DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2023 Páx. 57159

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 5 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para financiar os gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento ED303A).

BDNS (Identif.): 720661.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

O persoal docente funcionario de carreira que imparta as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con destino en centros docentes públicos e que exerza docencia directa co alumnado, equipos de orientación específicos, postos de asesoría dentro da estrutura administrativa da consellería e na Inspección educativa.

O persoal docente funcionario en prácticas poderá solicitar unha axuda das reguladas nesta convocatoria para a realización de actividades formativas.

Así mesmo, poderá cursar solicitude o persoal docente funcionario interino que manteña esta condición tanto no momento da presentación da solicitude como no momento da resolución de concesión. Estas persoas farán indicación expresa desta circunstancia.

O profesorado substituto poderá cursar a solicitude sempre que a actividade se desenvolva integramente durante o período do seu nomeamento.

Segundo. Obxecto

Convocar en réxime de competencia competitiva axudas para financiar gastos derivados da participación como asistente a actividades de formación non organizadas polas estruturas de formación da consellería que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro, entre os días 1 de xaneiro e 30 de novembro de 2023.

Estas axudas cobren exclusivamente os gastos de matrícula e desprazamento, sen incluíren os gastos de mantenza e aloxamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das axudas

O importe global previsto na orde é de 100.000 euros.

As axudas concederanse segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Tipo I, para actividades realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia, ata un máximo de 175 euros.

Tipo II, para actividades realizadas no resto do territorio español, ata un máximo de 290 euros.

Tipo III, para actividades realizadas no estranxeiro, ata un máximo de 700 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades