DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 12 de agosto de 2024 Páx. 46349

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 6 de agosto de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas mariscadoras a pé afectadas pola paralización temporal en determinados bancos marisqueiros intermareais de Galicia, cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 (código de procedemento PE113F).

BDNS (Identif.): 779840.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas titulares de permisos de explotación para marisqueo a pé de recursos marisqueiros xerais que participen nos plans de xestión de marisqueo aprobados para o período 2024-2026 da Confraría de Pescadores de Cariño e Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, modalidade a pé; da Asociación de mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio, modalidade a pé; da Confraría de Noia, modalidade a pé e desde embarcación; da Confraría de Rianxo, modalidade a pé; da Confraría de Cabo de Cruz, modalidade a pé; da Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, modalidade a pé, da Confraría de Pescadores do Carril, modalidade a pé; das confrarías de pescadores de Lourizán, Raxó e Pontevedra, modalidade a pé; da Confraría de Pescadores de Redondela, modalidade a pé; da Confraría de Pescadores de Arcade, modalidade a pé, e da Confraría de Vilaboa, modalidade a pé, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten como finalidade compensar coas axudas de paralización temporal para os efectos derivados de implantar a veda temporal, como medida técnica de conservación dos recursos, que supuxo a suspensión temporal da actividade marisqueira nos plans de xestión aprobados para o período 2024-2026 da Confraría de Pescadores de Cariño e Asociación de Mariscadoras e Mariscadores de Cariño, modalidade a pé; da Asociación de mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio, modalidade a pé; da Confraría de Noia, modalidade a pé e embarcación; da Confraría de Rianxo, modalidade a pé; da Confraría de Cabo de Cruz, modalidade a pé; da Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, modalidade a pé; da Confraría de Pescadores do Carril, modalidade a pé; das confrarías de pescadores de Lourizán, Raxó e Pontevedra, modalidade a pé; da Confraría de Pescadores de Redondela, modalidade a pé; da Confraría de Pescadores de Arcade, modalidade a pé, e da Confraría de Vilaboa, modalidade a pé.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de agosto de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás persoas mariscadoras a pé afectadas pola paralización temporal en determinados bancos marisqueiros intermareais de Galicia, cofinanciadas ao 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 (código de procedemento PE113F).

Cuarto. Contía

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 46.03.723A.770.0, proxecto contable 2024 00204, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

O importe máximo das axudas que se concedan no antedito exercicio orzamentario ascenderá a un millón douscentos cincuenta mil euros (1.250.000,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2024

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar