DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 9 de setembro de 2024 Páx. 49777

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de infraestruturas de almacenamento enerxético, que favorezan a electrificación da demanda de enerxía para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN425A).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas que, unanimemente, están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, considera a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o almacenamento enerxético. As actuacións que se desenvolverán enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e da Axenda Enerxética de Galicia 2030.

Nos actuais procesos de transición enerxética, a electrificación é unha das principais vías para a descarbonización de actividades que actualmente están asociadas ao consumo de combustibles fósiles, de forma que, para que estas actividades poidan ser electrificadas, existen unhas importantes necesidades de adaptación da infraestrutura eléctrica que permita atender a correspondente demanda de enerxía e na cal o almacenamento enerxético pode contribuír de maneira importante en canto á xestionabilidade das enerxías renovables, a mellora da calidade de rede en determinadas zonas ou a mellora na seguridade de subministración, entre outros aspectos.

A presente convocatoria será cofinanciada con cargo ao programa operativo Galicia Feder 2021-2027, ten unha taxa de cofinanciación do Feder do 60 %, computándose como investimento privado elixible das persoas beneficiarias o 40 % no caso de empresas e como outro investimento público elixible o 40 % no caso de que os beneficiarios sexan entidades públicas.

A convocatoria encaixa nas seguintes epígrafes do programa Galicia Feder 2021-2027:

– Obxectivo político: 2. Unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

– Obxectivo específico: RSO2.3. Desenvolvemento de sistemas, redes e equipamentos de almacenamento de enerxía intelixentes á marxe da rede transeuropea de enerxía (RTE-E).

– Actuación: 2.3.01. Incentivos a infraestruturas de almacenamento enerxético.

– Ámbitos de intervención:

• 053: Sistemas de enerxía intelixentes (incluídas as redes intelixentes e os sistemas de TIC) e o seu almacenamento.

– Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicador de realización:

• RCO01-Empresas apoiadas.

• RCO02-Empresas apoiadas a través de subvencións.

b) Indicador de resultado:

– RCR34-Despregamento de proxectos de sistemas enerxéticos intelixentes (número de proxectos).

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de infraestruturas de almacenamento enerxético que favorezan a electrificación da demanda de enerxía (código de procedemento IN425A) cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, así mesmo, por medio desta resolución, procédese á súa convocatoria para as anualidades 2024-2025.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de infraestruturas de almacenamento enerxético que favorezan a electrificación da demanda de enerxía, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado destas bases reguladoras (código de procedemento IN425A).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do cal se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos considérase que os fondos asignados á convocatoria serán suficientes para atender todas as solicitudes que poidan presentarse e, ademais, trátase de proxectos moi diferentes e, polo tanto, non se poden comparar entre si. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

3. As axudas recollidas nestas bases reguladoras están suxeitas ás condicións que se establecen no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño de 2014, concretamente, no capítulo III, sección 7, artigo 41, Axudas ao investimento para a promoción de enerxía procedente de fontes renovables, de hidróxeno renovable e da coxeración de alta eficiencia, no seu punto 7.b), que recolle a intensidade máxima de axuda para esta tipoloxía de investimentos, e no artigo 36.bis, Axudas ao investimento en infraestruturas de recarga ou reabastecemento.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. De conformidade co disposto no artigo 6.1 destas bases reguladoras, os traballos non poderán iniciarse con anterioridade á data de presentación da solicitude.

Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior; a merca de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 25.000 euros por actuación (IVE non incluído).

3. Cada solicitante poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico.

4. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE L 231, do 30.6.2021), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). En atención ao considerando 10 do citado RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables que fixa os obxectivos ambientais que se van protexer:

1º. Mitigación do cambio climático.

2º. Adaptación ao cambio climático.

3º. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4º. Transición cara unha economía circular.

5º. Prevención e control da contaminación.

6º. Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega coa repartición bianual recollida na seguinte táboa, e imputaranse ás aplicacións orzamentarias: 09.A3.733A.745.0, 09.A3.733A.761.2, 09.A3.733A.770.9 e 09.A3.733A.781.2. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.500.000,00 €.

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

09.A3.733A.745.0

50.000,00 €

50.000,00 €

100.000,00 €

09.A3.733A.761.2

100.000,00 €

400.000,00 €

500.000,00 €

09.A3.733A.770.9

250.000,00 €

1.150.000,00 €

1.400.000,00 €

09.A3.733A.781.2

100.000,00 €

400.000,00 €

500.000,00 €

500.000,00 €

2.000.000,00 €

2.500.000,00 €

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se pasado un mes desde a apertura do prazo de solicitudes nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias das presentes subvencións:

a) As empresas legalmente constituídas, as asociacións de empresarios e os autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

Para os efectos destas bases, terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 segundo a cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía, os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, as actividades recollidas neste punto e amparadas polo Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e deberán contar, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo III do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresa de servizos enerxéticos aquela persoa, física ou xurídica, que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no paragrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario, e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible o estimable.

2. As entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, vinte (20) días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

– As persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As empresas que non cumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– As empresas do sector da pesca e acuicultura, por aplicación do artigo 1.3.a) do Regulamento (UE) nº 651/2014.

– As empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases desde a 1.11 a 02.40 do CNAE-2009, ambas incluídas na exclusión.

– Os sectores a que se refire o número 3 do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser beneficiarios conforme este artigo.

Artigo 6. Proxectos que se subvencionan

1. Poderán ter dereito a subvención os proxectos de almacenamento enerxético mediante baterías que favorezan a electrificación da demanda de enerxía descritas no número 2 deste artigo que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo de execución dos proxectos subvencionables (téñase en conta a definición de inicio dos traballos recollida no artigo 2.1) iniciarase unha vez que se efectuase a solicitude de axuda ante esta entidade, e rematará no prazo previsto no artigo 27.

2. Serán subvencionables aqueles proxectos que xustifiquen unha mellora, respecto á situación previa á súa implantación, no aproveitamento e xestión de fontes renovables de enerxía e/ou na calidade e seguridade da subministración eléctrica mediante alternativas de almacenamento enerxético.

Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.

Artigo 7. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan

1. Co obxectivo de garantir o correcto funcionamento das instalacións, con carácter xeral, cando sexa de aplicación, cumprirase o Regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT) ou de alta tensión, se for o caso.

2. O investimento elixible máximo (sen IVE) será de 800,00 €/kWh de capacidade de almacenamento, non sendo elixibles as baterías de chumbo-ácido.

3. Deberán xustificar, respecto á situación previa á súa implantación e atendendo a algunha das seguintes tipoloxías de proxecto, unha mellora das alternativas de almacenamento enerxético mediante baterías:

– No aproveitamento e xestión de fontes renovables de enerxía: mediante o desenvolvemento de redes locais de almacenamento de enerxía e/ou a súa aplicación en comunidades enerxéticas.

– Na calidade e seguridade da subministración eléctrica: mediante o desenvolvemento de alternativas de almacenamento enerxético en poboacións ou zonas empresariais ou industriais que requiran dunha mellora na calidade e seguridade da subministración eléctrica, ou o desenvolvemento de alternativas de almacenamento enerxético que favorezan a implantación de infraestrutura de recarga de alta potencia (> 100 kW) para vehículos eléctricos.

En ambas as dúas tipoloxías, os proxectos deberán xustificar que forman parte dunha rede eléctrica intelixente. Para tal efecto, terase en conta a definición de rede eléctrica intelixente recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2023/1315.

De igual forma, en ambas as dúas tipoloxías, o sistema de almacenamento absorberá, polo menos, o 75 % da súa enerxía de instalacións de enerxía renovable directamente conectadas, sobre unha base anual.

4. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

5. Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberán cumprirse as seguintes condicións específicas durante a execución do proxecto:

a) Ao menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do proxecto prepararase para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición de UE. A verificación desta condición realizarase achegando os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino a reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadada.

b) Non utilización de amianto nin sustancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de sustancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006. A verificación desta condición realizarase achegando un certificado da empresa contratista conforme, para a execución da obra, non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de sustancias suxeitas a autorización figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2066.

6. As axudas reguladas por esta resolución atenderán ao principio de «non prexudicar significativamente» (principio DNSH) ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

7. Para o caso de proxectos que inclúan a execución de infraestruturas, deberá asegurarse que se cumpran as seguintes condicións:

• As actuacións que poidan afectar espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao abeiro da Lei 5/2019, de patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia.

• As actuacións que poidan afectar os bens culturais ou o seu entorno deberán ser autorizadas polo órgano administrativo competente en materia de patrimonio cultural.

8. O beneficiario debe garantir a protección fronte ao cambio climático daquelas infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco (5) anos, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Para iso, deberá terse en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva, para o efecto, a autoridade de xestión do programa en colaboración coa Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos.

9. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de subvención anteriormente.

Artigo 8. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables mediante a presente convocatoria de axudas:

a) O sistema de almacenamento enerxético con baterías que non sexa de chumbo-ácido.

b) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento e xestión do sistema.

c) A elaboración do proxecto técnico e dirección facultativa relacionados coa actuación.

d) O custo de montaxe e conexionado.

Artigo 9. Investimentos non subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 6 e 7 non serán subvencionables.

2. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. Non se consideran custos subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable.

En todo caso, aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) As obras de mantemento.

d) A obra civil non asociada á instalación dos equipamentos nin aos gastos de legalización.

e) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

5. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido nas bases reguladoras da subvención. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Artigo 10. Contía da axuda

1. A intensidade da axuda, segundo o tipo de beneficiario e a tipoloxía de proxecto, será a seguinte:

Beneficiario

Tipoloxía de proxecto (segundo artigo 7)

Proxectos de almacenamento enerxético relacionados coa infraestrutura de recarga de alta potencia (> 100 kW) para vehículos eléctricos (%)

Resto de proxectos considerados

(%)

Gran empresa

20 %

30 %

Mediana empresa

40 %

40 %

Pequena empresa

50 %

50 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto será de 500.000,00 €.

3. A axuda máxima por entidade beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 1.000.000,00 de euros.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior o valor do mercado.

Artigo 11. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito. Para facilitar a acreditación da representación achégase un modelo no anexo II destas bases.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o sétimo (7º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o final do prazo coincide en día inhábil, prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de cubrir o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar, a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:

– Nomeamento de representante (anexo II), cando sexa necesario.

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

5. As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente serán inadmitidas a trámite.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7. Os fondos solicitados e os validados polo Inega poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles para a tipoloxía de beneficiario de que se trate. Polo tanto, a axuda máxima para conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles para unha tipoloxía de beneficiario, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera para esta tipoloxía; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera. As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a) Nomeamento de representante (anexo II), cando sexa necesario.

b) Para acreditar a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos, admitiranse os seguintes documentos: título de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado, en ambos os dous casos, de declaración responsable (asinada polo representante legal da entidade solicitante) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

c) As tres ofertas de distintos provedores que debe ter solicitado o solicitante da axuda, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000,00 €.

Cando o investimento sen IVE da actuación sexa inferior a 15.000,00 €, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considerase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do Decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de «empresas asociadas» ou «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada, deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse, alternativamente, mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine, xustificadamente, o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

d) Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá, como mínimo:

1º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) e unha memoria técnica en que se describirá, de forma detallada, o sistema de almacenamento enerxético e do resto dos compoñentes principais da instalación, especificando o sistema de conexión e o seu sistema de xestión. Tamén incluirá unha xustificación da enerxía almacenada, da enerxía aproveitada, da mellora no aproveitamento e xestión de fontes renovables de enerxía e/ou na calidade e seguridade de subministración eléctrica respecto á situación previa á súa implantación, e tamén das emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro, e a xustificación de que o proxecto forma parte dunha rede eléctrica intelixente e de que o sistema de almacenamento absorberá, ao menos, o 75 % da súa enerxía de instalacións de enerxía renovable directamente conectadas, sobre unha base anual.

2º. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos e esquema de funcionamento da instalación.

3º. Folla de características dos equipamentos de almacenamento de enerxía e dos equipamentos e sistemas principais da instalación.

4º. Orzamento desagregado.

5º. Plan financeiro do proxecto.

e) As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nas alíneas i) a iii) deste artigo e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

f) As empresas deben acreditar a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

g) Declaración responsable de que non se trata dunha empresa en crise e que non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión.

h) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

1º. Copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. O contrato deberá recoller a súa formalización con data igual ou posterior á data de presentación da solicitude de axuda da presente convocatoria, co obxecto de respectar o seu carácter incentivador.

2º. Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

i) Para a acreditación da condición de pequena, mediana ou gran empresa, deberase achegar, ademais:

1º. Contas anuais da empresa solicitante, e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

2º. Declaración responsable emitida polo representante da empresa en que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

j) Documentación adicional obrigatoria para entidades sen ánimo de lucro, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nas alíneas i) a iii) deste artigo. Ademais, deberán achegar a documentación que acredite a representación correspondente.

k) Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

l) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos (10MB) ou teña un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias ca AEAT.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) DNI/NIE da persoa solicitante.

e) NIF da entidade solicitante.

f) NIF da entidade representante.

g) DNI/NIE da persoa representante.

h) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, cando se trate de profesionais autónomos.

i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopan vencelladas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal ) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 17. Compatibilidade das subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 18. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 19. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información prevista nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente. Isto, cando non se trate da documentación que ten carácter de mínimos e que aparece recollida con tal carácter no artigo 11.4 destas bases reguladoras, caso en que, se non se achega, a solicitude se inadmitirá sen máis a trámite.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de facenda e administración pública e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, se existe algún elemento de controversia, un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía, a persoa titular da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega verificarán que o que se achegou é conforme as bases.

Artigo 20. Resolución

1. O procedemento de concesión axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención, obrigas dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, prazo de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá-A miña sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 22. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Presidencia da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a persoa titular da Dirección da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. A persoa beneficiaria deberá achegar toda a documentación que se vexa modificada en relación coa validada ao ditar a resolución de concesión, de forma que a nova documentación achegada será validada polo órgano instrutor co obxecto de verificar o cumprimento do establecido nas presentes bases reguladoras.

2. Cando, por circunstancias técnicas, sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no punto 3 deste artigo.

Cando a modificación do proxecto afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), o Inega deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, de ser o caso, os valores estimados dos indicadores de realización.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que, de xeito previo, non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento, sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 24. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, en que comunique este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará o interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 21.2 destas bases reguladoras.

Artigo 25. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda e garantir a súa sustentabilidade financeira. O Inega verificará o cumprimento desta obriga a través do plan financeiro que deberán presentar os beneficiarios na solicitude da axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular as verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco (5) anos. O cómputo deses prazos comezará a contar desde o último pagamento ao beneficiario (artigo 65 do RDC).

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a cinco (5) anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento ata que se cumpra este período.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda.

8. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. Para tal efecto, a persoa beneficiaria asinará unha declaración responsable segundo o modelo dispoñible na web do Inega http://www.inega.gal/

9. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia, do Feder e do Inega.

10. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE L 231, do 30.6.2021), a persoa beneficiaria deberá:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

c) Exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos en que o beneficiario sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información axeitada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

d) Para operacións que consistan na realización de investimentos físicos e/ou compra de equipamentos de máis de 500.000,00 euros de custo total, en lugar do previsto na letra c), o beneficiario, tan pronto como comecen e durante a toda a súa execución, colocará un cartel temporal ou valo publicitario resistente nun lugar ben visible para o público. Ademais, no prazo de tres meses desde a finalización da execución física, colocará un cartel ou placa permanente nun lugar ben visible para o público.

Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización, só é preciso colocar un cartel.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, o beneficiario deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

O beneficiario deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

11. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

12. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

13. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

14. O beneficiario cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación. En particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade que resulte de aplicación.

15. O beneficiario está obrigado a facilitar os datos do titular real dos perceptores de financiación da unión, no caso de que, requirida a dita información, non poida dispoñer dela.

Artigo 26. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Prazo para a execución da instalación

O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de setembro de 2025. A data establecida na resolución de concesión como data límite para a execución do proxecto será a que facilite a persoa solicitante no anexo I (Solicitude), na epígrafe «Data estimada de finalización do proxecto».

Dentro da data limite de execución deberá presentarse a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa do investimento.

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederá un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 21 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do NIF do solicitante e do representante da persoa xurídica e do DNI/NIE do representante persoa física.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 29. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar, previamente, o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá presentarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (https://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No caso de administracións públicas, presentaranse facturas orixinais ou facturas electrónicas rexistradas no Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, a efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 27.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas alíneas a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou indicando os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarios para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire este punto.

De existir modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Documentación que acredite a existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas, achegando a documentación xustificativa que corresponda.

e) Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

f) Nos casos en que proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se for necesario.

g) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

h) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

i) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude), incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos.

j) Declaración responsable do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH) a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852.

k) Documentación acreditativa, naqueles proxectos sometidos a avaliación ambiental, do cumprimento da tramitación preceptiva.

l) Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberán achegarse:

i) Certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino a reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadado.

ii) Certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin sustancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de sustancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2066.

m) Documentación acreditativa do cumprimento da garantía da protección fronte ao cambio climático das infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco (5) anos.

4. Sempre e cando a persoa beneficiaria presenta o xustificante de ter solicitado licenza, autorización administrativa ou inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo máximo de execución, pero non dispoña da licenza, autorización administrativa ou inscrición no rexistro debido a circunstancias que non lle resulten imputables, que deberá xustificar nunha memoria, o Inega poderá outorgar un prazo adicional para cumprir eses requisitos. De non presentar os ditos documentos dentro do prazo concedido, procederá o reintegro da axuda.

5. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir os indicadores de resultado asociado a estas bases reguladoras, que é RCR34-Despregamento de proxectos de sistemas enerxéticos intelixentes (número de proxectos).

Artigo 30. Pagamento das axudas

1. Os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención. No caso dos anticipos exonerados de constituír garantía, recollidos no artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre os que figuran: aqueles en que os pagamentos non superen os 18.000,00 € e os formulados por entidades dependentes da Administración, poderase solicitar o anticipo directamente no formulario de solicitude e resolverase conxuntamente coa solicitude. No caso de anticipos non exonerados de constituír garantía, seguirase o procedemento ordinario recollido na seguinte epígrafe.

2. Os beneficiarios interesados en solicitar un anticipo que non estean exonerados de constituír garantía de ata o 50 % do importe da subvención concedida, poderano solicitar no prazo máximo dun mes contado desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai a aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concédente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión do anticipo. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

3. Os pagamentos anticipados deben obedecer a que os investimentos exixan pagamentos inmediatos e non poderán superar a anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente. Os xustificantes dos pagamentos anticipados deben referirse a gastos realizados dentro do exercicio orzamentario do libramento.

4. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

5. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

6. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000,00 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 31. Perda do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderá apreciarse un incumprimento parcial, e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión, é, se é o caso, establecerase a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

i. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 60 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

ii. Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 25.10 destas bases suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

iii. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

4. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúen o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicar ao Inega a obtención de outras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto nos termos exixidos no artigo 25.10 destas bases reguladoras.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 32. Réxime de sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 34. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

3. O Inega realizará comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polos beneficiarios no relativo ao tamaño da empresa e a consideración como empresa en crise, así como sobre vinculacións entre empresas e/ou provedores.

Artigo 35. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo Plus, Fondo de Cohexión, Fondo de Transición Xusta e Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

d) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

e) Directiva (UE) nº 2018/2001 do Parlamento e do Consello, do 11 de decembro, relativa ao fomento de uso de enerxía procedente de fontes renovables.

f) Regulamento delegado (UE) nº 2023/1184 da Comisión, de 10 de febreiro, polo que que se completa a Directiva 2018/2001 establecendo unha metodoloxía común da Unión en que se definan normas detalladas para a produción de carburantes líquidos e gasosos renovables de orixe non biolóxica.

g) Regulamento delegado (UE) nº 2023/1185 da Comisión, de 10 de febreiro, que completa a Directiva 2018/2001 establecendo un limiar mínimo para a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro aplicado aos combustibles de carbono reciclado e especificando unha metodoloxía para avaliar a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro derivada dos carburantes líquidos e gasosos renovables de orixe non biolóxica e dos combustibles de carbono reciclado.

h) Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

i) Ademais, será de aplicación o cumprimento da normativa ambiental europea, particularmente o establecido no artigo 17do Regulamento 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que regula o principio de non causar un prexuízo significativo ao medioambiente (principio Do no significant harm-DNSH), así como a súa normativa de desenvolvemento e execución.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file