A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 30 de agosto de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Novo, a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Novo (repotenciación).
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Primeiro. Outorgar a autorización de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico Novo.
Segundo. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do modificado parque eólico Novo, sito nos concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño (A Coruña) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 18,75 MW.
Terceiro. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Novo (repotenciación), composto polo documento Proxecto de modificación do parque eólico Novo en explotación (tomos I, II e III) asinado electronicamente o 5 de agosto de 2024 polo enxeñeiro industrial Francisco Javier Bouza Cabarcos colexiado nº 867 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e visado polo mesmo colexio o 5 de agosto de 2024 co nº 20242369.
Cuarto. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro) en relación coas parcelas recollidas no anexo I desta resolución.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 173.633 euros.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).
4. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como as consideracións efectuadas pola Subdirección Xeral de Residuos de acordo co punto 4.1.6 da DIA.
En todo caso, a retirada das cablaxes existentes deberán xestionarse a través de xestor autorizado.
Tamén deberán ter en conta as consideracións indicadas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural no seu informe do 13 de outubro de 2021 en relación coa demolición da cimentación e retirada dos restos ata unha profundidade de 80 centímetros para o cal Naturgy Renovables, S.L.U. deu á súa conformidade o 15 de novembro de 2021.
5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 7 de marzo de 2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.
6. A promotora deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e achegar toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.
7. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.
8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.
En todo caso, tal e como indicou como resposta ao informe de Cellnex Telecom, S.A. do 15.9.2023, deberá realizar medidas de sinal antes e despois das obras de construción do proxecto. No caso de identificar afeccións derivadas do proxecto sobre instalacións de Cellnex Telecom, S.A., acordarase conxuntamente a solución técnica que as resolva que será remitida á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.
9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.
13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 7 de marzo de 2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
1. Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución e modifícanse as condicións de inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Novo (expediente 16/1999) (DOG nº 20, do 29 de xaneiro de 2001).
2. Mediante a Resolución do 29 de marzo de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de marzo de 2001, aprobouse definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico denominado Novo (DOG nº 71, do 10 de abril).
3. O 28 de xuño de 2002, a delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en servizo do parque eólico.
4. O 8 de abril de 2020, o promotor, Naturgy Wind, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa da modificación das instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto denominado parque eólico Novo ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente, en forma xeral, na retirada das actuais infraestruturas (cunha potencia total de 18,75 MW repartida en 25 aeroxeradores de 750 kW de potencia unitaria) e a instalación de novas máquinas e infraestruturas de conexión entre elas, redúcese o número de aeroxeradores a 6 unidades, auméntase a dimensión e a potencia unitaria de cada un e modifícase a actual subestación transformadora, mantendo a mesma potencia total instalada. O 23 de outubro de 2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.
5. O 12 de novembro de 2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou os informes aos cales fan referencia os artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a anterior redacción da lei, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.
6. O 5 de febreiro de 2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica que as coordenadas dos 6 aeroxeneradores (NO01 a NO06), recollidas no punto 2.2 da memoria, cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 2.1.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.
7. O 17 de febreiro de 2021, Naturgy Renovables, S.L.U. solicita a transmisión da titularidade do parque eólico e mediante a Resolución do 19 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorízase a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Novo de Naturgy Wind, S.L.U. a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.
8. O 8 de xuño de 2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a relación de organismos que deben emitir informe sobre o estudo de impacto ambiental, de acordo co previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
9. O 17 de xuño de 2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Novo (expediente IN408A/2020/054), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., e mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Novo (expediente IN408A/2020/054), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
10. 23 de xullo de 2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Novo á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
11. Mediante o Acordo do 17 de agosto de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto do parque eólico Novo, nos concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño (expediente IN408A 2020/54).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31 de agosto de 2021 e no xornal La Voz de Galicia do 30 de agosto de 2021. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Valdoviño, Narón e San Sadurniño), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
12. Vista a Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que a mesma non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, someteuse de novo a información pública por un prazo de trinta (30) días a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Novo, nos concellos de Valdoviño, Narón e San Sadurniño (A Coruña) (expediente IN408A 2020/054), da Xefatura Territorial da Coruña.
A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia o 17 de marzo de 2022. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Valdoviño, Narón e San Sadurniño), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.
13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Narón, Concello de San Sadurniño, Concello de Valdoviño, Deputación Provincial da Coruña, Telefónica Móviles España, S.A., Orange Espagne, S.A., R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A., Vodafone España, S.A., Electra del Narahio, S.A., Instituto de Estudos do Territorio, UFD Distribución, S.A., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.
A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 9.9.2021, Concello de Narón o 13.9.2021, Concello de Valdoviño o 20.9.2021, R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A. o 15.09.2021, Vodafone España, S.A. o 16.11.2021, Electra del Narahio, S.A. o 8.9.2021, UFD Distribución, S.A. o 7.9.2021, Retegal, S.A. o 15.9.2021 e Cellnex Telecom, S.A. o 16.9.2021 e o 15.9.2023.
O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.
14. Con data do 13 de outubro de 2021 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural emitiu informe sobre o estado forestal do parque eólico Novo en que indica que «o parque non afecta montes do Catálogo de montes de utilidade pública nin montes de xestión pública ou veciñais en man común».
15. Con data do 25 de outubro de 2021, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación emitiu informe sobre dereitos mineiros en que indica que «os sistemas de información a dispor nesta xefatura territorial (GESMIGA, visor do catastro mineiro da Cámara Oficial Mineira de Galicia e libro de rexistro de dereitos mineiros) non indican afección do parque eólico Novo por dereitos mineiros vixentes ou solicitados».
16. Con data do 21 de xullo de 2022, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
17. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Narón, Concello de San Sadurniño, Concello de Valdoviño, Subdirección Xeral de Residuos, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.
Formalizada a tramitación ambiental, o 7 de marzo de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 13 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 56, do 21 de marzo).
18. Con data do 9 de marzo de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.
19. Con data do 23 de marzo de 2023, Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior coa achega da documentación técnica refundida, o arquivo shape e coa presentación dunha declaración responsable en que indica que «non se producen afeccións novas en ningún caso. Todas se sitúan sobre parcelas xa afectadas polo proxecto».
20. Con datas do 2 de maio de 2023 e do 16 de maio de 2023, Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta aos requirimentos feitos pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do 19 de abril de 2023 e do 4 de maio de 2023 sobre a documentación técnica e o tipo de visado do documento e achega o proxecto de execución «Proxecto de modificación do parque eólico Novo en explotación (tomos I, II e III)» asinado electronicamente o 12 de maio de 2023 polo enxeñeiro industrial Francisco Javier Bouza Cabarcos colexiado nº 867 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e visado polo mesmo colexio o 15 de maio de 2023 co nº 20231551, o cal recolle a configuración final do parque, así como unha declaración responsable en que manifesta «que as separatas do proxecto con número de visado 20231551 do 15 de maio de 2023 non producen afeccións distintas respecto das incluídas no proxecto de execución sometido a información pública mediante os acordos do 17 de agosto de 2021 e do 10 de marzo de 2022».
21. O 29 de setembro de 2023, o promotor presentou, ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 1 de abril de 2020.
22. O 21 de decembro de 2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico mencionado no antecedente de feito vixésimo, así como informe en relación co artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
23. Con datas do 22 de xullo de 2024, do 6 de agosto de 2024 e do 9 de agosto de 2024, Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta a un novo requirimento feito por esta dirección xeral do 10 de xullo de 2024 sobre a documentación técnica e achega o proxecto de execución «Proxecto de modificación do parque eólico Novo en explotación (tomos I, II e III)» asinado electronicamente o 5 de agosto de 2024 polo enxeñeiro industrial Francisco Javier Bouza Cabarcos colexiado nº 867 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e visado polo mesmo colexio o 5 de agosto de 2024 co nº 20242369, o cal recolle a configuración final do parque.
24. O 20 de agosto de 2024, a Sección de Enerxías Renovables da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico mencionado no antecedente de feito anterior e conclúe que «á vista do proxecto “proxecto de modificación do parque eólico Novo en explotación, co número de visado 20242369 do 5.8.2024” presentado, e vista a modificación feita nel, analizada na consideración legal e técnica cuarta, pódese concluír que o informe do 21.12.2023 pode ser aplicado a este proxecto salvo no relativo ao predio 109 en canto á súa desafección para provisión temporal de materiais en fase de obra».
25. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 18,75 MW.
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
