DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 18 de agosto de 2023 Páx. 48953

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 1 de agosto de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, así como proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS320A).

missing image file

O Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, establecen que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é un dos órganos de dirección en que se estrutura a Consellería de Política Social e Xuventude.

O Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, establece que lle corresponden á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

A dita Lei 10/2011, do 28 de novembro, establece entre as súas prioridades o fomento da acción voluntaria, promovendo o coñecemento público das actividades de acción voluntaria e o recoñecemento social das persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria, e no seu artigo 25 establece incentivos e apoios a entidades e a persoas voluntarias.

Polo tanto, a Consellería de Política Social e Xuventude considera de máximo interese colaborar, mediante a convocatoria de subvencións, na promoción de actividades no ámbito do voluntariado, recoñecendo o labor que as persoas voluntarias e as entidades achegan á sociedade, contribuíndo á súa transformación e influíndo no desenvolvemento comunitario.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións; ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao establecido no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, na medida en que resulte aplicable por esta orde; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e a normativa de desenvolvemento; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e ao Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Por outra banda, o Consello Europeo aprobou, o 21 de xullo de 2020, a creación do programa NextGenerationEU como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a el e acadar os obxectivos establecidos que serán presentados formalmente polos Estados.

No marco normativo e competencial descrito apróbase dentro do eixe 3, da panca VIII, compoñente 22 Economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, o proxecto número 6 de Innovación en materia de servizos sociais, liña de investimento C22.I2, que abrangue o subproxecto piloto Talento interxeracional, orientado á consecución de melloras no eido social de carácter rural, tendo en conta o talento de grupos interxeracionais de persoas voluntarias e facendo especial fincapé naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional e que permitan achegar novas oportunidades de emprego e asentamento poboacional, así como recoñecer a importancia do medio rural e as súas potencialidades vitais e de futuro.

Nesta convocatoria tamén se promove o desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto Talento interxeracional, cuxa finalidade é aproveitar o talento e a experiencia das persoas maiores voluntarias implicadas para contribuír á modificación da estrutura poboacional, tratando de aumentar a taxa de poboación nas zonas rurais, ofrecendo oportunidades vitais axeitadas ás necesidades reais do medio rural, e mellorar as condicións de vida e os servizos sociais e asistenciais de proximidade mediante un modelo planificado de recuperación económica onde se poidan desenvolver proxectos vitais con certas garantías de futuro e permanencia coa axuda da tecnoloxía e da innovación.

Para a convocatoria destas axudas existe crédito adecuado e suficiente na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Finalmente, nesta orde inclúense medidas tendentes a garantir o cumprimento das disposicións previstas nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno na Administración pública galega, no relativo á publicación das axudas concedidas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil que realicen proxectos do dito programa, así como proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural, con base no proxecto piloto Talento interxeracional no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023.

2. O código do procedemento é BS320A.

3. Estes programas consisten en instar á participación nas entidades de acción voluntaria e nas entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das persoas mozas galegas para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro dos sectores de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria. Ademais, nesta convocatoria subvencionaranse actuacións que posibiliten a participación destas persoas mozas en grupos interxeracionais orientados ao desenvolvemento de proxectos de voluntariado enmarcados nas actividades vinculadas co proxecto Piloto talento interxeracional, descrito na letra j) do artigo 2.2.

4. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2. Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais, sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Para as persoas menores de 18 anos precísase, ademais, autorización da nai, pai ou persoa que exerza a titoría legal.

Nos proxectos que desenvolvan a actividade prevista na letra j) do punto 2.2 seguinte, xunto coas persoas mozas comprendidas entre os 16 e os 30 anos deberán participar maiores de 55 anos no mesmo número que o de persoas mozas, e poderá completarse o grupo interxeracional con persoas comprendidas entre os 31 e os 54 anos. Neste caso, para teren a consideración de subvencionables, os proxectos deberán contar cun mínimo de dúas (2) persoas voluntarias e un máximo tal e como se detalla no punto 5 do artigo 2.

2. Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolveranse, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes actividades:

a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.

b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.

c) Actividades con colectivos en situación de risco.

d) Actividades xuvenís.

e) Actividades ambientais.

f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou aquelas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.

g) Actividades relacionadas co ámbito familiar.

h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.

i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.

j) Actividades relacionadas co proxecto piloto Talento interxeracional no eixe 3. Cohesión social e territorial, política panca VIII, Nova economía dos coidados e políticas de emprego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, onde se encontra o compoñente 22, Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión. O obxectivo principal deste compoñente é a modernización e o reforzo do conxunto dos servizos sociais, con especial atención ao modelo de coidados de longa duración, promovendo a innovación e un modelo de atención centrada na persoa e impulsando a desinstitucionalización.

Dentro desta letra j), serán subvencionables as seguintes liñas:

1º. Liña 1. Coidados: avaliar o illamento en que se encontran algunhas persoas maiores, e elaboración de proxectos orientados á integración destas persoas que residan soas ou en áreas con baixa poboación, coa finalidade de paliar o illamento e potenciar a participación en actividades colectivas mediante o establecemento de puntos de encontro no seu contorno que faciliten a súa participación sen necesidade de facer grandes desprazamentos.

2º. Liña 2. Protección do ambiente: proxectos encamiñados á eliminación de especies invasoras en zonas de especial sensibilidade ambiental ou á recuperación de especies autóctonas.

3º. Liña 3. Cohesión tecnolóxica e dixital: proxectos orientados á dixitalización para persoas maiores (manexo de teléfonos móbiles, apps, relacións con entidades bancarias, servizos sanitarios ou administrativos).

3. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023. As xornadas diarias serán de 6 horas e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

4. Os proxectos de acción voluntaria describiranse consonte o previsto no anexo II e indicarán, entre outros aspectos, o número de persoas voluntarias con que se conta para a súa realización, a participación destas no desenvolvemento do proxecto e as horas dedicadas.

5. Non se subvencionarán proxectos nos cales participen máis de oito (8) persoas voluntarias por proxecto.

No caso de proxectos presentados por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, poderanse subvencionar aqueles que conten coa participación de ata un máximo de vinte (20) persoas voluntarias por proxecto. Polo tanto, con carácer xeral, esas serán as persoas voluntarias máximas por proxecto, cantidade que se duplicará no caso de acceder á subvención para dous proxectos nos termos que establece o artigo 8.

Permitiráselles participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorresen á mesma subvención nunha convocatoria anterior.

6. Logo da finalización de cada proxecto, a entidade beneficiaria solicitará a inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria das experiencias voluntarias das persoas participantes. Igualmente, as ditas entidades deberán solicitar da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a expedición dos certificados de experiencia voluntaria a favor das persoas participantes no proxecto con antelación á xustificación da subvención outorgada.

7. Se por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias ten que abandonar a súa participación no proxecto subvencionable antes de que remate este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante. A cada unha delas aboaranse os gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable, de acordo co número 4 do artigo 6.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de voluntariado xuvenil do ano 2023.

Así mesmo, terán a condición de entidades beneficiarias as entidades locais de carácter rural que realicen actividades relacionadas co proxecto piloto Talento interxeracional no eixe 3. Cohesión social e territorial, política panca VIII, Nova economía dos coidados e políticas de emprego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, onde se encontra o compoñente 22, Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión.

Para os efectos desta orde, considéranse entidades locais de carácter rural aqueles concellos que contan con algunha zona, no nivel de parroquia, con baixa densidade de poboación (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística GU2016 (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl).

Teñen a consideración de entidades locais de carácter rural todos os concellos galegos agás os concellos de Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

2. As entidades locais poderán concorrer á convocatoria de xeito individual ou conxuntamente baixo as fórmulas de agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar. Tamén poderán concorrer as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores.

3. No caso de proxectos vinculados con actividades establecidas na letra j) do artigo 2.2 desta orde, as entidades deberán desenvolver os seus proxectos en calquera dos concellos galegos que teñan a consideración de entidade local de carácter rural, sen necesidade de que a súa actividade principal ou sede social radique nalgún deles.

Artigo 4. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para poder ser entidade beneficiaria destas axudas, de conformidade co establecido nos artigos 8 e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán condicións imprescindibles:

a) Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Especificamente, as entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. No caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

En calquera caso, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, presentasen solicitude de inscrición na sección de entidades do referido Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os proxectos subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de persoas voluntarias.

c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

e) Ter cumprido a obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio, no caso das entidades locais.

2. Non poderán solicitar as subvencións convocadas en virtude desta orde aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As entidades deberán manter os requisitos exixidos durante todo o período de realización do proxecto subvencionado.

Artigo 5. Orzamento

1. O financiamento destes proxectos efectuarase por importe total de trescentos vinte e seis mil catrocentos sesenta e seis euros con noventa e dous céntimos (326.466,92 €).

As axudas correspondentes a entidades locais faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.460.0, por un importe de douscentos catro mil oitocentos euros (204.800,00 €), dos cales 102.400 € se financiarán con fondos propios da Comunidade Autónoma, e 102.400 € con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (fondos PRTR).

Pola súa parte, as axudas para entidades de acción voluntaria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, por un importe de cento vinte e un mil seiscentos sesenta e seis euros e noventa e dous céntimos (121.666,92 €), dos cales 60.833,46 € se financiarán con fondos propios da Comunidade Autónoma e 60.833,46 € con fondos PRTR.

Aplicación orzamentaria

Fondos propios

Comunidade Autónoma

Fondos PRTR

Total

13.06.312F.460.0

102.400,00 €

102.400,00 €

204.800,00 €

13.06.312F.481.0

60.833,46 €

60.833,46 €

121.666,92 €

Totais

163.233,46 €

163.233,46 €

326.466,92 €

2. Da contía prevista para entidades locais resérvase un 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente como establece o artigo 3.2.

3. Os proxectos presentados ao abeiro da letra j) do artigo 2.2 financiaranse con cargo aos recursos financeiros derivados do Instrumento europeo de recuperación (NextGenerationEU), a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e quedan englobadas dentro do compoñente 22 Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de inclusión, na liña de investimento C22.I2 Proxectos de innovación dos servizos sociais.

4. Poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de conformidade co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Será de aplicación a todos os proxectos presentados ao abeiro desta orde:

1.1. Serán gastos subvencionables, entre outros, os custos orixinados pola participación das persoas voluntarias nos proxectos de acción voluntaria, de acordo co artigo 7.h) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, relativo á mantenza e ao transporte.

1.2. Tamén serán subvencionables os gastos que deriven directamente das actividades de voluntariado realizadas e recollidas no proxecto presentado polas entidades recollidas no artigo 3.1 que así o soliciten e que se leven a cabo desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023, entre as cales se inclúen a contratación laboral de persoal técnico ou experto, os gastos de actividades inherentes ao desenvolvemento do proxecto, a adquisición de material funxible pero non inventariable, ou os seguros das persoas voluntarias que leven a cabo o proxecto durante o tempo de execución deste.

En ningún caso os gastos indirectos que se imputen ás actividades para as cales se solicita a subvención poderán superar o 20 % do importe subvencionable efectivamente xustificado.

1.3. Non se subvencionarán os gastos en bens inventariables e de investimentos, os xuros debedores das contas bancarias, as recargas e as sancións administrativas nin os gastos de procedementos xudiciais.

1.4. A contía da subvención que se vai conceder a cada entidade calcularase a razón de 10 euros por persoa voluntaria e día, dos cales 6 euros diarios serán entregados pola entidade a estas, para cubrir os custos de desprazamento e mantenza, e os 4 euros restantes empregaraos a entidade para cubrir os gastos dos seguros de accidentes e de responsabilidade civil das persoas voluntarias, así como os gastos correntes referidos nos números 2 e 7.

Para xeraren dereito ás ditas contías, as persoas voluntarias deberán acreditar mediante o correspondente acordo a súa colaboración voluntaria durante xornadas de 6 horas diarias. Se a xornada diaria é inferior ás 6 horas, sumaranse as horas diarias ata completar unha xornada de 6 horas. Non se computarán os decimais nin os minutos.

1.5. En ningún caso a contía da axuda outorgada poderá superar os 4.800 euros por proxecto, que correspondería a un proxecto de oito (8) persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días; ou a contía de 12.000 € por proxecto, que correspondería a un proxecto de vinte (20) persoas voluntarias colaborando 6 horas ao día por un total de 60 días, naqueles casos en que se poidan solicitar ata un máximo de vinte (20) persoas voluntarias por proxecto. Polo tanto, con carácer xeral, eses serán os importes máximos por solicitude, importes que se duplicarán no caso de acceder á subvención para dous proxectos nos termos que establece o artigo 8.

1.6. Para ter acceso á axuda é preciso obter un mínimo de 50 puntos na avaliación técnica dos proxectos.

A concesión da axuda farase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida, ata esgotar o crédito dispoñible en cada caso. Unha vez distribuído e esgotado o crédito, aquelas solicitudes que non obtiveron axuda, aínda que teñan cincuenta ou máis puntos, entrarán nunha lista de reserva, por se algunha das entidades beneficiarias renuncia.

2. De aplicación exclusivamente aos proxectos de voluntariado interxeracional previstos na letra j) do artigo 2.2:

– Serán subvencionables os gastos de deseño, elaboración e/ou redacción do proxecto, o diagnóstico e a identificación de oportunidades vinculada co proxecto piloto Talento interxeracional, e os gastos das retribucións de carácter extraordinario vinculadas a traballos que realice o persoal propio da entidade beneficiaria como funcións adicionais ás propias do seu cargo, de conformidade coa normativa de persoal de cada entidade beneficiaria.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I procedemento BS320A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades locais poderán presentar a solicitude a título individual ou conxuntamente, baixo calquera das fórmulas recollidas no artigo 3.2, por máis dunha entidade local. De ser o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente deben indicar expresamente cal destas entidades se debe considerar como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar.

3. No caso de que a solicitude a presenten varias entidades locais conxuntamente baixo calquera das fórmulas recollidas no artigo 3.2., os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

4. Non serán admitidas ou serán excluídas todas aquelas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actuacións independentes de cada unha delas. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada e independente.

5. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

No caso de que unha entidade presente máis dunha solicitude dentro do prazo establecido, entenderase que a única válida é a última presentada e desistirase automaticamente das anteriores.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Proxecto de actividades (anexo II). Admitirase un só proxecto por entidade para o conxunto de actividades indicadas no artigo 2.2, agás as actuacións de voluntariado interxeracional da letra j), para as cales se permitirá a presentación dun proxecto independente do anterior.

Cada proxecto irá acompañado coa súa denominación/nome, resumo, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas que se beneficiarán da actividade, das persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha destas persoas e do número de días que participará cada unha delas, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades e a descrición das actividades que se van realizar.

Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

De conformidade co anterior, nun mesmo proxecto non se poderán mesturar actuacións das letras desde o a) ata o i) do artigo 2.2 coas actuacións da letra j) dese mesmo artigo. As entidades deberán presentar un único proxecto para calquera das actuacións indicadas nas ditas letras desde o a) ata o i) (ou para un conxunto delas), ou para a actuación da letra j), ou dous proxectos, un para as primeiras e outro para a da dita letra j).

No caso de que, consonte o indicado nos parágrafos anteriores, se presenten dous proxectos, incluiranse na mesma e única solicitude, indicando en cada caso con que letras do artigo 2.2 se corresponden.

b) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación da persoa secretaria sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado que debe asumir a entidade interesada, para cada un dos proxectos, de ser o caso.

c) No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá xuntar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

d) No caso de proxectos enmarcados na letra j) do artigo 2.2: declaración de compromiso, de cesión e tratamento de datos e de ausencia de conflito de intereses, Orde HPF/1030/2021 en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» ou DNSH, polas súas siglas en inglés Do no significant harm) (anexo VIII).

2. O órgano instrutor deste procedemento poderá solicitar canta documentación considere precisa para unha mellor valoración e comprobación de cada proxecto presentado.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á entidade interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos na convocatoria. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Emenda de defectos

Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da notificación no Diario Oficial de Galicia, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Para a comprobación do cumprimento do requisito establecido no artigo 4.1.e) consultaranse os datos da rendición do sector local en Galicia publicados polo Consello de Contas na súa páxina web oficial.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Órgano de instrución do procedemento e Comisión de Valoración

1. O Servizo de Voluntariado e Participación será o órgano competente para a instrución dos procedementos que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha Comisión de Valoración que estará composta polos seguintes membros:

a) A Presidencia: será exercida pola persoa titular da Xefatura de Sección de Formación do Voluntariado.

b) Vogais: dúas persoas funcionarias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

3. A Secretaría da Comisión de Valoración será asumida por unha persoa funcionaria do Servizo de Voluntariado e Participación, nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como a persoa que a supla, que participará con voz pero sen voto.

4. Se, por calquera causa, algún dos compoñentes da Comisión de Valoración non pode asistir, será substituído pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

5. A Comisión, como órgano administrativo colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. A valoración das solicitudes será realizada pola Comisión de Valoración que se cree ao abeiro do artigo 12.2, independizando na valoración os proxectos referentes á actividade de voluntariado interxeracional que se establece no artigo 2.2.j), ata o total do crédito financiado con fondos PRTR vinculados coa dita actividade.

2. Para a valoración teranse en conta os seguintes criterios que se puntuarán como segue:

a) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións, asociacións, mancomunidades de concellos ou calquera outra similar, así como fusións municipais:

1º. Agrupación de municipios:

1º.1. Presentación de solicitude conxunta de agrupación de concellos baixo calquera fórmula, de acordo co establecido no artigo 3.2 desta orde (10 puntos).

1º.2. Número de concellos asociados, número de servizos que se van prestar de forma compartida, repercusión do proxecto medido a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto e repercusión do proxecto na poboación destinataria (ata 10 puntos).

1º.3. Presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación de modo individual (ata 10 puntos).

2º. Fusións municipais.

Presentación de solicitude por parte da entidade resultante da fusión de municipios (30 puntos).

3º. Puntuacións outorgadas aos criterios comúns a todas as solicitudes conxuntas:

3º.1. Coherencia xeral do proxecto, consonte os seguintes criterios (ata 25 puntos):

3º.1.1. Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación. Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto, expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto (ata 8 puntos).

3º.1.2. Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións, debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios de cada unha das entidades que conforman a solicitude (ata 3 puntos).

3º.1.3. Secuencia lóxica da intervención: exposición, polo miúdo, da situación da cal se parte e onde se quere chegar, información precisa dos recursos existentes e os necesarios, con que se conta e os que terán que incrementar (ata 8 puntos).

3º.1.4. Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade (ata 6 puntos).

3º.2. Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega, prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da persoa responsable de voluntariado (ata 15 puntos).

3º.3. Capacidade económica da entidade (ata 10 puntos):

3º.3.1. A maior achega financeira do conxunto das entidades ao proxecto (ata 5 puntos).

3º.3.2. Concorrencia doutras fontes de financiamento do proxecto de carácter privado (ata 5 puntos).

3º.4. Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 10 puntos).

No caso dos proxectos de voluntariado interxeracional da letra j) do artigo 2.2, valorarase nesta epígrafe o interese do proxecto como experiencia piloto no ámbito rural e as súas potencialidades cara á consecución do obxectivo do proxecto de voluntariado interxeracional de promoción de oportunidades para a mocidade no ámbito rural.

3º.5. Facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións e información na internet, actos públicos, material que se cree e propaganda, relativos ao proxecto subvencionado (ata 10 puntos).

b) No caso de solicitudes presentadas individualmente por concellos e entidades de acción voluntaria.

1º. Coherencia xeral do proxecto consonte os seguintes criterios (ata 35 puntos):

1º.1. Calidade técnica analizada a través da coherencia entre os obxectivos, programación, metodoloxía da intervención, adecuación de recursos e actividades aos obxectivos do proxecto e criterios de avaliación.

Deberán acreditarse os resultados previstos, a oportunidade e o interese social do proxecto, expresados nunha relación descritiva e clara de toda a secuencia do proxecto e de cada unha das actividades que se van desenvolver, así como o número de persoas beneficiarias e persoas voluntarias que van participar no proxecto (ata 11 puntos).

1º.2. Información precisa e detallada de cada unha das actividades e contías que se deberán destinar a cada unha das accións, debidamente desagregadas, así como descrición dos recursos propios da entidade (ata 4 puntos).

1º.3. Secuencia lóxica da intervención: exposición, polo miúdo, da situación de que se parte e onde se quere chegar, información precisa dos recursos existentes e os necesarios con que se conta e os que terán que incrementar (ata 12 puntos).

1º.4. Importancia da actuación en áreas de especial sensibilidade, de acordo coas necesidades reais da sociedade (ata 8 puntos).

2º. Viabilidade do proxecto e sustentabilidade da organización de voluntariado na Comunidade Autónoma galega, prevendo, entre outras medidas, a inclusión nos seus proxectos da figura da persoa responsable de voluntariado (ata 20 puntos).

3º. Capacidade económica da entidade (ata 15 puntos):

3º.1. A maior achega financeira da entidade ao proxecto (ata 7,5 puntos).

3º.2. Concorrencia doutras fontes de financiamento do proxecto de carácter privado (ata 7,5 puntos).

4º. Proxectos innovadores que introduzan novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado no ámbito educativo, cultural, empresarial, medios de comunicación, traballo en rede e promoción dos novos espazos de intervención para o voluntariado (ata 15 puntos).

No caso dos proxectos de voluntariado interxeracional da letra j) do artigo 2.2, valorarase nesta epígrafe o interese do proxecto como experiencia piloto no ámbito rural e as súas potencialidades cara á consecución do obxectivo do proxecto de voluntariado interxeracional de promoción de oportunidades para a mocidade no ámbito rural.

5º. Facer constar en lingua galega toda a publicidade, publicacións e información na internet, actos públicos, material que se cree e propaganda, relativos á actividade subvencionada (ata 15 puntos).

3. A diferente puntuación dos criterios avaliables varía segundo se trate de proxectos presentados por entidades locais agrupadas baixo calquera fórmula ou unha entidade local resultado dunha fusión, ou ben que os proxectos sexan presentados individualmente por unha entidade local ou entidade de acción voluntaria pola necesidade de primar os dous primeiros.

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez avaliadas as solicitudes segundo os criterios de valoración do artigo anterior, a Comisión de Valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada para cada entidade e proxecto presentado. Do dito informe daráselle traslado ao órgano instrutor para que propoña a denegación ou concesión das axudas, así como, neste último caso, a contía da axuda correspondente a cada entidade.

2. O órgano competente para resolver será a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

3. A resolución da solicitude da axuda terá lugar no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución.

As solicitudes presentadas ao abeiro deste procedemento resolveranse no prazo máximo de cinco meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a/as entidade/s deberán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Publicada a resolución polo órgano concedente de conformidade co disposto nesta orde, a entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días hábiles para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contrario, se entenderá tacitamente aceptada, tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Publicada a resolución polo órgano concedente, a entidade beneficiaria disporá do mesmo prazo de dez (10) días hábiles para proceder ao envío da relación nominal de persoas voluntarias participantes en cada proxecto, que contará coa seguinte información: nome e apelidos das persoas voluntarias participantes, data de nacemento e NIF de cada unha delas, días de actividade en que van participar, entre un mínimo de 15 e un máximo de 60, número de horas que farán ao día, ata completar xornadas de 6 horas, e cantidade total que lle correspondería a cada persoa voluntaria en concepto de desprazamento e mantenza, a razón de 6 euros por persoa voluntaria e día, sendo un día unha xornada de 6 horas. Á dita relación deberase xuntar unha declaración responsable da persoa que exerza a representación legal da entidade de ter asinado con cada unha das persoas voluntarias o correspondente compromiso de colaboración.

En caso de que participen nos proxectos de acción voluntaria subvencionables persoas mozas maiores de 16 anos e menores de 18, a entidade beneficiaria deberá obter a correspondente autorización do pai, nai ou persoa titora legal.

En caso de persoas voluntarias de nacionalidade distinta da española precísase, ademais, certificado de empadroamento nun concello de Galicia.

Artigo 15. Publicación das resolucións e actos administrativos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

2. Estes actos e resolucións serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude (http://politicasocial.xunta.gal).

Artigo 16. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e poderán ser impugnadas potestativamente en reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, ou ser impugnadas directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativo, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En todo caso, non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

2. O prazo para a interposición do recurso de reposición contra as resolucións ditadas neste procedemento será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, se o acto for expreso. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto, tal e como establece o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, procederá a impugnación directa ante o Tribunal Superior de Xustiza, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación, se o acto é expreso, e de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, se non o é.

Artigo 17. Xustificación da axuda concedida

1. Unha vez publicado o outorgamento da axuda, a data límite para a presentación da xustificación dos gastos é o día 8 de novembro de 2023.

A entidade beneficiaria deberá presentar, a través da Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a xustificación da totalidade do proxecto avaliado pola Comisión. No suposto de ter resultado beneficiaria de subvención para dous proxectos, un correspondente ás actividades incluídas nas letras desde o a) ata o i) do artigo 2.2, e o outro correspondente á actividade da letra j) do dito artigo, a xustificación presentarase separada e independentemente para cada proxecto.

2. As entidades de acción voluntaria deberán presentar para a xustificación de cada un dos proxectos subvencionados:

a) Memoria explicativa das actividades realizadas no proxecto de voluntariado. Xunto con esta memoria incorporarase a xustificación de ter solicitado a inscrición das experiencias voluntarias das persoas voluntarias que participaron na actividade no Rexistro de Acción Voluntaria, e dos correspondentes certificados de experiencias voluntarias a favor dos indicados participantes.

No suposto de ter resultado beneficiaria de subvención para dous proxectos, un correspondente ás actividades incluídas nas letras desde o a) ata o i) do artigo 2.2, e o outro correspondente á actividade da letra j) do dito artigo, a xustificación de ter solicitado a inscrición das experiencias voluntarias presentarase separada e independentemente para cada proxecto.

b) Memoria económica na cal se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante copia de factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

No suposto de proxectos de voluntariado interxeracional da letra j) do artigo 2.2, na xustificación final do proxecto presentarase igualmente un informe económico en que se analicen en profundidade os resultados do proxecto desenvolvido, desde a perspectiva da súa adecuación como posible canle para contribuír á xeración de oportunidades, especialmente para a xente nova, no ámbito rural, e os resultados en canto á eventual validez para outros ámbitos territoriais.

c) Anexo III. Cantidades vinculadas á concesión e á xustificación da subvención concedida.

d) Anexo V. Xustificación de gastos das entidades de acción voluntaria de carácter asociativo, xunto coa seguinte documentación:

1º. Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil dos gastos realizados, e documentación acreditativa do pagamento.

Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, polo que todas as facturas se deberán presentar xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito ou tarxeta de débito, deberá xuntarse, ademais, acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade beneficiaria.

2º. Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que lles fosen satisfeitos directamente ás persoas voluntarias que participen no desenvolvemento do proxecto subvencionado, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos recibos bancarios xustificativos do pagamento destes gastos onde consten os datos da persoa perceptora, o seu DNI e o concepto polo cal se retribúe.

3º. Respecto dos seguros, as entidades de acción voluntaria deberán presentar copias dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil das persoas voluntarias participantes no proxecto de voluntariado.

4º. Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal que preste os seus servizos na/s entidade/s solicitante/s, estas entidades achegarán necesariamente as copias das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111.

En canto ás partidas que se refiran a colaboracións puntais de carácter técnico, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da persoa perceptora, o seu DNI, o concepto polo cal se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes gastos considérase xustificado coa presentación do documento en que se reflicta o importe da retención, cotización ou pagamento, devindicados na data de xustificación.

As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

5º. En canto aos fondos propios, de habelos, a entidade deberá acreditar na xustificación o importe destes, a súa procedencia e a aplicación de tales fondos á actividade subvencionada.

6º. Declaración responsable da persoa representante legal de que a entidade está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Información e ligazón ao sitio da internet da entidade beneficiaria das subvencións, no caso de que dispoña dun, onde informará o público do posible apoio obtido dos fondos Next-GenerationEU ou Plan de recuperación, transformación e resiliencia e/ou, de ser o caso, do instrumento da Unión Europea que corresponda, facendo unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

f) Documentación xustificativa da existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas, ingresos e pagamentos, incluído, de ser o caso, o ingreso de axudas, pagamentos a provedores e outros.

g) Declaración de compromiso, de cesión e tratamento de datos e de ausencia de conflito de intereses, en relación coa execución e actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia derivada da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro (anexo VIII).

3. As entidades locais beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación para a xustificación de cada proxecto:

a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de voluntariado. Xunto con esta memoria incorporarase a xustificación de ter solicitado a inscrición das experiencias voluntarias das persoas voluntarias que participaron na actividade no Rexistro de Acción Voluntaria, e dos correspondentes certificados de experiencias voluntarias a favor dos indicados participantes. No suposto de ter resultado beneficiaria de subvención para dous proxectos, un correspondente ás actividades incluídas nas letras desde o a) ata o i) do artigo 2.2, e o outro correspondente á actividade da letra j) do dito artigo, a xustificación de ter solicitado a inscrición das experiencias voluntarias presentarase separada e independentemente para cada proxecto.

No suposto de proxectos de voluntariado interxeracional da letra j) do artigo 2.2, na xustificación final do proxecto presentarase igualmente un informe económico no cal se analicen en profundidade os resultados do proxecto desenvolvido desde a perspectiva da súa adecuación como posible canle para contribuír á xeración de oportunidades, especialmente para a xente nova, no ámbito rural, e os resultados en canto á eventual validez para outros ámbitos territoriais.

b) Anexo III. Cantidades vinculadas á concesión e á xustificación da subvención concedida.

c) Anexo IV. Xustificación de gastos das entidades locais.

d) Custo real do proxecto realizado, mediante a presentación dunha conta xustificativa que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Esta conta xustificativa conterá a seguinte documentación:

1º. Unha certificación expedida pola persoa que exerza a Secretaría da entidade local, co visto e prace da persoa que exerza a Alcaldía ou Presidencia da entidade, relativa:

1º.1. Á aprobación polo órgano competente da dita conta xustificativa.

1º. 2. Ao cumprimento da finalidade da subvención.

1º.3. Ao informe da Intervención da entidade local dos gastos realizados e que figuran na conta xustificativa da subvención, polos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria, imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación:

1º.3.1. Identificación da persoa acredora.

1º.3.2. Número de factura ou documento equivalente.

1º.3.3. Importe e data de emisión.

1º.3.4. Data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1º.3.5. De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

1º.3.6. Para estes efectos, e de acordo co artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, considerarase gasto realizado cando o órgano competente da entidade local contabilizase o recoñecemento da obriga.

As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados, no prazo máximo de 60 días naturais contados a partir da data do ingreso na súa conta bancaria de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas. Non obstante, no caso de realizarse pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considérase gasto realizado o efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria en calquera momento e con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

1º.3.7. Cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do imposto da renda das persoas físicas (IRPF) ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes gastos considérase xustificado coa presentación do documento en que se reflicta o importe da retención, cotización ou pagamento, devindicados na data de xustificación.

As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

e) Información e ligazón ao sitio da internet da entidade beneficiaria das axudas, no caso de que dispoña dun, onde informará o público do posible apoio obtido dos fondos Next-GenerationEU ou Plan de recuperación, transformación e resiliencia e/ou, de ser o caso, do instrumento da Unión Europea que corresponda, facendo unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión Europea.

f) Documentación xustificativa da existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas, ingresos e pagamentos, incluído, de ser o caso, o ingreso de axudas, pagamentos a provedores e outros.

g) Declaración de compromiso, de cesión e tratamento de datos e de ausencia de conflito de intereses, en relación coa execución e actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia derivada da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro (anexo VIII).

4. O Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano competente para a instrución do procedemento, poderá solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que considere oportunos. No caso de que a entidade beneficiaria non os remitise dentro do prazo que se sinale, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, tras resolución ditada ao abeiro do establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente para os efectos previstos neste artigo.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste número comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, tras resolución ditada ao abeiro no establecido no dito título.

A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que correspondan conforme a lei.

Artigo 18. Concorrencia de subvencións públicas e modificación da resolución

1. O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo do proxecto subvencionable.

En ningún caso se poderán executar con cargo a esta orde os mesmos proxectos que resultasen beneficiarios de subvencións financiadas con fondos PRTR para proxectos semellantes.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19. Pagamento da axuda

1. O pagamento da subvención realizarase unha vez que o órgano concedente comprobe a xustificación presentada pola entidade beneficiaria da realización do/s proxecto/s para o/s cal/es se concedeu, e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención.

No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento total do proxecto presentado coa solicitude, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe, de acordo co artigo 60 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 80 % da subvención concedida por proxecto (anexo VI). O pagamento restante terá lugar no momento da completa xustificación por parte da entidade beneficiaria, da finalidade e demais condicións para as cales se lle outorgou a subvención.

De acordo co artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades de acción voluntaria quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 63.2 da mesma norma.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades de acción voluntaria e as entidades locais, para seren beneficiarias da subvención, deberán cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. En particular, son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade de cada proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar, ante o órgano concedente da subvención, o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión desta, así como a realización da actividade subvencionada e o cumprimento da finalidade que determinou a súa concesión.

c) Comprobación e control.

1º. Estar sometidas ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente da subvención, así como a calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios.

2º. No caso do proxecto presentado ao abeiro da letra j) do artigo 2.2:

2º.1. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (en diante, OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

2º.2. Deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo e, cando cumpra, a Fiscalía Europea para exerceren os dereitos que lles recoñece o artigo 129, número 1, do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, co fin de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

No caso do proxecto presentado ao abeiro da letra j) do artigo 2.2: manter un sistema de contabilidade separado do ingreso da axuda percibida ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e conservar a documentación xustificativa durante un período de cinco anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante o período que establece o artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

g) Publicidade do carácter público do financiamento.

1º. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social e Xuventude. Para isto deberase incorporar a imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

2º. No caso do proxecto presentado ao abeiro da letra j) do artigo 2.2:

2º.1. As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas en materia de información, comunicación e publicidade, previstas no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241, relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, sobre o financiamento da Unión Europea das medidas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc.); na medida en que a execución da actividade o permita, deberá exhibirse un panel de tamaño A3 (297×420 mm) en lugar ben visible, preferentemente no acceso ao recinto nos casos das subvencións concedidas para investimentos materiais (anexo VII), que faga referencia clara e inequívoca á axuda concedida con expresión dos datos identificativos desta orde, acompañados polos logotipos oficiais da Xunta de Galicia, da Consellería de Política Social e Xuventude, así como o emblema da Unión Europea cunha declaración de financiamento adecuado que diga «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», xunto ao logo do PRTR dispoñible na ligazón https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual

2º.2. No suposto de proxectos subvencionados referidos á actividade da letra j) do artigo 2.2, as entidades beneficiarias están tamén obrigadas ao cumprimento de calquera outra obriga que lles resulte aplicable e veña determinada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, ou pola normativa que regula o dito plan e os fondos NextGenerationEU.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

i) De forma específica, no caso do proxecto presentado ao abeiro da letra j) do artigo 2.2:

1º. Deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH) no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño.

2º. As entidades beneficiarias deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

3º. As entidades beneficiarias serán responsables da fiabilidade e do seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que se poida coñecer en todo momento o nivel de consecución da cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.

4º. As entidades beneficiarias deberán asumir calquera outra obriga comunitaria e nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

3. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as entidades beneficiarias adquiren igualmente as obrigas que se relacionan a continuación, de conformidade co establecido na normativa comunitaria e nacional aplicable como consecuencia deste financiamento:

a) As entidades beneficiarias terán a obriga de achegar a información que lle permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador.

b) As entidades beneficiarias deberán establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que desenvolvan terceiros, subcontratacións, contribúen ao logro das actuacións previstas e que os ditos terceiros acheguen a información que, se é o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores de seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Solicitarán, para efectos de auditoría e control do uso dos fondos e en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos recollidas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

4. Tamén son obrigas das entidades beneficiarias desta subvención as referidas no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, como consta no artigo 23.

5. Sen prexuízo do disposto no número anterior, as entidades deberán comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, mediante certificado do representante legal da entidade presentado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e no prazo dos vinte (20) días previos á súa realización, calquera actividade que leven a cabo con publicidade escrita.

Artigo 21. Fiscalización e control

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, relativo ao control financeiro de subvencións, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Así mesmo, as subvencións outorgadas para proxectos recollidos no artigo 2.2.j) estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión dos fondos de recuperación e resiliencia e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Reintegro das axudas ou subvencións

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impidan.

b) Incumprimento total ou parcial de cada proxecto obxecto de subvención; no segundo caso, procederase ao reintegro da parte proporcional de cada proxecto non xustificado.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nesta orde.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas na normativa vixente, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a regularidade das actividades e a concorrencia doutras axudas.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades beneficiarias, así como dos compromisos asumidos por estas, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención. Así como, cando do incumprimento derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos ou o cumprimento do obxecto.

2. De acordo co disposto no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación do procedemento comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Na loita contra a fraude, a Consellería de Política Social e Xuventude actuará de conformidade co seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor o gasto, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira. Infraccións e sancións

As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normas de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantos actos e instrucións sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file