DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Xoves, 8 de agosto de 2024 Páx. 45787

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, de prórroga de seccións bilingües en determinados centros de ensinanzas artísticas de réxime especial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Orde do 14 de xullo de 2014 (DOG do 23 de xullo) autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e no Conservatorio Profesional de Música de Vigo a partir do curso académico 2014/15. Mediante a Resolución do 4 de xullo de 2016 (DOG do 19 de xullo ), a Resolución do 7 de xuño de 2018 (DOG do 19 de xuño ), a Resolución do 15 de xullo de 2020 (DOG do 24 de xullo) e a Resolución do 21 de xullo de 2022 (DOG do 5 de agosto ) prorrogáronse as anteditas seccións bilingües.

Así mesmo, a través da Orde do 7 de xullo de 2016 (DOG do 20 de xullo), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dunha sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo e na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso a partir do curso académico 2016/17. Mediante a Resolución do 10 de outubro de 2018 (DOG do 23 de outubro), a Resolución do 15 de xullo de 2020 (DOG do 24 de xullo) e a Resolución do 21 de xullo de 2022 (DOG do 5 de agosto) prorrogouse a sección bilingüe en lingua inglesa destes dous centros de ensinanzas artísticas superiores.

No artigo 9 das correspondentes ordes de autorización establécese que o proxecto ten unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do Servizo de Inspección Educativa emitido, tendo en conta a adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Igualmente, na disposición derradeira primeira das citadas ordes autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Emitidos os correspondentes informes favorables polos servizos de inspección educativa, de acordo co establecido no artigo 9 das citadas ordes,

RESOLVO:

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous cursos académicos e coa finalidade de favorecer a práctica de idiomas entre o alumnado de ensinanzas artísticas, as seguintes seccións bilingües:

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Profesional de Música de Vigo.

– A sección bilingüe de lingua inglesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

– A sección bilingüe de lingua alemá na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso.

Segundo. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2024

María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional