DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 8 de abril de 2024 Páx. 22353

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2024, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida: Consumópolis-19: súmate á enerxía responsable (código de procedemento IN114A).

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento por parte das persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación integradas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse de maneira simbiótica con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo; e capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de maneira diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia participa na organización do concurso de ámbito estatal Consumópolis, conxuntamente coa Dirección Xeral de Consumo e outras quince comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, que consta de dúas fases: unha fase autonómica, organizada polos organismos competentes en consumo de cada cidade e/ou comunidade autónoma, na cal se seleccionarán os equipos gañadores a nivel autonómico; e unha fase nacional, organizada pola Dirección Xeral de Consumo, na cal participarán os equipos que resulten gañadores en cada cidade e/ou comunidade autónoma.

A finalidade do concurso é promover a reflexión de forma consciente, crítica e solidaria sobre distintos aspectos do consumo responsable, mediante a realización das actividades que se propoñen no concurso: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.

En consecuencia, correspóndelles ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, adscrito á Consellería de Economía, Industria e Innovación, e á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os equipos gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal do concurso.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 existe na aplicación 09.80.613A.481.1 unha partida orzamentaria consignada pola contía de 5.700 euros para atender ao pagamento dos premios obxecto da presente convocatoria.

Por todo iso, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e como director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia,

RESOLVEMOS:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2023/24 Consumópolis-19 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título Súmate á enerxía responsable (código de procedemento IN114A).

2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, a elaboración e a exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.

3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.consumo.gob.es, seguindo as instrucións xerais que alí se establecen.

4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, na elaboración e na presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.

Artigo 2. Participantes

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de quinto ou sexto de educación primaria ou de primeiro, segundo, terceiro ou cuarto de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso dos colexios rurais agrupados (CRA) e das escolas unitarias que, polas súas especiais circunstancias xeográficas ou demográficas, teñan dificultades para conformar os equipos unicamente con alumnado de quinto e sexto cursos de educación primaria, poderán completar os devanditos equipos con alumnado doutros cursos de educación primaria.

3. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.

4. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.

5. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

Artigo 3. Categorías de participación

Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de quinto e sexto cursos de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de primeiro e segundo cursos de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de terceiro e cuarto cursos de educación secundaria obrigatoria ou de formación profesional básica.

Artigo 4. Premios

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados, respectivamente, en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Artigo 5. Certificación e recoñecemento

1. Todos os membros do equipo recibirán, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

2. Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades un certificado do premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Artigo 6. Características do traballo en equipo

1. Os cinco compoñentes do equipo deben realizar un traballo conxunto, que consiste na realización dun vídeo musical que inclúa a elaboración dunha canción e unha coreografía relacionadas co lema do concurso Súmate á enerxía responsable.

O obxectivo do vídeo será fomentar entre os escolares hábitos de consumo baseados na sostibilidade e o aforro enerxético e convencer o seu contorno escolar, familiar e social da necesidade de utilizar de forma responsable a enerxía, reducir o seu consumo e obtela a partir de fontes limpas.

Algunhas ideas que os escolares poderían desenvolver son:

• Como aforrar enerxía (luz, gas, auga, calefacción, baterías de dispositivos eléctricos...) na casa/escola/cos amigos…

• Como aforrar enerxía no consumo de produtos (etiquetaxe enerxética, pilas recargables, lámpadas de baixo consumo, roupa de segunda man…).

• Transporte sostible.

• Como aforrar no consumo e ocio tecnolóxicos (custo enerxético das redes sociais, consumo de xigas, uso de móbiles/tabletas…).

• Factura enerxética.

• Como aforrar enerxía para combater o cambio climático.

• Vantaxes e desvantaxes das enerxías renovables e/ou non renovables.

• Autoconsumo enerxético.

2. Requisitos do traballo en equipo:

a) Requisitos técnicos.

O persoal docente coordinador debe recompilar a autorización de ambos os pais ou titores legais de cada un dos menores de catorce anos que vaian participar no traballo, ou o consentimento de cada un dos maiores de catorce anos. Para iso utilizarán o documento de autorización, que se atopará en:

https://consumopolis.consumo.gob.es/concurso/pdfs/autorizacion_padres_es.pdf

A ausencia desta autorización será causa de descualificación do traballo.

Os vídeos musicais que non cumpran cos seguintes requisitos serán descualificados:

• Só poderán utilizarse melodías dispoñibles na plataforma, libre de dereitos.

• O vídeo terá unha duración dun máximo de 90 segundos.

• Formatos admitidos para o vídeo: mp4, m4v, mov, wmv, avi, mpg.

• O vídeo será preferiblemente en formato horizontal.

• Formatos admitidos para a letra da canción: pdf.

• Peso máximo do vídeo: 150 Mb.

• O lema, o título ou slogan, a letra da canción e as imaxes ou calquera outro contido incluído no traballo non deben conter erros lingüísticos.

Na elaboración do vídeo deben respectarse os principios da educación en valores.

Valorarase que o traballo sexa pedagóxico (cun fin didáctico, educativo) e adaptado ao público infantil e xuvenil, así como consideracións de consumo responsable, saudable, sostible e solidario.

O traballo pode presentarse en calquera dos idiomas cooficiais do Estado.

b) Requisitos legais.

As imaxes ou calquera outro contido incluído no traballo non poden vulnerar os dereitos de autor ou a propiedade intelectual. O participante non incluirá nos traballos ningún terceiro.

En ningún caso se poderán colgar contidos violentos, xenófobos, sexistas ou pornográficos, difamatorios, obscenos ou ameazantes que atenten contra o dereito ao honor e á propia imaxe, que inciten ou publiciten actividades e servizos ilegais, que lesionen bens ou dereitos de terceiros ou que conculquen de calquera forma a lexislación española.

O xurado descualificará aqueles traballos que incorporen contidos do tipo referido ou que vulneren os dereitos de autor ou de propiedade intelectual ou que inclúan datos de carácter persoal de terceiros.

O material remitido polo persoal docente debe ser orixinal e a organización non se responsabilizaría do concurso de ningunha reclamación que puideren presentar terceiros.

O incumprimento de calquera destes requisitos anteriores supón a descualificación inmediata do traballo.

3. Subir o traballo en equipo.

Tras finalizar o traballo en equipo, o persoal docente coordinador debe subir o traballo á plataforma de Consumópolis. Nesta epígrafe indicarase:

– Nome do equipo.

– Título do traballo.

– Seleccionaranse os arquivos do vídeo (mp4, m4v, mov, wmv, avi, mpg) e da letra da canción (pdf).

– Confirmarase «subir traballo».

A plataforma de Consumópolis só permite subir os traballos daqueles equipos cuxos cinco compoñentes completasen e puntuasen nas 10 probas da primeira parte do concurso.

Só se reserva un espazo virtual por equipo.

Artigo 7. Apoio aos centros docentes

1. Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos participantes contarán coas fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable, que están localizadas no sitio web www.consumopolis.consumo.gob.es

2. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrécelles aos centros docentes o asesoramento que necesiten para realizar as actividades que son obxecto do concurso, que poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Artigo 8. Formalización a través da plataforma e obtención da ficha virtual

1. Tras ser subido o traballo á plataforma de Consumópolis, o persoal docente coordinador pode descargar a ficha virtual correspondente, documento que contén os datos do traballo: referencia, nome do equipo, compoñentes e título.

2. Unha vez que a ficha virtual do traballo se descargue, o traballo non pode modificarse.

3. Se o docente coordinador non descarga a ficha virtual do traballo, a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Artigo 9. Memoria da participación no concurso

1. Cada equipo elaborará unha memoria en que expoña como foi a súa participación no concurso. Na memoria recollerase, de maneira resumida e esquemática, o traballo realizado por cada equipo e a aprendizaxe alcanzada como consecuencia da participación no concurso.

2. A memoria poderá realizarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:

a) Portada, onde se indicará: o nome do equipo, o título do traballo, o nome do centro, o nome do docente coordinador e o nome dos membros do equipo.

b) Índice paxinado.

c) Corpo da memoria, cunha extensión máxima de 7 páxinas, en que se diferencie de modo claro a valoración da experiencia e da aprendizaxe acadadas. Neste documento cada equipo debe explicar, como mínimo, as seguintes cuestións:

1ª. Como se organizaron os membros do equipo para a resolución das probas do xogo en liña e cal foi, de ser o caso, a documentación consultada.

2ª. Como se organizaron os membros do equipo para realizar o traballo conxunto, a distribución dos respectivos roles e tarefas, as fontes documentais consultadas, as ferramentas e os demais materiais empregados.

3ª. A valoración do propio alumnado sobre o aprendido en cada unha das fases do concurso.

d) Achegarase, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico en formato dixital das actividades realizadas polo alumnado durante a participación no concurso.

Artigo 10. Prazo de presentación

O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 3 de maio de 2024.

Artigo 11. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As solicitudes de participación irán acompañadas da seguinte documentación complementaria:

a) Ficha virtual en formato PDF descargada desde a plataforma do concurso. Para obter esta ficha é preciso subir o traballo do equipo á plataforma.

b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Debe estar realizada polo alumnado participante e presentarse en formato PDF.

c) Documento de autorización de ambos os pais ou titores legais de cada un dos menores de catorce años que participasen no traballo ou o consentimento de cada un dos maiores de catorce anos.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF do centro educativo.

b) DNI ou NIE da persoa representante do centro educativo.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar copia dos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión de premios.

Así mesmo, poderá ser igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia https://consumo.xunta.gal/

Artigo 17. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados, de conformidade cos criterios establecidos no artigo 18, por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou persoa en quen delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en quen delegue.

c) Vogais:

– Unha persoa asesora de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) Secretario/a:

A persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega do Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola sección III do capítulo I do título I (artigos 15 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá dispor a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que considere pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Con todo, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. Para a selección dos equipos con dereito aos premios autonómicos, o xurado terá en conta:

a) A puntuación das probas incluídas no percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que quedará establecida de forma automática polo propio sistema, con base nos criterios de coñecementos e habilidades detallados nas instrucións xerais de participación.

b) A valoración dos traballos en equipo na segunda parte do concurso será de acordo cos seguintes criterios e baremos:

I. Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso: valorarase ata 40 puntos.

II. Creatividade e orixinalidade do traballo: valorarase ata 20 puntos.

III. Presentación/exposición do traballo: valorarase ata 20 puntos.

IV. Calidade técnica: valorarase ata 15 puntos.

V. Calidade lingüística: valorarase ata 5 puntos.

c) O xurado valorará ao cincuenta por cento a puntuación acadada no percorrido pola Cidade de Consumópolis e o traballo en equipo valorarase ao cincuenta por cento, segundo os criterios establecidos na letra b).

Artigo 19. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non se resolven no prazo de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase ao director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non for expreso, poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.481.1 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2024, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os centros gañadores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración posterior nos proxectos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecerlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se estean vinculadas, logo do requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderán reproducir, publicar e divulgar os proxectos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que poidan resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do proxecto e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou titores legais dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e/ou á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas para a súa finalidade educativa, de acordo co Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

Artigo 23. Retirada da documentación

A dirección do centro docente e/ou as persoas coordinadoras dos proxectos presentados poderán solicitarlle ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a retirada da documentación e a devolución dos proxectos non premiados na convocatoria, no prazo de trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderá recorrerse potestativamente ante o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional primeira. Aplicación supletoria

En todo o non previsto na presente resolución aplicaranse supletoriamente os preceptos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Desenvolvemento e entrada en vigor

1. Facúltase o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as instrucións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

2. A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

Manuel Heredia Pérez
Director do Instituto Galego do Consumo
e da Competencia (IGCC)

missing image file
missing image file
missing image file