Mediante a Orde do 11 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 24, do 2 de febreiro) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CO300C).
O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que, en concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas nos artigos 4 e 5 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2023 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 22 destas bases reguladoras, pola incidencia que nos sectores do comercio e da artesanía teñen tanto o período de rebaixas de inverno como a campaña de Nadal, que son para moitos establecementos o momento idóneo para o lanzamento de novas propostas comerciais, en establecementos e a través da canle dixital.
Pola súa banda, o artigo 22.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 30 de setembro de 2024, dunha copia da documentación indicada no propio artigo 22.1.
Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 22.1 das bases reguladoras para ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do artigo 22.1 do anexo I da Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CO300C)
O primeiro parágrafo do artigo 22.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:
«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o 18 de outubro de 2024, dunha copia da seguinte documentación:».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
