De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, notifícase a Alfredo Piñeiro Pérez o acordo de inicio de procedemento de desafiuzamento administrativo dos departamentos 7-C e 8-C do porto de Muros, por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos no último domicilio coñecido.
O expediente tramítase por encontrarse extinguida a autorización de ocupación, non ser factible a súa renovación pola falta de concorrencia dos requisitos exixibles, incluídas as débedas existentes, e terse incumprido a orde de desaloxo previa enviada desde a Zona Centro de Portos de Galicia.
O presidente da entidade pública Portos de Galicia emite este acto administrativo en aplicación do artigo 229 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e do artigo 148 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.
Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
Outórgase trámite de audiencia por un prazo máximo de dez (10) días naturais contados desde a publicación da presente cédula no Boletín Oficial del Estado, durante o cal poderán formular alegacións e presentar os documentos ou xustificacións que se consideren pertinentes.
A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia. O seu réxime de abstención e recusación será o previsto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.
A competencia para resolver o presente procedemento, de acordo co previsto no artigo 148.3 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (en diante, LPG), corresponde á Presidencia da EPE Portos de Galicia.
A resolución que se emita no procedemento será inmediatamente executiva. De ser preciso, o desafiuzamento será executado co auxilio das forzas e corpos da seguridade do Estado.
Contra este acto administrativo de inicio non se admitirán accións interditais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.
No tocante ao seu exame, o expediente está nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024
José Antonio Álvarez Vidal
Presidente de Portos de Galicia
