Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35522

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 24 de maio de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento SI449B e SI436C).

BDNS (Identif.): 700727.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Solicitude individual: poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. Solicitude conxunta: tamén poderán ser entidades beneficiarias as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais e a solicitude de dúas ou máis ANPA que se agrupen para solicitar e xestionar conxuntamente as actuacións obxecto desta convocatoria e que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Segundo. Obxecto

As axudas concédenselles, en réxime de concorrencia competitiva, ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPA) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de ANPA dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para realizar as seguintes liñas de actuación:

a) Actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás ANPA e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI449B- capítulo II da resolución).

b) Actuacións orientadas a facilitar a corresponsabilidade nas familias con fillas e fillos de ata 16 anos inclusive, mediante a creación de bolsas de coidado profesional e a creación de emprego de calidade no ámbito dos coidados, así como os plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes, en desenvolvemento do Plan Corresponsables (código de procedemento SI436C-capítulo III da resolución).

É compatible a solicitude de axuda en ambas as liñas de actuación. Así mesmo, son compatibles as solicitudes por parte dunha asociación de nais e pais coa pertenza a unha federación ou confederación que, así mesmo, solicite subvención. Cada entidade ou agrupación de ANPA só poderá presentar unha solicitude de axuda en cada procedemento, na cal poderán incluír unha ou varias das tipoloxías de acción establecidas para cada un.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 24 de maio de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e para o desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento SI449B e SI436C).

Cuarto. Importe

1. Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de novecentos mil euros (900.000 €) dos orzamentos xerais da Comunidde Autónoma de Galicia para o ano 2023 con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Procedemento

Aplicación

Proxecto

Importe

SI449B

11.20.313D.481.2

2018 00112

400.000 €

SI436C

11.20.312G.481.3

2021 00175

500.000 €

2. Actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI449B): a contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 3.000 € para as solicitudes de asociacións de nais e pais que se presenten de xeito individual e de 6.000 € para as solicitudes de federacións ou confederacións de ANPA.

3. Plan Corresponsables (código de procedemento SI436C): a contía máxima da axuda por entidade será de 20.000,00 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2023

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade