En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da corrección de erros número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Portas, mediante Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 22 de xullo de 2024, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2024
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación da corrección de erros número 1 do Plan xeral de
ordenación municipal do concello de Portas
O Pleno do Concello de Portas na sesión do 26.1.2024, e logo dos informes técnico e xurídico favorables, adoptou o acordo de aprobación da corrección de erros número 1 do PXOM de Portas.
Analizada a documentación presentada polo Concello de Portas o 2.7.2024 e vista a proposta literal subscrita pola Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes de feito.
Primeiro. O PXOM do concello de Portas conta con aprobación definitiva condicionada, segundo a Orde de aprobación definitiva do PXOM de Portas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 10.5.2021.
Conforme o disposto no artigo 62 da LSG, o Concello de Portas achegou documento refundido do PXOM, dando cumprimento á Orde sinalada do 10.5.2021, e constando a súa inscrición no Rexistro de Planeamento de Galicia con data do 9.11.2021. A data de publicación no BOP foi o 7.12.2021, data en que entrou en vigor o PXOM.
Segundo. O 29.2.2024, o Concello de Portas remite a esta dirección xeral o documento de corrección de erros número 1 do PXOM de Portas para a súa aprobación, xunto co expediente administrativo. Analizada a dita documentación, emítese un requirimento para a emenda de deficiencias, con data do 12.3.2024.
Terceiro. O 2.7.2024 o Concello de Portas cumpre o requirimento do 12.3.2024, mediante unha ligazón dixital. A documentación achegada e descargada é a seguinte:
– carpeta 36040_CE01PXOM_202302_AD_01PDF.zip
– carpeta 36040_CE01PXOM_202302_AD_02EDIT.zip
Cuarto. O dito documento, denominado Corrección de erros número 1 do PXOM de Portas, consiste na clasificación de 8 parcelas catastrais (36040A013004560000TY, 36040A013004550000TB, 36040A013004540000TA, 36040A013004530000TW, 36040A013004520000TH, 36040A013004510000TU, 36040A013004500000TZ e parte da 36040A013004490000TH), como solo de núcleo rural no lugar de Currás, na parroquia de Santa María de Portas.
A xustificación fundaméntase en que no período de exposición pública, logo da aprobación inicial do PXOM do 30.8.2013 en que esas parcelas non estaban incluídas no solo de núcleo rural de Currás, os interesados fixeron alegacións que foron obxecto de informe favorable e aceptadas polo Concello no Pleno do 27.7.2014, o que se notificou aos interesados. Daquela, as ditas parcelas foron incluídas na delimitación do solo de núcleo rural de Currás no documento aprobado provisionalmente polo Pleno do 25.10.2019.
Seguindo co procedemento, o Concello remitiu o PXOM aprobado provisionalmente á Dirección Xeral de Urbanismo para a súa aprobación definitiva. Detectadas deficiencias na documentación, a Dirección Xeral emite un requirimento de integridade documental o 13/.12.2019. En contestación ao dito requirimento, o Concello achega nova documentación e o 20.5.2020 solicita a suspensión do prazo de resolución ao detectar a falta de dous informes sectoriais. Logo da recepción dos ditos informes favorables, o Pleno do Concello de Portas aproba provisionalmente por segunda vez o PXOM, con data do 29.1.2021.
A delimitación do núcleo rural de Currás, nesta segunda aprobación provisional, exclúe as ditas parcelas sen que exista unha motivación, polo que o Concello considera que se trata dun erro material, e tramita esta corrección de erros número 1 para corrixir e incorporar as ditas parcelas á delimitación do núcleo rural de Currás, tal e como figuraba na documentación aprobada provisionalmente por primeira vez polo Pleno do 25.10.2019.
Polo anterior, resulta pertinente modificar os seguintes documentos do PXOM:
– Plano M-03(b). Análise do modelo de asentamento poboacional. Parroquia de Portas: recolle a delimitación do núcleo de Currás.
– Plano C-1.01. Estrutura xeral e orgánica do territorio: recolle a delimitación do núcleo de Currás.
– Plano C-2.01. Clasificación xeral do solo e sistemas xerais: recolle a delimitación do núcleo de Currás e o solo rústico circundante.
– Plano C-3.04. Clasificación xeral do solo e sistemas xerais: recolle a delimitación do núcleo de Currás e o solo rústico circundante.
– Plano C-6.01. Zonificación acústica: recolle a delimitación do núcleo de Currás.
– Plano O-03. Ordenación dos núcleos rurais. Parroquia de Portas: recolle a delimitación do núcleo de Currás.
Modifícanse as fichas da análise do grao de consolidación no plano CO-03.2. Análise do grao de consolidación dos núcleos rurais, que recolle a delimitación do núcleo de Currás.
Modifícase o catálogo nas seguintes fichas e planos:
– Plano H-03. Plano do catálogo de hórreos da parroquia de Portas: recolle indirectamente o núcleo de Currás posto que o obxectivo deste plano é a identificación dos hórreos da parroquia.
– Fichas GA36040A05, A-03-09 e C-03-04: recollen indirectamente o núcleo de Currás posto que o obxectivo destas fichas é a identificación dos elementos patrimoniais codificados.
Modifícase a normativa na ficha de desenvolvemento do sector SUD-01: recolle indirectamente o núcleo de Currás. O obxectivo desa ficha é a identificación do sector de solo urbanizable.
No referente aos textos, modifícanse diferentes epígrafes da memoria en que se recollen as diferentes superficies do PXOM que se ven afectadas por esta corrección.
II. Análise e consideracións.
Segundo o artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, estas poderán rectificar en calquera momento de oficio ou por instancia de parte os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.
Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración de que para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito se require que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos; é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos e que se aprecie tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte.
Aínda que sempre debe empregarse a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa o erro material da transcrición é indiscutible, evidente, manifesto e constatado coa comprobación dos documentos que obtiveron a aprobación definitiva, o que fai que sexa procedente a súa emenda, polo que procede a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Consonte a xustificación achegada polo Concello de Portas cúmprense os requisitos do erro material, pois trátase dun feito manifesto que as alegacións foron estimadas e as parcelas incluídas no núcleo rural de Currás, tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo, e que non precisa de interpretación nin valoración xurídica.
III. Competencia.
O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que «As administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes non seus actos».
A competencia para resolver corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
IV. Resolución.
En consecuencia, visto o que antecede, e por proposta literal da Dirección Xeral de Urbanismo,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación a esta corrección de erros número 1 do PXOM de Portas, segundo a documentación aprobada polo Pleno do Concello na súa sesión do 26.1.2024 e que afecta 7 planos en que está reflectido o núcleo rural de Currás; 1 plano e 3 fichas do catálogo, e a ficha do sector SUD-01, que tamén recollen o dito núcleo de xeito indirecto; e modifícanse epígrafes da memoria en que se recollen as diferentes superficies do PXOM.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e co 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Portas no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De acordo co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico.
4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
