DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28424

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Orde do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR809A).

BDNS (Identif.): 758937.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas serán persoas tituladas universitarias e con veciñanza administrativa en Galicia.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento (código de procedemento PR809A).

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou, fóra desta, nas oficinas da cooperación española (OCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR809A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 108.991,28 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 33.297,82 € para o ano 2024 e 75.693,46 € para o ano 2025.

O importe da bolsa será de 1.350 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior, e 1.100 € brutos mensuais, no caso de que o destino sexa na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que se farán efectivos polo importe líquido logo de realizar a retención fiscal e da cota obreira que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados, en todos os casos, de trinta (30) días.

As persoas bolseiras destinadas fóra da sede da Dirección Xeral recibirán, en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, vacinación, seguros, desprazamentos internos ou calquera outro necesario no desenvolvemento da bolsa, unha contía máxima de 2.200 € para cada un dos destinos propostos, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa, no ano 2024. Por outra parte, as persoas bolseiras destinadas no exterior recibirán, en concepto de aboamento dos gastos de viaxe por desprazamentos internos para visitar proxectos financiados pola Cooperación Galega, unha contía máxima de 800 € para cada un dos destinos propostos. Esta cantidade será aboada ao inicio do ano 2025 coa primeira mensualidade deste exercicio.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes