DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 18 de agosto de 2023 Páx. 49002

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, así como proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS320A).

BDNS (Identif.): 712585.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil que realicen proxectos do dito programa, así como proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023.

2. Estes programas consisten en instar á participación nas entidades de acción voluntaria e nas entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das persoas mozas galegas para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria. Ademais, nesta convocatoria subvencionaranse actuacións que posibiliten a participación destas persoas mozas en grupos interxeracionais orientados ao desenvolvemento de proxectos de voluntariado enmarcados nas actividades vinculadas co proxecto piloto Talento interxeracional, descrito na letra j) do artigo 2.2 da orde.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Segundo. Entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil do ano 2023.

Así mesmo, terán a condición de entidades beneficiarias as entidades locais de carácter rural que realicen actividades relacionadas co proxecto piloto Talento interxeracional no eixe 3. Cohesión social e territorial, política panca VIII, Nova economía dos coidados e políticas de emprego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, onde se encontra o compoñente 22, Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión.

Para os efectos desta orde, considéranse entidades locais de carácter rural aqueles concellos que contan con algunha zona, no nivel de parroquia, con baixa densidade de poboación (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística GU2016 (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Teñen a consideración de entidades locais de carácter rural todos os concellos galegos agás os concellos de Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

2. As entidades locais poderán concorrer á convocatoria de xeito individual ou conxuntamente baixo as fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán concorrer as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores.

3. No caso de proxectos vinculados con actividades establecidas na letra j) do artigo 2.2 desta orde, as entidades deberán desenvolver os seus proxectos en calquera dos concellos galegos que teñan a consideración de entidade local de carácter rural, sen necesidade de que a súa actividade principal ou sede social radique nalgún deles.

Terceiro. Orzamento

As axudas correspondentes a entidades locais faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.460.0, por un importe de douscentos catro mil oitocentos euros (204.800,00 €), dos cales 102.400,00 € se financiarán con fondos propios da Comunidade Autónoma e 102.400,00 € con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (fondos PRTR).

Pola súa parte, as axudas para entidades de acción voluntaria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, por un importe de cento vinte e un mil seiscentos sesenta e seis euros e noventa e dous céntimos (121.666,92 €), dos cales 60.833,46 € se financiarán con fondos propios da Comunidade Autónoma e 60.833,46 € con fondos PRTR.

Aplicación orzamentaria

Fondos propios

Comunidade Autónoma

Fondos PRTR

Total

13.06.312F.460.0

102.400,00 €

102.400,00 €

204.800,00 €

13.06.312F.481.0

60.833,46 €

60.833,46 €

121.666,92 €

Totais

163.233,46 €

163.233,46 €

326.466,92 €

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, así como proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS320A).

Quinto. Proxectos subvencionables e liñas obxecto de subvención

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais, sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Para as persoas menores de 18 anos precísase, ademais, autorización da nai, pai ou persoa que exerza a titoría legal.

Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolveranse, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes actividades:

– Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

– Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

– Actividades con colectivos en situación de risco.

– Actividades xuvenís.

– Actividades ambientais.

– Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou aquelas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.

– Actividades relacionadas co ámbito familiar.

– Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.

– Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.

2. Nos proxectos que desenvolvan a actividade prevista na letra j) do punto 2.2 da orde, xunto coas persoas mozas comprendidas entre os 16 e os 30 anos deberán participar maiores de 55 anos no mesmo número que o de persoas mozas, e poderá completarse o grupo interxeracional con persoas comprendidas entre os 31 e os 54 anos.

Dentro desta letra j), serán subvencionables as seguintes liñas:

Liña 1. Coidados: avaliar o illamento en que se encontran algunhas persoas maiores, e elaboración de proxectos orientados á integración destas persoas que residan soas ou en áreas con baixa poboación, coa finalidade de paliar o illamento e potenciar a participación en actividades colectivas mediante o establecemento de puntos de encontro no seu contorno que faciliten a súa participación sen necesidade de facer grandes desprazamentos.

Liña 2. Protección do ambiente: proxectos encamiñados á eliminación de especies invasoras en zonas de especial sensibilidade ambiental ou á recuperación de especies autóctonas.

Liña 3. Cohesión tecnolóxica e dixital: proxectos orientados á dixitalización para persoas maiores (manexo de teléfonos móbiles, apps, relacións con entidades bancarias, servizos sanitarios ou administrativos).

3. Ademais, para teren a consideración de subvencionables, os proxectos non poden ser iguais aos presentados pola mesma entidade, no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

4. A participación de cada persoa voluntaria vai estar comprendida entre os 15 e os 60 días, sempre e cando non se superen as 6 horas diarias, no caso de participar en varios proxectos da mesma natureza financiados por esta consellería.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Sétimo. Outros datos

Para ter acceso á subvención requírese obter un mínimo de 50 puntos na avaliación técnica dos proxectos. Unha vez esgotado o crédito, aquelas solicitudes que non obtiveron subvención aínda que conten con 50 puntos ou máis pasarán a formar parte dunha lista de reserva, que seguirá a orde de prelación establecida e á cal se acudirá no caso de se producir a renuncia dalgunha das subvencións concedidas.

A contía da axuda outorgada non poderá superar os 4.800,00 euros por proxecto, que correspondería a un proxecto de oito (8) persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, ou a contía de 12.000,00 € por proxecto, que correspondería a un proxecto de vinte (20) persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poida solicitar ata un máximo de vinte (20) persoas voluntarias por proxecto. Polo tanto, con carácter xeral, eses serán os importes máximos por solicitude, importes que se duplicarán no caso de acceder á subvención para dous proxectos nos termos que establece o artigo 8 da orde.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude