Feitos.
1. O 15.1.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial; actualmente, Dirección Territorial de Pontevedra; en adiante, dirección territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á instalación dunha nova posición de liña 132 kV na subestación Atios 220/132/15 kV para a interconexión coa compañía Ceamsa, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/010-4.
Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) da seguinte documentación técnica:
– Proxecto de execución denominado subestación Atios 220/132 kV-nova posición convencional 132 kV (Ceamsa), asinado o 26.12.2023 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada número 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid-COIIM) e visado por este colexio con data do 29.12.2023 e número 202305802, e no que figura un orzamento de 344.944,54 euros.
– Declaración responsable esixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, asinada pola técnica proxectista en novembro de 2023 e incluída no anexo II do proxecto de execución.
– Separatas técnicas do proxecto de execución para as seguintes entidades afectadas polo mesmo: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Concello do Porriño.
Segundo consta no proxecto de execución, na subestación Atios 220/132/15 kV, localizada na Casilla no termo municipal do Porriño e propiedade de UFD (agás o parque de 200 kV, pertencente a REE), proxéctase a ampliación do parque 132 kV mediante unha nova posición de liña dedicada en exclusiva para a interconexión coa compañía Ceamsa (dedicada á industria alimentaria, á farmacéutica e á cosmética, entre outras) e, para isto, instalarase a seguinte aparataxe convencional de 132 kV: un interruptor, un seccionador rotativo con posta a terra, un trío de transformadores de intensidade unipolares, un trío de transformadores de intensidade unipolares para medida de facturación, quince grupos illadores, tres transformadores de tensión e tres autoválvulas.
2. O 9.2.2024, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica ás seguintes entidades afectadas polo mesmo: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Concello do Porriño.
A continuación relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas indicadas, os correspondentes condicionados técnicos: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia o 27.5.2024 e Concello do Porriño o 6.3.2024. Destes condicionados déuselle traslado ao promotor, quen presentou a súa conformidade con eles.
O resto de entidades (Confederación Hidrográfica Miño-Sil) non contestaron, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
3. O 2.7.2024, a dirección territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deulle traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando os seguintes informes:
– Informe favorable sobre o proxecto de execución, emitido o 17.6.2024 polos servizos técnicos da dirección territorial.
– Informe favorable para a resolución do expediente, emitido o 28.6.2024 polo Servizo de Enerxía e Minas da dirección territorial.
Consideracións legais e técnicas.
1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á instalación dunha nova posición de liña 132 kV na subestación Atios 220/132/15 kV para a interconexión coa compañía Ceamsa) no termo municipal do Porriño (Pontevedra), e que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado subestación Atios 220/132 kV-nova posición convencional 132 kV (Ceamsa).
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado subestación Atios 220/132 kV-nova posición convencional 132 kV (Ceamsa), asinado o 26.12.2023 pola enxeñeira industrial María Isabel López Ferrer (colexiada número 17.566 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Madrid-COIIM) e visado por este colexio con data do 29.12.2023 e número 202305802, e no que figura un orzamento de 344.944,54 euros.
2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a dirección territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberán comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a dirección territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.
6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2024
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
