DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 28 de agosto de 2024 Páx. 48529

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO do 1 de agosto de 2024 da Resolución do 24 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Carboeiro, sito nos concellos da Laracha, Culleredo e Arteixo, promovido por Green Capital Development 157, S.L.U. (expediente IN408A 2019/013).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Carboeiro, sito nos concellos da Laracha, Culleredo e Arteixo (A Coruña), promovido por Green Capital Development 157, S.L.U. (expediente IN408A/2019/013).

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Carboeiro, sito nos concellos da Laracha, Arteixo e Culleredo (A Coruña), promovido por Green Capital Development 157, S.L.U., para unha potencia de 29,5 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Carboeiro, conforme o documento titulado Proxecto de execución. Parque eólico Carboeiro. Arteixo, A Laracha e Culleredo. Abril de 2023, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares o 20.4.2023 (colexiado número 1.102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co número 20231255, do 20.4.2023.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Development 157, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, na cantidade de 415.218 euros, dos cales 177.951 corresponden á fase de obras e 237.267 á fase de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 5 da declaración de impacto ambiental.

5. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11 de enero de 2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA), o promotor deberá dispoñer de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Instituto de Estudos do Territorio de acordo co número 4 da DIA, logo de comunicación do inicio de obras.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade

7. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

15. Con carácter previo á comunicación de inicio de obras o promotor deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático que conta cos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística, dos terreos de implantación do parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación recollidos nesta resolución, de acordo co artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 14.3.2019, Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Carboeiro (expediente IN408A 2019/13) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

2. O 10.5.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento da súa solicitude dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009. O 14.5.2019 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

3. O 18.1.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

4. O 8.2.2022 A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Carboeiro á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación.

5. Mediante o Acordo da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, do 6.5.2022, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) (PIA) do proxecto do parque eólico Carboeiro, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Culleredo (A Coruña) (expediente IN408A 2019/013).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.5.2022. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados, A Laracha, Culleredo e Arteixo (A Coruña), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

6. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Red Eléctrica de España, S.A., M Pouso, S.L., Telefónica España, Dirección General de Telecomunicaciones, Concello de Arteixo, Concello de Culleredo e Concello da Laracha.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (19.6.2022), Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión) (30.6.2022), Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa) (17.7.2022), Red Eléctrica de España, S.A. (26.8.2022), M Pouso, S.L. (22.8.2022), Telefónica España (30.5.2022), Dirección General de Telecomunicaciones (23.10.2022), Concello de Arteixo (11.10.2022) e Concello de Culleredo (4.7.2022).

O Concello de Arteixo emitiu dous informes, o 6.7.2022 e o 11.10.2022, nos cales, ademais de fixar o condicionado técnico, formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e outras varias, entre elas, incumprimento da distancia regulamentaria a núcleos de poboación. Respecto destas, hai que indicar o seguinte: existen informes da DXOTU, indicados nos antecedentes de feito terceiro e décimo cuarto, sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación e o resto de cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA, e procedemento de aprobación da declaración de utilidade pública, en concreto, pendente de resolver). En relación co condicionado técnico o promotor deu resposta ao resto de cuestións ou reparos formulados polo Concello.

O Concello de Culleredo emitiu un informe o 4.7.2022, no cal, ademais de fixar o condicionado técnico, formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e outras varias, entre elas, incumprimento da distancia regulamentaria a núcleos de poboación e disposición adicional quinta da Lei 8/2009, en concreto dos aeroxeradores CA07 e CA08, respectivamente. O aeroxerador CA07 elimínase na documentación final para desafectar as servidumes aeronáuticas presentes e para desafectar hábitats prioritarios e, con respecto ao aeroxerador CA08, non é de aplicación a disposición adicional quinta da Lei 8/2009. Ademais existen informes da DXOTU, indicados nos antecedentes de feito terceiro e décimo cuarto, sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación e o resto de cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA, e procedemento de aprobación da declaración de utilidade pública, en concreto, pendente de resolver). En relación co condicionado técnico, o promotor deu resposta ao resto de cuestións ou reparos formulados polo Concello.

Con data do 27.6.2022 M Pouso, S.L., en resposta á separata remitida, indica que as instalacións do parque eólico Carboeiro se atopan nas proximidades da polvoreira «Deposito comercial de explosivos de Chan de Cadaval das Cordas». Nun informe encargado pola empresa a Lomber Enxeñeiros, S.L. conclúese que: «Polo exposto, o que subscribe considera, pola presenza do depósito de explosivos, na súa localización e coa capacidade autorizada de 50.000 kg de explosivos na polvoreira principal, que é incompatible a localización do aeroxerador CA06, e o uso dos camiños de acceso a este e ao aeroxerador CA07, de forma continua, polo persoal de obra durante a construción, e debería estudarse unha ubicación alternativa fora dos círculos de seguridade do depósito de explosivos, para evitar a presenza de persoas dentro de estes círculos».

En relación coa reposta de M Pouso, S.L., a Xefatura Territorial da Coruña solicita o 1.3.2023 informe a Dirección Xeral de Minas de Goberno da Nación. O 31.5.2023 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, como consecuencia da consulta realizada en relación co asunto de referencia, informa de que: «dado que o aeroxerador está situado a unha distancia de 490 metros do depósito de explosivos, considérase viable a coexistencia do aeroxerador, posto que cumpriría coas prescricións de seguridade a vivendas illadas e outras estradas ou liñas de ferrocarril, reguladas na Instrución técnica complementaria número 9 do Regulamento de explosivos».

Para o resto de organismos que non contestaron e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibírense estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

7. Con data do 3.6.2022 Green Capital Development 157, S.L.U. solicitou a transmisión de titularidade do expediente do parque eólico a favor desta sociedade e, posteriormente, con data do 7.12.2022 mediante resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais autorizouse a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Carboeiro, sito nos concellos da Laracha, Culleredo e Arteixo (A Coruña), titularidade de Green Capital Power, S.L., a favor de Green Capital Development 157, S.L.U. (expediente IN408A 2019/013).

8. O 12.12.2022 a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Axencia Galega de Turismo e Augas de Galicia (CHGC), así como aos concellos de Arteixo, Culleredo e A Laracha, á Sociedade Galega de Historia Natural e á Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Formalizada a tramitación ambiental, o 11.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 12 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Carboeiro, nos concellos de Arteixo, Culleredo e A Laracha (expediente 2020/0045) (DOG núm. 13, do 12.1.2023).

10. O 30.12.2022, o promotor presenta proxecto definitivo adaptado ás modificacións producidas durante a tramitación do expediente do parque eólico Carboeiro con base nos informes emitidos polos organismos sectoriais. Segundo figura no proxecto, elimínanse os aeroxeradores CA03, CA04 e CA07, modifícase a localización dos aeroxeradores CA05 e CA06 e da torre meteorolóxica e a plataforma de montaxe do aeroxerador CA8 desprazase respecto da posición inicial. Como consecuencia dos cambios anteditos modifícase tamén o trazado das gabias de cablaxe e das vías.

11. O 27.2.2023 Green Capital Power, S.L. presentou o proxecto refundido denominado Proxecto de execución. Parque eólico Carboeiro. Arteixo, A Laracha e Culleredo. Febreiro de 2023, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares o 24.2.2023 (colexiado núm. 1.102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co núm. 20230547, do 27.2.2023, para adaptarse ao condicionado da DIA.

12. O 5.4.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas polo promotor aos seguintes organismos: Augas de Galicia (CHGC), Concello de Arteixo, Concello de Culleredo e Concello da Laracha.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (4.5.2023), Concello de Arteixo (5.5.2023) e Concello de Culleredo (11.5.2023).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibírense estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento

13. O 5.4.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial sobre a documentación refundida.

14. O 20.4.2023 Green Capital Power, S.L. presentou o proxecto refundido denominado Proxecto de execución. Parque eólico Carboeiro. Arteixo, A Laracha y Culleredo. Abril de 2023, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares o 20.4.2023 (colexiado núm. 1.102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co núm. 20231255, do 20.4.2023, para emendar certas erratas e completar algún cálculo eléctrico.

15. O 21.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

16. Con data do 31.8.2023 o promotor presentou a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, do 25.8.2023.

17. Con data do 20.12.2023, Green Capital Development 157, S.L.U. remitiu un documento de Red Eléctrica de España, S.A (REE), asinado electronicamente o 1.12.2023, no cal indica que o parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión vixentes á rede de transporte no nodo Meirama 220 kV para unha potencia de 36 MW, con data do permiso de acceso do 24.10.2019 e do permiso de conexión do 28.7.2021.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático