DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 23 de abril de 2024 Páx. 25361

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas nas convocatorias excepcionais no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso nas categorías de médico/a de urxencias hospitalarias e en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área, convocados polas resolucións do 26 de decembro de 2022.

Mediante resolucións desta dirección xeral do 26 de decembro de 2022 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023), realizouse a convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos para o ingreso entre outras nas categorías de médico/a de urxencias hospitalarias e en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área.

Mediante a Resolución deste mesmo centro directivo, do 11 de abril de 2023 (DOG núm. 77, do 21 de abril), publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario. Ten finalizado o prazo de subsanación previsto na base sexta das resolucións de convocatoria.

A base oitava das resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 26 de decembro de 2022 de convocatoria do proceso, dispón que, realizada polo respectivo tribunal a baremación dos méritos achegados polos/as aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará, no Diario Oficial de Galicia, o anuncio da súa exposición con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nos distintos apartados, a correspondente á acreditación do coñecemento da lingua galega, de ser o caso, así como a valoración total do concurso de méritos.

De conformidade coas anteditas bases, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos para o ingreso nas categorías de médico/a de urxencias hospitalarias e de facultativo/a especialista de área nas especialidades de: Alergoloxía, Análises Clínicas, Anatomía Patolóxica, Anestesioloxía e Reanimación, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparello Dixestivo, Cardioloxía, Cirurxía Cardiovascular, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Farmacia Hospitalaria, Farmacoloxía Clínica, Hematoloxía e Hemoterapia, Inmunoloxía, Medicina do traballo, Medicina física e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Nuclear, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía e Parasitoloxía, Nefroloxía, Neurocirurxía, Neurofisioloxía Clínica, Neuroloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e as súas áreas específicas, Pneumoloxía, Psicoloxía Clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Radiofísica Hospitalaria, Reumatoloxía, Uroloxía e Xeriatría, convocados polas Resolucións do 26 de decembro de 2022 e publicar as puntuacións provisionais obtidas polas/os aspirantes admitidas/os no proceso selectivo.

Indicar que aspirantes que figuraban admitidos/as na relación provisional derivada da Resolución deste mesmo centro directivo, do 11 de abril de 2023 (DOG núm. 77, do 21 de abril), figuran no listado definitivo como excluídos ao ter a condición de persoal estatutario fixo na mesma categoría e especialidade no Servizo Galego de Saúde, como consecuencia da resolución doutros procesos selectivos.

Segundo. As puntuación provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, nas categorías de médico/a de urxencias hospitalarias e de facultativo/a especialista de área nas especialidades indicadas, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cada aspirante poderá consultar o estado da solicitude, ademais do detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos/concurso de méritos

Coa finalidade de dotar de transparencia ao proceso, ao existir aspirantes empatados, publicarase na páxina web o Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), a información que permitirá verificar a correcta aplicación do criterio de desempate establecido na base 8.1.6. da Resolución de convocatoria do proceso.

Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas excluídas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Cuarto. De conformidade coa base oitava da Resolución do 26 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, de convocatoria do proceso, os/as aspirantes admitidos/as poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formularen reclamación contra os resultados da baremación provisional.

Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará esta Dirección Xeral e que se publicará no Diario Oficial de Galicia, logo da análise das reclamacións presentadas polo tribunal que practicará de ser o caso as oportunas correccións e aprobará as puntuacións definitivas de méritos do concurso elevándoas á autoridade convocante.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos