DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 21 de decembro de 2023 Páx. 69930

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de gases renovables, para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento IN421Z).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas que, unanimemente, están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre as súas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, considera a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións. As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, e é coherente coa RIS3 Galicia e a Axenda Enerxética de Galicia 2030.

A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %, computándose como investimento privado elixible das persoas beneficiarias o 40 % restante. En particular:

• Obxectivo político: 2. Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

• Obxectivo específico: RSO2.2. Fomento das enerxías renovables de conformidade coa Directiva (UE) 2018/2021, en particular os criterios de sustentabilidade que se detallan nela.

• Actuación: 2.2.02 Incentivos aos gases de orixe renovable.

• Ámbito de intervención: 086.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

• Indicador de realización:

– RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.

– RCO01-Empresas apoiadas. 

• Indicador de resultado:

– RCR02-Investimento privado que acompaña o apoio público (euros).

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de gases renovables (código de procedemento IN421Z) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, así mesmo, por medio de esta resolución procédese a súa convocatoria para a anualidade 2024.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto destas bases é apoiar proxectos integrais de gases renovables consistentes na produción de hidróxeno de orixe renovable ou de biogás/biometano, obtido por dixestión anaerobia, para o seu aproveitamento en centros de demanda situados en Galicia, favorecendo e fomentando deste xeito o uso racional das enerxías renovables (código de procedemento IN421Z).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas recollidas nestas bases reguladoras están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014. A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 41, puntos 2 e 3 do Regulamento 651/2014.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. De conformidade co disposto no artigo 6.1 destas bases reguladoras, non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude.

Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior; a compra de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

2. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.6.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, do no significant harm). En atención ao considerando 10 do citado RDC O principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que fixa os obxectivos ambientais para protexer:

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. Esta dotación ten a repartición plurianual por proxectos recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 7.500.000 euros.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxectos será o seguinte:

Ámbito de intervención

Tecnoloxía

2024

2025

2026

2027

Total

086

H2 renovable

1.850.000

1.850.000

1.600.000

200.000

5.500.000

086

Biogás

750.000

750.000

400.000

100.000

2.000.000

 

Total

2.600.000

2.600.000

2.000.000

300.000

7.500.000

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.745.1 e 09.A3.733A.770.3.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. A presente convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) Empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Para os efectos destas bases, terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014 no cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública o privada, que exerza unha actividade económica.

b) Empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo corresponden a entidades incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, das actividades recollidas na letra a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha entidade das indicadas na letra a) e deberán contar en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

As entidades que resulten beneficiarias da subvención e, con posterioridade, contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser entidade beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, vinte días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de persoas beneficiarias deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

– As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014.

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– Os sectores a que se refire o punto 3 do artigo 1 do Regulamento (EU) 651/2014.

2. Os/as solicitantes da axuda encherán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser persoas beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 6. Proxectos que se subvencionan e investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables actuacións de produción, distribución e autoconsumo de gases renovables recollidos nos números 2 e 3 deste artigo e que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Os proxectos deberán recoller a produción, distribución e o aproveitamento dese gas renovable en puntos de consumo situados en Galicia.

Deberase acreditar un compromiso mínimo de consumo do gas renovable xerado, identificando e confirmando o compromiso, por medio de acordos vinculantes, de polo menos o 50 % do gas renovable producido en cómputo anual e do 30 % para autoconsumo.

O prazo de execución dos proxectos subvencionables (téñase en conta a definición de inicio dos traballos recollida no artigo 2.1) iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade, e rematará no prazo previsto no artigo 28.

2. Serán subvencionables proxectos de hidróxeno verde de orixe renovable que inclúan:

a) Instalacións de produción e distribución de hidróxeno renovable para o seu consumo. A electricidade utilizada para a produción no electrolizador debe ser de orixe renovable. Para a acreditación da orixe renovable da electricidade observarase o disposto no Regulamento delegado (UE) 2023/1184 polo que se completa a Directiva (UE) 2018/2001 sobre fontes de enerxía renovable.

b) Instalacións consumidoras de hidróxeno renovable.

Entre as aplicacións de gran potencial pódense citar, entre outras e a título orientativo:

– Usos industriais: usos de hidróxeno renovable como materia prima en substitución ao hidróxeno de orixe fósil en sectores e procesos industriais e tamén os usos enerxéticos en demandas térmicas da propia industria, xa sexa desprazando o hidróxeno de orixe fósil ou outros combustibles fósiles.

– Aplicacións estacionarias: sistemas de aproveitamento enerxético para autoconsumo mediante pilas de combustible e/ou dispositivos de combustión con almacenamento, sistemas de apoios combinados con renovables, etc.

Serán subvencionables os seguintes conceptos e compoñentes das instalacións:

– A instalación de electrolizadores e sistemas auxiliares.

– As instalacións e equipamentos para a compresión, transporte e almacenamento que formen parte da infraestrutura necesaria para dispensar a produción de hidróxeno renovable desde a localización do electrolizador ata os consumos previstos no proxecto.

– Os novos equipamentos e/ou as adaptacións de equipamentos existentes para o consumo de hidróxeno renovable na localización industrial.

– Sistemas de inxección de hidróxeno á rede de gas natural.

– Sistema eléctrico de alta tensión e baixa tensión, incluíndo transformadores, liña de acometida e sistemas e infraestruturas eléctricas adicionais ata o punto de conexión coa rede eléctrica de transporte ou distribución, cando sexan necesarias para a subministración eléctrica da instalación.

– Sistemas auxiliares e de control.

– Sistemas de control, monitoraxe e comunicación co centro de control asociados á instalación.

– Obra civil asociada.

– Montaxe e posta en marcha.

– Resto de accesorios e equipamentos da instalación para o correcto funcionamento.

– Custos de elaboración de documentos técnicos e dirección de obra necesarios para a súa tramitación e legalización.

3. Serán subvencionables proxectos de biogás e/ou biometano e os equipamentos e infraestruturas necesarios para o aproveitamento enerxético dese gas renovable, de forma que a produción do biogás/biometano se realice en plantas asociadas aos recursos e demandas locais.

A produción de biogás/biometano realizarase en plantas de dixestión anaerobia asociadas que utilicen como materia prima biorresiduos urbanos ou municipais xa separados ou lodos ou fangos de plantas de depuración de augas.

Serán subvencionables os seguintes conceptos e compoñentes das instalacións:

– Sistemas de descarga, silos ou outros sistemas de almacenamento, preparación, pretratamentos e/ou tratamentos das materias primas a utilizar no proxecto orientados exclusivamente á dixestión anaerobia. No caso de depuradoras de augas residuais, serán elixibles exclusivamente os custos a partir do proceso de dixestión anaerobia.

– Dixestores.

– Sistemas de almacenamento do biogás.

– Sistemas de tratamento e depuración do biogás.

– Instalacións de valorización do biogás/biometano para xeración eléctrica e/ou térmica e/ou de coxeración.

– Sistema para obtención de biometano para uso enerxético. Inclúese biometano para uso en transporte, inxección á rede, usos térmicos distintos do transporte, para o seu uso en coxeración eléctrica de alta eficiencia ou para a súa transformación noutros produtos con destino enerxético. De ser o caso, non será elixible a parte da potencia dedicada ao transporte no marco dunha obriga lexislativa.

– Equipamentos que utilicen biogás/biometano como combustible e sistemas de alimentación e condución para o seu abastecemento. Sistemas de distribución de calor/frío a puntos de consumo. Adaptación de salas de máquinas incorporando depósitos de inercia, intercambiadores, bombas, colectores, instrumentación, etc.

– Sistemas de compresión e de almacenamento de gases renovables comprimidos e equipamentos necesarios de adecuación para o transporte de gases renovables por estrada, ferrocarril ou marítimo (sen incluír o vehículo de loxística asociado a ese transporte).

– Sistemas de inxección de biometano á rede de gas natural.

– Sistema eléctrico xeral de alta tensión e baixa tensión, incluíndo transformadores, liña de evacuación e sistemas e infraestruturas eléctricas adicionais ata o punto de conexión coa rede eléctrica de transporte ou distribución, cando sexan necesarias.

– Sistemas auxiliares e de control.

– Sistemas de control, monitoraxe e comunicación co centro de control asociados á instalación.

– Sistemas de valorización e tratamento do dixestato para fertilizante.

– Obra civil asociada.

– Montaxe e posta en marcha.

– Resto de accesorios e equipamentos da instalación para o seu correcto funcionamento.

– Custos de elaboración de documentos técnicos e dirección de obra necesarios para a súa tramitación e legalización.

Artigo 7. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan

1. Os proxectos deberán destinar unha parte do gas renovable xerado ao autoconsumo enerxético, identificando e confirmando os compromisos de consumo de, ao menos, os indicados no número 1 do artigo 6.

2. As instalacións de biogás deberán lograr unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro de, polo menos, un 80 % no caso de producir electricidade, ou calor, e igual ou superior ao 65 % no caso de producir biogás/biometano para uso en transporte, de acordo coa metodoloxía establecida no Real decreto 376/2022, do 17 de maio, polo que se regulan os criterios de sustentabilidade e de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro dos biocarburantes, biolíquidos e combustibles de biomasa.

3. As instalacións de hidróxeno verde deben supoñer unha mellora ambiental efectiva e reducir as emisións de dióxido de carbono por medio do uso de fontes renovables de forma directa e/ou indirecta, o que deberá xustificarse na memoria descritiva. Esta redución das emisións de gases de efecto invernadoiro na utilización do hidróxeno como combustible para o transporte será do 70 %, segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 376/2022, do 17 de maio, polo que se regulan os criterios de sustentabilidade e de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro dos biocarburantes, biolíquidos e combustibles de biomasa, e calcularase de acordo coa metodoloxía establecida no Regulamento (UE) 2023/1185.

4. As axudas reguladas por esta orde atenderán ao principio de «Non causar prexuízo significativo» (principio DNSH) ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

5. Tratándose de instalacións enerxéticas, os proxectos deberán cumprir as exixencias recollidas no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060 do período 2021-2027 de protexer fronte ao cambio climático as infraestruturas cuxa vida útil exceda de cinco anos, polo que deberán realizar unha análise de defensa contra o cambio climático desde a fase inicial de planificación das infraestruturas e que deberá verificarse ao longo de todo o ciclo de vida do proxecto, nos seus dous piares (adaptación e mitigación) e fases (comprobación previa e, se procede, análise detallada).

Para iso, as persoas beneficiarias deberán ter en conta, desde a fase inicial de preparación e planificación do proxecto, a Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE 16.9.2021 sobre as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 e as instrucións que, para tal efecto, desenvolva a autoridade de xestión dos programas do Feder para o período 2021-2027.

6. Os proxectos deberán cumprir coa lexislación ambiental que resulte de aplicación, segundo os casos; en particular, os procedementos establecidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, así como outras tramitacións que puidesen resultar de aplicación na normativa ambiental (autorización ambiental integrada, etc.).

7. As emisións procedentes das instalacións deberán cumprir, cando corresponda, cos valores límite establecidos no Real decreto 1042/2017, do 22 de decembro, sobre a limitación das emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes procedentes das instalacións de combustión, así como con calquera outra lexislación que lles sexa de aplicación ao respecto.

8. As instalacións realizadas deberán cumprir, cando corresponda, cos requisitos establecidos no Regulamento de instalacións térmicas dos edificios (RITE), o Regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT) e o Regulamento de instalacións eléctricas en alta tensión (RIAT), así como calquera outra normativa sectorial relacionada co tipo de proxecto e compoñentes das instalacións asociadas.

Artigo 8. Investimentos non subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 6 e 7 non serán subvencionables.

2. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas, todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. Non son subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable.

En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) As obras de mantemento.

d) A obra civil non asociada á instalación dos equipamentos.

e) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recolleitos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

5. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 9. Contía da axuda

1. A intensidade da axuda segundo o tipo de entidade beneficiaria será a seguinte:

Tipoloxía da entidade beneficiaria

Intensidade da axuda

Produción de enerxía procedente de fontes renovables
e hidróxeno renovable

(% sobre o custe elixible)

Intensidade da axuda

Outros investimentos

(% sobre o custe elixible)

Gran empresa

45 %

30 %

Mediana empresa

55 %

40 %

Pequena empresa

65 %

50 %

O investimento correspondente aos equipamentos novos ou á adaptación de existentes para consumo de gas renovable non poderá representar no seu conxunto máis do 20 % do investimento solicitado total.

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 2.000.000 de euros en solicitudes asociadas a biogás/biometano e de 2.500.000 euros en solicitudes asociadas a hidróxeno verde.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 10. Forma e prazo de presentación

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Para facilitar a acreditación da representación, achégase un modelo no anexo II destas bases.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso a aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a) Documentación administrativa:

i. Poder de representación da persoa que presenta a solicitude, cando sexa necesario (anexo II).

ii. Para acreditar a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos admitiranse os seguintes documentos: título de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado, en ambos os dous casos, de declaración responsable (asinada polo representante legal da empresa solicitante) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

iii. As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para a persoa beneficiaria igual ou superior a 15.000 euros.

Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 euros, a persoa beneficiaria deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberá solicitarse, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentar coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, para estes efectos considérase que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2027, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine, xustificadamente, o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

4º. No caso de licitacións públicas, poderase presentar un certificado do interventor ou persoa responsable do control do cumprimento da normativa de contratación neste sentido e trasladar a presentación das ofertas a fase de xustificación da actuación.

iv) Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

v) Declaración responsable de que non se trata dunha empresa en crise e que non esta suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión.

vi) As empresas ou entidades deben acreditar a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

vii) As empresas, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

viii) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

a. Copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

b. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

ix) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa ou gran empresa, deberase achegar, ademais:

a. Contas anuais da empresa solicitante, e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

b. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

b) Documentación técnica:

a. Memoria técnica da actuación, asinada por técnico competente, segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal), que incluirá, como mínimo:

– Descrición da instalación proxectada en que se describirán, de forma detallada, os distintos sistemas e compoñentes principais da actuación.

– Materias primas para obtención de biogás/biometano, cantidades, análises de composición, etc., e xustificación da súa dispoñibilidade mediante recursos propios ou con contratos con terceiros.

– Instalacións renovables asociadas ao proceso de electrólise.

– Esquema con balance de masas e enerxía con caudais, poderes caloríficos e rendementos na súa conversión, potencias e enerxías xeradas e os seus usos previstos indicando claramente as cantidades autoconsumidas, inxectadas a rede, frota á que vai destinado, etc. Especificarase número, marca e modelo e características xerais identificativas dos equipamentos incluíndo capacidade de produción, almacenamento, capacidade horaria de tratamento, etc.

– Folla de características dos principais equipamentos.

– Xustificación da enerxía autoconsumida con gases renovables e emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro.

– Xustificación do tratamento do dixerido, de ser o caso.

– Orzamento desagregado de cada sistema do proxecto.

b. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, catastro ou similar). Esbozo ou planos en que se localicen os equipamentos instalados na edificación, incluíndo tamén transformadores, liña de evacuación e sistemas e infraestruturas eléctricas adicionais ata o punto de conexión coa rede eléctrica de transporte ou distribución, cando sexan necesarias en función da tipoloxía de actuación obxecto de axuda.

Documentarase tamén a localización dos centros e equipamentos consumidores de gas renovable.

c) Declaración responsable do principio de non causar prexuízo significativo (DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852, segundo o modelo dispoñible na web do Inega https://www.inega.gal/

d) Declaración responsable de protexer fronte ao cambio climático as infraestruturas cuxa vida útil exceda cinco anos desde a fase inicial a ao longo de todo o ciclo de vida segundo o modelo dispoñible na web do Inega https://www.inega.gal/

e) Nas instalacións de biogás/biometano achegarase unha memoria asinada por un técnico competente onde, para as condicións previstas para o conxunto do proxecto obxecto da solicitude, de acordo coa metodoloxía do anexo VI da Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, se xustifique que a redución de gases de efecto invernadoiro é igual ou superior ao 80 % no caso de producir electricidade ou calor, e igual ou superior ao 65 % no caso de producir biometano para uso en transporte.

Nas actuacións de hidróxeno xustificarase na memoria unha mellora ambiental efectiva e reducir as emisións de dióxido de carbono por medio do uso de fontes renovables de forma directa e/o indirecta.

f) De ser o caso, xustificación do cumprimento de requisitos de externalidades positivas reflectidas no artigo 20 asociado aos criterios de valoración.

g) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsablilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) DNI/NIE da persoa solicitante.

e) NIF da entidade solicitante.

f) NIF da entidade representante.

g) DNI/NIE da persoa representante.

h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Concesión de subvencións e axudas.

j) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retenedores ou certificado de situación censual, expedido por la Axencia Estatal da Administración Tributaria, cando se trate de profesionais autónomos.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de Datos Nacional de Subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 17. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven de dito procedemento.

Artigo 18. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); a Tesouraría da Seguridade Social, Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia (Atriga).

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 19. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) O xefe do Departamento de Enerxía do Inega.

b) O xefe da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico da Área de Enerxías Renovables do Inega.

2. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Non serán subvencionables os proxectos que acaden unha puntuación inferior a 30 puntos, por considerarse que non cumpren suficientemente a finalidade da convocatoria.

3. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie a subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 20. Criterios de valoración

1. As solicitudes recibidas valoraranse cos seguintes criterios. En caso de empate, ordenaranse as solicitudes conforme a súa data e hora de presentación, tendo prioridade as primeiras en presentarse.

2. Puntuación proxectos de biogás/biometano:

a) Tipoloxía de proxecto (ata 35 puntos sen puntuación adicional).

Tipoloxía

Puntuación sobre
o total da epígrafe

Autoconsumo in situ do 100 % do gas renovable a través de coxeración

35

Autoconsumo in situ do 100 % do gas renovable a través doutros aproveitamentos

30

Autoconsumo e inxección á rede de gas natural

25

Puntuación adicional: se se dispón dun tratamento do dixerido para o seu aproveitamento, terá unha puntuación adicional de 5 puntos.

b) Madurez do proxecto (ata 35 puntos sen puntuación adicional).

Puntuación sobre
o total da epígrafe

Solicitude de licenza de obra

5

Licenza de obra

15

Proxecto de execución asinado coa solicitude

8

Estudo de viabilidade

2

Acordo da corporación local apoiando o proxecto polas súas externalidades positivas

5

Puntuación adicional: se os residuos orgánicos necesarios para a obtención por dixestión anaerobia do biogás/biometano proceden do solicitante, terá unha puntuación adicional de 10 puntos. Se existen acordos, ao menos a 5 anos, para a obtención do 75 % dos residuos orgánicos necesarios, terá unha puntuación adicional de 5 puntos.

c) Externalidades positivas (ata 30 puntos).

Puntuación sobre
o total da epígrafe

Concello cumpre características de reto demográfico

5

Concello emprendedor

5

O proxecto forma parte dunha comunidade enerxética

5

Proxecto asociado a liñas de traballo na xeración de coñecemento nas tecnoloxías relacionadas co biogás/biometano

5

Tamaño de empresa:

– Pequena

– Mediana

10

5

3. Puntuación proxectos de hidróxeno verde:

a) Tipoloxía de proxecto (ata 35 puntos).

Tipoloxía

Puntuación sobre
o total da epígrafe

a

Aproveitamento de excedentes eléctricos en instalacións renovables de autoconsumo xa existentes

5

b

(máximo 10)

Autoconsumo in situ do 100 % do gas renovable

10

Autoconsumo e inxección á rede de gas natural

5

c

(máximo 20)

Uso industrial ou uso estacionario

20

Outros usos

10

b) Madurez do proxecto (ata 35 puntos).

Puntuación sobre
o total da epígrafe

Solicitude de licenza de obra

7

Licenza de obra

10

Proxecto de execución asinado coa solicitude

10

Estudo de viabilidade

3

Acordo da corporación local apoiando o proxecto polas súas externalidades positivas

5

c) Externalidades positivas (ata 30 puntos).

Puntuación sobre
o total da epígrafe

Concello cumpre características de reto demográfico

5

Concello emprendedor

5

O proxecto forma parte dunha comunidade enerxética

5

Proxecto asociado a liñas de traballo na xeración de coñecemento nas tecnoloxías relacionadas co hidróxeno verde

5

Tamaño de empresa:

– Pequena

– Mediana

10

5

Artigo 21. Resolución

1. Elaborada a proposta de resolución prevista no artigo 19.2 destas bases, esta será elevada a persoa titular da Dirección do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa o persoas beneficiaria/s, o custo elixible e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. En todo caso, deberá notificarse a cada persoa beneficiaria un documento que estableza as condicións da axuda para a operación (DECA) que deberá incluír, como mínimo, a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas da persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse ca axuda, o plan financeiro e o calendario de execución. Dado que a convocatoria é susceptible de cofinanciamento por la Unión Europea no marco do programa de Galicia Feder 2021-2027, serán notificados aos interesados os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o DECA.

Artigo 22. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá-A miña sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 23. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da presidencia da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Dirección da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 24. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A persoa beneficiaria deberá achegar toda a documentación que se vexa modificada en relación coa validada ao ditar a resolución de concesión, de forma que a nova documentación achegada será avaliada polo órgano instrutor co obxecto de verificar o cumprimento do establecido nas presentes bases reguladoras.

2. Cando, por circunstancias técnicas, sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, debendo cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que, de xeito previo, non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 25. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, en que comunique este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunique a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará o interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 22.2 destas bases reguladoras.

Artigo 26. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular as verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos no caso de grandes empresas, e tres anos no caso de pemes e demais persoas beneficiarias sempre que estes non teñan a consideración de gran empresa, contados desde o último día de pagamento á persoa beneficiaria (artigo 65 do RDC).

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a cinco anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda.

8. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. En atención ao establecido no principio DNSH, deberán de cumprirse as medidas existentes paro xestionar os residuos, tanto na fase de uso (mantemento) como ao final da vida útil dos materiais adquiridos, incluso mediante a reutilización e a reciclaxe (en particular, as materias primas críticas que conteñen), de acordo coa xerarquía de residuos. Para tal efecto, a persoa beneficiaria firmará unha declaración responsable segundo o modelo dispoñible na web do Inega https://www.inega.gal/

9. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia, do Feder e do Inega.

10. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50.1 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.6.2021 L 231), a persoa beneficiaria deberá:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

c) Exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos en que a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información axeitada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

d) Para operacións que consistan na realización de investimentos físicos e/ou compra de equipamentos de máis de 500.000 euros de custo total, en lugar do previsto na letra c), a persoa beneficiaria, tan pronto como comecen e durante toda a súa execución, colocará un cartel temporal ou valla publicitaria resistente nun lugar ben visible para o público. Ademais, no prazo de tres meses dende a finalización da execución física, colocará un cartel ou placa permanente nun lugar ben visible para o público.

Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización só é preciso colocar un cartel.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, a persoa beneficiaria deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

A persoa beneficiaria deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060.

O Inega facilitará modelos ás persoas beneficiarias a través da súa páxina web.

11. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

12. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública co contido previsto no número 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060.

13. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Subcontratación

Permitirase que a persoa beneficiaria subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de xuño de 2027.

Artigo 29. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal) conforme o disposto no artigo 13 das bases reguladoras.

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 22 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar con posterioridade a presentación da solicitude deberán ser realizados conforme o disposto no artigo 13 das bases reguladoras.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días hábiles, a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 30. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, a persoa beneficiaria deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. O destinatario último da axuda deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá presentarse través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en copia ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación delas, asinada polo representante legal.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propia persoa beneficiaria da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de nota promisoria, para os efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da Internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 28.

En ningún caso poderá concertar a persoa beneficia a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

No caso de licitación pública debera presentar as tres ofertas, ou, no caso de existir, a relación certificada e copia dos contratos subscritos polo solicitante para a realización da actuación obxecto da axuda, así como documentación xustificativa do procedemento de contratación: enderezo web do perfil do contratante, pregos, anuncios de licitación e formalización de contratos, acordos do órgano de contratación.

b) Memoria de actuación xustificativa segundo o modelo dispoñible en páxina web de Inega asinada por técnico titulado competente ou o responsable da dirección da execución das actuacións. Esta memoria incluirá, como mínimo:

1. Información de forma detallada sobre o grao de cumprimento do proxecto e sobre a situación final deste, indicando a data de comezo e conclusión das actuacións. E, de ser o caso, información sobre a modificación das condicións técnicas declaradas no momento da solicitude ou na resolución de concesión.

2. Información sobre os valores de indicadores enerxéticos e obxectivos alcanzados con documentación xustificativa destes.

3. Reportaxe fotográfica das actuacións, infraestruturas, equipamentos e instalacións principais obxecto da axuda, así como das placas de características destes.

4. Relación das licenzas e autorizacións administrativas obtidas que lle sexan de aplicación e inscrición nos rexistros correspondentes (de produción de enerxía eléctrica, de instalacións de produción de gases renovables, etc.) conforme a normativa vixente.

Sempre e cando a persoa beneficiaria presentase o xustificante de ter solicitado licenza, autorización administrativa ou inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo máximo de execución, pero non dispuxese da licenza, autorización administrativa ou inscrición no rexistro debido a circunstancias que non lle resulten imputables, que deberá xustificar nunha memoria, o Inega poderá outorgar un prazo adicional, para cumprir eses requisitos. De non presentar os ditos documentos dentro do prazo concedido, procederá o reintegro da axuda.

5. Relación e documentación asociada de autorizacións ambientais necesarias de acordo coa normativa vixente.

c) Certificado final de obra subscrito polo director de obra e director de execución da obra e documentación que acredite que a instalación está construída e atópase en condicións de ser posta en tensión e proceder á súa explotación.

d) Solicitude de autorización de explotación ou acta de posta en servizo da instalación cando esta sexa preceptiva . Adicionalmente, copia do proxecto final ou memoria técnica de deseño que se achegou para a obtención da autorización de explotación e certificado de instalación eléctrica (CIE) ou certificado da instalación térmica de ser de aplicación.

e) Informe xustificativo do cumprimento do proxecto do principio de non causar prexuízo significativo (DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852.

f) No caso de que se execute obra civil, os contratistas e subcontratistas deberán asinar e presentar unha declaración responsable do principio de non causar prexuízo significativo (DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852, segundo o modelo dispoñible na web https://www.inega.gal/

Ademais, e durante a execución do proxecto, deberán cumprir as seguintes condicións específicas:

1. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/5E2/EC) xerados na execución do presente contrato prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

O cumprimento das citadas condicións específicas verificarase da seguinte forma:

• No caso da condición específica número 1, deberán achegarse os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación, expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LEP) e a porcentaxe de valorización alcanzado.

• No caso da condición específica número 2, deberá achegarse un certificado expedido pola empresa contratista conforme que para a execución do presente contrato non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

g) Documentación que acredite a realización polo promotor, da análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestruturas con vida útil superior a cinco anos de acordo co referido artigo 7.5 destas bases.

h) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir o indicador de resultado asociado a estas bases reguladoras, que e RCR02-Investimento privado que acompaña o apoio público (euros).

Artigo 31. Pagamento das axudas

1. As persoas beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención. No caso dos anticipos exonerados de constituír garantía, recollidos no artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre os que figuran: aqueles en que os pagamentos non superen os 18.000 euros e os formulados por entidades dependentes da Administración, poderase solicitar o anticipo directamente no formulario de solicitude e resolverase conxuntamente coa solicitude. No caso de anticipos non exonerados de constituír garantía, seguirase o procedemento ordinario recollido no seguinte epígrafe.

2. As persoas beneficiarias interesadas en solicitar un anticipo que non estean exoneradas de constituír garantía de ata o 50 % do importe da subvención concedida poderano solicitar no prazo máximo dun mes contado desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince días a partir da notificación da resolución de concesión do anticipo. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que a persoa beneficiaria da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

3. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

4. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

5. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 32. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se a persoa beneficiaria xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, se entenderá que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión é, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

i. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 60 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

ii. Non manter a publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 26.10 destas bases suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

iii. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

4. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que podan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúen o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron á concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co fondo Feder.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto nos termos exixidos no artigo 26.10 destas bases reguladoras.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada nesta epígrafe só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 33. Réxime de sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 34. Fiscalización e control

1. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 35. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Inega efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria, de acordo co disposto no artigo 82.2 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

3. O Inega realizará comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polas persoas beneficiarias no relativo ao tamaño da empresa e a consideración como empresa en crise, así como sobre vinculacións entre empresas e/ou provedores.

Artigo 36. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo Plus, Fondo de Cohesión, Fondo de Transición Xusta e Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) núm. 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

d) Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

e) Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, relativa ó fomento de uso de enerxía procedente de fontes renovables.

f) Regulamento delegado (UE) 2023/1184 da Comisión, do 10 de febreiro, polo que que se completa a Directiva 2018/2001 establecendo unha metodoloxía común da Unión na que se definan normas detalladas para a produción de carburantes líquidos e gasosos renovables de orixe non biolóxico.

g) Regulamento delegado (UE) 2023/1185 da Comisión, do 10 de febreiro, que completa Directiva 2018/2001 establecendo un limiar mínimo para a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro aplicable aos combustibles de carbono reciclado e especificando unha metodoloxía para avaliar a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro derivada dos carburantes líquidos e gasosos renovables de orixe non biolóxico e dos combustibles de carbono reciclado.

h) Ademais, será de aplicación o cumprimento da normativa ambiental europea, particularmente o establecido no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, que regula o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio do no significant harm-DNSH), así como a súa normativa de desenvolvemento e execución.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file