DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2024 Páx. 12744

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidad Autónoma de Galicia e se procede a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento VI501A).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten en marcha varios programas dirixidos ao acceso á vivenda para os colectivos con maiores necesidades, todos eles recollidos no Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, asinado polos representantes das entidades integrantes do pleno do Observatorio da vivenda de Galicia, documento que xorde da análise conxunta e da contribución de todos os representados no pleno do citado observatorio. No devandito pacto recóllense as liñas de actuación pública na materia, constituíndo un instrumento de planificación das políticas públicas neste eido para o período 2021-2025 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre as diferentes solucións habitacionais figuran tanto a promoción e adxudicación de vivenda de promoción pública, o impulso á vivenda protexida, o programa de avais para a mocidade, o programa de mobilización de vivendas baleiras, o programa de axudas ao alugamento de vivenda e o programa do bono de alugueiro social dirixido aos colectivos máis vulnerables que cubre o 100 % da renda.

No que atinxe ás axudas para a adquisición de vivendas, actualmente existen tres programas diferenciados. Por unha banda, o programa de axudas para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes, con financiamento estatal do Plan de vivenda, e, por outra, os programas de adquisición de vivendas protexidas e das situadas no ámbito dun centro histórico, con financiamento autonómico.

Cómpre nestes momentos integrar os tres programas existentes nun único programa, coa finalidade de harmonizar os requisitos e simplificar a solicitude das axudas para as persoas interesadas en acceder a elas.

Con esta finalidade, faise preciso establecer nunhas únicas bases reguladoras tanto as axudas autonómicas como as do programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico regulado no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula bono alugueiro á mocidade e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, modificado polo Real decreto 903/2022, do 25 de outubro.

Para tal fin, con esta resolución establécense as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e procede á súa convocatoria para o ano 2024.

Esta resolución suxéitase ao disposto no Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto, modalidades e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as tres modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI501A:

– Modalidade A: Adquisición de vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.

– Modalidade B: Adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.

– Modalidade C: Adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2024.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Definicións

Para os efectos da aplicación desta resolución, os termos incluídos neste ordinal interpretaranse co significado e alcance seguintes:

a) Unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda: o conxunto de persoas que habitan e gozan coa persoa beneficiaria dunha vivenda de forma habitual e permanente, así como con vocación de estabilidade, con independencia da relación existente entre todas elas.

b) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

c) Residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria e do resto das persoas integrantes da súa unidade de convivencia: o domicilio en que constan empadroados todos eles.

d) Vivenda protexida: interpretarase de conformidade co artigo 45 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

e) Municipios de prezo máximo superior: os municipios previstos na Orde VIV/1952/2009, do 2 de xullo, pola que se declaran os ámbitos territoriais de prezo máximo superior para o ano 2009, para os efectos do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

f) Centros históricos: ámbitos enumerados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13 ter, do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo (Diario Oficial de Galicia -en diante, DOG– núm. 51, do 13 de marzo de 2018).

g) Área de rexeneración urbana de interese autonómico (en diante, Áreas Rexurbe): ámbito declarado de conformidade co artigo 54 da Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

h) Municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes: entenderase aquel municipio que tiña unha poboación residente igual ou inferior aos 10.000 habitantes en xaneiro de 2022, momento da entrada en vixencia do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

i) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): é o indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía; considérase unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Para os efectos destas axudas tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

Terceiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula bono alugueiro á mocidade e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, no que sexa de aplicación, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

II. Bases reguladoras

Sexto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas contempladas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) Ter subscrito con posterioridade á data fixada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nestas bases. No caso da modalidade C, o contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

c) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. Non obstante, no caso da modalidade B, o requisito do empadroamento só será exixible no momento da finalización das obras, para o suposto de que fora necesaria a súa rehabilitación.

d) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia cumpran os seguintes requisitos:

1º) No suposto da modalidade A, que os ditos ingresos sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM.

Este límite será de 4 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación, e de 5 veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:

– Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou persoas con discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

2º) No suposto da modalidade B, que os citados ingresos sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o IPREM.

3º) Na modalidade C, ter cumprido o requisito de ingresos no momento que determine a correspondente normativa reguladora.

e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Na modalidade A é preciso, ademais, que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista no actual ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.

2. Ademais dos requisitos sinalados no punto anterior, é necesario:

– Na modalidade A, ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da formalización da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.

– Na modalidade C, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.

3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.

Sétimo. Requisitos da adquisición

1. Para poder acceder ás axudas é preciso que a vivenda xa estea construída no momento da presentación da solicitude. Para estes efectos, nas modalidades A e B admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas, mentres que na modalidade C ten que tratarse dunha adquisición en primeira adxudicación ou transmisión.

2. Para poder optar á axuda é preciso que:

a) Na modalidade A, a vivenda debe estar localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.

b) Na modalidade B, a vivenda debe estar situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13 ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.

c) Na modalidade C, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial na data de publicación da correspondente convocatoria.

3. Os prezos de adquisición non poderán superar os seguintes límites, en función da modalidade da axuda que se solicite:

a) Na modalidade A, o prezo da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, deberá ser igual ou inferior a 120.000 euros.

b) Na modalidade B:

1º) No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, o prezo non deberá superar o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, no momento da publicación da correspondente convocatoria, computando unha superficie útil de 120 m2 e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e, nun 2 %, no suposto de dispoñer de rocho.

2º) No caso de que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos non sinalados no parágrafo anterior, o prezo de adquisición non deberá superar o prezo máximo previsto, no momento da publicación da correspondente convocatoria, para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado situadas na zona I do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia, computando unha superficie útil de 120 m2, e sen incluír os gastos e tributos inherentes a dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe, e nun 2 %, no suposto de dispoñer de rocho.

c) No suposto de vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral ou especial, o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.

Oitavo. Cómputo de ingresos

Para a determinación dos ingresos partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondente á declaración ou declaracións presentadas pola persoa solicitante e por cada unha das persoas integrantes da unidade de convivencia relativos ao período impositivo que se determine na correspondente convocatoria.

Noveno. Contía das axudas

1. A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite e terá o límite do 20 % do prezo de adquisición da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición:

a) No suposto da modalidade A, a contía máxima da axuda será de ata 10.800 euros por vivenda.

b) No suposto da modalidade B, a contía máxima da axuda será a seguinte:

1ª) Ata 12.800 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos.

2ª) Ata 10.800 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

3ª) No suposto de vivendas situadas nun ámbito declarado Área Rexurbe, a contía da axuda será de 15.000 euros por vivenda.

c) No suposto da modalidade C, a contía máxima da axuda será a seguinte:

1º) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

2º) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 36 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas con idade igual ou maior de 36 anos.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que puidese recibir a persoa beneficiaria que adquira unha parte dela determinarase aplicando a porcentaxe de cota adquirida ao importe da axuda que lle correspondería, para o caso de ter adquirido o 100 % da vivenda.

Décimo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, e deberá dirixirse ao IGVS. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá presentar a súa correspondente solicitude, debendo facelo para a mesma modalidade de axuda, no suposto de que a vivenda cumpra máis dun requisito dos establecidos no ordinal sétimo.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou ou obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, para a mesma finalidade.

c) Compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde a data da formalización da escritura pública de compravenda ou, no caso de adquisición dunha vivenda situada no ámbito dun centro histórico, desde a data da formalización da escritura pública de compravenda si esta se outorgou con posterioridade á presentación da solicitude, ou desde a presentación da solicitude da axuda, si a citada escritura foi formalizada con anterioridade á dita presentación ou desde a data de finalización das obras de rehabilitación, de ser o caso.

d) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están incursas nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 13.2.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, no suposto de solicitar axudas da modalidade A.

h) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle revogou ou foi obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista no actual ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa que lle fose imputable, no suposto de solicitar axudas da modalidade A.

i) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada en España, agás os supostos exceptuados no ordinal sexto.1.g).

j) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Décimo primeiro. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) Contrato privado de adquisición da vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública. Na modalidade C, o contrato privado deberá estar visado pola área provincia do IGVS onde estea situada a vivenda.

c) Escritura pública de adquisición da vivenda, no caso de que fora formalizada con posterioridade á data prevista na correspondente convocatoria e con anterioridade á data da presentación da solicitude.

d) Certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de adquisición da vivenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude, salvo no caso de adquisición dunha vivenda situada no ámbito dun centro histórico para rehabilitar.

e) Anexo II, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos, no suposto de que na vivenda adquirida vaian residir, con carácter habitual e permanente, outras persoas.

f) Anexo III, de declaración responsable da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de non estar obrigados a presentar a declaración do IRPF, acompañado da seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en adiante, INSS).

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

g) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español e non poidan dispoñer dela:

– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

– Documentación que acredite que a persoa solicitante e a súa unidade de convivencia no poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.

– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

– No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en territorio español, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa.

h) No suposto da modalidade A, para o caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

i) No suposto da modalidade B, deberá presentarse ademais:

– Certificado emitido polo concello correspondente de que a vivenda está situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, nos termos indicados na letra b) do punto 2 do ordinal sétimo.

– Certificado emitido polo concello correspondente de que a vivenda está situada nun ámbito declarado Área Rexurbe, de ser o caso.

– No suposto de adquisición dunha vivenda situada no ámbito dun centro histórico que vaia ser rehabilitada, informe técnico acreditativo de que a vivenda adquirida non é susceptible de ser habitada, sen acometer as pertinentes obras de rehabilitación, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

Décimo segundo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial nos termos sinalados no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante da persoa solicitante, de ser o caso.

c) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e as persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia correspondente aos datos fiscais que se establezan en cada convocatoria.

e) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda e Función Pública, onde conste que nin a persoa solicitante nin as persoas que integran a súa unidade de convivencia teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figuran no anexo II.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante e dos restantes membros da unidade de convivencia que figuran no anexo II.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Permiso de estancia ou residencia regular en España, no caso das persoas estranxeiras non comunitarias, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

c) Certificado das prestacións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

d) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos no período fiscal especificado na correspondente convocatoria pola persoa solicitante e polas persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Consulta de datos de residencia legal de persoas estranxeiras da persoa solicitante.

f) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante e/ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de que este documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No caso de que deba ser expedido por outra Administración pública, deberá achegarse a correspondente documentación.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinto. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo sexto. Procedementos de concesión e requirimentos de emenda

1. Os procedementos iniciaranse de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.

3. As solicitudes tramitaranse en función da súa orde cronolóxica de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos esixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

4. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos esixidos, requirirase á persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

5. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Poderanse enviar mensaxes ao teléfono móbil ou ao correo electrónico das persoas interesadas avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

6. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido para cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo sétimo. Resolución e recursos

1. A resolución estimará ou desestimará a axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria recollerá a obriga da/s persoa/s beneficiaria/s de achegar, no prazo que se determine na resolución de convocatoria, a escritura pública de compravenda que acredite a adquisición, no suposto de non tela achegado con anterioridade.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo oitavo. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, no seu caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Décimo noveno. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos esixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente resolución de convocatoria.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia, segundo o previsto no punto 3 do ordinal décimo sexto.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a denegación da axuda a todas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución poderá realizarse mediante publicación no DOG e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Poderanse enviar mensaxes ao teléfono móbil ou ao correo electrónico das persoas interesadas avisando desta publicación. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

Vixésimo. Xustificación e pagamento da subvención

1. As persoas beneficiarias deberán xustificar a subvención mediante a achega, no caso de non tela aportado con anterioridade, da escritura pública de compravenda que acredite a adquisición da vivenda nos termos establecidos na resolución de concesión. Na escritura pública de compravenda deberá constar a axuda como parte do pagamento, así como incluír unha cláusula na que se recolla a obriga da/s persoa/s beneficiaria/s de destinar a vivenda adquirida a residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contado desde a data da formalización da súa adquisición en escritura pública ou, no seu caso, de remate das obras de rehabilitación. Ademais, deberán presentar un certificado de empadroamento colectivo que acredite as persoas empadroadas na vivenda adquirida.

Nos casos en que a escritura pública de adquisición fora formalizada con anterioridade á data da publicación da convocatoria destas axudas, non se esixirá o sinalado no parágrafo anterior.

2. No suposto de adquisición dunha vivenda para rehabilitar, deberá achegarse ao IGVS nun prazo de seis meses, contado desde a data da notificación da resolución de concesión da axuda, unha copia da solicitude da licenza ou, de ser o caso, da comunicación previa das obras presentada no concello onde estea situada a vivenda.

3. A subvención pagarase á/s persoa/s beneficiaria/s mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo I.

Vixésimo primeiro. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, terán as seguintes obrigas:

1. Estar ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento en que se pague a subvención.

2. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino da subvención concedida.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. No suposto da modalidade A, destinar a vivenda adquirida a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde o día da formalización da escritura pública de adquisición, debendo ser ocupada no prazo de tres meses desde a súa entrega pola persoa vendedora.

O prazo de cinco anos poderá ser inferior cando sobreveñan cambios de domicilio por razóns laborais ou cando se allee a vivenda reinvestindo o total do importe obtido co alleamento na adquisición doutra vivenda habitual e permanente que se adecúe ás novas circunstancias familiares da persoa beneficiaria. Estas circunstancias deberán ser comunicadas ao IGVS, para os efectos da súa autorización, no prazo máximo de dous meses a contar desde a súa concorrencia.

5. No suposto da modalidade B, destinar a vivenda adquirida a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde a data da formalización da escritura pública de compravenda si esta se outorgou con posterioridade á presentación da solicitude, ou desde a presentación da solicitude da axuda, si a citada escritura foi formalizada con anterioridade á dita presentación ou desde a data de finalización das obras de rehabilitación, de ser o caso.

Poderase exceptuar o cumprimento da citada obriga cando sobreveñan circunstancias laborais que determinen un cambio de domicilio. As devanditas circunstancias deberán ser comunicadas ao IGVS, para os efectos da súa autorización, no prazo máximo de dous meses a contar desde a súa concorrencia.

6. No suposto da modalidade C, ademais das obrigas derivadas do réxime de protección aplicable á vivenda, deberán destinar a vivenda adquirida a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde o día da formalización da escritura pública de adquisición.

7. As demais obrigas que se derivan desta resolución.

Vixésimo segundo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de xustificación da subvención e/ou a adquisición dunha vivenda que non reúna os requisitos esixidos polo ordinal sétimo.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo terceiro. Compatibilidade e incompatibilidade

1. As axudas previstas nestas bases non serán compatibles entre si, de forma que só se poderá solicitar unha subvención por adquisición de vivenda, con independencia de que esta cumpra os requisitos establecidos en máis dunha modalidade.

Cada unha destas axudas será compatible con calquera outra que outorgue outra institución pública ou privada para o mesmo obxecto.

2. En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

Vixésimo cuarto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación, electrónica ou en papel, no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, realizarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Aistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo quinto. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo sexto. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Vixésimo sétimo. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

III. Convocatoria

Vixésimo oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao sa publicación da resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2024 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Vixésimo noveno. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 3.450.000 euros, distribuídos entre as tres modalidades da seguinte forma:

a) Para a modalidade A, correspóndelle un importe de 1.900.000 euros, con cargo a aplicación 06.81.451B.780.0.

b) Para a modalidade B correspóndelle un importe de 500.000 euros, con cargo a aplicación 06.81.451B.780.2.

c) Para a modalidade C correspóndelle un importe de 1.050.000 euros, con cargo a aplicación 06.81.451B.780.4.

2. O financiamento desta convocatoria farase nos seguintes termos:

– Na modalidade A, con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2024 do programa de axuda ás persoas mozas e para contribuír ao reto demográfico do Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

– Nas modalidades B e C, con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Trixésimo. Persoas solicitantes das axudas

1. Poderán solicitar as axudas obxecto desta convocatoria:

a) Na modalidade A, as persoas que tiveran subscrito con posterioridade ao 31 de outubro de 2023 un contrato privado ou, no seu caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, nos termos previstos nesta resolución.

b) Nas modalidades B e C, as persoas que tiveran subscrito con posterioridade ao 2 de outubro de 2023 un contrato privado ou, no seu caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, nos termos previstos nesta resolución.

2. Tamén poderán solicitar a axuda aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes ao abeiro da Resolución do 26 de decembro de 2022 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados nesta resolución, excepto o referido á data de adquisición da vivenda.

Trixésimo primeiro. Prazo para a xustificación das axudas

As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa das subvencións concedidas antes do 15 de novembro de 2024, nos termos establecidos no ordinal vixésimo.

Trixésimo segundo. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión das axudas corresponderán ao exercicio económico 2022. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM de 2023.

IV. Eficacia

Trixésimo terceiro. Eficacia

Esta resolución producirá eficacia a partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file