancaria indicada por este, que deberá ser da súa titularidade. En caso das entidades locais supramunicipais ou agrupacións de entidades locais, o concello que asuma a representación recibirá a axuda atribuída a este fin.

No caso de agrupacións de entidades locais, o concello que actúe como representante deberá presentar, no prazo máximo dun mes desde a recepción dos importes cobrados, xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) aos restantes concellos que constitúen a devandita agrupación.

3. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta. De acordo ao devandito artigo 63, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente en cada anualidade. Esta solicitude deberán achegala no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión (para as actuacións imputables á anualidade 2023) e do seguinte ao da notificación da apertura do prazo de solicitude de anticipo (para as actuacións atribuíbles á anualidade 2024).

Terán que presentar unha solicitude de pagamento anticipado empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

4. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado a correspondente solicitude de pagamento anticipado, entenderase que a entidade renuncia ao anticipo. Neste caso, o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

5. Conforme o artigo 65.4. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte dos concellos beneficiarios.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Os órganos competentes da consellería concedente poderán solicitar á entidade beneficiaria as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, advertíndoa de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

7. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

8. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 23. Incumprimento de obrigas

1. No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se a entidade beneficiaria xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito a cobrar a subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases, de conformidade coa gradación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos PIMA.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao órgano concedente destas axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de cinco anos.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que esta cumpra as obrigas previstas na citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Compatibilidade das axudas

1. A percepción das axudas PIMA cambio climático será compatible coa percepción doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración pública ou ente público ou privado, nacionais ou de organismos internacionais, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto. Esta compatibilidade estará condicionada a que o importe das axudas percibidas en ningún caso poida ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada. Porén, o financiamento achegado por este PIMA cambio climático non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de carbono para unha economía sustentable (FES-CO2).

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

3. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarase á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

4. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 26. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para actuar, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file