Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 29 de xuño de 2023 Páx. 40403

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 14 de xuño de 2023 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación).

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación), con domicilio na travesa Escultor Asorey, número 16, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 3 de marzo de 2023, José Andrés Barros Nogueira, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación) constituíuna Margarita María Ledo Andión, mediante escritura pública outorgada o 8 de febreiro de 2023, ante a notaria de Vigo (Pontevedra) Mónica Alba Castro, co número de protocolo 281.

Tras requirimento do 18 de abril de 2023, o 25 de abril achégase, entre outra documentación, unha dilixencia referida á escritura anterior que emenda a súa dotación.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a conservación, investigación e difusión da obra da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, a promoción da cultura galega en xeral e do cinema e o audiovisual en lingua galega en particular, así como doutros bens de cultura e comunicación».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Margarita María Ledo Andión, como presidenta; José Luis Ledo Andión, como vicepresidente, e Agar Ledo Arias, como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación), con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 29 de maio de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación) e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e pódense interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes