Examinado o expediente iniciado por solicitude de Adelanta Corporación, S.A., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Penas Longas, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 7.2.2020, Adelanta Corporación, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Penas Longas (expediente IN408A 2020/022), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro). A solicitude foi admitida a trámite o 2.4.2020.
Segundo. O 27.12.2021, Adelanta Corporación, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Penas Longas (expediente IN408A 2020/022), de acordo coa capacidade de acceso dispoñible e as limitacións e condicionantes impostos pola localización do proxecto.
A nova configuración do proxecto consta de tres aeroxeradores e unha potencia total de 18,0 MW, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
O 14.7.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, Lei 8/2009).
Terceiro. Con data do 15.7.2022, e para os efectos de obter o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, esta dirección xeral solicitoulle a emisión do dito informe ao órgano competente en materia de territorio.
Cuarto. Con data do 2.9.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico Penas Longas, onde se indica que «Comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Normas subsidiarias de planeamento de Ortigueira, aprobadas definitivamente o 27.5.1993 e Plan xeral de ordenación municipal de Mañón, aprobado definitivamente o 18.5.2016) e as coordenadas dos 3 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».
Quinto. Con data do 15.11.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Penas Longas á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
Sexto. Mediante o Acordo do 30 de xaneiro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Penas Longas, nos concellos de Ortigueira e Mañón (A Coruña) (expediente IN408A 2020/022).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.3.2023. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ortigueira e Mañón), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.
Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.
Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.), Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Concello de Mañón e Concello de Ortigueira.
A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 15.3.2023, Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.) o 28.2.2023, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 7.2.2023, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 23.2.2023, e o Concello de Ortigueira o 10.3.2023.
O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
Oitavo. Con data do 21.12.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente á dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Remitiron a documentación técnica refundida do proxecto do parque eólico Penas Longas como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.
Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Mañón e Concello de Ortigueira.
Cumprida a tramitación ambiental, o 18.4.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 19 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 86, do 2 de maio).
Décimo. Con data do 18.6.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente ou declaración responsable de que a documentación técnica mencionada no antecedente de feito décimo quinto é a definitiva, así como declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico.
Décimo primeiro. Con data do 1.7.2024, Adelanta Corporación, S.A. respondeu ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e presentou o proxecto de execución parque eólico Penas Longas. Xullo 2024, asinado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado núm. 1.185 do ICOIIG, así como a memoria de valoración ambiental, unha declaración responsable do técnico competente e o arquivo shape da configuración final do parque eólico.
Décimo segundo. Con data 4.7.2024, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Urbanismo o proxecto de execución coa configuración final do proxecto do parque eólico, para os efectos da emisión do informe establecido no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Décimo terceiro. Con data do 4.7.2024, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o proxecto de execución coa configuración final do proxecto do parque eólico, para os efectos da emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Décimo cuarto. Con data do 5.7.2024, Adelanta Corporación, S.A. remitiulle a esta dirección xeral a solicitude de actualización da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico Penas Longas.
Décimo quinto. Con data do 10.7.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico favorable, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico achegado o 1.7.2024 por Adelanta Corporación, S.A., denominado Proxecto de execución parque eólico Penas Longas. Xullo 2024.
Décimo sexto. O 12.7.2024, a Dirección Xeral de Urbanismo presentou o informe favorable para a configuración final do parque eólico Penas Longas: «Logo da análise da posición do único aeroxerador do que consta o proxecto, e segundo o arquivo shape facilitado, coincidente coas coordenadas indicadas no punto 7.1 da memoria do proxecto, e comprobado o planeamento vixente nos concellos de Ortigueira e Mañón, no territorio afectado pola área de incidencia urbanística proposta, conclúese que se cumpre a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable de uso residencial».
Décimo sétimo. O 15.7.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu informe para os efectos do previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, indicando que: «Á vista do indicado por ese órgano substantivo, cabe sinalar que a avaliación ambiental ordinaria finaliza coa formulación da DIA polo órgano ambiental, de acordo co artigo 41.1 da Lei 21/2013. A DIA foi notificada e publicada no Diario Oficial de Galicia, tal e como determina a lexislación aplicable, sendo plenamente vixente ata o fin do proxecto ou desmantelamento, salvo que perda a súa vixencia de acordo co artigo 43 da dita lei. Polo que non procede realizar unha nova análise nin ratificar a validez do seu contido, salvo nos supostos indicados nas consideracións legais e técnicas, feitos que deducirá e motivará o órgano substantivo ou mediante os informes que previamente sexan requiridos por ese órgano substantivo aos organismos competentes.
Será necesario que as adaptacións, adecuacións ou modificacións que se pretendan introducir no proxecto teñan en conta a avaliación de impacto ambiental efectuada e se adecúen ao establecido na DIA, en especial e, de ser necesario, será ese órgano substantivo (responsable do seguimento e vixilancia ambiental) o encargado de solicitar os informes necesarios dos organismos sectoriais competentes para garantir o seu cumprimento. Cómpre lembrar a este respecto o condicionado do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitido durante a tramitación de avaliación de impacto ambiental do proxecto, así como a condición 4.1.3 da DIA. Se como resultado destes informes se deducise unha posible afección ambiental significativa, observarase o disposto na condición 4.3.2 da DIA».
Décimo oitavo. O 16.7.2024, o promotor solicita a tramitación separada da autorización previa e de construción do parque de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, indicando o seguinte: «Tendo en conta a necesidade de emisión de informes sectoriais por parte de diferentes organismos relativos á configuración final do parque eólico, así como a actualización do informe de servidumes aeronáuticas por parte de AESA, enténdese oportuna a separación entre o outorgamento da autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, anticipando a autorización administrativa previa».
Décimo noveno. O parque eólico Penas Longas conta cos permisos de acceso e conexión vixentes á rede de transporte no nó Pontes GR 400 kV para unha potencia de 18 MW, do 29.6.2021.
Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, o Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:
1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.4.2024, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.
2. En relación coa ausencia da xustificación da necesidade do proxecto Penas Longas e das súas infraestruturas de evacuación. Galicia supera en 2020 os obxectivos marcados en renovables pola UE para 2030, cabe indicar que: Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eólica en Galicia, cómpre indicar que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos. En relación con esta cuestión, debemos sinalar que a Comunidade Autónoma de Galicia está vinculada polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030 (PNIEC), co que se busca acadar unha maior subministración a partir de fontes de enerxía renovables e diminuír a dependencia enerxética de combustibles fósiles que supoñen un detrimento para o desenvolvemento da economía para as familias e as empresas. Por isto, dentro da execución do PNIEC do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, búscase transformar o sistema enerxético cara a unha maior autosuficiencia enerxética sobre a base de aproveitar dunha maneira eficiente o potencial renovable existente no noso país, particularmente o solar e o eólico. Esta transformación incidirá de maneira positiva na seguridade enerxética nacional ao diminuír de maneira significativa a dependencia dunhas importacións de combustibles fósiles que supoñen unha elevada factura económica e que están sometidas a factores xeopolíticos e a unha volatilidade elevada nos prezos.
Segundo o borrador do PNIEC (2023-2030), o crecemento de capacidade renovable supuxo que no ano 2022 estas fontes cubrisen o 42 % da demanda eléctrica, fronte ao 38 % no ano 2019. O PNIEC prevé para o ano 2030 unha potencia total instalada no sector eléctrico de 214 GW, dos que 160 GW son de xeración renovable. Como estimación inicial, prevese que 62 GW sexan enerxía eólica. Rede Eléctrica de España prevé que 2023 pode ser un ano histórico no cal as renovables cheguen a supoñer o 50 % da xeración, sendo o primeiro país de entre as maiores economías de Europa en conseguilo.
Contextualizando estes datos a nivel internacional, o ránking de IRENA (Axencia Internacional de Enerxías Renovables) no ano 2022 sitúa España como o segundo país da UE en capacidade eólica. Segundo un informe da mesma axencia publicado este xuño, o mundo necesita triplicar a capacidade mundial de enerxía renovable ata algo máis de 11.000 GW en 2030 para manter a posibilidade de limitar o quecemento global a 1,5 °C. Este foi un dos temas tratados no 18º Cume de Xefes do Estado e Goberno do G20 en Nova Delhi, onde se acordou, entre outras cousas «perseguiranse e fomentaranse os esforzos para triplicar a capacidade de enerxía renovable a nivel mundial mediante obxectivos e políticas existentes, así como demostrar unha ambición similar con respecto a outras tecnoloxías cero e de baixas emisións, incluíndo a redución e tecnoloxías de eliminación, en consonancia coas circunstancias nacionais para 2030. Tamén observamos o Plan de acción voluntaria para o fomento das enerxías renovables para acelerar o universal acceso á enerxía (Declaración de Líderes do G20 en Nova Delhi, 9-10 de setembro de 2023). Neste sentido, o 12 de setembro de 2023 aprobouse a Directiva sobre fontes de enerxía renovables do Parlamento Europeo, na cal se poden atopar diferentes puntos en favor das enerxías renovables:
Os Estados membros deberán adiantar o obxectivo da cota de enerxías renovables na combinación enerxética. O obxectivo global da Unión en materia de enerxía é que o 42,5 % desta sexa de orixe renovable no ano 2030, ata alcanzar a neutralidade climática como máis tarde no ano 2050, descarbonizando a industria da Unión Europea. Precísase unha maior racionalización dos procedementos administrativos de concesión de autorizacións co obxecto de eliminar a carga administrativa innecesaria para efectos de establecer proxectos de enerxías renovables e de infraestrutura de rede relacionados. Nesta liña, o capítulo IX, sección primeira, da recente Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece, nunha norma de carácter legal, o papel esencial da enerxía renovable e a necesidade de seguir fomentando o despregamento deste tipo de proxectos, co fin de cumprir os obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea; contribuír coa enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade; e fomentar os beneficios socioeconómicos das enerxías renovables en Galicia, mediante a creación de novos postos de traballo, o fomento das industrias locais, e a súa contribución á redución dos prezos da enerxía e á consecución dun prezo xusto e accesible para os cidadáns e as empresas. Deste modo, declárase de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables.
3. En relación coa vulneración dos principios de igualdade e contradición do procedemento administrativo. Non se permite o acceso á documentación ambiental do proxecto das instalacións de evacuación do proxecto, hai que indicar que:
No que se refire ao dereito de información e participación, cabe indicar que, polo Acordo do 30 de xaneiro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Penas Longas, nos concellos de Ortigueira e Mañón (A Coruña) (expediente IN408A 2020/022).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1 de marzo de 2023. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ortigueira e Mañón), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.
Hai que sinalar que o proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental foron sometidos a información pública durante un período non inferior a 30 días hábiles, tal e como indica a lexislación ambiental.
No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.
Respecto ao acceso aos informes sectoriais na fase de exposición pública do proxecto, cómpre indicar que, de acordo co artigo 37 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental «1. Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano substantivo consultará as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas sobre os posibles efectos significativos do proxecto...». Neste mesmo sentido, o artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, expón: «12. De modo simultáneo ao trámite de información pública, a unidade responsable da tramitación realizará o trámite de audiencia e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas,…».
Respecto da imposibilidade de acceso aos informes sectoriais ditados no expediente, hai que indicar que o exercicio do dereito de acceso á información pública se pode realizar, de acordo coa Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, mediante a presentación da correspondente solicitude, que deberá dirixirse ao titular do órgano administrativo ou entidade que posúa a información.
No relativo á tramitación ambiental realizada ante as modificacións realizadas polo promotor no proxecto tras a participación pública e recepción dos informes sectoriais, esta vén exposta no artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro: «A unidade tramitadora enviará á persoa promotora os informes e as alegacións recibidos para a súa conformidade e/ou consideración na redacción do proxecto de execución, do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial, co fin de que realice as modificacións e adaptacións de cada un destes documentos». Neste mesmo sentido, o artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, establece que «Nas modificacións dos proxectos en tramitación derivadas das adaptacións aos condicionados dos informes sectoriais, ou motivadas por cambios tecnolóxicos debidamente xustificados, non será necesario un novo trámite de información pública, salvo que estean sometidas ao trámite de avaliación de impacto ambiental e sexan modificacións que supoñan efectos ambientais significativos distintos dos previstos orixinalmente, aspecto que será valorado e indicado polo órgano ambiental».
En todo caso, se durante a análise técnica do expediente realizada polo órgano ambiental e de acordo co artigo 40 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, «considera necesario que as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas se pronuncien sobre a nova información recibida en virtude dos números 3 e 4, requirirá ao órgano substantivo para que realice unha nova consulta ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas,…».
A recente resolución do Tribunal Supremo, do 21 de decembro de 2023 (recurso de casación 3303/2022) casa e anula a Sentenza 18/2022, do 21 de xaneiro, ditada pola Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, desestimando o recurso contencioso-administrativo e confirmando a resolución administrativa que constituía o seu obxecto. O Tribunal Supremo fixa como criterio interpretativo que «a Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o ambiente, modificada pola Directiva 2014/52/UE, e a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non impoñen que no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria de proxectos, antes da información pública deba realizarse o trámite de consultas ás autoridades...».
O Tribunal Supremo analiza se tanto a regulación comunitaria como a regulación interna sobre a avaliación ambiental de proxectos, e máis precisamente sobre a avaliación de impacto ambiental ordinaria, impoñen a necesidade de que os informes sectoriais deban acadarse antes do trámite de información pública, por ser condición necesaria para que a participación do público nesa fase temperá do procedemento de toma de decisións ambientais, cando están abertas todas as opcións, poida considerarse real e efectiva, como exixe a normativa indicada.
Con relación á regulación comunitaria, salienta que a Directiva 2011/92/UE non impón exactamente o momento en que se debe realizar a información pública nin que deba forzosamente realizarse despois das consultas ás autoridades. Establece unicamente principios e disposicións fundamentais dos procedementos de avaliación ambiental de proxectos, sen impor ao detalle os trámites concretos, para permitir distintos desenvolvementos por parte dos Estados membros.
No que se refire á regulación interna, tras a análise dos artigos 33 e seguintes da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (LEA), o tribunal conclúe que tampouco se indica exactamente «en que momento debe realizarse este trámite de información pública, sempre que sexa nunha fase temperá, pois teñen que estar abertas todas as opcións». E en relación co seu contido, salienta que o artigo 36 «limítase a mencionar que deben someterse a información pública o proxecto, o estudo e os datos informativos que se mencionan no número 2, sen que se faga referencia expresa aos informes emitidos no trámite de consultas ás autoridades». Engade que o artigo 37 se refire precisamente a este trámite de consultas ás administracións públicas afectadas nos seguintes termos: «Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano substantivo consultará as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas sobre os posibles efectos significativos do proxecto...». Indica o tribunal que «a expresión simultánea alude a un trámite que se realiza ao mesmo tempo que o de información pública, sen que se impoña, pois, tampouco, necesariamente, a súa realización nun momento anterior a esta». Cabe subliñar que o Alto Tribunal sinala respecto da LEA que se trata dunha norma estatal de carácter básico, na maioría do seus preceptos, que deseña un esquema de procedemento común a que deben adaptarse as autonomías, pero deixándolles unha marxe de decisión sobre a forma concreta de deseñar o procedemento ambiental e a súa articulación.
4. En relación coas alegacións referentes á liña de evacuación (soterrar completamente a LAT para evitar afeccións paisaxísticas e sobre a fauna de vertebrados voadores, que se exixa ao promotor compartir as liñas de evacuación existentes ou proxectadas na zona, e que a avaliación de impacto ambiental teña en conta as infraestruturas de evacuación), cómpre indicar que:
O expediente do parque eólico Penas Longas (IN408A 2020/022) inclúe o aeroxerador, así como a rede eléctrica soterrada de 30 kV, de interconexión entre o centro de transformación e o centro de seccionamento do parque. A liña de evacuación do parque eólico Penas Longas é obxecto dun expediente independente (IN408A 2022/012).
O estudo de impacto ambiental do parque eólico Penas Longas inclúe un estudo dos efectos acumulativos (aditivos ou sinérxicos) con parques eólicos e outras infraestruturas enerxéticas, en tramitación e existentes no momento da súa elaboración, situadas na súa contorna nun raio de 15 km, entre elas a liña de evacuación do propio parque eólico Penas Longas.
5. Con respecto a que se deben repotenciar os parques eólicos existentes en lugar de xerar novas instalacións eléctricas, hai que indicar que a vixente Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, regula o procedemento de autorización administrativa das instalacións de parques eólicos permitindo a implantación tanto de novos parques eólicos como a repotenciación dos parques eólicos existentes.
6. Alegan que o lobby eólico defende a instalación de parques baseándose nos beneficios económicos que se xeran para os concellos, pero a instalación de parques non supuxo a fixación de poboación, nin a promoción do emprego, nin a mellora significativa do servizo eléctrico. Porén, produciuse unha perda de poboación nestas localidades. «Con respecto aos beneficios para a sociedade xerados polo parque eólico que se proxecta, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, da saúde e da economía».
En canto ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, se concreta o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía destinarase ás entidades cuxo termo municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión, para a realización de: actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado; actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables; outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.
7. Con respecto a que non existe normativa autonómica específica para regular a actividade eólica, xa que o Plan sectorial eólico de Galicia non está vixente de acordo coa Lei 21/2013, de avaliación ambiental, que obriga a establecer un novo marco regulatorio, isto foi motivo para a paralización da tramitación.
A Lei 8/2009, do 22 de decembro, define o Plan sectorial eólico de Galicia como o instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio. Así mesmo, define área de desenvolvemento eólico (en diante ADE) como o espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou a varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.
No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, reiterando neste punto o disposto no anterior Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei.
8. Ao alegado sobre que se teñan en conta o informe da Comisión Técnica Temporal sobre Enerxía Eólica e Paisaxes Culturais en Galicia, do Consello da Cultura Galega, cabe indicar que no informe da dita Comisión se recoñece a vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia, e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto avalía todos os impactos preceptivos por lei (paisaxístico, cultural, faunístico, etc.). Así mesmo, o proxecto obtivo os informes previos preceptivos, como é o caso do informe favorable sobre o cumprimento de distancias a delimitacións de solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable, emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.
9. Baseándose no artigo 50 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, solicita informe dos servizos de Montes, Medio Rural e Medio Ambiente sobre a compatibilidade e prohibición dos terreos afectados que sufrisen incendios forestais no período establecido na dita lei e sobre os que recae prohibición legal de maneira imperativa.
Ao respecto da solicitude de informe motivado dos servizos de Montes, de Medio Rural e de Medio Ambiente sobre a compatibilidade e prohibición dos terreos afectados por este proxecto que sufrisen incendios forestais no período legal establecido na Lei 43/2003, hai que indicar que o expediente de avaliación de impacto ambiental contén informes do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña, con data do 15.3.2023, e da Dirección Xeral de Defensa do Monte, con data do 8.2.2023.
10. Sobre o alegado de que parte da poligonal coincide coa poligonal do parque eólico do Barqueiro, ao respecto deste punto hai que indicar que, de acordo co artigo 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, as solicitudes non poderán solaparse, salvo que exista acordo entre os titulares dos parques afectados. Enel pon de manifesto a súa vontade de acadar acordos, dado que existe solapamento co parque eólico do Barqueiro.
O parque eólico Penas Longas cumpre cos criterios de non solapamento indicados na disposición transitoria sexta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Os criterios de solapamento indicados na Lei 8/2009 fan referencia ás distancias entre aeroxeradores e en ningún caso mencionan as poligonais para estes efectos. A definición de poligonal, tal e como está recollida na Lei 8/2009, é «área efectivamente afectada pola instalación dun parque eólico determinada no seu proxecto de execución».
O concepto de poligonal na lei eólica é empregado para destinar o Fondo de Compensación Ambiental (artigo 25), para as modificacións non substanciais de parques eólicos (artigo 37), e para as áreas de desenvolvemento eólico (disposición transitoria segunda).
11. Enel indica que unha das vías de acceso ao parque eólico Penas Longas prevé o uso dun camiño para acceder aos seus aeroxeradores, e que a construción e utilización deste camiño está prevista no proxecto parque eólico do Barqueiro, que conta cunha tramitación máis avanzada; polo tanto, se é construído por Enel, solicita ao promotor do parque eólico Penas Longas un uso adecuado e a posterior reposición, se for necesario.
En resposta a esta alegación, o promotor do parque eólico Penas Longas sinalou que, en caso de ser necesario, acadará os acordos pertinentes coa sociedade responsable do parque eólico do Barqueiro para o uso compartido da infraestrutura viaria indicada. O promotor comprométese á reposición dos elementos que resulten danados por causas directamente atribuíbles ao parque eólico Penas Longas.
12. Cando se realizou a solicitude de autorización administrativa, o parque eólico non tiña o permiso de acceso e conexión do parque, que foi outorgado o 20.9.2021, 19 meses despois da solicitude. Este é un requisito disposto nos artigos 29 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Procedería, por ser contraria a dereito, a finalización desestimatoria da solicitude.
De acordo coa redacción dos artigos 29 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, vixente na data da solicitude de autorización administrativa do parque eólico, o 7.2.2020, a obtención dos permisos de acceso e conexión á rede non resultaba requisito necesario para solicitar o inicio dun procedemento de autorización administrativa previa e de construción.
13. Alegan que, segundo o artigo 6.3 do Convenio de Aarhus sobre acceso a información e participación do público na toma de decisións en materia de ambiente, para as diferentes partes fases do procedemento estableceranse prazos razoables que deixen tempo suficiente para informar o público e para que o público se prepare e participe efectivamente nos traballos ao longo da toma de decisións en materia ambiental. Estase a desatender unha chea de normativa en relación co proceso de información ao público; as dificultades inherentes para alegar ante un proxecto tecnicamente complexo nun prazo moi curto dificultan a participación da cidadanía.
Cómpre indicar que, tal e como se recolle no antecedente de feito sexto da presente resolución, mediante o Acordo do 30 de xaneiro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Penas Longas, nos concellos de Ortigueira e Mañón (A Coruña) (expediente IN408A 2020/022).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.3.2023. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ortigueira e Mañón), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.
Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).
O prazo outorgado para a achega de alegacións foi de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da última publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG), de acordo co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro.
14. Non se puxeron á disposición do público os informes sectoriais no procedemento de información pública, tal como dita o dereito da Unión Europea e no que se baseou a sentenza do PE Corme G-3.
Respecto ao acceso aos informes sectoriais na fase de exposición pública do proxecto, hai que indicar que, de acordo co artigo 37 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental: «1. Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano substantivo consultará as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas sobre os posibles efectos significativos do proxecto...», neste mesmo sentido, o artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, expón: «12. De modo simultáneo ao trámite de información pública, a unidade responsable da tramitación realizará o trámite de audiencia e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas,…».
En todo caso, se durante a análise técnica do expediente realizado polo órgano ambiental, e de acordo co artigo 40 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, «se considera necesario que as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas se pronuncien sobre a nova información recibida en virtude dos números 3 e 4, requirirase o órgano substantivo para que realice unha nova consulta ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas,…».
No relativo á tramitación ambiental realizada respecto ás modificacións realizadas polo promotor no proxecto tras a participación pública e recepción dos informes sectoriais, esta está regulada no artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro: «A unidade tramitadora enviará á persoa promotora os informes e as alegacións recibidos para a súa conformidade e/ou consideración na redacción do proxecto de execución, do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial, co fin de que realice as modificacións e adaptacións de cada un destes documentos».
Neste mesmo sentido, o artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, establece que: «Nas modificacións dos proxectos en tramitación derivadas das adaptacións aos condicionados dos informes sectoriais, ou motivadas por cambios tecnolóxicos debidamente xustificados, non será necesario un novo trámite de información pública, salvo que estean sometidas ao trámite de avaliación de impacto ambiental e sexan modificacións que supoñan efectos ambientais significativos distintos dos previstos orixinalmente, aspecto que será valorado e indicado polo órgano ambiental».
Cabe indicar, así mesmo, respecto á imposibilidade de acceso aos informes sectoriais ditados no expediente, que o exercicio do dereito de acceso á información pública se pode realizar, de acordo coa Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, mediante a presentación da correspondente solicitude, que deberá dirixirse ao titular do órgano administrativo ou entidade que posúa a información.
Asemade, con respecto a estas cuestións cómpre ter en conta que a recente Resolución do Tribunal Supremo, do 21 de decembro de 2023 (recurso de casación 3303/2022) casa e anula a Sentenza 18/2022, do 21 de xaneiro, ditada pola Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, desestimando o recurso contencioso-administrativo e confirmando a resolución administrativa que constituía o seu obxecto. O Tribunal Supremo fixa como criterio interpretativo que «a Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o ambiente, modificada pola Directiva 2014/52/UE, e a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non impoñen que, no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria de proxectos, antes da información pública deba realizarse o trámite de consultas ás autoridades...».
O Tribunal Supremo analiza se tanto a regulación comunitaria como a regulación interna sobre a avaliación ambiental de proxectos, e máis precisamente sobre a avaliación de impacto ambiental ordinaria, impoñen a necesidade de que os informes sectoriais deban obterse antes do trámite de información pública, por se a dita obtención é condición necesaria para que a participación do público nesa fase temperá do procedemento de toma de decisións ambientais, cando están abertas todas as opcións, se poida considerar real e efectiva, como exixe a normativa indicada.
En relación coa regulación comunitaria, salienta que a Directiva 2011/92/UE non impón exactamente o momento en que se debe realizar a información pública, nin que se deba forzosamente realizar despois das consultas ás autoridades. Establece unicamente principios e disposicións fundamentais dos procedementos de avaliación ambiental de proxectos, sen impor ao detalle os trámites concretos para permitir distintos desenvolvementos por parte dos Estados membros.
No que se refire á regulación interna, da análise dos artigos 33 e seguintes da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (LEA), o tribunal conclúe que tampouco se indica exactamente «en que momento debe realizarse este trámite de información pública, sempre que sexa nunha fase temperá, pois teñen que estar abertas todas as opcións». E en relación co seu contido, salienta que o artigo 36 «se limita a mencionar que deben someterse a información pública o proxecto, o estudo e os datos informativos que se mencionan no número 2, sen que se faga referencia expresa aos informes emitidos no trámite de consultas ás autoridades». Engade que o artigo 37 se refire precisamente a este trámite de consultas ás administracións públicas afectadas nos seguintes termos: «Simultaneamente ao trámite de información pública, o órgano substantivo consultará ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas sobre os posibles efectos significativos do proxecto...». Indica o tribunal que «a expresión simultánea alude a un trámite que se realiza ao mesmo tempo que o de información pública sen que se impoña tampouco, necesariamente, a súa realización nun momento anterior a esta».
Hai que subliñar que o Alto Tribunal sinala, respecto da LEA, que se trata dunha norma estatal de carácter básico, na maioría do seus preceptos, que deseña un esquema de procedemento común a que deben adaptarse as autonomías, pero deixándolles unha marxe de decisión sobre a forma concreta de deseñar o procedemento ambiental e a súa articulación.
15. Fragmentación artificial ilegal a respecto do parque eólico Penas Longas e outras infraestruturas de xeración eólica e transporte de enerxía.
A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.
Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental.
Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.
Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.
O estudo de impacto ambiental do parque eólico obxecto do presente recurso inclúe un estudo dos efectos acumulativos (aditivos ou sinérxicos) con outros parques eólicos e liñas eléctricas situados nun ámbito de estudo de 15 km en torno ao parque eólico e a liña de evacuación. Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».
Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».
Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria.
Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións.
No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.
Como xa se mencionou, o parque eólico Penas Longas comparte infraestruturas de evacuación, o que non impide que estes teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía.
Cabe indicar que resulta máis favorable desde o punto de vista do impacto ambiental a evacuación conxunta da enerxía xerada; o contrario suporía a construción de varias liñas de vertedura á rede e, como consecuencia, un maior impacto ambiental.
16. Segundo a Lei 8/2009, como medio para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento eólico coa ordenación do territorio, a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións do núcleo rural, urbano ou urbanizable será a maior de 500 m ou 5 veces a altura total do aeroxerador. O proxecto de interese autonómico, así como o propio proxecto, recollen afirmacións incorrectas ao asegurar que non existen vivendas illadas a menos de 500 m, cando a posición PNL1 está a 472 m dunha vivenda no Cotón (citada na alegación). En todo caso, a distancia máis desfavorable segundo a Lei é 1.000 m, a cal non se cumpre para ningunha das posicións mencionadas.
De acordo co punto 17 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental:
«17. A valoración positiva ambiental exixible ao proxecto, de acordo co resultado da avaliación realizada de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, así como o informe de cumprimento de distancias indicado no punto 7 deste artigo, serán requisitos indispensables para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción».
Pola súa parte, a disposición transitoria sétima da mencionada Lei 8/2009, do 22 de decembro, establece o seguinte:
«...2. Para os proxectos admitidos a trámite antes da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os requisitos de distancias a núcleos de poboación establecidos na disposición adicional quinta serán aplicables unicamente no caso de modificacións substanciais de proxectos, solicitadas a partir da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que, por supoñeren efectos ambientais distintos dos previstos inicialmente, requiran o inicio dunha nova tramitación ambiental, e sempre que estas modificacións non veñan impostas por un informe sectorial que motive esta modificación nin por modificacións derivadas do uso compartido de infraestruturas de conexión comúns que non supoñan cambios nas posicións dos aeroxeradores. No resto dos casos, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitados será de 500 m».
«Tal e como se recolle nos antecedentes de feito primeiro e segundo, a admisión a trámite da solicitude inicial e a solicitude da modificación substancial achegada polo promotor o 27.12.2021 son anteriores á entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, polo que ao proxecto lle resulta de aplicación o réxime transitorio previsto na mencionada disposición transitoria sétima».
Neste sentido, o 2.9.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe, en virtude do disposto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, no que respecta ás distancias a núcleos de poboación, concluíndo que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m.
Cómpre indicar, ademais, que a configuración final do proxecto, recollida na documentación técnica do proxecto achegada polo promotor o 1.7.2024, conta co informe favorable da Dirección Xeral de Urbanismo do 12.7.2024, en que se recolle:
«...2.2. Logo da análise da posición do único aeroxerador de que consta o proxecto, e segundo o arquivo shape facilitado, coincidente coas coordenadas indicadas no punto 7.1 da memoria do proxecto, e comprobado o planeamento vixente nos concellos de Ortigueira e Mañón, no territorio afectado pola área de incidencia urbanística proposta, conclúese que cumpre a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable de uso residencial».
17. Sobre a necesidade de incrementar a visibilidade das pas polas aves, pintándoas con pintura distintiva ou UV.
Indícase que o promotor prevé medidas para o incremento da visibilidade dos aeroxeradores, mediante o pintado de patróns de cor nas pas, é dicir, pintado dunha pa en franxas coa posibilidade de patróns como os que se expoñen.
18. Instalar modelos de aeroxeradores que funcionen con menor velocidade de rotación.
O modelo de aeroxerador seleccionado conta coa tecnoloxía eólica de última xeración en aproveitamento do recurso eólico, dotado de todos os avances técnicos exixidos pola normativa en vigor e acorde coas características dos ventos no lugar, segundo os criterios recollidos na norma UNE-EN 61.400-1. A súa elección responde aos requirimentos actuais en materia de seguridade, comportamento ante requisitos da rede eléctrica española, respecto ao ambiente, urbanismo, cumprimento de normativa aeronáutica, eficiencia enerxética, viabilidade económica, etc.
No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non se admiten por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.
No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 18.4.2024, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.
Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Penas Longas, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.4.2024, e recollida no antecedente de feito décimo sexto desta resolución:
a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Penas Longas, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».
b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Penas Longas.
Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
4. Condicións ambientais.
4.1. Condicións particulares.
4.2. Condicións xerais.
4.2.1. Protección da atmosfera.
4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.
4.2.4. Xestión de residuos.
4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.
4.2.6. Integración paisaxística e restauración.
4.3. Outras condicións.
5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
5.1. Aspectos xerais.
5.2. Aspectos específicos.
5.3. Informes do programa de vixilancia.
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Penas Longas, sito nos concellos de Ortigueira e Mañón (A Coruña) e promovido por Adelanta Corporación, S.A. para unha potencia de 7 MW.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante: Adelanta Corporación, S.A.
Enderezo social: parque San Lázaro, 7-1º, 32003 Ourense
Denominación: parque eólico Penas Longas.
Potencia instalada: 7 MW.
Potencia autorizada/evacuable: 7 MW.
Concellos afectados: Ortigueira e Mañón (A Coruña).
A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. De acordo co establecido na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberá outorgarse no prazo máximo de tres meses, sempre que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 desta lei.
2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
4. Logo da autorización de construción do parque eólico, o promotor deberá contar cos informes favorables de Retevisión, Cellnex Telecom, S.A. e Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal), S.A.
5. Logo da autorización de construción do parque eólico, deberá obter os informes favorables de Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, así como de Augas de Galicia e do Instituto de Estudos do Territorio. O condicionado destes informes deberá adaptarse á dita configuración final.
6. Con carácter previo ao outorgamento da autorización administrativa de construción definitiva do proxecto, deberá obter a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).
Así mesmo, para a obtención da autorización administrativa de construción no que respecta aos condicionados técnicos emitidos en relación co proxecto de execución que, de ser o caso, se autorice, terase en conta o previsto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalación de enerxía eléctrica.
7. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.
8. O promotor deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.4.2024, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
