Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Salgueirón e Cobas da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ribadetea, no concello de Ponteareas (expediente RE22034).
O 18.4.2024, o Servizo de Montes deste departamento territorial emite o seguinte informe:
Feitos:
Primeiro. O 21.9.2022 e número de rexistro de entrada 2022/2324196, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Ribadetea, parroquia de San Xurxo de Ribadetea (Ponteareas), solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Salgueirón e Cobas (non revisa os MVMC Carballinos, Portela de Ribeira, Santa Cruz, Lombo de Arca e Rego da Besta). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22034. Consta no expediente a seguinte documentación:
– Proposta modificada para a revisión do esbozo da carpeta ficha do monte veciñal en man común de Ribadetea en Ponteareas, Pontevedra. Asinada en marzo do 2024 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm. 1.227 do COETF de Galicia.
– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Ribadetea do 7.3.2024 da aprobación en Asemblea Xeral do 21.5.20023.
– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM ZONE 29N EPSG:25829.
Revisada a proposta técnica do MVMC Salgueirón e Covas despréndese:
– Revísase todo o perímetro cos propietarios particulares individuais e utilizouse as actas de apeo e plano do deslinde do monte de utilidade pública (en diante, MUP) núm. 320 do Catálogo, estudos de propiedade parciais e o levantamento topográfico de todo o perímetro.
– O linde coa CMVMC de Xinzo (Ponteareas) recolle a avinza 2/2012.
– O linde coa CMVMC de Louredo (Mos) non se revisa e respecta o deslinde administrativo aprobado polo Xurado de MVMC de Pontevedra e publicado no DOG núm. 15, do 22 de xaneiro de 2024.
– O linde coa CMVMC de Padróns (Ponteareas) non se revisa.
Segundo. O MVMC de Ribadetea foi clasificado polo Xurado de MVMC de Pontevedra o 5.12.1979 e unha superficie inicial de 425 has. Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:
– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.
– A CMVMC de Ribadetea dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360083 e vixente ata 2029.
– Non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC.
– Deslinde coa CMVMC de Louredo (expediente DC22015) publicado no DOG núm. 15, do 22 de xaneiro de 2024.
– Deslinde coa CMVMC de Xinzo (expediente avinza 2/20012).
Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 378,29 has e 15,80 km. A descrición da resolución de clasificación do 5.12.1979 do Xurado de MVMC de Pontevedra da parcela núm. 1 Salgueirón e Cobas modifícase cos nomes, cabidas que a seguir se consignan:
Monte: Salgueirón e Cobas.
Superficie: 378,29 has.
Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Ribadetea (Ponteareas), expediente RE22034, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Consideracións legais e técnicas
Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
Segunda. A revisión do esbozo parcial do monte veciñal Salgueirón e Cobas proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Ribadetea e queda definida consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a memoria técnica do enxeñeiro competente en materia forestal que se indica no feito primeiro.
Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Salgueirón e Cobas e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Salgueirón e Cobas clasificado a prol da CMVMC de Ribadetea (Ponteareas), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.
Pontevedra, 29 de xullo de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común
