Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35451

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento SI449B e SI436C).

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

No Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, recóllese o compromiso de avanzar na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, xunto coa prevención e erradicación da violencia contra as mulleres.

Así mesmo, nos sucesivos documentos autonómicos de planificación estratéxica para a igualdade entre mulleres e homes defínese e consolídase como un dos seus principais obxectivos promover a coeducación e a promoción da igualdade e prevención da violencia contra as mulleres no eido educativo, coa implicación de todos os compoñentes que conforman a comunidade educativa.

No VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, como parte da fundamentación do ámbito 5 «Educación para a igualdade e prevención das violencias contra as mulleres» recóllese a realidade de que o sistema educativo non pode asumir en exclusiva o labor da educación en valores de igualdade, polo que é esencial a implicación das familias, e para isto resulta fundamental a sensibilización e formación en materia de igualdade de xénero, enfocada á ruptura de estereotipos e ás distintas implicacións que estes comportan na vida das persoas: a elección de estudos, profesións ou actividades deportivas; a falta de corresponsabilidade no fogar; as relacións afectivas desiguais e un longo etcétera. Ante esta necesidade establécese, concretamente, a liña de acción 5.3.4 «Fomento de iniciativas para sensibilizar e formar as familias en materia de igualdade de xénero (eliminación de estereotipos, corresponsabilidade, orientacións profesionais e vitais non sexistas, prevención da violencia de xénero, tolerancia ante a diversidade sexual etc.)».

O Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 xa recollía entre as súas finalidades a posta en marcha, a consolidación e a visibilización de actuacións de distinta índole que inciden na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nunha repartición equitativa das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes. O papel das familias para remover os estereotipos e conseguir unha repartición equilibrada das tarefas domésticas e mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal é un fío condutor deste plan, no cal, entre outras, se atopa a medida 2.3 «Sensibilizar e implicar as familias no fomento dos valores da corresponsabilidade para unha repartición das tarefas domésticas e de coidados libre de condicionamentos de xénero».

Finalizado o seu período de vixencia, o II Plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade, co que se pretende avanzar no benestar laboral de todas as persoas traballadoras, e que poñerá o foco na necesaria harmonización do traballo e da esfera privada, desde o convencemento de que a conciliación corresponsable mellora a calidade de vida de toda a cidadanía, ao tempo que implica grandes beneficios para as empresas.

En materia de conciliación da vida laboral, persoal e familiar, tamén se está a traballar desde o Plan Corresponsables. Esta é unha nova política pública promovida polo Ministerio de Igualdad, concretamente na Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, que ten por obxecto iniciar o camiño cara á garantía do coidado como un dereito en España desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes, ao abeiro da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. O artigo 14 establece que lles corresponde aos poderes públicos o establecemento de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar das mulleres e dos homes, así como o fomento da corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia, e no artigo 44 sinala que os dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral se lles recoñecerán aos traballadores e ás traballadoras de forma que fomenten a asunción equilibrada das responsabilidades familiares, evitando toda discriminación baseada no seu exercicio.

Por outra banda, ante o problema da violencia de xénero, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade en novembro de 2016 unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno para promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, por parte Goberno da Nación, as comunidades autónomas e as cidades con Estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que seguise impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Este proceso culminou o 27 de decembro de 2017 coa ratificación de común acordo por parte de todas as comunidades autónomas, do documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste documento recóllense no seu eixe 1 de ruptura do silencio, sensibilización e prevención, e sobre todo, no ámbito da educación, varias medidas en que as familias e as asociacións de nais e pais teñen un importante papel e a oportunidade de implicarse e impulsar a erradicación de estereotipos de xénero e a erradicación da violencia contra as mulleres (medidas 23, 27, 3, 26, 33 e 34).

O 22 de xullo de 2022 a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia. Este acordo ten como finalidade consolidar o traballo fronte á violencia contra as mulleres no conxunto do Estado, avanzando na institucionalización e permanencia dos compromisos adquiridos no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Para estes efectos, o acordo ten por obxecto impulsar o deseño de mecanismos de colaboración que garantan a estabilidade orzamentaria e administrativa de maneira que permitan soster os actuais e futuros servizos vinculados ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

O 20 de marzo de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia de Sectorial de Igualdade, do 3 de marzo de 2023, polo que se aproba o plan conxunto plurianual en materia de violencia contra as mulleres (2023-2027). Este acordo inclúe o Catálogo de referencia de políticas e servizos en materia de violencia contra as mulleres conforme os estándares internacionais de dereitos humanos. No punto 1 recolle a prevención e sensibilización fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres que se concreta, entre outras, en accións de sensibilización e toma de conciencia fronte a todas as formas de violencia contra as mulleres, que presten atención ás súas causas, especialmente á relación directa entre desigualdade e violencia e os estereotipos de xénero, e á responsabilidade dos homes para a erradicación destas.

De conformidade co establecido no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras funcións, propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción da igualdade e á eliminación dos estereotipos de xénero e fomentar a coeducación e a participación das familias e asociacións de nais e pais, de cara a que o alumnado, os fillos e fillas logren unha educación pola igualdade, que representa o primeiro paso para eliminar as desigualdades entre mulleres e homes e previr e loitar contra a violencia que se exerce contra as mulleres.

Polo anteriormente exposto, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende con esta convocatoria impulsar, a través das asociacións de nais e pais do alumnado dos centros educativos de Galicia sustentados con fondos públicos, a formación, sensibilización, información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando as fillas e fillos, o alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero. Así mesmo, tamén pretende proporcionar apoio específico ás necesidades de conciliación das familias con nenas, nenos, rapaces e rapazas menores de 16 anos e incidir na sensibilización en materia de corresponsabilidade.

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro); e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e realizar a convocatoria para o ano 2023 das subvencións destinadas ás asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización das seguintes liñas de actuación:

a) Actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI449B-capítulo II desta resolución).

b) Actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, mediante a creación de bolsas de coidado profesional e a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados, así como os plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes, en desenvolvemento do Plan Corresponsables (código de procedemento SI436C-capítulo III desta resolución).

2. Para os efectos desta convocatoria, é compatible a solicitude de axuda en ambas liñas de actuación. Así mesmo, son compatibles as solicitudes por parte dunha asociación de nais e pais coa pertenza a unha federación ou confederación que, así mesmo, solicite subvención. Cada entidade ou agrupación de ANPA só poderá presentar unha solicitude de axuda en cada procedemento, na cal poderán incluír unha ou varias das tipoloxías de acción establecidas para cada un.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade, accesibilidade universal e non discriminación.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total de novecentos mil euros (900.000 €) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Procedemento

Aplicación

Proxecto

Importe

SI449B

11.20.313D.481.2

2018 00112

400.000 €

SI436C

11.20.312G.481.3

2021 00175

500.000 €

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O crédito asignado para o procedemento SI449B será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo os resultados da avaliación das solicitudes conforme os criterios establecidos no artigo 12 desta resolución, realizada pola Comisión de Valoración prevista para este procedemento no artigo 11 desta resolución.

Artigo 3. Compatibilidade e concorrencia

1. Estas axudas son compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entidades públicas ou privadas.

2. O importe da subvención concedida non poderá superar en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, o custo da actuación ou actividade que vai desenvolver a entidade solicitante, nin o importe total do correspondente concepto de gasto.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades ou gastos subvencionables, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) legalmente constituídas, federacións ou confederacións de ANPA solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas compatibles concedidas para a mesma actuación ou actividade, deberán acreditar a súa natureza e contía. Para o caso de que se trate dun mesmo concepto de gasto vinculado a diversas subvencións, deberán facer constar de forma clara o importe do gasto imputado en cada unha delas.

Artigo 4. Entidades beneficiarias: requisitos xerais

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sustentados con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. Tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, ademais, os requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11, respectivamente, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Dispor da estrutura técnica e capacidade financeira suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos.

5. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realice a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes de axuda relativas ao procedemento SI449B dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social. As solicitudes de axuda relativas ao procedemento SI436C dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Secretaría Xeral de Igualdade.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar con cada solicitude (anexo I.1 ou I.2, segundo a liña de subvención solicitada) a seguinte documentación:

a) Anexo II.1 ou II.2: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución.

b) Anexo III.1 ou III.2: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades.

c) Estatutos vixentes da entidade e acreditación de estar inscrita a entidade no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

d) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición da actuación subvencionable coa presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os cinco folios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I.1 e/ou I.2) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que a presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 10. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

2. A notificación dos requirimentos efectuarase só por medios electrónicos, de acordo co sinalado no artigo 13 desta resolución e nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución dos procedementos e Comisión de Valoración

1. A instrución do procedemento SI449B correspóndelles ás unidades de Igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a do procedemento SI436C correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos a unha Comisión de Valoración, segundo o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As solicitudes presentadas ao abeiro do procedemento SI449B serán examinadas por unha Comisión de Valoración que estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade e contará coas seguintes vogalías: a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación, a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade, e unha persoa traballadora de cada unha das unidades de igualdade designada pola respectiva persoa titular da xefatura territorial. A secretaría da comisión exerceraa unha das vogalías dos servizos centrais da Secretaría Xeral da Igualdade.

Se por calquera causa algunha das persoas non puidese asistir á reunión, será substituída pola persoa funcionaria que designe o órgano competente para o outorgamento da axuda. Nos outros casos, será substituída pola persoa funcionaria que designe a Presidencia da Comisión.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

3. As solicitudes presentadas ao abeiro do procedemento SI436C serán examinadas por unha Comisión de Valoración, que estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade e contará coas seguintes vogalías: a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade; a persoa titular do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación; e dúas persoas que presten servizos na Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade designadas pola persoa titular desta subdirección. A secretaría da comisión exerceraa unha das persoas que actúan como vogais da comisión.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. A Comisión de Valoración poderá requirirlles ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que non estea, en poder da Administración, e teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

5. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 12, a Comisión de Valoración emitirá un informe, segundo o cal o correspondente órgano instrutor elevará unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e proporá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda, pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia, por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou por producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade á finalización do prazo de xustificación das axudas.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

1. 1. Criterios comúns ambos os procedementos.

a) Polo número de familias membros da asociación e a porcentaxe que representen sobre o total de familias que conforman a comunidade educativa do centro escolar a que representan no curso académico 2022/23, cando se trate de asociacións ou, no caso de federacións ou confederacións de ANPA, en función do número de asociacións de nais e pais do alumnado que as integran, ata un máximo de 30 puntos, de acordo co seguinte:

– No caso das ANPA, valorarase de acordo coas seguintes porcentaxes de representación no centro educativo: máis do 10 % e ata unha porcentaxe do 20 %: 5 puntos; máis do 20 % e ata o 30 %: 10 puntos; máis do 30 % e ata o 40 %: 15 puntos; máis do 40 % e ata o 60 %: 20 puntos; máis de 60 %: 30 puntos.

– No caso de federacións e confederacións, polo número de asociacións de nais e pais integradas nelas: 3 puntos por cada asociación, ata un máximo de 30 puntos.

b) Pola participación doutras entidades ou institucións na execución e desenvolvemento da/das actividade/s, ata 10 puntos (concello, ONG, centros de saúde, colexio profesional, etc.): valorarase con 2,5 puntos por cada entidade colaboradora co programa/actividade, ata un máximo de 10 puntos. En todo caso, terase que achegar acreditación da entidade ou institución que presenta a súa intención de colaboración no proxecto para os efectos deste criterio de valoración (segundo o modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade), e non se considerará a participación que implique o cobramento de ningún tipo de remuneración.

c) Domicilio do/dos centro/s educativo/s situado en concellos de zonas rurais ou urbanas en atención á súa cualificación por grao de urbanización (zonas densamente poboadas (ZDP); zonas intermedias (ZIP); e zonas pouco poboadas (ZPP) segundo os estudos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ata un máximo de 15 puntos, de acordo co seguinte:

– En ZDP: 5 puntos.

– En ZIP: 10 puntos.

– En ZPP: 15 puntos.

A cualificación dos concellos por grao ou subgrao de urbanización poderase consultar na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Para o caso de solicitude de federacións e confederacións de asociacións de nais e pais, terase en conta o domicilio dos centros educativos a que se refire a solicitude conxunta, e valorarase tomando a puntuación que responda á maioría de concellos en que se sitúan as ANPA involucradas nesa solicitude conxunta. En caso de empate, valorarase o grao de urbanización máis favorable.

d) Por contar con páxina web e/ou dominio web propio e actualizado en que se difunda a actividade da ANPA ou da federación ou confederación: 5 puntos.

1.2. Criterios específicos do procedemento SI449B.

Calidade técnica da/das actuación/s e actividades para as cales se solicita subvención (ata 40 puntos).

a) Contido técnico da actuación e actividades: ata 30 puntos. Valorarase a coherencia do contido da actividade para os medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a inclusión explícita da perspectiva de xénero e a adecuación da actividade para os fins para que está deseñada e para o colectivo o que se dirixe. Así mesmo, valorarase o contido e a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, a inclusión dunha memoria explicativa complementaria cunha extensión máxima de cinco folios en que se expliquen con maior detalle e extensión as actividades previstas. Así mesmo, valorarase a inclusión do calendario de realización, a previsión do número de persoas que se estima que van participar e que se inclúan indicadores de seguimento e avaliación e/ou enquisas de satisfacción da actividade.

b) Innovación: ata 10 puntos. Valoraranse as actuacións e actividades innovadoras, especialmente cando incorporen novas tecnoloxías ou métodos orixinais de información e difusión cara ás familias e/ou alumnado, como, por exemplo, representacións teatrais, ou performance, concursos de ideas, realización de documentais ou outros de natureza análoga. Así mesmo, valoraranse a utilización de medios que permitan a realización de actividades non presenciais a través de plataformas en liña.

1.3. Criterios específicos do procedemento SI436C.

1.3.1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos de idade:

1.3.1.a) Polo número de horas de posta á disposición e prestación das bolsas de coidados por día: ata 4 horas diarias, 5 puntos; máis de 4 horas e ata 6 horas ao día, 10 puntos; más de 6 horas ao día, 15 puntos.

1.3.1.b) Pola duración e continuidade das actuacións que se van desenvolver: ata 15 puntos: ata dous meses: 3 puntos; máis de dous meses e ata catro meses: 6 puntos; máis de catro meses e ata sete meses: 10 puntos; máis de 8 meses: 15 puntos.

1.3.1.c) Pola posta á disposición e prestación de bolsas de coidados en días festivos e/ou fins de semana: 10 puntos.

1.3.2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade destinados aos homes:

1.3.2.a) Polo número de actividades ou número de edicións da mesma actividade que se van desenvolver: ata 30 puntos: 1 actividade; 5 puntos: 2 actividades; 10 puntos: 3 actividades, 15 puntos: 4 actividades; 20 puntos: 5 actividades; 25 puntos: máis de 5 actividades: 30 puntos.

1.3.2.b) Se se posibilita a formación en liña: 5 puntos.

1.3.2.c) Adecuación das actividades propostas aos obxectivos do Plan Corresponsables: 5 puntos.

No suposto de que unha entidade solicite a subvención para levar a cabo ambas as dúas tipoloxías de proxectos (bolsas de coidado e plans de sensibilización/formación), a puntuación máxima que pode acadar na valoración dos criterios específicos establecidos nos puntos 1.3.1 e 1.3.2 anteriores non poderá exceder os 40 puntos. Para estes efectos, a puntuación establecida para cada un dos criterios relacionados nos puntos 1.3.1.a), 1.3.1.b), 1.3.1.c), 1.3.2.a), 1.3.2.b) e 1.3.2.c) reducirase á metade.

2. As entidades que cumpran os requisitos ordenaranse en orde decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 12 desta resolución. Outorgarase por esta orde o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito.

3. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate resolverase tendo en conta a puntuación máis alta obtida nos criterios específicos de cada procedemento (punto 1.2 no caso do procedemento SI449B e punto 1.3 no caso do procedemento SI436C) e a continuación seguindo a orde en que figura o resto de criterios no número 1 deste artigo, ata que se produza o desempate. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 12 desta resolución, o órgano instrutor, á vista do informe da Comisión de Valoración, elevará unha proposta de resolución:

– No procedemento SI449B á persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que resolverá a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta convocatoria por delegación da secretaria xeral da Igualdade.

– No procedemento SI436C, á Secretaría Xeral da Igualdade, que resolverá a concesión ou denegación da axuda solicitada.

2. O prazo para resolver e notificar será de cinco meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

Na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás cales quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención.

3. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, e deberá comprometerse a executar a/as actuación/s subvencionada/s no prazo e condicións establecidas na convocatoria, a través do modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra estas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión das axudas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 16. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización da actuación ou actuacións subvencionadas coa data límite do 11 de decembro de 2023. De acordo co sinalado no artigo 7 desta resolución, a dita documentación deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación xustificativa:

2.1. Documentación común a ambos os procedementos:

a) Solicitude de pagamento debidamente asinada pola persoa que ten a representación da entidade (anexo IV.1 ou anexo IV.2).

b) Certificación do gasto realizado (anexo V.1 ou anexo V.2).

c) Acreditación documental, material ou gráfica (fotografías, copias, capturas de pantalla da web...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da actividade subvencionada, de acordo co establecido no artigo 18 desta resolución.

d) Follas de indicadores segundo os modelos correspondentes a cada procedemento e dispoñibles na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade.

e) Un exemplar de todos os materiais elaborados: carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías e outros documentos, nos cales deberán figurar os logotipos da Secretaría Xeral da Igualdade e o logotipo do Ministerio de Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actuación ou actividade subvencionada. No procedemento SI449B tamén se incluirá o logotipo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e, no procedemento SI436C, o logotipo do Plan Corresponsables.

d) Modelo 190 de resumo anual e retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso en período voluntario. En todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

2.2. No procedemento SI449B será necesario presentar:

a) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na certificación do anexo V.1, e a documentación acreditativa do seu pagamento.

Para poder ser tidos en conta, os gastos deben estar xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023 e deberán estar efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación o 11 de decembro de 2023.

Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias.

b) Memoria de execución da actuación subvencionada, que deberá recoller, como mínimo:

– Descrición das actuacións e actividades desenvolvidas (datas de realización, duración, contidos e metodoloxía empregada no seu desenvolvemento).

– Indicación de como se atenderon as necesidades das persoas con discapacidade (se for o caso).

– Publicidade e divulgación que se realizou.

– Número de familias e persoas participantes desagregadas por sexo.

– Número de entidades (locais, de iniciativa social, ONG, etc.) que participaron no desenvolvemento e execución da actividade.

– Aqueloutros aspectos que se consideren de interese para a descrición da actuación ou actividade.

– Informe sobre a coherencia do contido da actividade coas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a inclusión explícita da perspectiva de xénero, e a adecuación da actividade aos fins para que está deseñada e para o colectivo a que se dirixe.

2.3. No procedemento SI436C será necesario presentar:

a) Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal, copia dos seguintes documentos:

– No caso de persoal propio da entidade beneficiaria: contrato de traballo e nóminas e recibos de liquidación de cotizacións, así como os modelos TC-2 e documentos bancarios que acrediten a súa realización.

– No caso de contratación mercantil dos gastos de persoal: facturas ou documentos con valor probatorio equivalente polo importe correspondente ao persoal contratado, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento. No xustificante bancario deberán constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura.

Para poder ser tidos en conta os gastos directos de persoal subvencionables a custo real (nóminas, facturas...), deben estar xerados entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 30 de novembro de 2023 e deberán estar efectivamente pagados, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación o 11 de decembro de 2023.

Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias.

b) Anexo VI: memoria xustificativa da medida subvencionada, con descrición detallada de cada unha das actuacións desenvolvidas, incluída a tipoloxía dos gastos directos realizados, así como os resultados obtidos, con indicación do número de persoas participantes desagregadas por sexo.

c) Unha relación numerada das persoas participantes. A dita relación deberá estar asinada pola persoa responsable do programa no modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Para o caso de que as persoas participantes sexan menores de idade, a dita relación referirase aos proxenitores, preferentemente nai, pai ou ben a persoa que exerza a tutela.

Esta relación será única para todas as actuacións e actividades da medida subvencionada, con independencia de que os fillos ou fillas participen nunha ou varias das actuacións.

d) De ser o caso, a documentación acreditativa recollida no artigo 29.2 segundo a circunstancia correspondente.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselles de que, de non facelo, se revogará, logo de resolución, a subvención concedida.

4. Unha vez recibida a documentación xustificativa, antes de efectuar o seu pagamento, poderanse realizar as actuacións de comprobación que se consideren oportunas para verificar o cumprimento da conduta, actuación ou actividade subvencionada.

5. Antes de realizar pagamento da axuda, deberá figurar no expediente a declaración acreditativa de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 17. Pagamento da subvención

1. O pagamento do importe da subvención realizarase do seguinte xeito: un primeiro pagamento en concepto de anticipo con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución.

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, o anticipo acadará o 80 % da subvención concedida. No caso de que o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, prevese, ademais, o pagamento anticipado dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

De conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da constitución de garantías.

2. Unha vez presentada a xustificación, realizarase o libramento final da axuda concedida, pola contía que corresponda, deducido, de ser o caso, o importe aboado en concepto de anticipo.

3. Para o caso de que non se xustifique a totalidade do gasto (custo total da actuación) tido en conta para a determinación da contía da subvención, a axuda minorarase proporcionalmente.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa xeral de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación. En todo caso, terase que acreditar que as actividades desenvolvidas respondan a unha actividade desta convocatoria.

2. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. Facer constar na publicidade, documentación elaborada e na páxina web, no caso de dispor dela, a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da igualdade e do Ministerio de Igualdade. Tamén se incluirán os seguintes logotipos segundo o procedemento correspondente: para o SI449B o logotipo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e para o SI436C o logotipo do Plan Corresponsables. Todos estes logotipos estarán dispoñibles na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade.

En todo caso, nos espazos que utilice a entidade para a realización das actividades informarase do financiamento público a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible, segundo os modelos dispoñibles na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade.

4. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as persoas destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.

7. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 19. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 20. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade da minoración ou do reintegro serán os seguintes:

a) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas concorrentes para a mesma finalidade que financien as actuacións subvencionadas.

b) Procederá o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento das obrigas recollidas no artigo 18.2. e 18.3.

c) En todo caso, non xerarán dereito ao cobramento da subvención e procederá o reintegro do anticipo cando se teña constancia de que o desenvolvemento das actuacións no seu conxunto non se adecuou á finalidade e obxecto desta resolución.

d) No procedemento SI449B, atendendo á descrición realizada na memoria e á acreditación material e gráfica achegada, cando se desprenda que o programa ou algunha das actuacións non responde a unha actividade de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que poida enmarcarse nalgunha das tipoloxías previstas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1, que define o artigo 24 desta convocatoria como accións subvencionables, a subvención será minorada nun 15 %.

Artigo 21. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para a comprobación do cumprimento das condicións das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre os procedementos administrativos asociados a esta resolución, que teñen os códigos SI449B e SI436C, poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade: http://igualdade.xunta.gal; nos teléfonos da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade 981 95 77 83 e 881 99 59 81 (procedemento SI436C) e, no caso do procedemento SI449B, nos teléfonos das unidades de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (A Coruña: 881 88 12 54; Lugo: 982 29 43 55; Ourense: 988 38 67 99; Vigo-Pontevedra: 986 81 76 58).

CAPÍTULO II

Actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI449B)

Artigo 24. Accións subvencionables

1. Poderá ser obxecto de subvención ao abeiro desta convocatoria a realización de programas e actividades de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero que vaian realizar as ANPA, federacións e confederacións de ANPA, dirixidos ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias e á comunidade educativa, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023.

Así mesmo, para que o programa de actividades poida ser subvencionado ao abeiro desta resolución ten que incluír, como mínimo, o desenvolvemento e realización dunha actividade dirixida directamente ás familias, nais e pais, que facilite a difusión, información, coñecemento e mesmo a reflexión sobre as actividades de difusión levadas a cabo co alumnado e o resto da comunidade educativa.

Serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías recollidas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias e/ou alumnado en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que llos axuden a detectar a violencia de xénero da que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas, para as familias e/ou alumnado e comunidade educativa.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos, e actuacións encamiñadas a mellorar a percepción que o alumnado e as familias teñen sobre a diversidade sexual e a homosexualidade, contra as situacións de acoso do alumnado LGTBIQ e as repostas da comunidade educativa perante o problema da homofobia.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais e/ou para o alumnado que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala, e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

2. Na solicitude poderase incluír unha ou varias das tipoloxías de acción recollidas no primeiro punto deste artigo.

Artigo 25. Contía da subvención

1. A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 3.000 € para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 6.000 € para as solicitudes de federacións ou confederacións de ANPA.

2. O importe da axuda calcularase con base no gasto subvencionable e no importe solicitado. As entidades que cumpran os requisitos contidos nesta resolución ordenaranse en orden decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 12 desta resolución, e outorgarase por esta orde o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito.

No caso de esgotarse o crédito, proporase unha lista de espera, que se atenderá segundo a orde de puntuación para o caso de desistencias ou renuncias de entidades beneficiarias, nos termos indicados no último parágrafo do artigo 11.5.

Artigo 26. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións e actividades previstas no artigo 24.1 xerados no período comprendido entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023, ambos os dous incluídos, que respondan aos seguintes conceptos:

a) Gastos das persoas relatoras (honorarios, aloxamento, transporte) e/ou contratación mercantil ou externa da prestación dunha actividade ou servizo externo (obradoiro, taller de teatro, xornadas, campañas de difusión, etc.).

b) Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización.

c) Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que estean debidamente xustificados e que se consideren necesarios para o seu desenvolvemento (servizo de atención a menores, gastos derivados da realización da actividades en liña, ou telemáticas e outros).

En ningún caso serán subvencionables gastos de protocolo ou representación (comidas) e gastos de agasallos para as persoas relatoras.

2. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

3. Para os efectos da consideración dos gastos como subvencionables e para a súa xustificación, deberán axustarse ao seguinte:

a) Reunir os seguintes requisitos: ser un gasto directo da acción, adecuado aos obxectivos, que exista constancia documental sobre a súa realización de xeito verificable, que se acredite mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, estar efectivamente realizado no período establecido e pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da subvención.

b) Así mesmo, admitirase a acreditación de gastos realizados mediante factura simplificada (antes denominado tícket), como documento substitutivo das facturas, sempre que se cumpra o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

c) No caso de pagamento mediante cheque, terá que ser, en todo caso, nominativo e vir acompañado da xustificación bancaria acreditativa do cargo na conta que figure nel.

d) Con carácter excepcional, e dada a tipoloxía das entidades beneficiarias, formadas por nais e pais, segundo se recolle no punto 3 do artigo 42 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase aceptar a xustificación do pagamento mediante recibo da persoa ou entidade provedora para gastos de escasa contía nos cales necesariamente se teña que incorrer para o desenvolvemento da actuación ou actividade obxecto da subvención que teñan un importe menor de 300 euros e que a súa suma non supere o 15 % do importe concedido. O dito recibo terá como contido mínimo os seguintes datos: persoa/entidade que emite o recibo, cantidade recibida e concepto polo que se percibe).

4. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou actividade subvencionada, tales como contratación de persoal, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles.

CAPÍTULO III

Plan Corresponsables (código de procedemento SI436C)

Artigo 27. Requisitos específicos das entidades beneficiarias

1. Ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 4, as entidades beneficiarias teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispor dun plan de prevención de riscos laborais, conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

c) Non ser sancionadas, en virtude de resolución administrativa ou sentenza xudicial firme, pola comisión de infraccións graves ou moi graves en materia de prevención de riscos laborais no ano anterior a esta resolución.

d) Non ser obxecto de sanción por resolución administrativa firme ou condenada por sentenza xudicial firme por levar a cabo prácticas laborais consideradas discriminatorias pola lexislación vixente, salvo cando se acredite cumprir coa sanción ou a pena imposta e elaborar un plan de igualdade ou adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes. Corresponderalle ao órgano competente en materia de igualdade dar a súa conformidade a estas medidas.

Artigo 28. Accións subvencionables

1. Considéranse subvencionables as actuacións orientadas a facilitar a conciliación das familias con fillas e fillos menores de ata 16 anos de idade mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a través da creación de emprego de calidade no sector dos coidados, así como plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes.

2. Ao abeiro deste programa, serán subvencionables as seguintes tipoloxías de proxectos, desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes:

2.1. Bolsas de coidado profesional de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos de idade, coa posibilidade de desenvolver unha ou máis das seguintes modalidades:

a) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos/das profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade que poidan prestarse no domicilio por un número determinado de horas semanais.

b) Habilitación de servizos de coidado profesional de calidade, e con garantía de dereitos laborais dos/das profesionais que presten os seus servizos neste marco, de nenas, nenos, mozos e mozas de ata 16 anos de idade, que poidan prestarse en dependencias públicas convenientemente habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiúsos, polideportivos, ludotecas, entre outros, cumprindo coas garantías sanitarias, así como coa normativa que lles sexa de aplicación.

2.2. Plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes: implementación de plans e actuacións de formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias, para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no ámbito dos coidados.

3. No caso das bolsas de coidado recollidas no punto 2.1 anterior, as actuacións deben cumprir co seguinte:

– Destinaranse ao coidado de menores en familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, e con carácter prioritario en caso de vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións, especialmente cando teñan que acudir a interpor denuncias, procesos xudiciais, citas médicas e terapéuticas, ou outros trámites burocráticos; familias monoparentais; mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas ou procura activa de emprego; mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares en que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

– Nos procesos de valoración de acceso aos servizos postos en marcha con cargo aos fondos recibidos, deberán considerarse como criterios de valoración o nivel de renda e as cargas familiares das persoas que soliciten a participación neles.

– Cando as entidades teñan establecido o pagamento dunha taxa, os ingresos obtidos das cotas para o acceso das familias con maiores ingresos económicos deberán reverter no propio Plan Corresponsables e recollerse na xustificación que se vaia presentar.

– Para seren subvencionables, as actuacións teñen que ser de nova creación ou de ampliación e mellora das existentes. Queda excluído o financiamento de gastos que se materialicen en prestacións económicas directas a persoas e/ou familias, ou os gastos relativos á dotación de persoal dos centros de educación infantil.

Artigo 29. Contía da subvención

1. A contía da subvención que se concederá determinarase en función do número de persoas que se vaian contratar, de acordo cos perfís e requisitos establecidos nesta resolución, para desenvolver os proxectos subvencionables establecidos no artigo 28.2, tendo en conta o límite máximo da subvención establecido no punto 6 deste artigo:

– Contía de ata 31.808 euros por persoa contratada a tempo completo, para o período desde o 1 de xaneiro ao 30 de novembro de 2023, período subvencionable segundo a presente resolución, incluídas as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial ou por período inferior aos once meses subvencionables.

2. A contía da axuda por persoa contratada incrementarase en 3.000,00 euros cando a persoa contratada estea nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

– Mulleres maiores de 45 anos.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero.

– Persoas con grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Para o caso de mulleres contratadas vítimas de violencia de xénero, a acreditación documental da súa circunstancia recollerase na fase de xustificación das axudas, coa documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Para o caso de persoas contratadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a acreditación documental da súa circunstancia recollerase na fase de xustificación da axudas, coa certificación acreditativa desta situación no caso de que esta non fose emitida pola Xunta de Galicia.

3. Para determinar o gasto subvencionable e o importe da subvención, teranse en conta os custos directos de persoal dos/das profesionais que leven a cabo as medidas de Plan Corresponsables definidas no artigo 28, máis un 10 % para o financiamento doutros custos indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Estes gastos indirectos non requirirán unha xustificación adicional.

4. O importe da axuda calcularase con base no gasto subvencionable e no importe solicitado. As entidades que cumpran os requisitos contidos nesta resolución ordenaranse de maneira decrecente segundo os criterios e pautas de valoración establecidos no artigo 12 desta resolución, e outorgarase por esta orde o 100 % do importe solicitado ata esgotar o crédito.

No caso de esgotarse o crédito, propoñerase unha lista de espera, que se atenderá segundo a orde de puntuación para o caso de desistencias ou renuncias de entidades beneficiarias, nos termos indicados no último parágrafo do artigo 11.5.

6. En todo caso, a contía máxima da axuda por entidade será de 20.000,00 euros.

7. Se é o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do custo de persoal.

Artigo 30. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os derivados da realización das medidas do Plan Corresponsables, definidas no artigo 28, que foran xerados entre o 1 de xaneiro de 2023 e ata o 30 de novembro de 2023, e que respondan a algún dos seguintes conceptos ou categorías:

1. Gastos directos de persoal: teranse en consideración os gastos directos de persoal que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e constatable a ela.

1.1. Serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal as retribucións salariais brutas totais do persoal contratado correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución da actuación ou medida subvencionada, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

1.2. No caso de contratación mercantil ou externa, serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura.

1.3. Para determinar os custos directos de persoal, terase en conta soamente o tempo efectivo dedicado á execución da medida subvencionada.

1.4. Serán requisitos obrigatorios dos gastos de persoal contratado para desenvolver as bolsas de coidados de menores en familias con fillos e fillas de ata 16 anos os seguintes:

a) Terán que ter algún dos perfís profesionais establecidos no Plan Corresponsables: perfís de técnica/o superior en Animación Sociocultural e Turística, (ou Tasoc, técnica/o en actividades socioculturais), técnica/o superior en Integración Social, monitoras/es de lecer e tempo libre, Tafad (técnica/o superior en Ensinanza e Animación Sociodeportiva), técnica/o superior en Educación Infantil, auxiliares de Gardaría e Xardín de Infancia.

b) Persoas con experiencia laboral formal e non formal no sector dos coidados de menores habilitadas pola Administración da Xunta de Galicia para o acceso ás bolsas de coidado profesional de menores que se presten en domicilio, especialmente mulleres maiores de 45 anos.

c) A modalidade de contratación non poderá destinarse a cubrir postos de traballo que existisen previamente, salvo que se mellore ou amplíe a xornada. Deberá acreditarse esta circunstancia mediante certificado da persoa titular da Secretaría da entidade.

d) A contratación deberá formalizarse na categoría profesional e no grupo de cotización correspondente ao posto de traballo ofertado. A entidade debe aboarlle á persoa contratada, polo menos, o importe proporcional que lle corresponda segundo o salario fixado como salario mínimo interprofesional que estea en vigor.

1.5. En todo caso, os contratos de traballo subscritos no marco deste programa –tamén aqueles nos cales se amplíe ou mellore a xornada– deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».

2. Gastos indirectos: tamén serán subvencionables, en concepto de custos indirectos, os gastos correntes que non se corresponden en exclusiva á operación subvencionada por teren carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos en bens consumibles e en material funxible, gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade, etc.).

3. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de recuperación ou compensación.

4. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou actividade subvencionada, tales como contratación de persoal, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles.

Artigo 31. Procedemento de selección do persoal para as bolsas de coidados

1. A selección do persoal para as bolsas de coidados deberá axustarse ao procedemento establecido na normativa laboral.

2. As persoas que se vaian contratar deberán achegar o certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como o certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.

3. As persoas que se van contratar deberán pertencer a algún dos seguintes perfís profesionais: técnica/o superior en Animación Sociocultural e Turística (ou Tasoc, técnica/o en Actividades Socioculturais), técnica/o superior en Integración Social, monitoras/es de lecer e tempo libre, Tafad (técnica/o superior en Ensinanza e Animación Sociodeportiva), técnica/o superior en Educación Infantil, auxiliares de Gardaría e Xardín de Infancia, tanto para bolsas de coidados de menores que se presten en dependencias convenientemente habilitadas para o efecto como para coidados en domicilio.

4. As mulleres que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero terán preferencia se teñen o perfil profesional do posto de traballo que hai que cubrir, conforme a oferta de emprego presentada pola entidade beneficiaria.

Cada entidade deberá reservar un mínimo do 15 % da contía asignada para a contratación deste colectivo, salvo que non exista un número suficiente de mulleres para alcanzar a citada porcentaxe.

5. En ningún caso poderán introducirse na selección das persoas para contratar criterios que poidan impedir a libre circulación de persoas traballadoras, tales como o empadroamento nunha determinada entidade local. En todo caso, o procedemento de selección deberá garantir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sen discriminación por razón de sexo, raza ou orixe étnica, relixión ou conviccións, en relación coas persoas participantes que cumpran os requisitos de acceso.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, nos ámbitos competencias respectivos, para resolver a concesión, denegación, modificación das subvencións previstas nesta resolución baixo o procedemento SI449B, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, e as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, do antedido procedemento.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file