DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 26 de agosto de 2024 Páx. 48155

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 20 de agosto de 2024 pola que se publica o incremento da dotación orzamentaria da Resolución do 27 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI461A).

No Diario Oficial de Galicia núm. 13, do 18 de xaneiro de 2024, publicouse a Resolución do 27 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI461A).

Mediante esta resolución establécense as bases que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades locais de mulleres que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, cuxa finalidade é contribuír a que as mulleres vítimas de violencia de xénero acaden unha maior autonomía e co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

No artigo 2 da antedita resolución establécese que para a concesión destas axudas se destina crédito polo importe de 2.500.000 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.20.313D.460.1 (código de proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2024.

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

No número 2 do dito artigo 2 sinálase que, de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

No seu número 3 sinálase que o incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, se destinarán á concesión daqueloutras solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

Por outra banda, de conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán outorgarse subvencións por contía superior á que se determina na convocatoria sen que se realice unha nova convocatoria, salvo que se produza o incremento dos créditos derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) Dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2.

Nos ditos supostos, a ampliación do crédito publicaraa o órgano concedente nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Dado o elevado volume de solicitudes presentadas e resoltas e coa finalidade de atender as potenciais beneficiarias finais, cómpre ampliar, con remanentes procedentes doutras convocatorias, así como de renuncias, o importe dos créditos destinados á contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por un importe de 250.903,38 euros.

Consonte o exposto, e en uso das facultades que me foron concedidas ao abeiro do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento do crédito

1. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión da axuda establecida na Resolución do 27 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas (código de procedemento SI461A), na contía de 250.903,38 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 38.06.313D.460.1, código de proxecto 2018 00112.

2. Esta ampliación non afecta os prazos establecidos na Resolución do 27 de decembro de 2023 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade