DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 26 de agosto de 2024 Páx. 48162

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 11 do Plan xeral de ordenación municipal de Vilagarcía de Arousa.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 11 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vilagarcía de Arousa, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, do 29 de xullo de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_
WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_
p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2398&_aaeTipology_WAR_aae_id=2398

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 11 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vilagarcía de Arousa, Pontevedra (PTU-PO-21/028)

O Concello de Vilagarcía de Arousa remite documentación relativa á modificación puntual de referencia de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada polo arquitecto Alfonso Botana, e vista a proposta literal elevada pola Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O concello de Vilagarcía de Arousa conta cun plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 4.2.2000 (BOP do 26.5.2000 e DOG do 12.6.2000).

2. Mediante a Resolución do 27 de maio de 2021 da Dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulouse o informe ambiental estratéxico da modificación puntual e resolveuse non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 17.6.2021).

3. Constan informes municipais: técnico, do 18.1.2022; e xurídico, do 18.1.2022.

4. A modificación puntual número 11 aprobouse inicialmente o día 27.1.2022, e someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 18.2.2022 e no xornal La Voz de Galicia do 18.2.2022. Non foron presentadas alegacións.

5. O Concello solicitou os informes estatais, constando informes de: Delegación do Goberno do 2.6.2022, e remitiuse o informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 22.3.2022; Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do 21.3.2022; Portos do Estado, do 29.4.2022; Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de 21.12.2021 e 1.4.2024, así como informes da Comunidade Autónoma en materia de costas, emitidos os días 25.8.2021 e 16.2.2023.

6. Segundo o previsto no artigo 60.7 da LSG, a Dirección Xeral de Urbanismo solicitou os informes sectoriais autonómicos preceptivos, constando informes de: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, previsto no artigo 102 do Plan de ordenación do litoral de Galicia, do 23.6.2022; Portos de Galicia, do 11.4.2022; Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 11.4.2022; Dirección Xeral de Emerxencias, do 31.3.2022; Instituto de Estudos do Territorio, do 8.7.2022; Augas de Galicia, do 29.3.2022; Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 1.6.2022. Asemade, deuse audiencia aos concellos limítrofes de Caldas de Reis, Catoira, Ribadumia e Vilanova de Arousa, que non responderon no prazo establecido no artigo 60.7 da LSG.

7. Constan informes municipais: técnico, do 18.1.2023; xurídico, do 18.1.2023; de Secretaría, do día 18.1.2023; e de Intervención, do 18.1.2023.

8. O Concello Pleno do 26.1.2023 aprobou provisionalmente esta modificación puntual.

II. Obxecto e descrición da modificación.

A modificación puntual ten por obxecto axustar as determinacións urbanísticas de aplicación nas instalacións da EDAR existente e nos terreos contiguos previstos para a súa ampliación, que o PXOM recolle baixo diferentes clases de solo cuxos usos non resultan compatibles cos existentes.

Coa modificación unifícase a clasificación do ámbito como solo urbano consolidado Sistema Xeral de Servizos Urbanos e Infraestruturas (SX-IS-SAN-X-44-Ex depuradora do Ferrazo), o que obriga a actualizar os datos do Sistema xeral de infraestruturas e servizos públicos X-44 depuradora de Ferrazo (que pasa a 18.157 m2), do ámbito UEI-27 e do sistema L-169.

A modificación non ten afección sobre parcelas privadas: das tres parcelas afectadas unha é titularidade da Comunidade Autónoma e as outras dúas son de titularidade municipal.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público nas que se xustifica a modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG, fundaméntanse no beneficio público que supón a conservación e protección do ambiente e a promoción da eficiencia de recursos ao incrementar a capacidade de tratamento de augas residuais dunhas instalacións ao servizo de toda a poboación.

2. Analizada a documentación achegada cómpre sinalar:

– Deberase reflectir no plano 06.01 Clasificación do solo proposta a clasificación do ámbito obxecto da modificación puntual como solo urbano consolidado, segundo se xustifica na memoria.

– Deberase identificar no plano 06.02. Calificación do solo urbano proposto o ámbito de solo urbano non consolidado UEI-27 e do sistema L-169.

– O informe da Dirección Xeral da Costa e do Mar do 1.4.2024 é favorable condicionado ás consideracións formuladas nel, sen que conste o seu cumprimento na documentación achegada.

– O informe de Portos do Estado do 29.4.2022 é favorable condicionado á extensión da cualificación da zona de servizo do porto de Vilagarcía como sistema xeral portuario a todo o ámbito da modificación puntual, sen que conste o cumprimento deste requirimento.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións puntuais corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 11 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vilagarcía de Arousa, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II anterior.

O documento que se remita para a súa inscrición do Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia deberá vir debidamente asinado e dilixenciado segundo os parámetros das normas técnicas de planeamento.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.