Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2023 Páx. 38413

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 6 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades deportivas para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas, e se convoca para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento DE401D).

Como sucede no conxunto dos sistemas comparados, o tecido deportivo en Galicia ten nos clubs un dos eixes principais sobre os que pivota a práctica de actividade deportiva competitiva e non competitiva na Comunidade Autónoma.

O fomento deste asociacionismo deportivo, a colaboración con este e a concesión de axudas para a promoción da súa actividade, son principios de actuación da Administración deportiva galega que, no marco establecido pola Lei do deporte de Galicia, Lei 3/2012, do 2 de abril, se veñen desenvolvendo con carácter anual co fin de garantir o progresivo crecemento do deporte galego no seu conxunto.

Paralelamente, a dotación dunha rede de instalacións e infraestruturas deportivas seguras e de calidade, é principal á hora de procurar este desenvolvemento efectivo do sistema deportivo e da práctica de actividade física en Galicia; instalacións e dotacións que posibiliten un incremento nos recursos deportivos ao servizo dos axentes deportivos e dos cidadáns para facilitar unha práctica segura e respectuosa co contorno e co ambiente.

Desta forma, é importante para a Administración autonómica continuar destinando financiamento específico a infraestruturas e equipamentos deportivos co fin de potenciar a promoción da práctica deportiva competitiva e non competitiva na Comunidade Autónoma.

Por todo o anteriormente exposto, a presente orde vén establecer as bases que rexerán a convocatoria de subvencións, con carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a entidades deportivas para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas, procedéndose á súa convocatoria para os exercicios 2023 e 2024.

Segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno en materia de deportes, asumíndose a través da Secretaría Xeral para o Deporte, consonte o seu artigo 15 e entre outras atribucións, a promoción e a difusión da actividade física e do deporte, con especial atención á promoción da igualdade entre homes e mulleres, actuando, se é o caso, en colaboración con outras administracións e entidades públicas e privadas (letra b) e a colaboración coas administracións locais e coas entidades deportivas a través de axudas e subvencións nos ámbitos das infraestruturas e da adquisición de equipamentos (letra e).

As presentes bases teñen en conta as previsións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, especialmente no disposto en ambos os textos en relación coas bases reguladoras das subvencións.

Esta orde dá cumprimento aos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 60/2022, do 15 de maio, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, de carácter plurianual para os anos 2023 e 2024, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ás entidades deportivas de Galicia, para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas (código de procedemento DE401D).

Artigo 2. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión destas subvencións axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000,00 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

Artigo 3. Gastos subvencionables, financiamento e importe máximo das subvencións

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles nos que incorresen as entidades deportivas de Galicia con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023 como consecuencia da realización das actuacións obxecto desta orde indicados no artigo 1.

2. Para o financiamento desta convocatoria destínanse con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.441A.781.0 un total de un millón douscentos noventa e tres mil setenta e cinco euros con trinta e nove céntimos (1.293.075,39 €), coa seguinte distribución por anualidades:

a) Anualidade 2023: 593.075,39 €.

b) Anualidade 2024: 700.000,00 €.

3. A contía máxima das axudas que se van conceder será de 25.000,00 €, co límite do 80 % do orzamento da actuación subvencionable.

4. Poderase ampliar os créditos nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano competente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a presente orde, sen que tal publicación implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións as entidades deportivas inscritas no Rexistro de entidades deportivas de Galicia que, con carácter previo á resolución de concesión da axuda, teñan as súas instalacións inscritas no Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia consonte o establecido no Decreto 52/2022, do 28 de abril, polo que se crea e regula o Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia (DOG núm. 91, do 11 de maio).

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. A solicitude presentarase axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I a estas bases e dirixirase á Secretaria Xeral para o Deporte.

2. As solicitudes presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Cada entidade deportiva poderá presentar unha única solicitude. No caso de presentar dúas ou máis solicitudes, a Comisión de Valoración comunicarao á interesada para que, no prazo máximo de tres días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste punto. De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes presentadas.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha declaración de adhesión ao Manifesto pola igualdade no deporte, segundo o modelo do anexo II.

b) A acreditación de representación, no caso de que non sexa a persoa presidenta da entidade quen actúe como persoa representante na tramitación deste procedemento, segundo o modelo do anexo III.

c) Unha certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa representante da entidade, segundo o modelo do anexo IV, na que conste:

1) O acordo adoptado polo órgano competente da entidade deportiva polo que se aproba a solicitude de axuda e as condicións e requisitos da presente orde, con expresión concreta da actuación solicitada.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.

2) A relación de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma actuación solicitada ao abeiro desta orde das distintas administracións públicas ou outros entes públicas, e compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

4) Que a entidade non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, nin en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

d) Unha memoria explicativa onde se xustifique a necesidade da actuación para a que se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade, así como canta información sexa precisa para permitir a aplicación dos criterios sinalados no artigo 10 da presente orde.

e) O documento acreditativo da titularidade do terreo e/ou inmoble no que se pretenda realizar a actuación ou, se é o caso, da posesión do título bastante que habilite a entidade para a realización das obras, así como para o uso posterior do construído ou reformado por período non inferior a cinco (5) anos.

f) O proxecto técnico ou memoria valorada da obra que se pretende realizar, asinado electronicamente polo técnico ou técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado, desagregado a nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.

– Planos a escala e detalle suficiente para describir as actuacións.

– Planos de situación, indicando as coordenadas UTM de cada unha das actuacións que integran a solicitude.

As entidades que resulten beneficiarias quedarán obrigadas a presentar o correspondente proxecto técnico e as autorizacións administrativas municipais e sectoriais oportunas, se a entidade e complexidade das obras que se vaian executar o exixisen.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado da Seguridade Social que acredite o cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

e) Certificado da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) que acredite non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) que acredite o cumprimento das obrigas tributarias.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesión pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Deportiva será o instrutor do procedemento.

2. Unha vez recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas polo instrutor do procedemento co obxecto de comprobar que se atopan debidamente cubertas e suficientemente documentadas. Xunto con esta análise, comprobarase se o solicitante acredita o cumprimento dos requisitos establecido no artigo 3.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeran, se lle terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Este requirimento realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e terá os efectos de notificación, consonte o artigo 45 da Lei 39/2015. Esta lista tamén será publicada na páxina web da Secretaría Xeral para o Deportes http://deporte.xunta.gal/. Poderá tamén requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento, en calquera fase del.

Nesta publicación, e con efectos unicamente de publicidade, relacionarase tamén as solicitudes admitidas que non están suxeitas a emenda e as inadmitidas.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases, na convocatoria ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para os efectos de ditar a correspondente resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas destas.

5. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao seu arquivo, sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 9. Da Comisión de Valoración

1. O órgano instrutor remitirá a documentación completa dos expedientes á Comisión de Valoración encargada de aplicar os criterios de baremación establecidos no artigo seguinte.

2. A Comisión estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Deportiva da Secretaría Xeral para o Deporte ou persoa en quen delegue, actuando como vogais as persoas titulares da Subdirección Xeral de Plans e Programas, do Servizo de Programación Deportiva e de Deporte en Idade Escolar, da Xefatura do Servizo de Seguimento de Infraestruturas Deportivas da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, das xefaturas dos servizos provinciais de deportes e un técnico/a deportivo/a da mesma Secretaría Xeral para o Deporte, designado pola persoa presidenta da comisión. Será secretario/a da comisión a persoa titular da xefatura da Sección do Servizo de Seguimento de Infraestruturas Deportivas da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ou persoa que o substitúa.

Artigo 10. Resolución e recursos

1. Unha vez que a comisión realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación establecidos no artigo 11 desta orde, da cal quedará constancia en acta motivada, a Secretaría Xeral para o Deporte elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes será o órgano competente para a resolución do procedemento para a concesión da subvención.

2. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da solicitude.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os 3 meses, contados desde o día seguinte á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación levarase a cabo mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, con indicación neste caso da data da convocatoria, da entidade beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas e inadmitidas con expresión dos motivos da desestimación e inadmisión.

3. Contra esa resolución, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

Artigo 11. Criterios de valoración

A Comisión avaliará as solicitudes presentadas de acordo cos seguintes criterios de valoración:

I. Valoración con base na entidade deportiva solicitante: máximo 60 puntos.

1. Memoria deportiva da entidade: ata 20 puntos. Valoraranse especialmente as actuacións que se refiran á práctica deportiva oficial federada, así como as destinadas a colectivos específicos como son o do deporte en idade escolar, o das persoas con discapacidade ou o do deporte inclusivo, e do deporte feminino.

2. Número de equipos da entidade inscritos en competicións federadas de ámbito autonómico ou supra autonómico (deberá de ser certificado pola correspondente federación deportiva): ata 10 puntos:

i. Mais de 10: 10 puntos.

ii. Entre 5 e 10: 5 puntos.

iii. Entre 1 e 4: 2 puntos.

3. Número total de licenzas na actualidade, (deberá de ser certificado pola correspondente federación deportiva): ata 10 puntos:

i. Mais de 200: 10 puntos.

ii. Entre 100 e 200: 5 puntos.

iii. Entre 20 e 99: 2 puntos.

4. Número total de socios na actualidade: ata 10 puntos.

i. Mais de 5.000: 10 puntos.

ii. Entre 1.000 e 5.000: 5 puntos.

iii. Entre 500 e 999: 2 puntos.

5. Existencia de técnicos deportivos na entidade: ata 5 puntos.

i. Polo menos un, con titulación de licenciado/graduado en Ciencias da Actividade Física e Deportiva: 5 puntos.

ii. Polo menos un, con titulación de técnico superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas: 2 puntos.

6. Pola práctica de máis dunha modalidade deportiva oficialmente recoñecida: ata 5 puntos.

i. Mais de 4: 5 puntos.

ii. Entre 2 e 4: 3 puntos.

II. Valoración con base na instalación para a que se solicita a axuda: máximo 30 puntos.

1. Antigüidade da instalación: ata 15 puntos:

i. Mais de 15 anos: 15 puntos.

ii. Entre 11 e 15: 10 puntos.

iii. Entre 5 e 10: 5 puntos.

2. Instalación destinada a unha práctica deportiva federada recoñecida oficialmente na Comunidade Autónoma: 10 puntos.

3. Instalación destinada a unha práctica deportiva náutica (natación, remo, piragüísmo ou vela): 5 puntos.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Aceptación

A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar consonte as prescricións da normativa de aplicación.

4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación, sendo únicos responsables das consecuencias que poidan derivarse destes procesos.

5. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos posteriores ao seu outorgamento e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre unha modificación importante que afecte a natureza do investimento ou o seu réxime de propiedade antes de transcorridos cinco anos do seu remate.

O incumprimento da obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e os bens quedarán afectados ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fan referencia estas bases. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Todas as entidades beneficiarias estarán obrigadas a cumprir as obrigas de información e publicidade establecidas nestas bases reguladoras, que incluirán, en todo caso, a colocación dun cartel publicitario, durante a execución do proxecto subvencionado.

9. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de entidades beneficiarias.

10. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

11. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención nestas bases reguladoras e na normativa xeral de aplicación.

b) Incumprimento da obriga de xustificar os pagamentos nos termos establecidos nesta orde.

c) En todo caso, será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere a cantidade que efectivamente lle corresponda percibir á entidade beneficiaria, calculada como unha porcentaxe sobre o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.

e) Incumprimento da obriga de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento das actuacións, nos termos establecidos nos artigos 17.2.d) e 19.2.b) desta orde e de conformidade co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da dita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Artigo 16. Contratación

As entidades poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

Artigo 17. Pagamento das axudas

1. Poderase realizar o pagamento do 100 % do importe da subvención correspondente á anualidade de 2023, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución da subvención e logo da aceptación expresa desta.

Unha vez que o órgano tramitador revise a documentación que a entidade beneficiaria debe presentar conforme o establecido nestas bases reguladoras, de comprobar que ao importe xustificado na anualidade 2023 lle corresponde unha subvención inferior á cantidade librada en concepto de anticipos, procederá a compensar o exceso de financiamento de forma automática na seguinte anualidade, mediante a dedución do seu importe sobre o anticipo que a entidade beneficiaria deba percibir en 2024.

2. Poderase realizar o pagamento de 100 % do importe da subvención correspondente á anualidade de 2024, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectiva unha vez se presentara a xustificación da porcentaxe concedida en 2023 e se realizaran todas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actuación subvencionada.

3. Para o pagamento anticipado a entidade beneficiaria deberá presentar unha solicitude conforme o anexo V.

4. De acordo co disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

5. Para a concesión dos pagamentos anticipados, non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias das subvencións concedidas.

6. Para os supostos nos que non se solicitase o pagamento anticipado da contía da subvención concedida, unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral para o Deporte, antes de proceder ao seu pagamento, realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actuación subvencionada.

7. O pagamento da subvención realizarase de acordo co custo real do proxecto executado e xustificado. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de financiamento establecida na resolución de concesión.

En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente do proxecto e a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. O prazo para presentar a documentación xustificativa das actuacións subvencionadas é o seguinte:

• Na primeira anualidade ata o 1 de decembro de 2023, e sen prexuízo de que os xustificantes de gasto posteriores a esta data poidan imputarse á anualidade 2024 sen que isto implique incremento da achega correspondente ao referido exercicio orzamentario 2024.

• Na segunda anualidade ata o 31 de outubro de 2024.

2. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias das subvencións é a seguinte:

a) As facturas e as correspondentes certificacións de obra.

b) A entidade beneficiaria está obrigada a acreditar documentalmente, mediante xustificante de transferencia bancaria, a efectividade dos pagamentos dos gastos correspondentes á actuación subvencionada.

Os xustificantes das transferencias bancaria estarán debidamente identificados e selados pola entidade bancaria, agás que o pagamento se realice mediante banca electrónica. Neste caso, os xustificantes das transferencias bancarias deberán presentarse asinados electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria das subvencións.

c) Como mínimo tres ofertas de diferentes provedores de acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria, segundo o modelo do anexo VI desta orde no que se farán constar as seguintes declaracións:

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

– Que a entidade non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

e) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria, segundo o modelo do anexo VII desta orde no que se farán constar as seguintes declaracións:

– O acordo de aprobación polo órgano competente da entidade beneficiaria, das facturas e das correspondentes certificacións de obra, no que se faga constar o cumprimento da finalidade da subvención.

– Que, segundo o informe do tesoureiro da entidade deportiva, se anotou na contabilidade do gasto, os gastos correspondentes á execución da actuación subvencionada.

– Que, segundo informe da persoa secretaria da entidade deportiva, na tramitación e contratación das obras, se solicitaron como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da obra e que a elección das ofertas recaeu na proposta economicamente máis vantaxosa, de acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

f) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na orde deberán achegar, ademais:

– Fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan.

– Fotografías do cartel ou carteis informativos, segundo o modelo do anexo VIII, nas que se poida apreciar a súa colocación no lugar das actuacións.

– Fotografías da placa ou placas explicativas permanentes, segundo o modelo do anexo IX, colocadas nun lugar visible no lugar das actuacións, que deberán permanecer durante, cando menos, cinco anos.

3. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da efectividade dos pagamentos realizados.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención pagada, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a beneficiaria deberá presentar ante a Secretaría Xeral para o Deporte a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o texto «Devolución subvención DE401D».

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen causa de perda do dereito ao cobramento da subvención as seguintes:

1. Non presentar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos destas bases reguladoras.

2. Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos aplicables, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión as seguintes:

a) Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión dentro do prazo establecido nestas bases reguladoras.

b) O incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta orde, nomeadamente a obriga de colocar o cartel informativo durante a execución do proxecto subvencionado.

c) Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

A perda do dereito será total ou parcial segundo afecte todas ou algunha das actuacións que integran o proxecto subvencionado.

Artigo 21. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades beneficiarias poderanse dedicar a subvencionar as entidades que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde, de acordo coa orde de prelación resultante da valoración efectuada pola Comisión de Valoración.

Artigo 22. Modificación

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas bases habilitan para autorizar as modificacións da resolución de concesión atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación.

A autorización para a modificación do proxecto acordarase por resolución do órgano competente para a concesión destas axudas, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

3. Malia o anterior e sen necesidade de instar procedemento de modificación de subvención, poderanse aceptar variacións nas partidas de gasto do proxecto subvencionado sempre que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento total, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

Artigo 23. Alteración dos modelos normalizados

Non se aceptará ningún modelo normalizado, que as entidades solicitantes ou beneficiarias deban presentar segundo as prescricións destas bases reguladoras, que conteña emendas ou riscadas.

As observacións ou aclaracións que as persoas interesadas precisen realizaranse nun documento á parte.

O incumprimento desta norma podería dar lugar á inadmisión da solicitude, á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao seu reintegro.

Artigo 24. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo do proxecto subvencionado.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Base de datos nacional de subvencións

De acordo co establecido na letra a) do artigo 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base de datos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file