A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 19 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Penas Longas, sito nos concellos de Ortigueira e Mañón (A Coruña) e promovido por Adelanta Corporación, S.A. (expediente IN408A 2020/022).
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Penas Longas, sito nos concellos de Ortigueira e Mañón (A Coruña) e promovido por Adelanta Corporación, S.A. para unha potencia de 7 MW.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. De acordo co establecido na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberá outorgarse no prazo máximo de tres meses, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 desta lei.
2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
4. Logo de autorización de construción do parque eólico, a promotora deberá contar cos informes favorables de Retevisión, Cellnex Telecom, S.A. e Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal) S.A.
5. Logo de autorización de construción do parque eólico, deberá obter os informes favorables de Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, así como de Augas de Galicia e do Instituto de Estudos do Territorio. O condicionado destes informes deberá adaptarse á configuración final.
6. Con carácter previo ao outorgamento da autorización administrativa de construción definitiva do proxecto, deberá obter a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Así mesmo, para a obtención da autorización administrativa de construción, no que respecta aos condicionados técnicos emitidos en relación co proxecto de execución que, de ser o caso, se autorice, terase en conta o previsto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalación de enerxía eléctrica.
7. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.
8. O promotor deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.4.2024, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. O 7.2.2020, Adelanta Corporación, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Penas Longas (expediente IN408A 2020/022), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro). A solicitude foi admitida a trámite o 2.4.2020.
2. O 27.12.2021, Adelanta Corporación, S.A., presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Penas Longas (expediente IN408A 2020/022), de acordo coa capacidade de acceso dispoñible e as limitacións e condicionantes impostos pola localización do proxecto.
3. O 14.7.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, Lei 8/2009).
4. Con data do 2.9.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 sobre o proxecto do parque eólico Penas Longas, onde se indica que «Comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Normas subsidiarias de planeamento de Ortigueira, aprobadas definitivamente o 27.5.1993, e Plan xeral de ordenación municipal de Mañón, aprobado definitivamente o 18.5.2016) e as coordenadas dos 3 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».
5. Con data do 15.11.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Penas Longas á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación, de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
6. Mediante o Acordo do 30 de xaneiro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Penas Longas, nos concellos de Ortigueira e Mañón (A Coruña) (expediente IN408A 2020/022).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.3.2023. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ortigueira e Mañón), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.
Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación).
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.
7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.), Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Concello de Mañón e Concello de Ortigueira.
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 15.3.2023, Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.) o 28.2.2023, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 7.2.2023, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.) o 23.2.2023, e o Concello de Ortigueira o 10.3.2023.
8. Con data do 21.12.2023, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Remitiron a documentación técnica refundida do proxecto do parque eólico Penas Longas como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.
9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Mañón e Concello de Ortigueira.
Cumprida a tramitación ambiental, o 18.4.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 19 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 86, do 2 de maio).
10. Con data do 18.6.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente, ou unha declaración responsable de que a documentación técnica mencionada no antecedente de feito décimo quinto é a definitiva, así como declaración responsable relativa ás afeccións do parque eólico.
11. Con data do 1.7.2024, Adelanta Corporación, S.A. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e presentou o proxecto de execución do parque eólico Penas Longas. Xullo 2024, asinado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado nº 1.185 do ICOIIG, así como a memoria de valoración ambiental, unha declaración responsable do técnico competente e o arquivo shape da configuración final do parque eólico.
12. Con data do 4.7.2024, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Urbanismo o proxecto de execución coa configuración final do proxecto do parque eólico, para os efectos da emisión do informe establecido no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
13. Con data do 4.7.2024, esta dirección xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade o proxecto de execución coa configuración final do proxecto do parque eólico, para os efectos da emisión do informe previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
14. Con data do 5.7.2024, Adelanta Corporación, S.A. remitiulle a esta dirección xeral a solicitude de actualización da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico Penas Longas.
15. Con data do 10.7.2024, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico favorable, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico achegado o 1.7.2024 por Adelanta Corporación, S.A., denominado Proxecto de execución parque eólico Penas Longas. Xullo 2024.
16. O 12.7.2024, a Dirección Xeral de Urbanismo presentou informe favorable para a configuración final do parque eólico Penas Longas: «Logo da análise da posición do único aeroxerador de que consta o proxecto, e segundo o arquivo shape facilitado, coincidente coas coordenadas indicadas no punto 7.1 da memoria do proxecto, e comprobado o planeamento vixente nos concellos de Ortigueira e Mañón, no territorio afectado pola área de incidencia urbanística proposta, conclúese que cumpre a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable de uso residencial».
17. O 15.7.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitiu informe para os efectos do previsto no artigo 52.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, indicando que: «Á vista do indicado por ese órgano substantivo, cabe sinalar que a avaliación ambiental ordinaria finaliza coa formulación da DIA polo órgano ambiental, de acordo co artigo 41.1 da Lei 21/2013. A DIA foi notificada e publicada no Diario Oficial de Galicia, tal e como establece a lexislación aplicable, sendo plenamente vixente ata o fin do proxecto ou desmantelamento, salvo que perda a súa vixencia de acordo co artigo 43 da dita lei, polo que non procede realizar unha nova análise nin ratificar a validez do seu contido, salvo nos supostos indicados nas consideracións legais e técnicas, feitos que deducirá e motivará o órgano substantivo ou polos informes que previamente lles sexan requiridos por ese órgano substantivo aos organismos competentes.
Será necesario que as adaptacións, adecuacións ou modificacións que se pretendan introducir no proxecto teñan en conta a avaliación de impacto ambiental efectuada e se adecúen ao establecido na DIA; en especial e de ser necesario, será ese órgano substantivo (responsable do seguimento e vixilancia ambiental) o encargado de solicitar os informes necesarios dos organismos sectoriais competentes para garantir o seu cumprimento. Cómpre lembrar a este respecto o condicionado do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitido durante a tramitación de avaliación de impacto ambiental do proxecto, así como a condición 4.1.3 da DIA. Se como resultado destes informes se deducise unha posible afección ambiental significativa, observarase o disposto na condición 4.3.2 da DIA».
18. O 16.7.2024, o promotor solicitou a tramitación separada da autorización previa e de construción do parque de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, indicando o seguinte: «Tendo en conta a necesidade de emisión de informes sectoriais por parte de diferentes organismos relativos á configuración final do parque eólico, así como a actualización do informe de servidumes aeronáuticas por parte de AESA, enténdese oportuna a separación entre o outorgamento da autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, anticipando a autorización administrativa previa».
19. O parque eólico Penas Longas conta cos permisos de acceso e conexión vixentes á rede de transporte no nó Pontes GR 400 kV para unha potencia de 18 MW, do 29.6.2021.
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
