DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2023 Páx. 56900

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2023, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala de auxiliares de clínica, subgrupo C2, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado mediante a Resolución do 30 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 65, do 4 de abril), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 12 de setembro de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 28 de abril de 2023 (DOG núm. 88, do 9 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala de auxiliares de clínica, subgrupo C2, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado mediante a Resolución do 30 de marzo de 2022 (DOG núm. 65, do 4 de abril),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.1.1 da convocatoria, na quenda de acceso libre, anular as preguntas números 26 e 30. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas 83 e 84, respectivamente.

Na quenda de promoción interna, anular as preguntas números 6 e 10. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas 61 e 62, respectivamente.

Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superan o primeiro exercicio do proceso selectivo na quenda de acceso libre as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas.

Para os efectos do previsto nos dous parágrafos anteriores, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, terase en conta que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumularán ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

Na quenda de promoción interna superan o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas por esta quenda, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio pola quenda de promoción interna non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Asignaráselles unha valoración de 50 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 50 e os 100 puntos, proporcional ao numero de respostas acertadas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas. Todas as persoas aspirantes pola quenda de acceso libre con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores consideraranse igualmente aprobadas.

Terceiro. Realizada a corrección na sesión do 21 de setembro de 2023, de acordo coas normas e cos criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de 211 persoas aspirantes, e fixouse en 35 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación unha vez feitos os descontos correspondentes. Para a obtención do dito número de persoas aptas foi preciso aplicar o criterio subsidiario sinalado da porcentaxe neta de aprobados do 40 % de respostas correctas netas.

Na quenda de promoción interna acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de 3 persoas aspirantes, e fixouse en 24,50 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación unha vez feitos os descontos correspondentes. Para a obtención do dito número de persoas aptas tamén foi preciso aplicar o criterio subsidiario sinalado da porcentaxe neta de aprobados do 40 % de respostas correctas netas.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes do primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso na escala de auxiliares de clínica, subgrupo C2, do corpo de auxiliares de carácter técnico de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no portal web corporativo funciónpública.xunta.gal

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade coa base II.1.1.2, respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia do presente acordo, o Celga 3 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Non terán que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa teña acreditada a posesión do Celga requirido e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

María del Carmen Recarey Rey
Presidenta do tribunal