A Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia, polo que atinxe ao réxime de intervención administrativa en materia de xogo, en concreto sobre a extinción das autorizacións xa outorgadas, establece no seu artigo 14.7: «Sen prexuízo doutras causas de extinción que se poderán establecer regulamentariamente, as autorizacións extinguiranse transcorridos trinta días naturais consecutivos desde o cesamento da actividade que constitúa o obxecto delas sen causa xustificada, por solicitude do titular do establecemento ou local en que se realice o xogo, por solicitude do titular da autorización correspondente ou transcorrido o prazo de duración máxima establecido no parágrafo anterior».
Á marxe dos supostos que supoñen unha extinción acordada de oficio, neste caso, por solicitude do titular do establecemento ou local en que se realice o xogo e/ou por solicitude do titular da autorización correspondente, para os efectos de dar cumprimento á anterior previsión legal, faise necesario establecer un procedemento que permita a solicitude da extinción nos citados supostos.
De acordo co que antecede, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,
RESOLVO:
Primeiro. Obxecto
Regular o procedemento de extinción da autorización de instalación e localización de máquinas de xogo e auxiliares de apostas, por instancia do titular do establecemento ou local en que se realice o xogo ou polo titular da autorización correspondente, que terá asignado o código de procedemento PR327B.
Publicar o modelo de solicitude do procedemento, que se recolle no anexo I desta resolución.
Segundo. Prazo
O procedemento PR307B é un procedemento administrativo de prazo aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Requisitos
Ser unha persoa ou empresa titular dunha ou varias autorizacións de instalación e localización de máquinas de xogo e/ou auxiliares de apostas ou ser titular dun establecemento ou local en que se realice o xogo.
Cuarto. Forma e lugar de presentación
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Quinto. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) o xustificante acreditativo do pagamento da/das taxa/s administrativa/s.
No caso de solicitudes conxuntas de extinción de máquina de xogo e auxiliar de apostas, será necesario realizar e xustificar o pagamento das dúas taxas correspondentes.
A tramitación do pagamento da/das taxa/s deberá realizarse electronicamente.
Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:
Consellería: Facenda e Administración Pública. Código 05.
Provincia:
– A Coruña: código 10.
– Lugo: código 20.
– Ourense: código 30.
– Pontevedra: código 40.
Servizo: Servizo de Xogo. Código 16.
Taxa: Denominación:
a) Para o caso de tramitar a extinción da autorización de instalación e localización dunha máquina de xogo, código da taxa: 300703, Modificación da autorización de instalación e localización, extinción ou denuncia.
b) Para o caso de tramitar a extinción da autorización de instalación e localización dunha máquina auxiliar de apostas, código da taxa: 305103, Modificación ou extinción da autorización.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Sexto. Comprobación de datos
Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
1. DNI/NIE da persoa solicitante.
2. DNI/NIE da persoa representante.
3. NIF da entidade solicitante.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Sétimo. Resolución
O prazo máximo para ditar e notificar a resolución que dite o órgano de dirección competente en materia de xogo será de tres meses.
O vencemento do prazo máximo indicado sen que se ditase e notificase a resolución posibilitará que as persoas interesadas poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.
Oitavo. Notificacións
As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
Asemade, de conformidade co artigo 47 da referida Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Noveno. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024
David Cabañó Fernández
Secretario xeral técnico e do Tesouro
da Consellería de Facenda e Administración Pública
