DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2024 Páx. 22679

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos/as, convocado mediante a Resolución do 5 de xullo de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 129, do 7 de xullo) pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado por Resolución do 21 de decembro de 2023 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos/as, convocado mediante a Resolución do 5 de xullo de 2023 (DOG número 129, do 7 de xullo),

ACORDOU:

Primeiro. En sesión que tivo lugar o 25 de marzo de 2024, ao abeiro do previsto na base II.2.7 da convocatoria, unha vez revisadas as reclamacións presentadas, anular a pregunta 59 do primeiro exercicio do proceso selectivo. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta de reserva número 121. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta número 8, sendo correcta a alternativa b). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio do proceso selectivo cualificarase de 0 a 100 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, pola Resolución deste tribunal do 19 de febreiro de 2024, establecéronse os criterios de corrección, valoración e superación deste primeiro exercicio:

Superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións totais ata completar o número máximo de vinte e catro (24) persoas aspirantes, sempre que acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Unicamente de darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións totais ata completar o número máximo de vinte e catro (24) persoas aspirantes sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

A puntuación total de cada persoa aspirante será calculada como a suma das puntuacións obtidas na parte xeral e na parte específica do programa.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores considéranse igualmente aprobadas.

O exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de cincuenta (50) puntos. Asignarase a valoración de cincuenta (50) puntos no exercicio as persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada segundo os criterios anteriores. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 50 e 100 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Terceiro. Realizada a corrección en sesión do 2 de abril de 2024, acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de 3 persoas aspirantes, fixándose en 48 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos/as no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Quinto. De conformidade co disposto na base II.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

Manuel Mateo Díaz
Presidente do tribunal